Arroaz de Fraser

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lagenodelphis hosei
Frazer´s dolphin group.jpg

Comparación do tamaño co dun humano
Comparación do tamaño co dun humano

Estado de conservación
Datos insuficientes
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Cetacea
Suborde: Odontoceti
Superfamilia: Delphinoidea
Familia: Delphinidae
Subfamilia: Delphininae
Xénero: Lagenodelphis
Fraser, 1956 [1]
Especie: L. hosei
Nome binomial
Lagenodelphis hosei
Fraser, 1956 [2]
Distribución de Lagenodelphis hosei

Distribución de Lagenodelphis hosei

O arroaz de Fraser[3] (Lagenodelphis hosei) é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos delfínidos, a única do xénero Lagenodelphis, que habita en augas profundas do océano Pacífico e, en menor medida, dos océanos Índico e Atlántico.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

En 1895, Charles E. Hose [4] encontrou un cranio nunha praia de Sarawak, Borneo, que doou ao Museo Británico. O cranio permaneceu sen investigar até 1956, cando Francis Fraser [5] o examinou e concluíu que era similar aos das especie dos xéneros Lagenorhynchus e Delphinus pero que non pertencía a ningunha delas. Así que creou un novo xénero cuxo nome construíu unindo estes dous nomes: [Lageno]delphis e [Delphis]. O nome específico foi unha homenaxe ao descubridor e doador do cranio.[6]

Até 1971 non se viron individuos vivos deste arroaz, nas illas Cocos, no Pacífico oriental, en Australia Meridional e en Suráfrica. Desde aquela, fixéronse moitos avistamentos, e non parece ser tan raro como se pensou ao principio. De todos os xeitos aínda se coñece bastante mal.[7]

Características[editar | editar a fonte]

Miden aproximadamente 1 m de longo e pesan uns 20 kg ao nacer, e poden chegar até 2,75 m e 200 kg na idade adulta.

Algunhas das súas principais características son:[7]

  • Corpo de configuración robusta de coloración gris azulada ou parda agrisada nas partes superiores, cunha banda lateral máis escura e unha lina gris clara o crema que bordea a parte superior de dita banda, coa garganta e o ventre de cor branca crema ou branca rosada.
  • Aleta dirsal pequena e aletas pectorais moi pequenas, estreitas e rematadas en punta afiada. A aleta caudal ten unha fendedura ben marcada, e os lóbulos rematan en punta e teñen os bordos posteriores cóncavos. Todas as aletas son de cor gris.
  • O bico é curto, pero ben definido.

Distribución e poboación[editar | editar a fonte]

Pouco se sabe da súa distribución. Parece ser máis común cerca do ecuador mo Pacífico oriental e no extremo meridional do estreito de Bohol (Filipinas), e relativamente escaso no océano Atlántico, onde só se coñece nas Antillas Menores en no golfo de México. Parece que pode desprazarse dunha parte a outra do océano Índico, pero só se dispón dalgunhas observacións nas costas do leste de Suráfrica Madagascar, Sri Lanka e Indonesia. Pero tamén aparece lonxe do ecuador, en zona tan afastadas como Taiwán e Xapón, polo norte e, en número moi reducido, en Australia, polo sur. Poucas veces aparece en augas próximas á costa, excepto en torno ás illas oceánicas ou en zonas coa plataforma continental estreita.[7]

A UICN non dispón de datos suficientes para avaliar a tendencia das súas poboación, polo que en 2008 cualificou a súa situación como "LC" (sen datos suficientes).[8]

Comportamento[editar | editar a fonte]

A análise das presas capturadas suxire que Lagenodelphis hosei se mergulla até grandes profundidades, capturando o seu alimento (peixes, cefalópodos e crustáceos) a un mínimo de 250 a 500 m de profundidade. Ten un estilo de natación agresivo: cando sobe á superficie a respirar adoita abandonar as augas facendo unha gran cantidade de escuma. Sábese que pode saltar no aire, pero polo xeral non chama a atención nin é afeccionado a xogar.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lagenodelphis Fraser, 1956 en SIIT.
  2. Lagenodelphis hosei Fraser, 1956 en SIIT.
  3. BOE. relación de especies incluídas na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial e, se for o caso, no Catálogo español de especies ameazadas. Publicado o 23 de febreiro de 2011.
  4. Charles E. Hose (12 de outubro de 1863 - 14 de novembro de 1929) foi un administrador colonial británico, que era, ademais, zoólogo e etnólogo.
  5. Marshall, N. B. (1979): "Francis Charles Fraser. 16 June 1903-21 October 1978". Biographical Memoirs of Fellows of the Royal Society 25: 287–226.
  6. Fraser publicou a nove especie ese ano de 1956 en Sarawak Mus. J., n.s., 8 (7): 496.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Carwardine, M. (1995), pp. 208-209.
  8. Hammond, P. S., Bearzi, G., Bjørge, A., Forney, K. A., Karkzmarski, L., Kasuya, T., Perrin, W. F., Scott, M. D., Wang, J. Y. , Wells, R. S. & Wilson, B. (asesores) (2008): "Lista vermella" de especies ameazadas da UICN. Versión 2013.1.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Carwardine, Mark (1995): Ballenas, delfines y marsopas. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1037-3.
  • Perrin, William F., Bernd Wursig & J. G. M. Thewissen (eds.) (2002): Encyclopedia of Marine Mammals. 2ª ed. San Diego, California: Academic Press. ISBN 978-0-12-373553-9.
  • Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (eds.) (2005): Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]