Alicerces do islam

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os alicerces do islam (en árabe, أركان الإسلام arkān al-islām) constitúen os preceutos fundamentais desta relixión, obrigatorios para todos os musulmáns. Son cinco: profesión de fe, oración, esmola, xaxún e peregrinación á Meca.

A profesión de fe[editar | editar a fonte]

Artigo principal: shahada.

A shahada ou profesión de fe (شهادة [šahāda], ‘testemuño’) é o primeiro e máis importante dos piares do islam. Condensa o esencial da doutrina islámica na breve frase «non hai máis divindade que Deus e Mohammad é o mensaxeiro de Deus» (traducida ás veces erroneamente como «non hai máis deus que Alá e Mahoma é o seu profeta»), lema do islam que aparece en cantidade de motivos decorativos, estandartes e bandeiras (como por exemplo a de Arabia Saudita).

A profesión de fe propiamente dita, é dicir, o proceso ritual mediante o que unha persoa profesa a súa adhesión ao islam é unha frase algo máis longa, pronunciada sempre en árabe, que inclúe a anterior e di:

اشهد أَنَّ لا إله إلا ألله وأَن محمدا رسول الله
Ašhādu anna lā ilāha illā [A]llâhu wa anna Muhammadan rasūlu l-lâh
‘Dou fe de que non hai máis divindade que Alá e Mahoma é o mensaxeiro de Alá.

Mediante esta fórmula o musulmán proclama a unidade e a unicidade divina. A unidade, porque declara que hai unha única divindade e a unicidade pois declara que dita divindade é esencialmente unha, é dicir, que non ten asociadas outras figuras divinas. A unidade divina marca a distancia respecto ao politeísmo, maioritario na Arabia preislámica, mais presente para moitos musulmáns tamén no cristianismo a través do culto aos santos, mentres que o concepto de unicidade ou tawhid, que é central no islam, marca a distancia respecto a crenzas como o da Trindade cristiá.

A crenza sincera na shahada basta para ser considerado musulmán. A súa pronunciación ante testemuñas, tras unha ablución, constitúe todo o ritual necesario para converterse ao islam. Aínda que, de acordo coa doutrina islámica, por si soa non abonda para conducir ao crente ao Paraíso, senón que é necesario o cumprimento das obrigacións dos outros catro alicerces.

A oración[editar | editar a fonte]

Artigo principal: salat.

A oración ou salá (صلاة [ṣalāt], ‘pregaria, acto de devoción’) é o segundo alicerce do islam. Cada musulmán debe rezar cinco veces ao día en dirección á Meca.

Antes de rezar, o musulmán debe efectuar as ablucións. A ablución menor, que é a habitual, consiste no lavado de cara, mans, cabeza e pés. A ablución maior, requirida nalgúns casos, consiste no lavado completo do corpo. As mesquitas teñen un lugar, xeralmente un patio, onde realizar este lavado ritual. En caso de non dispoñer de auga, pode practicarse a chamada «ablución seca», refregándose con area limpa.

Non é necesario efectuar o rezo na mesquita, pois o islam considera toda a terra igualmente sagrada. Acódese á mesquita cando se quere realizar a oración colectivamente, sobre todo nas sextas feiras e en determinadas data especiais. Para rezar, os musulmáns descálzanse fóra das mesquitas, e logo sitúanse sobre unha alfombra especial ou un anaco de tea ou outro material que a substitúa.

A oración faise en dirección á Meca, centro espiritual do islam, e dentro desta, cara a Kaaba, templo situado no centro da mesquita maior da cidade. A dirección cara a cal se mira ao rezar chámase en árabe al quibla (قبلة), palabra que derivaría en «alquibla». Nas mesquitas, un nicho indica a dirección da quibla, e fóra desta o crente ten que buscar a dirección aproximada guiándose polos puntos cardinais. Nos primeiros tempos do islam, con Mahoma vivo, orábase mirando cara Xerusalén.

A oración consiste na recitación de determinadas fórmulas e versículos do Corán, acompañada dunha serie de inclinacións.

