Alexandr Gomelskii
Alexandr Iakovlevich Gomelskii (en ruso: Александр Яковлевич Гомельский), nado en Kronshtadt o 18 de xaneiro de 1928 e finado en Moscova o 16 de agosto de 2005) foi un xogador e adestrador de baloncesto ruso. Considerado o pai do baloncesto soviético e ruso, foi un dos adestradores máis destacados de tódolos tempos, gañador de numerosos títulos tanto a nivel soviético como internacional.
Á fronte do Rīgas ASK e do CSKA de Moscova conquistou un total de 13 Ligas soviéticas, dúas Copas Soviéticas e catro Copas de Europa. Dirixiu tamén á selección soviética durante máis dunha década e media, conseguindo numerosos éxitos. Gañou catro medallas olímpicas (incluído o ouro en Seúl 1988), dous Campionatos do Mundo (en 1967 e 1982) e seis Campionatos de Europa, ademais de sumar varias pratas e bronces en Europeos e Mundiais.
Foi incluído no Basketball Hall of Fame en 1995 e no Salón da Fama da FIBA en 2007. Foi galardoado coa Orde Olímpica polo Comité Olímpico Internacional en 1998. En 2008, foi nomeado un dos 50 maiores contribuidores da Euroliga.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Inicios
[editar | editar a fonte]Naceu en Kronshtadt, na illa de Kotlin, preto de Leningrado. o 18 de xaneiro de 1928. Pasou a súa infancia en Leningrado, onde practicou varios deportes, como fútbol, hóckey sobre herba e patinaxe.[1] Durante a Segunda guerra mundial e tralo inicio da invasión alemá da Unión Soviética, na chamada Operación Barbarossa, seu pai, Iakob Solomonovich, foi enviado a combater á fronte, preto de Briansk, mentres que Alexandr e o resto da familia permaneceron na cidade. En setembro as tropas nazis comezaron o sitio de Leningrado, e tralo inverno, a familia foi evacuada xunto a milleiros de civís a Engels, no oblast de Saratov, instalándose finalmente nunha vila preto de alí, Stepnoe.[1] Durante esa época traballou coidando cabalos nunha granxa colectiva.[2]
Trala fin da guerra formouse como adestrador en Leningrado e tivo unha breve carreira como xogador de baloncesto, deporte que non comezou a practicar ata os 18 anos.[1] Militou no ODO LenVO e no Rīgas ASK, antes de dedicarse plenamente ao labor de técnico.[3]
Rīgas ASK
[editar | editar a fonte]Comezou a súa carreira como adestrador en Leningrado en 1949, son só 21 anos, co equipo feminino do Spartak de Leningrado. En 1953 converteuse no adestrador do Rīgas ASK, ao que converteu nun dos mellores clubs da Unión Soviética e de Europa. Cun cadro de xogadores no que destacaban entre outros Jānis Krūmiņš, Maigonis Valdmanis, Valdis Muižnieks e Alvils Gulbis, o equipo de Gomelskii gañou tres títulos da liga soviética nas tempadas 1954/55, 1956/57 e 1957/58.
En 1958 creouse a Copa de Europa, competición que os homes de Gomelskii dominaron durante os primeiros tres anos de xeito absoluto, conquistando os tres títulos, e gañando a maioría dos seus partidos por cómodas diferenzas de puntos. Nas dúas primeiras finais derrotaron ao Academic de Sofía e na terceira ao Dinamo Tbilisi. En 1961, despois de eliminar ao Hapoel Tel Aviv e ao Real Madrid, disputou a súa cuarta final consecutiva, perdendo desta vez ante o CSKA Moscova de Evgenii Alekseev.
CSKA
[editar | editar a fonte]Foi precisamente ao club moscovita ao que chegou en 1969, e no que permaneceu ata 1980. Co CSKA dominou o baloncesto soviético durante máis dunha década, sumando 10 ligas soviéticas e perdendo só a edición de 1974/75, na que acabou subcampión. Gañou tamén dúas Copas da Unión Soviética (en 1972 e 1973).
