Khanato de Crimea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


قريم يورتى
Qırım Yurtu
Khanato de Crimea

1441–1783

Escudo

O Khanato de Crimea en 1600
Capital Salaçıq (até 1532)
Bakhchisarai (1532-1783)
Lingua tártaro de Crimea
turco otomán
Relixión Islam sunní
Goberno Monarquía hereditaria
Período histórico Idade Moderna
 • Establecido 1441
 • Disolución 1783

O Khanato de Crimea (en tártaro de Crimea: Qırım Hanlığı; en ruso: Крымское ханство, Krýmskoye khanstvo; en ucraíno: Кримське ханство, Krimskie khanstvo; en turco: Kırım Hanlığı) foi un Estado gobernado polos tártaros de Crimea desde 1441 até 1783. O seu nome orixinal era Qırım Yurtu (en tártaro de Crimea: Qırım Yurtu, قريم يورتى).

O khanato estendíase sobre uns 150.000 km2 de terras frecuentemente deshabitadas principalmente situadas na península de Crimea (excepto na costa sueste e os portos controlados polos gregos bizantinos e os xenoveses) e a estepa cumana, entre as embocaduras do Dniéster e o Dniéper.

Foi o máis duradoiro dos khanatos túrquicos que sucederon ao Imperio da Horda de Ouro.

Entre 1478 e 1774 foi un Estado vasalo do Imperio otomán.

Historia[editar | editar a fonte]

Creación do khanato[editar | editar a fonte]

O Khanato de Crimea foi fundado por algúnos clans da Horda de Ouro que decidiron abandonar os seus hábitos nómades e asentarse nas estepas cumanas da actual Ucraína e do sur de Rusia) e decidiron facer de Crimea o seu yurt ("país") que, até entón, e desde 1239, fora un ulu da Horda. Estableceron a capital en Qirim (Staryï Krym).

Invitaron a un rival ao trono chingizid (señor da Horda), Haci Giray, que regresou do seu exilio en Lituania para que fose o seu soberano. O novo Estado nacería así en 1441, ocupando a península de Crimea (salvo a costa sur, ocupada polo Imperio bizantino), e a costa do mar Negro de Ucraína nas óblasts de Kherson, Mikolaiv, Zaporizhia e Donetsk.

Establecemento do protectorado otomán[editar | editar a fonte]

A costa sur e os portos de Cembalo (Balaklava), Soldaia (Sudak) e Caffa (Teodosia) caeran en 1235 en mans do Imperio grego de Trebisonda que, durante o século XIII, os cedeu aos xenoveses). En 1362, o Imperio bizantino, reunificado, recuperounos para constiutuír o thema de Teodoros (Mangup para os tártaros) que o emperador Xoán V Paleólogo confiou a un dos seus parentes, Demetrio Paleólogo Gavras, cuxos descendentes formaron un principado grego semiindependente.

No norte de Crimea, as divisións internas tras a morte de Haci, provocou a intervención otomá; os turcos instralaron no trono do khanato a Mengli I Giray, un dos fillos de Haci. En 1475 as tropas otomás, comandadas por Gedik Ahmet Paxá, tomaron o principado grego de Tedordoros e os enclaves xenoveses en Cembalo, Soldaia e Kaffa. Mantiveron prisioneiro ao khan Mengli Giray durante tres anos por resistirse á invasión. Despois da súa volta do cativerio en Istambul, Mengli Giray aceptou a soberanía da Sublime Porta. Desta forma o khanato converteuse nun protectorado otomán. O sultán tamén anexionou o antigo thema de Teodoros, o que provocou o éxodo de milleiros de cristiáns (armenios e gregos pónticos). A pesar da anexión da costa sur, os khans de Crimea mantiñan o control das estepas do norte, aínda que o sultán dispoñía do dereito de veto na eleccIón dos khans de Crimea, pero recoñecía a lexitimidade destes na medida en que eran descendentes de Genghis Khan.

A vasalaxe dos tártaros foi bastante benévola, recibindo un trato de aliados dos turcos e non de subordinados. Istambul recoñeceu aos khans a soberanía do resto do seu territorio e permitiulles exercer a súa propia política na rexión. Tampouco houbo exixencias por parte dos turcos de que se retirara o nome do khan nas moedas, das oracións do venres (no mundo islámico dicíanse en nome do soberán) ou do pago de tributos. O servizo de tropas tártaras nas filas otomás era recompensado economicamente, e non era unha obriga feudal.

