Banda Artística de Merza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Banda Artística de Merza
Anos de actividade1828-actualmente
EnderezoCasa da Cultura s/n, Merza, 36580 Vila de Cruces, Pontevedra
Estadoactiva
Sitio webhttp://www.artisticademerza.es/

A Banda de Música Artística de Merza é a agrupación musical con sede na parroquia de Merza, no concello pontevedrés de Vila de Cruces. Fundada en 1828, é considerada a máis antiga e laureada de Galiza.

Historia[editar | editar a fonte]

O primeiro director do que se ten constancia foi Anselmo González ó que sucedería o seu neto Roxelio Otero. Baixo a batuta deste director, no ano 1930, a banda dividiuse en dúas agrupacións, orixinando así a Banda Vella dirixida polo citado mestre e por Mariano Rodríguez; e a Banda Nova dirixida por Ramón Sueiro e Manuel Blanco. O 13 de xullo de 1939 e coa dirección de Xesús Cao González vólvense a xuntar ámbalas dúas formacións.

Ó longo da súa dilatada traxectoria foron moitos os directores que pasaron pola Artística, entre os máis destacados figuran: Xosé Fiuza, Francisco Beristain, Enrique González, Rafael Aladrén, Feliciano Cagide, Francisco Ortega, Enrique García Rey, Antonio Castro, Amadeo Valero (subdirector da Banda del Generalísimo), Antonio Amigo, Alejandro del Río, Miguel de Santiago, Vicente Paniagua, Xurxo Guzmán, Serge Fortin, José Rodríguez Ramos, José Luis Quintás Carreira e Mateo Gómez Naval, actual director.

Do mesmo xeito interveñen importantes directores convidados coma José Casal, José Manuel Collazo, Xosé Carlos Seráns, Marcel Van Bree, Ángel Crespo ou Jan Cober.

A Banda Artística de Merza ten actuado por toda a xeografía galega, e tamén en Asturias, Valencia, Cantabria, Cataluña, Portugal, os Países Baixos e Italia, sen esquecer as xiras realizadas por Venezuela nos anos 1982 e 1992, e pola Arxentina no ano 2000.

Participa asiduamente en festivais e certames de recoñecido prestixio coma son os de Vigo, Cangas, Santiago de Compostela, Santiso, Ourense, Lalín, Vila de Cruces, Catoira, Castrelo, Gres, Ordes, Meaño, Boqueixón, O Rosal, Valadares e Pontevedra en Galiza, Altea e Valencia na Comunidade Valenciana, Monçao e Trofa en Portugal, e Kerkrade nos Países Baixos, así coma en gravacións para programas da Radio e Televisión de Galicia. En 1981 editou o seu primeiro disco titulado Bandas Galegas, no ano 1998 o seu primeiro CD 171 Anos de Tradición Musical" e no ano 2003 o seu segundo CD Aniversario. Recentemente, en 2010, viron a luz dous novos CD's: A Música de Merza - Solistas e Merza - Un Século de Certames.

A finais da décad de 1970 comezou a súa actividade a Escola de Música da Banda Artística de Merza, que nun principio contaba con dous mestres: Amadeo Valero e Ramón Guzmán. Dende a escola poténciase, ademais do traballo individual, a asistencia a cursos, a creación de grupos de cámara e a Banda Xuvenil da Artística de Merza, como reflexo do traballo realizado por mestres e alumnos.

Hoxe en día a Banda Artística de Merza ten federados máis de 100 músicos, moitos deles profesionais, e está considerada unha das mellores e máis atractivas bandas de música de Galicia.

Premios obtidos[editar | editar a fonte]

  • Primeiro Premio no Certame de Bandas de Música de Santiago de Compostela no ano 1910.
  • Terceiro Premio no Certame de Cangas no ano 1985.
  • Terceiro Premio no Certame Celta celebrado en Vigo no ano 1986.
  • Terceiro Premio no Certame de bandas de Lalín no ano 1990.
  • Mención Honorífica no I Certame Galego de bandas de música populares, realizado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e a Radiotelevisión Galega no ano 1995.
  • Segundo Premio na Sección Segunda do "Certamen Internacional de Bandas de Música Ciudad de Valencia" no ano 2002.
  • Primeiro Premio e Mención de Honra na Sección Primeira do II Certame Provincial de Bandas de Música da Deputación Provincial de Pontevedra no ano 2002.
  • Premio da Cultura do Concello de Vila de Cruces no ano 2003.
  • Primeiro Premio na Sección Primeira do III Certame Provincial de Bandas de Música da Deputación Provincial de Pontevedra no ano 2003.
  • Primeiro Premio e Mención de Honra na Sección Especial do IV Certame Provincial de Bandas de Música da Deputación Provincial de Pontevedra no ano 2004.
  • Primeiro Premio, Mención de Honra e Trofeo Vila D'Altea na Sección Primeira do "XXXIII Certamen Internacional de Bandas de Música Vila D`Altea" no ano 2004.
  • Primeiro premio e Mención de Honra na Sección Especial do VI Certame Provincial de Bandas de Música da Deputación Provincial de Pontevedra no ano 2006.
  • Primeiro Premio, Mención de Honra e Trofeo Vila D'Altea na Sección Primeira do "XXXV Certamen Internacional de Bandas de Música Vila D`Altea" no ano 2006.
  • Primeiro Premio na Sección Especial do I Certame Galego de Bandas de Música celebrado no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela) no ano 2007.
  • Segundo Premio na Sección Especial do VIII Certame Provincial de Bandas de Música da Deputación Provincial de Pontevedra no ano 2008.
  • Segundo Premio na Sección Primeira do "XXXVII Certamen Internacional de Bandas de Música Vila d´Altea" no ano 2008.
  • Primeiro Premio na Sección Especial do III Certame Galego de Bandas de Música celebrado no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela) no ano 2009.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]