Batalla de Maserfield

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A batalla de Maserfield (ou Maserfeld; en galés: Maes Cogwy) tivo lugar o 5 de agosto de 641 ou 642 en Inglaterra entre Oswald de Northumbria e Penda de Mercia, e concluíu coa derrota, morte e descuartización de Oswald. A batalla foi coñecida tamén como Cogwy para os galeses, cos seus paisanos de Pengwern participando na batalla (segundo o Canu Heledd), probabelmente no bando dos mercianos. Beda dá como data a xa comentada; os Annales Cambriae galeses, considerados erróneos, o ano de 644. O sitio foi identificado tradicionalmente con Oswestry, aínda que se deron argumentos a favor e en contra desta identificación.

Contexto[editar | editar a fonte]

Tras a morte do tío de Oswald, Edwin de Northumbria en Hatfield Chase en 633, os mercianos dirixidos por Penda frearan a expansión de Northumbria ao sur do Humber. Oswald derrotara aos britanos de Cadwallon ap Cadfan (aliado de Penda en Hatfield) en Heavenfield en 634 e restablecera a hexemonía northumbriana en amplas zonas de Gran Bretaña; aínda que se pensou que Penda recoñeceu dalgunha forma a autoridade de Oswald, non se mostrou hostil aos northumbrianos, ou polo menos non fora percibido como unha ameaza por Oswald.

Estalido da guerra[editar | editar a fonte]

As causas que levaron a Maserfield son descoñecidas. Beda, que escribiu no século VIII, retratou a Oswald como unha figura de santidade na súa Historia ecclesiastica gentis Anglorum; o seu desexo de mostrar a Oswald baixo unha luz positiva puido habelo levado a omitir a agresiva conduta bélica do rei. Unicamente di que Oswald morreu loitando polo seu país en Maserfield, dando a impresión de que a batalla era parte dunha "guerra xusta". A localización da batalla identificouse tradicionalmente con Oswestry ("Oswald's Tree" en inglés) en Shropshire, que na época crese que formaba parte aínda de Powys. Se isto for así, significaría que Oswald estaba en territorio dos seus inimigos, o que suxire que estaba a lanzar unha ofensiva[1].

Os aliados galeses de Penda incluiría a Cynddylan ap Cyndrwyn de Powys; os Marwnad Cynddylan din del que "cando o fillo de Pyd o pediu, que preparado estaba". Isto pode ser unha referencia a Penda, fillo de Pybba, indicando que Cynddylan estaba ansioso por loitar contra el en batalla[2]. Pénsase tamén que Cadwaladr ap Cadwallon proporcionaría reforzos a Penda desde o seu Reino de Gwynedd[3].

A batalla[editar | editar a fonte]

O resultado foi unha total derrota de Northumbria. Beda menciona a historia de que Oswald rezou pola alma dos seus soldados cando se viu a piques de morrer. O corpo de Oswald foi descortizado e a súa cabeza e os seus brazos ensartados en postes; estes restos foron recuperados o ano seguinte polo seu irmán e sucesor Oswiu[4]. Tendo en conta que Penda era pagán e Oswald cristián, este último foi venerado como mártir e santo. Beda relata varios milagres atribuídos aos ósos de Oswald e ao lugar da súa morte[5]. (No século XII, Henrique de Huntingdon escribiu acerca da batalla: "Dise que o plano de Maserfeld estaba branco cos ósos dos Santos".[6]). A Historia Brittonum atribúe a vitoria de Penda á "mediación diabólica", pero esta caracterización da batalla como un choque entre cristiáns e pagáns é demasiado simplista, tendo en conta a presenza de galeses, que eran cristiáns, no bando de Penda[7]. Falando con máis precisión, a batalla marca a derrota do imperialismo de Northumbria ao sur do Humber: o historiador do século XX Frank Stenton escribiu acerca de Penda dicindo que a súa resistencia puido evitar o establecemento de "un compacto reino de Inglaterra baixo o dominio de Northumbria" a mediados do século VII[8]. Outro historiador do século XX, D. P. Kirby, escribiu que a batalla deixou a Penda como "sen dúbida o máis poderoso gobernante merciano emerxido até entón nas terras medias"[2].

Segundo a Historia Brittonum e os Annales Cambriae, o irmán de Penda Eowa, do que se cre que foi tamén rei de Mercia, morreu na batalla xunto con Oswald[7][9]. Existe a posibilidade de que fose súbdito de Oswald e loitase xunto a el na batalla. Tamén se suxeriu que Eowa era o rei dominante entre os mercianos antes do combate, e que gobernaría o norte de Mercia mentres Penda facía o propio no sur[2][10]. Tendo en conta que a Historia Brittonum di que Penda reinou só dez anos (Beda di que foron 22: 633-655), isto podería significar que se data o reinado de Penda a partir da súa vitoria en Maserfield, o que tería sentido se a morte de Eowa liberase a Penda dun incómodo rival ao trono, permitíndolle reclamar ou consolidar a súa autoridade sobre toda Mercia.

Consecuencia[editar | editar a fonte]

Tras a batalla, Deira, no sur de Northumbria, elixiu como rei a Oswine, mentres que Bernicia no norte (que fora dominante xa que Oswald proviña da familia real berniciana e dominara ambos os reinos antes de Maserfield) pasou a mans do irmán de Oswald, Oswiu. Deste xeito, a batalla provocou o enfraquecemento interno e fractura do reino de Northumbria, unha situación que duraría até Winwaed, pese ao asasinato de Oswin por orde de Oswiu en 651.

Segundo Stenton, Maserfield converteu a Penda no "máis formidábel rei de Inglaterra", posición que había manter até a súa morte en Winwaed en 655; nalgúns momentos entre as dúas batallas, tivo forza suficiente para lanzar expedicións de castigo contra Bernicia, chegando mesmo a cercar Bamburgh, antes da súa última e maldita campaña[8].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Clare Stancliffe, "Where Was Oswald Killed?", in C. Stancliffe and E. Cambridge (ed.
  2. 2,0 2,1 2,2 D. P. Kirby, The Earliest English Kings (1991, 2000), páxinas 76–77.
  3. Peter Berresford Ellis, Celt and Saxon: the struggle for Britain, AD 410-937 (1993).
  4. Beda, Historia ecclesiastica gentis Anglorum, Libro III, capítulo 12.
  5. Beda, H. E., Libro III, capítulos 9–12.
  6. Stopford A. Brooke, "The History of Early English Literature" (1905), páxina 118.
  7. 7,0 7,1 Historia Brittonum, Capítulo 65.
  8. 8,0 8,1 Frank Stenton, Anglo-Saxon England (1943, 1971, 1998 paperback), páxinas 81–83.
  9. Annales Cambriae, 644.
  10. Nicholas Brooks, "The Formation of the Mercian Kingdom", in S. Bassett, The Origins of Anglo-Saxon Kingdoms (1989), páxina 166.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]