A cabalaría tártara converteríase nunha das mellores armas do Imperio otomán nas súas campañas en Persia e Hungría, con abundantes beneficios para os xinetes. Tan importante foi que, cando a maquinaria bélica otomá empezou a fallar, a economía de Crimea resintiuse.

Vitoria sobre a Horda de Ouro[editar | editar a fonte]

Mapa de Europa en 1648.

En 1502 Mengli I Giray derrotou ao último khan da Horda de Ouro, axudado por forzas moscovitas nas súas batallas contra esta ao norte, poñendo fin ás reclamacións sobre Crimea da Horda e asegurando a súa independencia.

A raíz da crise dinástica de 1523, o khanato de Crimea perdeu parte da súa autonomía baixo o reinado do sucesor de Mengli I Giray, Mehmed I Giray, que morreu nese mesmo ano e, desde o nomeamento do seu sucesor, en 1524, os khans de Crimea foron designados directamente polo sultán.

En 1532 a capital trasladouse de Salaçıq a Bakhchisarai.

Durante o século XVI, os khans de Crimea consideráronse os sucesores dos da Horda de Ouro, reclamando a soberanía da rexión comprendida entre o mar Caspio e o río Volga, zona ocupada polos Khanatos de Kazán e de Astrakán.

Esta política enfrontounos co Gran Ducado de Moscova polo control de Rusia. En 1571, Devlet I Giray chegou a incendiar Moscova, o que non impediu que Moscovia acabara controlando a rexión do Volga, tras vencelo na batalla de Molodi no ano seguinte.

As terras interiores do norte do khanato eran codiciadas por Moscovia pola súa produtividade agrícola, moito maior que a de Rusia. Dentro da mesma Moscovia, o estado permanente de guerra e o crecemento dos exércitos dos nobres da fronteira (boiardos) provocaba unha intensa explotación do campesiñado.

Idade de Ouro[editar | editar a fonte]

O khanato de Crimea foi un dos Estados máis poderosos da Europa Oriental até o século XVIII. En tanto que musulmáns, os tártaros de Crimea xogaron un papel indiscutibel na extensión das fronteiras do Islam, pero o khanato de Crimea tiña tamén alianzas coa República das Dúas Nacións, cos cosacos de Zaporozhia e co Gran Ducado de Moscova, porque os tártaros gabábanase tamén de seren mercenarios ao servizo dos soberáns cristiáns: en 1497, por exemplo, axudaron ao voivoda de Moldavia, Estevo o Grande, a repeler as tropas polacas que ían a exixirlle a súa submisión á República das Dúas Nacións.

Soldado tártaro de Crimea combatendo cun soldado da Unión polaco-lituana.
A fronteira das estepas de Europa estivo en estado de guerra permanente até o século XVIII.

Os tártaros, porén, a miúdo lanzaron ataques aos principados de Moldavia e deValaquia, á República das Dúas Nacións e a Moscovia. As campañas das forzas tártaras poden clasificarse en sefers, operacións militares oficialmente declaradas e dirixidas polo mesmo khan, e çapuls, incursións levadas a cabo por grupos de nobres, moitas veces ilegais porque adoito contraviñan tratados asinados polo khan cos Estados veciños. Por cada prisioneiro, o khan recibía unha prima ("savğa") fixada dun 10 % ao 20 % do prezo do prisioneiro. Porque o khanato mantivo durante moito tempo, até o século XVIII, un masivo tráfico de escravos cara ao Imperio otomán e o Medio Oriente. Teodosia (Kaffa) foi un dos máis famosos e importantes mercados de escravos.[1]

Noutro sentido, os tártaros (e os seus exploradores, carreteiros, xinetes e latoeiros xitanos) podían tamén ser vencidos e perder a súa identidade no seo dos Estados cristiáns. Cando a conversión dos tártaros ao islam aínda non era completa, cando os tártaros e os xitanos, orixinalmente xamánicos, perdían unha campaña contra os cristiáns, moitos gobernantes pasáronse ao cristianismo: os xitanos convertéronse en servos (robis) [2] dos boiardos ou dos mosteiros polacos, moldavos ou rusos, pero os príncipes tártaros tamén eran capturados e retidos como prisioneiros para pedir rescate; e algúns, ao non podenen ser liberados, preferían converterse á ortodoxia e integrarse na aristocracia cristiá, como o khan Demir, que foi a orixe da familia principesca moldava Cantemir.[3] Outros instalábanse en terra cristiá como campesiños pacíficos, pero foron capaces de manter a súa identidade, como os tártaros de Podlaquia.

