Antonio Delgado y Hernández

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaAntonio Delgado y Hernández



Biografía
Nacemento9 de xaneiro de 1805
España Sevilla.
Morte13 de novembro de 1879 (74 anos)
España Bollullos Par del Condado.
Cargos

Deputado polo distrito de Aracena
Período1857-1858

Alcalde de Bollullos Par del Condado
Período1875

Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
RelixiónCatolicismo.
EducaciónUniversidade de Sevilla.
Actividade
Lugar de traballo Madrid Editar o valor em Wikidata
OcupaciónHistoriador, arqueólogo, numismático e político.
Partido políticoPartido Moderado.
Unión Liberal
Membro de
Real Academia da Historia (1846).
Sociedade Económica Matritense de Amigos do País (1846).
Sociedade Arqueolóxica Tarraconense (1847).
Academia Sevillana de Boas Letras (1850).
Academia de Ciencias Exactas e Naturais de Sevilla (1851).
Academia Pontifica de Arqueoloxía (1852).
Academia Real de Suecia (1856).
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeRosario Moniz.
PaisFrancisco Javier Delgado Jurado.  e María Josefa Hernández Aguirre.


Antonio Delgado y Hernández, nado en Sevilla o 9 de xaneiro de 1805 e finado en Bollullos Par del Condado o 13 de novembro de 1879, foi un historiador, arqueólogo, numismático e político español, académico da Real Academia da Historia.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación[editar | editar a fonte]

Antonio Delgado naceu en Sevilla o 9 de xaneiro de 1805 e foi bautizado na igrexa da Madalena desa cidade, máis tarde destruída polos franceses. Era fillo de María Josefa Hernández y Aguirre e do avogado Francisco Javier Delgado y Jurado, alcalde constitucional de Sevilla en 1822[1] e un importante coleccionista numismático e de antigüidades que lle inculcou a súa afección xa desde a infancia.[2][3][4]

Delgado estudou Dereito na Universidade de Sevilla —aínda que non chegou a concluír os estudos— e logo Humanidades e Lingua Latina no Colegio de Santo Tomás de Sevilla,[1][4] e en 1823 alistouse na Milicia Nacional de Sevilla para participar na defensa da illa do Trocadero durante a guerra civil que sucedeu a Revolución de 1820, e chegou a ser encarcerado. Ao acabar a guerra marchou coa súa familia a Trigueros, Huelva,[1][2] onde Antonio Delgado e o seu pai se dedicaron en profundidade aos estudos históricos e numismáticos, e alí estiveron ata o falecemento de Fernando VII.[3][5]

Carreira profesional e académica[editar | editar a fonte]

En 1835, Antonio Delgado foi nomeado oficial maior na Deputación Provincial de Huelva, de recente creación, a partir da nova división territorial de 1833. O 10 de decembro de 1835 ascendeu á xefatura da Sección de Secretaría da Deputación, e o 4 de marzo ao posto de secretario da institución. Mais o 27 de outubro de 1840 foi deposto do seu cargo pola xunta revolucionaria dos partidarios de Espartero. Superado este período revolucionario, o 17 de febreiro de 1844 foi restituído no seu posto de secretario,[3][6] cargo que ocupou ata o 1 de agosto de 1845,[1] cando cesou como consecuencia da reforma do réxime municipal e provincial de Pidal, dese mesmo ano.[7]

Tamén en 1844, foi nomeado vicepresidente Comisión de Monumentos de Huelva, que se acababa de crear, mais a mesma reforma de Pidal provocou tamén o seu cesamento neste cargo. No entanto, o 24 de decembro de 1845 foi nomeado auxiliar segundo do Consello Real, o que motivou o seu traslado a Madrid, e o 10 de febreiro foi ascendido a oficial primeiro.[8] En 1951 foi designado para o cargo de maior na sección de Gobernación e Fomento, e en 1956 foi secretario interino do Consello Real.[6] Na capital do reino iniciou ademais unha etapa na que puido desenvolver con máis facilidade os seus estudos arqueolóxicos e, sinaladamente, numismáticos.[3]