No plano europeo Gomelskii volveu sumar novos éxitos, e na súa primeira tempada acadou a final da Copa de Europa, despois de eliminar en semifinais ao Slavia de Praga. A final disputouse en Saraxevo, e a pesar da boa actuación de Sergei Belov, o título foi para Ignis Varese italiano. O CSKA cobrou a súa vinganza na seguinte edición e cos mesmos protagonistas. Despois de eliminar de novo ao Slavia de Praga, o equipo de Gomelskii enfrontouse en Anveres ao Varese ao que venceu por 67-53, de novo con Belov como máximo anotador. Foi o cuarto título europeo para o adestrador ruso, cifra que non foi superada nos seguintes 31 anos, ata que no 2002 Željko Obradović conseguiu o quinto dos seus nove títulos.
Na tempada 1972/73 volveu chegar ata a final, onde se enfrontou unha vez máis ao Varese, sendo desta vez a vitoria para o equipo italiano. Foi a sétima e derradeira final europea disputada por Gomelskii. Deixou o equipo en 1980, pero regresou para a tempada 1985/86, na que acabou subcampión de liga e chegou ás semifinais da Copa Saporta, onde foi eliminado polo FC Barcelona.
En 1988 aterrou no baloncesto español, fichando polo Tenerife, que viña de ascender á ACB. En terras canarias tivo unha difícil tempada e os malos resultados provocaron que o seu contrato fose rescindido antes do remate da competición.[4] Pechou os seus máis de 40 anos como adestrador no Limoges francés, durante a tempada 1990/91, onde tampouco obtivo bos resultados.[5]
Selección nacional
[editar | editar a fonte]Primeira etapa (1963-1970)
[editar | editar a fonte]Foi o adestrador da selección soviética durante máis dunha década e media, en tres etapas diferentes. Colleu as rendas do equipo por primeira vez en 1963, aínda que anteriormente xa exercera como axudante de Stepan Spandaryan. Pouco despois da súa chegada disputou o seu primeiro gran torneo, o Campionato do Mundo de 1963 no Brasil. O equipo soviético, cuxo xogador máis destacado foi Aleksandr Petrov, acadou o terceiro posto, o mellor resultado da súa historia ata entón, saíndo vencedora a selección anfitrioa.[6]
Poucos meses despois, ese mesmo ano, participou en Wrocław no seu primeiro Campionato de Europa, no que conseguiu o seu primeiro grande éxito coa selección, ao gañar o título derrotando na final á anfitrioa, a Polonia de Witold Zagórski, por 45-61.[7] Ao ano seguinte disputou os Xogos Olímpicos de 1964 en Toquio. Liderou o seu grupo na primeira fase e eliminou en semifinais ao Brasil, pero na final foi derrotado polos Estados Unidos por 73-59.
En 1965 disputou na Unión Soviética o seu segundo Europeo, e gañou o segundo ouro, ao vencer na final á Iugoslavia adestrada por Aleksandar Nikolić. O seu pupilo Modestas Paulauskas foi elixido mellor xogador do torneo. En 1967 conseguiu o primeiro ouro mundial para a URSS, ao conquistar o Campionato Mundial celebrado no Uruguai, por diante de Iugoslavia.[8] Ese mesmo ano coroouse por terceira vez como campión europeo no torneo celebrado en Finlandia, superando na final á selección checoslovaca.[9]
En 1968 participou nos seus segundos Xogos Olímpicos, en Cidade de México, onde caeu nas semifinais contra Iugoslavia por un apertado 62-63.[10] No partido polo terceiro posto os soviéticos derrotaron con comodidade ao Brasil, gañando así a medalla de bronce. Ao ano seguinte, con Sergei Belov, como mellor xogador, a URSS gañou un novo Europeo, o cuarto consecutivo para Gomelskii, despois de superar na final a Iugoslavia. No Mundial de 1970 Belov repetiu como MVP, pero o título foi para Iugoslavia, por diante do Brasil e da Unión Soviética. Tras este torneo rematou a primeira etapa do adestrador á fronte da selección, centrándose nos seguintes anos no seu labor co CSKA.