A continuación noméanse as oracións diarias, coas indicacións tradicionais para saber cando deben facerse. A maioría dos musulmáns guíanse polas chamadas á oración que se fan dende as mesquitas. Adoitan editarse tamén almanaques que indican as horas propicias para efectuar as oracións cada día do ano en función do lugar onde o musulmán se atope.

  • Oración da alba (فجر o صبح faǧr' ou subh): faise no momento de transición entre a noite e o día.
  • Oración do mediodía (ظهر zuhr): faise antes de que o sol teña percorrido a metade do treito que separa o cénit do poñente.
  • Oración da tarde (عصر 'asr): na segunda metade da tarde. Tómase como referencia a cor do sol: debe facerse antes de que o astro adquira un ton alaranxado.
  • Oración da posta de sol (مغرب magrib): pouco despois da noitiña.
  • Oración da noite (عشاء isha): durante a noite pecha, polo menos unha hora e media despois do solpor.

A esmola[editar | editar a fonte]

Artigo principal: azaque.

A esmola ou azaque (زَكاة [zakāt]; probidade) é o terceiro alicerce do islam. O Corán refírese a esta en máis de 80 ocasións.

Os musulmáns deben dar cada ano unha esmola ás persoas máis pobres da súa comunidade, empezando por familiares e veciños. A cantidade do azaque establécese idealmente nunha corentava parte dos aforros (é dicir, un 2,5%) sempre e cando estes superen determinada cantidade. A esmola pode facerse en diñeiro e en especie: non só as rendas económicas son computables, senón tamén o gando, as mercancías, os minerais, os froitos e os cereais.

As finalidades da esmola son, segundo a doutrina musulmá, limitar a acumulación de riquezas, purificar a alma da avaricia e a cobiza, axudar aos pobres e necesitados, crear espírito de comunidade e axudar á creación de obras de utilidade pública como escolas ou hospitais.

Os beneficiarios das dádivas son, en primeiro lugar, as persoas incapaces de asegurar a súa subsistencia. Tamén se benefician da mesma os recadadores da propia esmola, polo traballo realizado; as persoas convertidas recentemente ao islam, sobre todo se teñen certa influencia no seu contorno; as persoas endebedadas incapaces de facer fronte ás súas débedas; os musulmáns que están lonxe dos seus fogares e non teñen medios para volver e, cando existía a escravitude, os escravos, pois coa esmola mercaban a súa liberdade.

O xaxún[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Ramadán.

O xaxún ou sawm (صَوْم [ṣawm]) do mes de ramadán, é o cuarto alicerce do islam e unha das características do islam máis coñecidas. A palabra «ramadán» designa, fóra da lingua árabe, máis o propio xaxún que o mes.

O xaxún recoméndase durante outros momentos do ano, pero durante o ramadán é estritamente obrigatorio para todo o que poida realizalo. Efectúase durante todos os días do mes dende a saída até a posta de sol. Modifica sensiblemente a vida dos musulmáns mentres dura: vívese máis de noite e a xente xúntase para compartir a ruptura do xaxún. Moitos emigrantes musulmáns volven aos seus países de orixe para facelo xaxún canda os seus, en parte, porque consideran que o xaxún é máis duro se se está nun medio non musulmán. Tamén cambia a alimentación e prepáranse alimentos específicos de gran achega enerxética.

Ten sete condicións:

