Ibn Khaldun

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Ifriqiya
Século XIV
Ibn Khaldoun-Kassus.jpg
Estatua de Ibn Khaldun en Tunes.

Nome

Abu Zayd 'Abd al-Rahman ibn Muhammad ibn Khaldun al-Hadrami
عبد الرحمن بن محمد بن خلدون الحضرمي

Nacemento

27 de maio de 1332
Tunisia

Morte

19 de marzo de 1406
O Cairo

Filosofía

Principais intereses

Historia, Historiografía, Socioloxía, Economía

Ideas salientables

Asabiyyah

Influencias

Muhammad ibn Zakarīya Rāzi
Abu-l-Hàssan al-Aixarí
Avicenna
Al-Ghazalí

Influenciou a

Ibn al-Azraq
Al-Maqrizi
Georg Wilhelm Friedrich Hegel
Robert Flint
Taha Hussein
Arnold J. Toynbee
Ernest Gellner
Franz Rosenthal
Franz Oppenheimer
Arthur Laffer
Ludwig Gumplowicz
Gustav Ratzenhofer
Fernand Braudel
Marc Bloch
Lucien Febvre
Yves Lacoste
Oswald Spengler
Engels
Pitirim Sorokin

Abu Zayd 'Abd al-Rahman ibn Muhammad ibn Khaldun al-Hadrami (عبد الرحمن بن محمد بن خلدون الحضرمي), coñecido como Ibn Khaldun ou Ibn Jaldun[1] nado en Tunisia o 27 de maio de 1332 (732 da héxira) e finado en O Cairo, o 19 de marzo de 1406 (808 da héxira) foi un famoso historiador e historiógrafo árabe norte-africano. Ibn Khaldun é tido por moitos académicos como unha das principais axudas para a comprensión das sociedades musulmás.

Ibn Khaldun é amplamente aclamado como un precursor da historiografía, socioloxía, e economía modernas. É sobre todo coñecido polo seu Muqaddimah (Prolegómenos). Tomou o nome de Ibn Khaldun dun atepasado distante.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu en Túnez en 732 A.H. (1332 DC) nunha familia de clase alta que migrou desde Sevilla, na España musulmá. Os seus antepasados eran árabes Iemenitas que se estableceron en España nos inicios do dominio musulmán da península, durante o século VIII, pero despois da caída de Sevilla eles migraron para a Tunisia. Na súa historia, el describe a súa familia, os Banu Khaldun, como segue:

"E os nosos antepasados son de Hadhramaut, dos árabes do Iemen, vía Wa'il ibn Haxar, dos mellores dos árabes, ben coñecidos e respeitados."[2]

No entanto, algúns biógrafos (eg., Mohammad Enan) cuestionan a súa pretensión, suxerindo que a súa familia pode ter sido de bérberes que pretendian asumir orixe árabe para gañar status social.

Algunhas biografías[3] afirman, que estes devanceiros eran por parte de nai e que o seu pai era un "Berber nativo" (sic), a pesar disto contradicir as propias palabras de Ibn Khaldun, unha vez que el traza a súa xenealoxía ata Khaldun polo lado do seu pai:

"Abd ar-Rahman ibn Muhammad ibn Muhammad ibn Muhammad ibn al-Hasan ibn Muhammad ibn Jabir ibn Muhammad ibn Ibrahín ibn Abd ar-Rahman ibn Khaldun. Na miña xenealoxía ata Khaldun eu contei apenas estes 10, pero deben ter habido máis..."[4]

Ibn Khaldun estudou nas varias etapas e ramos da aprendizaxe árabe con grande éxito. En 1352 obtivo emprego co sultán da Dinastía Marinida, Abu Inan Fares I en Fez. No inicio de 1356, a súa integridade foi posta en causa, polo que foi recluido no cárcere ata á morte do sultán Abu Inan en 1358, momento en que o visir al-Hasan ibn Omar o liberou e o reintegrou no seu posto. Continuou a prestar servizos a Abu Salen Ibrahim III, o sucesor de Abu Inan, mais, por ter ofendido o primeiro-ministro, obtivo permiso para emigrar para España.

