Principado de Vladímir-Súzdal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Владимиро-Суздальское княжество
Vladimiro-Súzdalskoe knyázhestvo
Principado de Vladimir-Súzdal

11571363
Capital Vladímir
Lingua ruso
Relixión ortodoxa
Goberno Monarquía absoluta
Historia
 • Establecido 1157

O Principado de Vladimir-Súzdal, Gran Ducado de Vladimir-Súzdal (en ruso: Влади́миро-Су́здальское кня́жество) ou Rus de Vladimir-Súzdal (Влади́мирско-Су́здальская Русь) foi un dos grandes principados que sucederon á Rus de Kiev como principal potencia eslava desde finais do século XII até finais do século XIV. Considerado tradicionalmente como o berce da lingua e a nacionalidade rusas, Vladimir-Súzdal evolucionaría gradualmente até transformarse no Principado de Moscova ou Gran Ducado de Moscova.

Inicios[editar | editar a fonte]

A mediados do século XII a Rus de Kiev desintegrouse en varios pequenos principados independentes. A parte sur da Rus, castigada por tribos nómades e debilitada polas constantes discordias internas entre os príncipes, pouco a pouco acabou perdendo a súa grandeza. Entón, o centro da vida política e económica trasladouse ao nordeste, á conca superior do río Volga.

O principado ocupou un vasto territorio no nordeste da Rus de Kiev limitado, aproximadamente, polos ríos Volga, Oka e Dviná Setentrional. No século XI a capital local foi Rostov a Grande, e as principais cidades eran Súzdal, Iaroslavl e Belozersk. Nesta época, as terras entre o Oka e o Volga, tamén coñecidas como Rus Zalésskaya, quedaban na periferia da Rus de Kiev. As súas terras, ricas desde o punto de vista agrícola, con numerosos ríos, regatos e arroios, bosques e prados, só comezaba a poboarse. Ningún dos príncipes de Kiev se interesaban por elas.

A veneración da Theotokos como santa protectora de Vladimir foi introducida polo príncipe André.

Vladimir II Monómaco, ao asegurar os seus dereitos ao principado en 1093, trasladou a capital de Rostov a Súzdal. Quince anos máis tarde (1108), fortaleceu e reconstruíu a cidade de Vladimir, na marxe abrupta do río Kliazma, a 31 km ao sur de Súzdal.

Á morte do príncipe, en 1125, esta terra separárase da Rus do Sur, e o seu fillo Iuri Dolgoruki convértese no seu primeiro príncipe. Trasladou a sede do principado a Vladimir en 1157. Os boiardos de Rostov e Súzdal, porén, eran remisos a perderen a supremacía, e houbo unha breve guerra civil. É a época en que se produciu a activa colonización das tierras nororientais, nas que o novo príncipe tivo gran participación, construíndo cidades, igrexas e mosteiros.

Porén, o príncipe non perdía as esperanzas de ocupar o trono de Kiev e mantiña constantes guerras polo gran principado. Nunha destas batallas Iuri Dolgoruki logrou ocupar Moscova (1147), daquela unha aldea que pertencía ao boiardo Stepán Kuchka. En 1156, en Moscova, por orde de Iuri, constrúese unha fortificación de madeira e un foxo ao seu redor.

A mediados do século XII, cando as terras meridionais da Rus foron sistematicamente asaltadas por nómades túrquicos, a súa poboación comezou a emigrar cara ao norte. No que anteriormente eran zonas boscosas, coñecidas como Zalesye (é dicir, Transbosquia), establecéronse numerosos asentamentos novos.

A fundación de Pereslavl, Kostromá, Dmítrov, Moscova, Iúriev-Polski, Úglich e Tver atribuíuse (polos cronistas ou a lenda popular) a Iuri Dolgoruki. As principais cidades do principado de Súzdal eran, nesta época, Rostov, Iaroslavl, Súzdal, Vladimir, Tver, Nizhnii Novgorod e Moscova.

