Francisco Bermúdez de Sotomayor
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1806 Roma |
Morte | 20 de xullo de 1886 (79/80 anos) Madrid. España |
Director of the National Archaeological Museum of Spain (en) | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Española. |
Relixión | Catolicismo. |
Q89547790 | Director do Museo Arqueolóxico Nacional. |
Actividade | |
Campo de traballo | Arqueoloxía, numismática e lingüística. |
Ocupación | numismático , arqueólogo , bibliotecario |
Membro de | |
Lingua | Lingua castelá |
Nota Membro de: Sociedade Arqueolóxica Matritense. Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos. |
Francisco Bermúdez de Sotomayor, nado en Roma en 1806 e finado en Madrid o 20 de xullo de 1886, foi un arqueólogo, numismático, orientalista e lingüista español, director do Museo Arqueolóxico Nacional entre 1884 e 1886.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Francisco Bermúdez de Sotomayor, nado en Roma en 1806, realizou os cursos preparatorios para o ingreso na Facultade de Farmacia e mesmo chegou a iniciar a carreira, aínda que axiña a abandonou para se dedicar ao estudo de linguas orientais, primeiro o grego, o latín, o árabe e o hebreo, e anos despois o chinés e o xeroglífico do Antigo Exipto.[1] Tamén estudou taquigrafía, e en 1830 acadou unha bolsa de estudos para se desprazar a París e perfeccionar a lectura e a escrita chinesas.[2]
O 1 de abril de 1837 foi un dos fundadores da Sociedade Numismática Matritense —chamada a partir do 4 de decembro de 1839 Sociedade Arqueolóxica Matritense e Central de España—, xunto con Basilio Sebastián Castellanos de Losada e outros intelectuais, e o ano seguinte ambos publicaron conxuntamente a obra Galería Numismática.[1][3][4][5]
Logo dun breve período en 1840 dedicado á docencia, tanto de numismática como de taquigrafía, o 16 de xuño de 1841 ingresou no Museo de Antigüidades da Biblioteca Nacional, como axudante do seu conservador, o seu amigo Castellanos de Losada.[1][6] En 1844, ambos reformaron novamente a Sociedade Arqueolóxica Matritense, que pasou a chamarse Academia Española de Arqueoloxía, da que Bermúdez de Sotomayor foi vicepresidente.[1][3]
Na década de 1850 accedeu á cátedra de Lingua Árabe e de Taquigrafía na Universidade Central,[7] e nesa época tamén impartiu clases de árabe no Ateneo de Madrid. En 1856 sucedeu a Castellanos de Losada no posto de conservador do Museo de Antigüidades da Biblioteca Nacional.[1][4]
O 21 de marzo de 1863, Bermúdez de Sotomayor ingresou como funcionario do Corpo Facultativo de Arquiveiros e Bibliotecarios, e o seu primeiro destino foi a Biblioteca Universitaria e Provincial de Sevilla, onde tomou posesión o día 11 de abril dese ano.[7]
Ao pouco de se crear, mediante un Real decreto do 20 de marzo de 1867,[8] o Museo Arqueolóxico Nacional, foi destinado a esta institución, dirixida por Pedro Felipe Monlau, quen lle encomendou a xestión do traslado a esta da colección do Museo de Antigüidades da Biblioteca Nacional. En 1868 foi nomeado xefe da sección de Numismática do novo museo,[4] cargo que ocupou ata 1881.[7] Tamén en 1868, ocupou a cátedra de Numismática na Academia Española de Arqueoloxía, mais ese mesmo ano a Academia foi disolta e os seus fondos pasaron ao Museo Arqueolóxico Nacional.[1]
En 1881, Bermúdez de Sotomayor foi nomeado director do Museo Arqueolóxico Nacional, cargo que ocupou ata o seu falecemento en 1886.[7] Nos anos que exerceu primeiro a dirección da sección de Numismática e despois a propia institución, Bermúdez contou no seu equipo, entre outros, con Basilio Sebastián Castellanos de Losada e Juan de Dios de la Rada y Delgado, que serían, respectivamente, os seus sucesores na dirección do Museo Arqueolóxico Nacional.[1]
Francisco Bermúdez de Sotomayor finou en Madrid o 22 de xullo de 1886,[1] logo dunha grave doenza que padeceu durante varios meses.[4]
Publicacións
[editar | editar a fonte]- (1838-1839). Galería numismática universal o colección de monedas, medallas y bajos relieves, antiguos y modernos (con B. Castellanos e P. González Mate). Compañía Tipográfica, Madrid.
- (1840). Lecciones de taquigrafía: dirigidas a los alumnos de este arte [...]. I. Sancha, Madrid.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Maier Allende, J. "Francisco Bermúdez de Sotomayor". Real Academia de la Historia (RAH.es).
- ↑ Martín Escudero, F. (2019). Páxina 259.
- ↑ 3,0 3,1 Martín Escudero, F. (2019). Páxina 260.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Papí Rodes, C. "Francisco Bermúdez de Sotomayor". Museo Arqueológico Nacional (MAN.es).
- ↑ Véxase "(1938-1939)" en "Publicacións".
- ↑ Martín Escudero, F. (2019). Páxina 261.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 Martín Escudero, F. (2019). Páxina 262.
- ↑ "Real Decreto de 20 de marzo de 1867, de creación del Museo Arqueológico nacional y museos Provinciales". Gaceta de Madrid. 21 de marzo de 1867.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Francisco Bermúdez de Sotomayor |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Martín Escudero, F. (2019). "Francisco Bermúdez de Sotomayor (1806-1886): un numismático andalusí poco reconocido". En Carretero Pérez, A. et al. 150 años de una profesión: De anticuarios a conservadores. Vol. 2. Universidad Complutense de Madrid. Páxinas 258-269. ISBN 9789200145643.
- Otero Morán, P. (2009). "Bermúdez de Sotomayor, Francisco". En Díaz Andreu, M. et al. (coor.). Diccionario Histórico de la Arqueología en España. Madrid. Páxinas 128-129. ISBN 9788496467453