Ibn al Ahmar, que estaba en débeda por favores dos que se beneficiou cando da súa estadía na corte de Abu Salen, recibiu a Ibn Khaldun con gran cordialidade en Granada. Os favores que el recibiu do soberano excitaron os celos do Visir, e foi por iso enviado de volta a África en 1364, onde Abu Abdallah, o sultan de Bougie, da Dinastia Hafsid, que fora anteriormente compañeiro seu do cárcere, recibiuno con gran cordialidade.

Despois da caída de Abu Abdallah, Ibn Khaldun mobilizou unha forza considerable entre os árabes do deserto e entrou ao servizo do Sultan de Tlemcen.

Poucos anos máis tarde foi feito prisioneiro por Abdalaziz (Abd ul Aziz), que derrotara o sultán de Tlemcen e tomara o trono.

El entrou entón nun establecemento relixioso, e ocupouse de tarefas escolásticas, ata que en 1370 foi chamado a Tlemcen polo novo sultán.

Despois da morte de Abd ul Aciz residiu en Fixo, gozando do patrocinio e confianza do rexente. En 1375, ausentouse para vivir entre a tribo Awlad Arif da Alxeria central, na cidade de Qalat Ibn Salama. Aproveitou alí a súa soidade para escribir a Muqaddimah (Introdución á historia). En 1378, entrou ao servizo do sultán da súa cidade natal de Tunes, onde se dedicou case exclusivamente aos seus estudos e escribiu a historia do pobo Bérber.

Tendo recibido permiso para peregrinar ata A Meca, visitou O Cairo, onde foi presentado ao sultán al-Malik udh-Dhahir Barkuk, que insistiu que el ficase alí, e no ano de 1384 foi feito grande cadí da escola suní malikí do Cairo.

Daquela, o navío en que a súa muller e familia viñan ao seu encontro afundiu e todos os tripulantes desapareceron. El conseguiu atopar consolo completando a súa historia dos árabes de España. Nesas mesmas datas foi retirado do seu traballo de cadí, o que lle deu máis tempo libre para a súa obra.

Tres anos máis tarde peregrinou á Meca, e no seu regreso viviu en retiro en Fayyun ata 1399, cando foi chamado outra vez para continuar as súas funcións de cadí. Foi separado e reposto no cargo nada menos que cinco veces. Faleceu o 17 de marzo de 1406, e foi sepultado no Cairo.

Obra[editar | editar a fonte]

A obra principal de Ibn Khaldun é o Libro da evidencia, rexistro dos inicios e eventos dos días dos árabes, persas e bérberes e os seus poderosos contemporáneos (Kitābu l-ʕibār wa Diwānu l-Mubtada' wa l-Ħabar fī Ayyāmu l-ʕarab wa l-Ājam wa l-Barbar wa man ʕĀsarahum min ĐawIu s-Sultānu l-Akbār) que está dividido en sete libros. O primeiro deles é a Muqaddima ou Prolegómenos, que prologa ao resto da obra, aínda que posteriormente tratouse como unha obra independente. Os volumes do dous ao cinco cobren a historia da Humanidade ata os tempos de Ibn Khaldun. Os volumes seis e sete cobren a historia dos pobos bérberes e do Maghreb. A súa historia é, como el mesmo o afirma, unha Historia Universal e abarca a análise de historias doutros pobos como os asirios, hebreos, gregos e romanos.

Entre os aportes á economía de Ibn Khaldun, inclúese o descubrimento da dinámica dos mercados. Analiza tamén conceptos económicos fundamentais como poboación, prezo, beneficio, luxo, e formación de capital. Todos estes conceptos son analizados nas súas obras, onde tamén traza as interrelacións entre eles.