O 27 de novembro de 1846 ingresou como académico supernumerario na Real Academia da Historia, e o 5 de marzo do ano seguinte, por uns cambios na regulación das academias en España, pasou a ser académico de número.[8] Nesta institución foi nomeado anticuario o 14 de xullo de 1848,[1][9] logo do falecemento do seu antecesor, Juan Bautista Barthe, e en 1850 agregado á Comisión de Antigüidades,[10] na que permaneceu ata 1867. Desde 1864 tamén formou parte da Comisión Mixta das Reais Academias da Historia e de Belas Artes de San Fernando.[3]

Un dos seus traballos máis salientables foi a memoria sobre o Disco ou missorium de Teodosio,[8] do século IV, que a Real Academia da Historia adquirira en 1847, logo da súa aparición nun terreo rústico de Almendralexo. A publicación desta memoria, en 1849,[11] demostrou a capacidade de Delgado para o estudo das antigüidades e consolidou o seu prestixio como anticuario.[3][9]

Memoria histórico-crítica sobre el gran disco de Theodosio encontrado en Almendralejo (1849).

Mais a súa principal liña de investigación foi a numismática, campo que abordou en profundidade no seo da Real Academia da Historia, para a que realizou máis de sesenta informes sobre doazóns, adquisicións e achados monetarios.[9] Interesouse sinaladamente polo estudo da moeda andalusí, para o que tivo que aprender lingua árabe e así poder entender as inscricións das moedas.[12] Delgado foi comisionado pola Academia para escribir un compendio e estudo a moeda árabe da Península Ibérica que, aínda que foi concluído en 1864 e recibiu o recoñecemento de varias xeracións de investigadores, non se chegou a publicar ata 2001, a expensas da Real Academia da Historia.[13] Tamén amosou o seu interese pola moeda ibérica antiga, particularmente a dotada de lendas en caracteres paleohispánicos, que logrou descifrar,[3] e chegou a establecer un método para o estudo destas emisións, concluído anos antes pero que non chegou a ver a luz ata a década de 1870, coa axuda do Círculo Numismático de Sevilla, cando Delgado xa estaba xubilado.[14][15] Este método foi seguido logo polo numismático francés Aloïss Heiss, nos seus estudos sobre moeda ibérica antiga.[3]

O seu prestixio como numismático era tal que a propia Isabel II lle encomendou en 1853 a ordenación e a clasificación do monetario real, traballo que o ocupou desde 1854 ata 1855.[16] Neste labor, Delgado desenvolveu novos métodos de clasificación, sobre a base dos creados por Joseph Hilarius von Eckhel,[17] que constituíron o fundamento da numismática científica en España como disciplina autónoma.[3] De feito, Deldago está considerado un dos pais da numismática española moderna, xunto con Francisco Bermúdez de Sotomayor, Juan de Dios de la Rada e Antonio Vives y Escudero, entre outros.[18]

En 1860, Antonio Delgado foi nomeado director da Escola Superior de Diplomática e catedrático de Epigrafía e Xeografía Antiga e da Idade Media nesa institución,[6][19] cargo que ocupou ata 1865,[1] cando se xubilou por problemas de saúde, aos 60 anos.[3]

Logo da súa xubilación, Delgado retirouse da vida académica e instalouse en Bollullos del Condado, na provincia de Huelva, de onde era orixinario o seu pai, e alí continuou cos seus estudos numismáticos de xeito independente,[20] e conseguiu ver publicado o seu traballo sobre a moeda ibérica antiga, en tres volumes, entre 1871 e 1876.[3]

Ao longo da súa traxectoria académica, Delgado foi chamado a formar parte de numerosas academias e sociedades científicas, entre elas a Sociedade Económica Matritense de Amigos do País (1846). a Sociedade Arqueolóxica Tarraconense (1847), a Real Academia Sevillana de Boas Letras (1850), a Academia de Ciencias Exactas e Naturais de Sevilla (1851), a Academia Pontifica de Arqueoloxía (1852) e a Academia Real de Suecia (1856).[9]

