Banda Municipal de Silleda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Banda de Música Municipal de Silleda
A banda en 1985
Anos de actividade1888-1977 / 1985-actualmente
EnderezoAvenida do Recinto Feiral, 15, 36540, Silleda
Sitio webhttp://www.bandasilleda.com/

A Banda de Música Municipal de Silleda é unha agrupación musical con sede na parroquia de Silleda, no concello do mesmo nome. Fundada a finais do século XIX[1], desapareceu en 1977, sendo reflotada 8 anos máis tarde. Actualmente, consolidouse como unha das grandes formacións do panorama bandístico galego.

Historia[editar | editar a fonte]

A Banda vella[editar | editar a fonte]

Fundada na segunda metade do século XIX, foi coñecida como a Banda do Marco nos seus inicios. Siador, Ponte, Silleda ou O Castro, entre outras, foron as parroquias de orixe dos seus membros. Foi da última da que collería o nome e pasaría a denominarse Banda do Castro a partir de 1910.

Durante unha década estivo formada por unha decena de músicos, entre os que destacaron Ramón do Agriño, González (pai de Florentino González, o cal sería posteriormente director da agrupación), Xaquín de Negreiros, Salvador de Lázara, Benito Soto de Ponte (pai do clarinetista José Soto, membro da banda entre os anos 20 e os anos 70) ou José Castro '"O Saltón". A partir de 1920, a formación pasou a denominarse Banda de Silleda e a ter os seus ensaios no lugar do Foxo, na parroquia de Silleda.

Directores como o antes citado Florentino González, Luis López Brey, percusionista de Chapa; ou o bombardinista de Ponte Juan Vázquez Orza levaron a batuta da banda ata que na década de 1940 asumiu o cargo Francisco Beristain, que xa dirixira as de Alongos e Merza anteriormente. En 1949 foi contratado para dirixir a banda o vasco Tomás Beteta Yarza, que se mantivo no cargo até 1954. Tras el pasaron pola dirección Antonio Amigo Ramos, Antonio Vaquero ou Calatayud, entre outros. Dez anos despois de seu pai, asumiu a dirección Ernesto Beteta Garmendia, a quen seguiu o bombardinista José Villaverde Gómez, ex-membro da banda de Orazo. Máis tarde, en 1968, a batuta caeu en mans de Manuel Daniel Sánchez, ex-director da banda de Bermés. Tras el, a agrupación foi dirixida por Ubaldo Núñez Rivas e, entre 1973 e 1977, de novo por José Villaverde, co cal desaparecereu a finais de 1977. Queda entón o concello de Silleda sen ningunha banda de música.

Recuperación e nova formación[editar | editar a fonte]

A banda no Teatro Principal de Pontevedra no 2013

Pasaron 8 anos ata que de novo unha formación levase o nome de Silleda por toda Galicia. Foi en 1985 cando botou a andar de novo a banda. Pero habería que remontarse ao 14 de outubro de 1984, cando tres músicos acordaron, na Festa da Castaña en Breixa, xuntar de novo aos músicos que no seu momento formaran a banda. Entre estes tres músicos atopábase Félix Tomé Fernández, flautista da antiga formación e retornado da emigración, que puxo todo o seu empeño por rescatar a agrupación e xunto con Aurelio Cuiña Vence, coñecido como Lito de Cuiña, membro da empresa Cuiña, darlle o impulso necesario para conseguir o seu obxectivo. Músicos das bandas de Bermés, Mato e Vilatuxe e da formación desaparecida acudironn á súa chamada e comezaron os ensaios o 26 de xaneiro de 1985, tendo como local os antigos pendellos da Semana Verde de Silleda.

Baixo a batuta de José Fernández García, procedente de Bermés, os 26 integrantes, entre os que destacaron o percusionista Remigio Montoto e o clarinetista José Suárez (no momento da formación ambos na banda de Lalín), o bombardinista Jesús Ferreiro, o tuba Manuel Montoto (retornado da Artística de Merza) e o tamén clarinetista Luis Pardo, entre outros, comezaron a actuar en maio dese mesmo ano co gallo da celebración da Semana Verde, onde tocaron 5 días. Festas como Saídres, Silleda ou O Castro serviron como escaparate da nova formación. Nos anos seguintes comezou a gañar de novo popularidade, superando as 50 actuacións por toda Galicia. Subvencionada pola Fundación Semana Verde, pasa a selo en 1989 polo Concello de Silleda. Nesta mesma data tomou as rendas da formación o novo músico Manuel Molinos, trompetista e profesor de conservatorio, actualmente director da Banda de Noia e da Coral Polifónica Trasdeza de Silleda. Coa batuta nas súas mans, a Banda acada unha media de 75 a 80 actuacións por ano no bienio 1990-1992. En 1994 asumiu a dirección José Ángel Presa Carrera e tras el pasaron pola dirección Javier Viceiro Filgueira (1997), o valenciano Octavio Más Arocas (1999), José Luis Quintá e José Luis Represas Carrera (2004), ata o actual director, o alacantino Rafael Agulló Albors, que dirixe a formación desde 2006.

No ano 2013, co gallo do 125º aniversario da súa fundación, a agrupación organiza unha serie de actividades ao longo do ano, como concertos ou exposicións de fotos[2].

A escola de música[editar | editar a fonte]

Tras moitos anos localizada na antiga Cámara Agraria, a Escola de Música da banda e local de ensaio trasladouse a un edificio que fora propiedade da Fundación Semana Verde. O día 6 de xaneiro de 2016 inaugurouse a nova escola de música nun acto que congregou a numerosos veciños [3].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Aínda que se toma a data de 1888 como a de fundación da banda, non se sabe con certeza a data exacta do seu nacemento.
  2. Faro de Vigo 03/03/2013
  3. Cuiña elogia las nuevas instalaciones que permitirán crecer a la banda y la escuela en Faro de Vigo (07/01/2016) (Consultado o 17/02/2016).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Alvarellos Iglesias, Enrique (1986). Bandas de música de Galicia. Lugo: Alvarellos. 
  • Vázquez Gómez, Cristina (2011). As bandas de música populares do Trasdeza: A Banda de Música Municipal de Silleda. Lalín: Seminario de Estudios de Deza. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]