  1. Estar atento ao comezo do mes seguindo as fases da lúa. O Ramadán empeza co noveno cuarto crecente (هلال hilāl) do ano, e hai que procurar velo na súa primeira noite. O mes que precede a ramadán é shaabán. Se a noite do 29 de shaabán está nubrada e non se pode saber se apareceu ou non a lúa de ramadán (e o relevante é vela), considérase que shaabán cumpre o seu día número trinta e non se empeza o xaxún até o día seguinte, que será necesariamente primeiro de ramadán porque ningún mes lunar pode ter máis de trinta días. Quen non tivera visto persoalmente a lúa, pero que lle confirman a súa saída alguén digno de confianza (عدل ‘adl) testemuña da aparición da crecente, está obrigado a facer xaxún ao día seguinte. Se a lúa se ve nunha rexión e non en outra que lle sexa contigua e o bastante próxima como para ter coñecemento do feito, o xaxún e obrigatorio en ámbalas dúas. Despois tamén cada país ten a súa propia lúa.
  2. A intención (نِيَّة niya). O musulmán debe facer un acto de intención a primeira noite que precede ao xaxún (cada noite na opinión dos máis esixentes) para facer válido o xaxún. A intención consiste en que tome claramente a decisión de facer xaxún ao día seguinte (ou o resto do mes segundo os que non esixen unha intención diaria) cumprindo coa obrigación de gardar ramadán. A intención debe ser concreta: non chega con decidir facer xaxún, senón cumprir estritamente co ritual do xaxún de ramadán.
  3. Absterse (إمساك emsāk) de facer chegar algo a propósito ao estómago sabendo que se está en xaxún. Inxerir algo, sólido ou líquido, anula o xaxún. Como ‘beber’ e ‘fumar’ se din igual en árabe, enténdese que a abstención inclúe o tabaco. Se non se fai a propósito ou se se fai por esquecemento, non anulan a validez do xaxún. Hai que estar pendente do momento exacto no que comeza o xaxún cada día para non inxerir nada na barreira que separa o tempo de comer e o tempo de xaxún, así como ao final coa posta do sol para non romper o xaxún antes do seu momento exacto, pois isto anula a súa validez.
  4. Absterse de manter relacións sexuais (جماع ǧimā‘) durante o xaxún. O ŷimā‘ refírese á penetración, aínda que non haxa pracer sexual nin exaculación. Se a relación sexual ten lugar durante a noite e se amence sen ter feito antes a ablución maior, o estado de ŷanāba (o que deriva de ter mantido relacións sexuais) non anula a validez do xaxún.
  5. Absterse da masturbación (إستمناء istimnā). Provocar unha exaculación durante o día anula a validez do xaxún.
  6. Absterse de provocarse vómitos (إستقاء istiqā). O vómito non premeditado non anula o xaxún, se ben débese procurar expulsalo ben, evitando volver a tragalo. Tragar as mucosidades que se xeren nos pulmóns ou na gorxa non anula o xaxún, pois é practicamente inevitable.
  7. Non agredir tanto verbalmente como fisicamente ao próximo.

Están exentos de cumprir co xaxún os enfermos, os viaxeiros e as embarazadas.

A peregrinación á Meca[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Hajj.

O hajg ou hayy ( حَجّ ḥaǧǧ) é o quinto piar do islam. O musulmán debe peregrinar polo menos unha vez na vida á cidade da Meca, sempre e cando teña os medios económicos e as condicións de saúde necesarias.

Realízase durante o mes de du-l-higga (ذو الحِجّة ḏū al-ḥiǧǧa: ‘o da peregrinación’, duodécimo do calendario musulmán. Existen peregrinacións menores que poden facerse noutros momentos.

O ritual da peregrinación varía lixeiramente segundo se viva na rexión da Meca ou se veña de fóra, particularmente o da sacralización ou ihrām, que se fan á entrada do territorio sagrado. Tamén as escolas xurídicas do islam marcan os seus propios matices. En termos xerais, dura cinco días. Tras unha primeira visita á Mesquita Al-Haram, onde se circunvala a Kaaba e se bebe auga do Pozo de Zamzam, os peregrinos diríxense á localidade de Mina, ás aforas da cidade. O día seguinte parten cara ao monte Arafat, a 20 km da Meca, e o terceiro día volven a Mina. De Mina regresan á Meca, pasando antes por un lugar onde se realiza o coñecido ritual de apedrar tres piares de cachotaría que representan ao diabo. O resto de rituais realízanse de novo na cidade santa.

Normalmente os peregrinos aproveitan a peregrinación para facer a continuación unha visita á cidade de Medina, onde están enterrados Mahoma e outros fundadores do islam.

As persoas que realizaron a peregrinación poden usar logo o tratamento honorífico de حَاجّ [ḥāǧǧ] ou حَاجِّي [ḥāǧǧī] (‘peregrino’) anteposto ao nome.