No terreo ideolóxico, Delgado era un liberal conservador moderado. Militou inicialmente no Partido Moderado e logo na Unión Liberal, pola que foi deputado por Aracena nas eleccións do 25 de marzo de 1857 e nas do 31 de outubro de 1858.[21][6][22] Tamén, xa na derradeira etapa da súa vida, foi elixido alcalde de Bollullos Par del Condado en 1875.[1][3]

Antonio Delgado finou en Bollullos del Condado, provincia de Huelva, o 13 de novembro de 1879.[3][14][23]

Publicacións[editar | editar a fonte]

Delgado publicou decenas de artigos, fundamentalmente sobre numismática, na publicación da Real Academia daa Historia Memorial Histórico Español e, en menor medida, tamén noutras revistas especializadas, como Revue Numismatique. Os seus traballos monográficos máis destacables son os seguintes:[1][3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Peiró Martín, I.; Pasamar Alzuria, G. (2002). Páxina 213.
  2. 2,0 2,1 Méndez Bejarano, M. (1922). Páxina 159.
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 3,13 Maier Allende, J. "Antonio Delgado Hernández". Real Academia de la Historia (RAH.es).
  4. 4,0 4,1 Fabié Gutiérrez, A. M. (1877). Páxina 410.
  5. Fabié Gutiérrez, A. M. (1877). Páxinas 411-412.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Méndez Bejarano, M. (1922). Páxina 160.
  7. Fabié Gutiérrez, A. M. (1877). Páxina 412.
  8. 8,0 8,1 8,2 Fabié Gutiérrez, A. M. (1877). Páxina 413.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Méndez Bejarano, M. (1922). Páxina 161.
  10. Fabié Gutiérrez, A. M. (1877). Páxinas 415-416.
  11. Véxase "1849" en "Publicacións".
  12. Fabié Gutiérrez, A. M. (1877). Páxinas 414-415.
  13. Delgado y Hernández, A. (2001). "Presentación". En Estudios de Numismática Arábigo-Hispana. UAM / Real Casa de la Moneda, Madrid. ISBN 84-89512-89-2. Páxina XIII.
  14. 14,0 14,1 Méndez Bejarano, M. (1922). Páxina 162.
  15. Véxase "(1871-1876)" en "Publicacións".
  16. Fabié Gutiérrez, A. M. (1877). Páxina 417.
  17. Ferreira, J. M. M. (2012). "275º Aniversário do nascimento de Joseph Hilarius Eckhel (1737–1798) "O Pai da Numismática"". En A Permuta. Nº 130-133. Sociedade Portuguesa de Numismática, Porto.
  18. Peiró Martín, I.; Pasamar Alzuria, G. (2002). Páxinas 213, 509.
  19. Fabié Gutiérrez, A. M. (1877). Páxinas 418-419.
  20. Fabié Gutiérrez, A. M. (1877). Páxinas 420-421.
  21. "Delgado, Antonio". Congreso de los Diputados (Congreso.es).
  22. Fabié Gutiérrez, A. M. (1877). Páxinas 416-417.
  23. Fabié Gutiérrez, A. M. (1877). Páxina 422.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Almagro-Gorbea, M. (1999). El Gabinete de Antigüedades de la Real Academia de la Historia. Real Academia de la Historia, Madrid. Páxinas 139-142. ISBN 84-89512-47-7
  • Méndez Bejarano, M. (1922). “Delgado y Hernández (Antonio)”. En Diccionario de escritores, maestros y oradores naturales de Sevilla y su actual provincia, I. Gironés, Sevilla. Páxinas 159-163.
  • Fabié Gutiérrez, A. M. (1877). “Necrología: Antonio Delgado Hernández”. En Boletín de la Real Academia de la Historia, I. Páxinas 409-422.
  • Mora, G.; Ayarzagüena, M. (2004). “Antonio Delgado y Hernández”. En Pioneros de la Arqueología en España (del siglo XVI a 1912). Museo Arqueológico Nacional, Madrid. Páxinas 283-288. ISBN 978-84-606-3591-8
  • Peiró Martín, I.; Pasamar Alzuria, G. (2002). "Delgado Hernández, Antonio". En Diccionario Akal de Historiadores españoles contemporáneos. Páxinas 213-214. Akal, Madrid. ISBN 84-460-1489-0

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]