Decadencia[editar | editar a fonte]

A decadencia do khanato de Crimea foi unha consecuencia da decadencia do Imperio otomán e implicou un cambio no equilibruo das poderes na Europa Oriental que favorecería aos seus veciños cristiáns. Os tártaros de Crimea estaban sendo cada vez máis a miúdo derrotados, e a cabalaría tártara, falta de equipo, soportou grandes perdas contra os exércitos ruso, polaco e romanés, equipados con armas modernas.

Moscovitas na fronteira sur, pintura de Serguei Vasílievich Ivanov.

A finais do século XVII, a Rusia moscovita converteuse nun demasiado poderoso inimigo para que o khanato de Crimea continuase coa súa pillaxe. Os tempos das capturas de escravos en Rusia ou en Ucraína acabaran. Estas perdas económicas erosionaron á súa vez o apoio da nobreza ao khan, que tivo que afrontar os conflitos internos. Os Nogais, que proporcionaban unha parte significativa das forzas militares do khanato, retiraron tamén o seu apoio ao khan antes do final do Imperio.

Na primeira metade do século XVII, os calmucos crearon un khanato no curso inferior do Volga e, baixo Ayuka Khan, fixeron numerosas expedicións contra o khanato de Crimea e os Nogais. Cando os calmucos se integraron en Rusia e xuraron protexer a súa fronteira sur, o khanato calmuco tomou unha parte activa en todas as campañas militares rusas dos séculos XVII e XVIII, subministrando máis de 40.000 cabaleiros ben equipados.

En 1687-1689, a rexente rusa Sofía Alexéievna, medio irmá de Pedro o Grande, intentou sen éxito tomar o control do khanato de Crimea, aínda vasalo do Imperio otomán, nas campañas de Crimea.

As forzas combinadas dos rusos e os ucraínos atacaron o khanato na campaña de Chigirin e nas campañas de Crimea. E foi durante a guerra ruso-turca de 1735-1739 cando os rusos, baixo o mando de Burckhardt Christoph von Münnich, chegaron finalmentr a penetrar na península de Crimea.

Outras batallas tiveron lugar durante o reinado de Catarina II de Rusia. A guerra ruso-turca de 1768-1774 concluiu co tratado de Kutchuk-Kainardii, que fixo ao khanato de Crimea independente do Imperio otomán, e o aproximou ao Imperio ruso.

O reinado do último khan de Crimea, Şahin Giray 1782-1783, estivo marcado polo crecemento da influencia rusa e a violencia da administración do khan contra a oposición interna. O 8 de abril de 1783, violando o tratado, Catarina II de Rusia interveu na guerra civil, anexionando de facto o conxunto da península á gobernatura de Táurida. En 1787, Şahin Giray refuxiouse no Imperio otomán e foi quizais executaso polas autoridades otomás por traizón en Rodas. A pesar diso, a familia real Giray subreviviu até hoxe en día.

Polo tratado de Iași de 1792, a fronteira rusa estendeuse até o Dniéster, e a conquista do Iedisán consumouse.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Escravitude (en inglés) Consultada o 17 de marzo de 2014.
  2. 'Robis é frecuentemente traducido erroneamente por "esclavos", aínda que o estatus dos "robis" era diferente ao da escravitude, porque o rob (do eslavo robota, "o traballo") non podía pertencer a un particular, senón a un dominio señorial ou eclesiástico, e podía redimirse a si mesmo se tiña suficiente ouro, ou revenderse se tiña débedas. Ver Neagu Djuvara, Les pays roumains entre l'Orient et l'Occident, P.U.F., Paris, 1989.
  3. Stéphane Zweguintzow, "Les Roma de l'ex-URSS", en Échos de Russie et de l'Est, Éd. B. de Saisset, 1994,

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Dilek, Desaive (1972): "Le khanat de Crimée dans les archives ottomanes", en Cahiers du monde russe et soviétique vol. 13, n° 13-4, pp. 560–583.
  • Fischer, Alan W. (1978): The Crimean Tatars. Stanford: Hoover Institution Press. ISBN 081796625.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]