Basilio III de Rusia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Basilio III
Gran Príncipe de Moscovia
Vasilii III.jpg

Reinado 1505 - 1533
Nacemento 25 de marzo de 1479
Moscova, Principado de Moscova
Falecemento 3 de decembro de 1533
(54 anos)
Moscova, Principado de Moscova
Predecesor Iván III
Sucesor Iván IV
Cónxuxe/s Solomonia Iurievna Saburova
Helena Vasilievna Glinskaia
Descendencia Iván IV
Proxenitores Iván III de Moscova
Sofía Paleóloga

Basilio III Ivánovich ou Basilio III de Moscova (en ruso: Василий III Иванович), nado o 25 de marzo de 1479 e finado o 3 de decembro de 1533, foi Gran Príncipe de Moscova entre 1505 e 1533. Fillo de Iván III de Moscova e Sofía Paleóloga, foi cristianizado co nome de Gavriil ou Gabriel (Гавриил en ruso).[1]

Política exterior[editar | editar a fonte]

Basilio III continuou a política do seu pai Iván III e a maior parte do seu reinado empregouno en consolidar os logros obtidos polo seu predecesor. Basilio anexionou ao principado de Moscova as últimas provincias autónomas: Pskov en 1510, Volokolamsk en 1513, o principado de Riazán en 1521 e o Principado de Nóvgorod-Síverski en 1522.

Basilio aproveitou a difícil situación de Sexismundo I Jagellón o Vello, gran duque de Lituania e rei de Polonia, para capturar a cidade de Smolensk, a gran fortaleza oriental de Lituania en 1512, principalmente grazas á axuda do rebelde lituano, o príncipe Miguel Glisnki, quen proporcionou a Basilio artillaría e enxeñeiros para o asalto. A perda de Smolensk foi un importante golpe dado por Moscova en Lituania no contexto das Guerras moscovita-lituanas e só as esixencias de Sexismundo levárono a aceptar a súa rendición en 1522.

Basilio tamén tivo éxito nas accións emprendidas contra o khanato de Crimea. A pesar de que en 1519 viuse obrigado a subornar ao Khan de Crimea, Mehmed I Giray, en fronte mesmo das murallas de Moscova, cara ao final do seu reinado logrou impor a influencia rusa na zona do Volga. En 1531-1532 colocou ao pretendente Cagali no trono do khanato de Kazán.

Política interna[editar | editar a fonte]

A Igrexa da Ascensión de Kolómenskoye foi construída por Basilio III para conmemorar o nacemento do seu herdeiro.

En canto á súa política interna, Basilio III gozou o apoio da igrexa no seu pulso coa nobreza. En 1521 o bispo metropolitano de Moscova, Varlaam, foi desterrado por rexeitar participar na loita de Basilio contra o príncipe Basilio Ivanovich Shemiachich. Os príncipes ruríkidas Basilio Shúiski e Iván Vorotynski foron obrigados a exiliarse. O diplomático e home de estado, Iván Bersen-Beklemíshev, foi executado en 1525 por criticar as políticas de Basilio. Máximo o Grego, Vasián Patrikeyev e outros críticos coas súas políticas correron a mesma sorte entre 1525 e 1531. Durante o reinado de Basilio III, a baixa e media nobreza aumentou e as autoridades tentaron limitar o límite da inmunidade e privilexios dos boiardos e a nobreza.[1]

O principal problema de Basilio III foi a falta de herdeiro. En 1526, a pesar da forte oposición do clero, divorciouse da súa esposa Solomonia Iurievna Saburova, que era estéril, e casou coa princesa Helena Vasilievna Glinskaia, filla dunha princesa serbia e sobriña de Miguel Glinski. Finalmente, a nova esposa de Basilio deulle un fillo, que reinaría como Iván IV, o Terrible. Segundo unha lenda, Solomonia Sabúrova tivo un fillo tras ser internada nun convento poucos meses despois do controvertido divorcio.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Troyat, Henri (1993). Ivan le terrible (en francés). ISBN 2-08-064473-4. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]