Alloteuthis media

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Alloteuthis media

Alloteuthis media
Estado de conservación
CC (sen datos)[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
(sen clasif.) Bilateria
Filo: Mollusca
Clase: Cephalopoda
Subclase: Coleoidea
Superorde: Decapodiformes
Orde: Teuthida
Suborde: Myopsina
Familia: Loliginidae
Xénero: Alloteuthis
Especie: A. media
Nome binomial
Alloteuthis media
(Linnaeus, 1758)
Sinonimia
Véxase o texto

Alloteuthis media é unha especie de molusco cefalópodo da subclase dos coleoideos, superorde dos decapodiformes, orde dos téutidos, suborde dos miopsinos e familia dos lolixínidos, unha das tres que integran o xénero Alloteuthis.[2]

É unha especie moi semellante a outra do mesmo xénero, Alloteuthis subulata.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A especie foi definida en 1758 por Linneo na páxina 659 do tomo 1º do seu Systema Naturæ co nome de Sepia media.[2]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Para a do xénero, véxase Alloteuthis,

O epíteto epecífico, media, e nominativo singular do adxectivo latino medius, -a, -um, "que está no medio", "intermedio".

Sinónimos[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[2]

  • Alloteuthis medius (Linnaeus, 1758)
  • Loligo marmorae Vérany, 1839
  • Loligo parva Froriep, 1806
  • Loligo urceolata Risso, 1854 (sin. dubidoso)
  • Loligo urceolatus Risso, 1854
  • Sepia media Linnaeus, 1758 (protónimo)

Nomes galegos[editar | editar a fonte]

Rolán e Otero Schmitt danlle os nomes castelanizados de puntilla e calamar,[3] mentres que Lahurta e Vázque denomínana puntilla pequena.[4]

Nota taxonómica[editar | editar a fonte]

Análises moleculares recentes suxiren que Alloteuthis media e A. subulata poden seren conespecíficas, e que son os extremos dun gradiente morfolóxico.[5] De confirmarse isto, o nome Alloteuthis media aplicado por Carl Linnaeus, como vimos, no seu Systema Naturæ en 1758 tería prioridade sobre Alloteuthis subulata de Jean-Baptiste Lamarck, que data de 1798.[6] Porén, outras análises suxiren que ambas son dúas especies irmás que poden separarse de maneira confiábel polo tamaño dos tentáculos centrais e que, de feito, existe unha diverxencia xenética entre as poboacións de A. media do Atlántico e do Mediterráneo.[7]

Características[editar | editar a fonte]

As principais características desta especie son:[3][5]

  • A súa aparencia é a dunha lura pequeniña.
  • É moi semellante a Alloteuthis subulata, pero diferéncianse en que os tentáculos de A. media son máis delgados cós de A. subulata e, especialmente polo bordo lateral do manto, que en A. media se estende nunha cola curta e acabada en punta de até 10 mm de lonxitude nos adultos.
  • A súa coloración é agrisada.
  • O corpo ten unha lonxcitude total de até os 20 cm, sendo a lonxitud máxima do manto de 12 cm. As femias son máis grandes cós machos.
  • As aletas do manto teñen forma de corazón e incluída a cola, ten unha lonxitud de menos da metade da do manto.

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Tanto Alloteuthis media como a súa conxnere A. subulata, son demersais,[1] e viven sobre fondos areosos e lamacentos,[3] pero tamén poden estar presentes sobre substratos duros.[1]

A. media vive desde a superficie até os 350 m de profundidade.[3]

A especie encóntrase en todo o Atlántico norte oriental e no mar Mediterráneo, desde os 20º N até o seu límite meridional no cabo Branco, na fronteira entre Mauritania e o Sáhara Occidental, aos 60º N.[8] É rara no mar do Norte, con rexistros no mar de Irlanda e no canal da Manchaa finais do século XIX e principios do XX. No mar Mediterráneo está moi estendida, e a súa área de distribución inclúe o mar de Mármara.[9]

Non hai información sobre o estado da poboación e sobre o súa tendencia desta especie. Porén, Jereb et al. (2015) informan que é particularmente abundante nas costas ibéricas occidentais e no banco Sahariano.[9]

En Galicia é algo abundante, preto da costa.[3]

Bioloxía e ecoloxía[editar | editar a fonte]