Para Ibn Khaldun, a historia é a análise das civilizacións tanto no aspecto externo como interno: externamente, a través do relato cronolóxico dos feitos; internamente, mediante unha análise lóxica e interrelacionada dos acontecementos históricos para situar as súas consecuencias no presente e as tendencias de futuro.

No relativo á socioloxía, é particularmente interesante a súa concepción sobre a existencia dun conflito central (cidade versus deserto). Debido á súa análise dos conflitos sociais, sociólogos modernos da teoría do conflito como Ludwig Gumplowicz, Gustav Ratzenhofer e Franz Oppenheimer demostraron un crecente interese en Ibn Khaldun:

A importancia do método de coñecemento racionalista empregado por Ibn Khaldun do todo acorde coa súa condición de creente, pero sen subordinar o coñecemento e a interpretación da realidade ás descricións contidas no Corán ou nos hadices. "Ibn Khaldun pon entre paréntese a Deus", resume Charfi. No libro sexto do Muqaddima ou os Prolegómenos, queda claro que é a reflexión fundada sobre a experiencia o que permite literalmente ao home facerse tal por encima dun mundo animal suxeito aos sentidos. Cabe admitir por cuestión de fe unha forma de coñecemento superior, estritamente espiritual, propio dos anxos, pero sen incidencia algunha sobre o coñecemento humano. É sobradamente coñecida a utilización deste criterio para explicar o carácter cíclico das civilizacións, e ao seu núcleo, a interacción conflictiva entre o modo de vida nómade e o urbano ou civilizado. O é menos a profundización que leva a cabo Ibn Khaldun na análise dunha vida nómade, adscrita ao mundo árabe, sen concesión algunha e na cal vai incluída unha interpretación da xénese do islam de cuxa vixencia dan conta especialistas como Patricia Crone. Dotado dunha forza propia, derivada da cohesión grupal ou asabiyya, o mundo árabe nómade é violento, depredador e en principio incapaz de formar un imperio. Todo cambia, con todo, cando sobre esa rudeza de costumes incide a relixión levada por un Profeta aos seus corazóns: "Entón a unificación máis cabal lévase a efecto entre eles poñéndoos en condicións de efectuar as conquistas e de fundar un imperio."'[5]

Un dos principais aportes de Ibn Khaldun á historiografía é a súa ruptura co concepto anterior. Nin no mundo antigo, nin na Idade Media, tanto en Occidente como no mundo musulmán, existe un antecedente en relación ao concepto de historia de Ibn Khaldun. O seu xeito de enfocar o devir histórico así como todos os elementos que inflúen no mesmo é moi similar ao que séculos despois establecerían os Annales dirixidos por Marc Bloch, Lucien Febvre ou Fernand Braudel. En ambos casos, pódese dicir que realizan unha historia social, na cal o ser humano é o protagonista, non un individuo senón toda a colectividade. Pódese dicir sen ningún temor que Ibn Khaldun é o "pai" da historia no concepto contemporáneo desta disciplina.

Repercusión da súa obra[editar | editar a fonte]

O historiador británico Arnold J. Toynbee referiuse á obra de Ibn Khaldun, Muqaddimah, como sen dúbida, a mellor obra do seu xénero que algunha vez foi creada por alguén en calquera tempo ou lugar.

Ernest Gellner, que como antropólogo se ocupou do estudo de tribos do Maghreb refírese moitas veces a Ibn Khaldun nos seus libros, en especial cando se refire á organización social da civilización musulmá.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Bloom, J. M. e Blair, S. S., (2003), Islam. Mil años de ciencia y poder, Ed. Paidós, páx.121
  2. Al-Waraq's edition, p. 2429
  3. Salaam.co.uk
  4. Al-Waraq's edition, p. 2428
  5. Elorza, Antonio. Los errores de Dios, El País, 21 de outubro de 2006

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Ibn Khaldun

Ligazóns Externas[editar | editar a fonte]