En 1155 o príncipe Iuri alcanza a súa meta e convértese no gran príncipe de Kiev, pero dous anos máis tarde foi envelenado polos boiardos desta cidade.

Desenvolvemento do principado[editar | editar a fonte]

Igrexa da Asunción en Vladimir; foi construída en 1158-1160 e funcionou como igrexa nai de Rusia no século XIII.

André Bogoliubski chamado André o Pío, ou Piadoso, fillo de Iuri Dolgoruki, fora enviado polo seu pai ao norte e invitado polos boiardos do lugar a gobernar estes territorios. É a André a quen debe outorgarse o mérito de levar o principado de Vladimir ao seu cénit do poder político. André foi un gobernante singularmente dotado, que tratou con desdén os antigos centros de poder como Kiev. Despois de queimar Kiev en 1169, rexeitou aceptar o trono desta cidade e, en lugar diso, entronizou ao seu irmán menor, Gleb de Kiev. A súa capital de Vladimir foi para el unha preocupación moito maior, embelecéndoa con igrexas e mosteiros de pedra branca. André foi asasinado polos boiardos na súa residencia suburbá de Bogolyúbovo en 1174.

Despois dun breve interregno, o irmán de André, Vsévolod III asegurou o trono. Continuou a maior parte das políticas do seu irmán, e de novo someteu Kiev en 1203. Os principais inimigos de Vsévolod, porén, foron o meridional Principado de Riazán que, segundo parece, suscitou discordias dentro da familia principesca, e o poderoso estado túrquico da Bulgaria do Volga, que limitaba con Vladimir-Súzdal polo leste. Despois de varias campañas militares, Riazán ardeu até os alicerces, e os búlgaros víronse obrigados a pagar tributo.

A morte de Vsévolod en 1212 provocou un serio conflito dinástico. O seu fillo maior, Constantino, obtivo o apoio dos poderosos boiardos de Rostov, e Mstislav o Calvo de Kiev, expulsou ao herdeiro lexítmo, o seu irmán Iuri, de Vladimir a Rostov. Só seis anos despois, á morte de Constantino, logroi Iuri regresar á capital. Iuri foi un desapiadado gobernante que derrotou decisivamente a Bulgaria do Volga e instalou o seu irmán Iaroslav en Nóvgorod. O seu reinado, porén, acabou en catástrofe, cando as hordas mongois ás ordes de Batu Khan tomaron e queimaron Vladimir en 1238. Despois os mongois devastaron outras das principais cidades de Vladimir-Súzdal durante a invasión mongol de Rusia.

Xugo mongol[editar | editar a fonte]

Nin Vladimir nin ningunha das cidades máis antigas lograron recuperarse tras a invasión mongol. O principado axiña se desintegrou en once pequenos principados: Moscova, Tver, Pereslavl, Rostov, Yaroslavl, Úglich, Belozersk, Kostromá, Nizhnii Novgorod, Starodub del Klyazma e Yúriev-Polski. Todos eles recoñeceron nominalmente a soberanía do Gran Príncipe de Vladimir, quen era nomeado polo propio Gran Khan. Incluso o popular Alexandre Nevski de Pereslavl tivo que acudir á capital do Gran Khan en Karakorum para ser instalado como Gran Príncipe en Vladimir.

A finais do século, só tres cidades, Moscova, Tver e Nizhnii Novgorod, aínda loitaban polo título de Gran Príncipe de Vladimir. Os seus gobernantes, unha vez instalados como grandes príncipes de Vladimir, nin sequera se preocupaban en deixar a súa capital respectiva e establecerse permanentemente en Vladimir.

E cando o metropolita Pedro (Metropolita de Kiev e Toda a Rusia) trasladou a súa sede de Vladimir a Moscova en 1325, quedou claro que o Gran Ducado de Moscova sucedera con éxito a Vladimir como centro principal do poder na Rus nororiental.

Grandes príncipes de Vladimir-Súzdal[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]