Non hai certeza de que os rexistros antigos de Alloteuthis media se asignaran correctamente a esta especie, dada a súa semellanza co A. subulata e, polo tanto, calquera información sobre a súa bioloxía e ecoloxía debe tomarse con precaución. A información máis completa para A. media aínda está a recopilarse no mar de Cataluña. Jereb et al. (2015) dan unha revisión máis detallada da súa bioloxía.[9]

Pouco se sabe sobre a dieta de A. media. Por outra parte, rexistrouse que a especie forma parte da dieta dos depredadores como peixes e cetáceos, con identificacións baseadas no exame de picos, pero a miúdo con identificación só a nivel de xénero.[10]

O ciclo vital desta especie é probabelmente dun ano. Porén, informacións recollidas no mar Exeo suxiren que aínda pode que sexa un pouco máis curto.[10] A madurez sexual alcánzase nas femias cando miden uns 9,5 cm de lonxitude e, nos machos,cando acadan os 5,5 cm.[5] Observacións no golfo de Nápoles e no Mediterráneo oriental dedúcese que a desova se producese durante todo o ano. Porén, a información do mar catalán suxire unha tempada de desova máis restrinxida (marzo-outubro).[10]

Pesca[editar | editar a fonte]

Alloteuthis media é unha especie comstíbel e moi apreciada gastronomicamente.[3] Normalmente é unha captura incidental na pesca de arrastre doutras especies, pero comercialízase na maior parte do Mediterráneo coa outra especie, A. subulata. No Mediterráneo occidental péscase activamente nunha pescaría de arrastre, e en inverno captúrase a profundidades de 150 s 200 m, e entre os 50 e os 150 m en primavera, verán e outono. A súa abundancia estacional varía amplamente, pero hai pouca variación anual. O interese comercial desta especie varía segundo a situación, e as capturas comercialízanse tanto en fresco como conxelada.[9]

Ameazas[editar | editar a fonte]

A pesca non regulada e unha ameaza potencial para esta especie.[1]

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

Os expertos da Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) cualifica o status da especie como CC (sen datos) porque se require unha investigación taxonómica para delimitarla da súa conxénere Alloteuthis subulata. Dado que esta especie se explota en gran parte da súa área de distribución, requírese con urxencia este traballo.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Allcock, A. L. & Taite, M. (2019): Alloteuthis media na Lista vermella da UICN. Versión 2020-1. Consultada o 21 de marzo de 2020.
  2. 2,0 2,1 2,2 Alloteuthis media (Linnaeus, 1758) no WoRMS. Consultado o 20 de marzo de 2020.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Rolán & Otero Schmitt 1996, p. 277.
  4. Lahuerta & Vázquez 2000, p. 292.
  5. 5,0 5,1 5,2 Vecchione, Michael & Richard E. Young (2010): Alloteuthis media (Linnaeus 1758) Midsize squid. The Tree of Life Web Project. Consultado oo 21 de marzo de 2020.
  6. Alloteuthis subulata (Lamarck, 1798) no WoRMS.
  7. P. Jereb & C. F. E. Roper, eds. (2010): Cephalopods of the World an Annotated and Illustrated Catalogue of Cephalopod Species Known to Date. Volume 2 Myopsid and Oegopsid Squids. Roma: FAO. ISBN 978-92-5106-720-8, pp. 48–49.
  8. M. J. de Kluijver; S. S. Ingalsu & R. H. de Bruyne. "Alloteuthis media". Mollusca of the North Sea Arquivado 11 de maio de 2021 en Wayback Machine.. ETI Bioinformatics: Marine Species Identification Portal. Consultado o 21 de marzo de 2020.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Jereb, P.; Allcock, A. L.; Lefkaditou, E.; Piatkowski, U.; Hastie, L. C. & Pierce, G. J., eds. (2015): Cephalopod biology and fisheries in Europe: II. Species Accounts. Co-operative Research Reports Arquivado 27 de maio de 2020 en Wayback Machine.. Copenhagen: ICES. ISBN 978-87-7482-155-7.
  10. 10,0 10,1 10,2 Arkhipkin, A. I. et al. (2015: "World Squid Fisheries". Reviews in Fisheries Science and Aquaculture 23 (2): 92-252.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Blbliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]