Segunda etapa (1977-1983)
[editar | editar a fonte]Con todo, regresou ao banco nacional en 1977, e participou ese mesmo ano no EuroBasket celebrado en Bélxica. Aínda con Belov no equipo, e con novos talentos como Vladimir Tkachenko, o equipo soviético acadou unha nova final, pero cruzouse de novo con Iugoslavia, que liderada no campo por Dražen Dalipagić, alzou o seu terceiro título consecutivo. A historia repetiuse no Mundial do ano seguinte en Filipinas, onde os iugoslavos lle volveron gañar a final. En 1979 o equipo soviético conquistou un novo EuroBasket, vencendo desta vez na final á selección israelí. Nos Xogos Olímpicos de 1980, a URSS non conseguiu meterse na final, e tivo que conformarse con loitar pola medalla de bronce con España, á que venceu 117-94.
En 1981 Gomelskii fíxose co seu sexto ouro europeo, 18 anos despois do primeiro. Conseguiuno grazas ás destacadas actuacións de Valdis Valters (MVP), Tkachenko e Anatolii Myshkin, e despois de se ter reeditada unha nova final URSS-Iugoslavia, que se decantou polo lado soviético por 84-67. En 1982 gañou en Colombia o seu segundo Mundial, despois de superar nunha histórica final á selección estadounidense por un só punto (95-94). Naquel torneo Gomelskii fixo debutar a un mozo de 17 anos que nos seguintes anos se convertería nun dos mellores xogadores europeos da historia: Arvydas Sabonis.[11]
Tralo EuroBasket de 1983, no que a Unión Soviética caeu eliminada inesperadamente nas semifinais contra España, Gomelskii deixou o equipo.
Terceira etapa (1987-1988)
[editar | editar a fonte]En 1987 deu inicio a súa terceira e última etapa no banco soviético. No EuroBasket dese ano, xogado en Grecia, acadou a súa oitava final, na que caeu ante a selección grega, na que destacaba especialmente Nikos Galis.[12]
Ao ano seguinte acudiu aos seus cuartos Xogos Olímpicos, en Seúl 1988. Convocou para a cita olímpica a Arvydas Sabonis, a pesar de que este levaba máis dun ano recuperándose dunha lesión no tendón de Aquiles, e non se sabía cal podía ser o seu rendemento. A decisión resultou ser fundamental, pois a estrela soviética rendeu a un nivel espectacular durante o torneo.[13][14] O equipo soviético comezou con mal pé, caendo de xeito contundente ante Iugoslavia (79–92) e sufrindo máis do previsto nas súas vitorias contra a República Centroafricana e Porto Rico, precisando dunha prórroga no partido contra esta última.[15] Nos cuartos de final derrotou ao Brasil por 110-105.
Para as semifinais, os soviéticos quedaron encadrados coa selección favorita, os Estados Unidos, que adestraba John Thompson e cuxa maior estrela era David Robinson. Nun histórico partido, a URSS logrou a vitoria por 76-82, cunhas destacadas actuacións de Sabonis e de Rimas Kurtinaitis.[15][16] Era a primeira vez que a selección estadounidense quedaba fóra da final, na que si se meteu Iugoslavia, que gañou sen problemas a Australia. O equipo iugoslavo, dirixido por Dušan Ivković, contaba con xogadores como Dražen Petrović, Vlade Divac, Dino Rađa ou Toni Kukoč. O partido comezou con dominio iugoslavo e cunha vantaxe para eles de ata 8 puntos, pero a selección soviética remontou xusto antes do descanso. Na segunda parte as boas actuacións de Sabonis e de Šarūnas Marčiulionis, así como a importante contribución nos minutos finais de Sergei Tarakanov, deixaron o marcador final en 63-76 para a selección da URSS.[17] Gomelskii gañou así a medalla de ouro olímpica que ansiaba,[2] no que foi o seu derradeiro partido á fronte da selección soviética.
Últimos anos
[editar | editar a fonte]Nos seus últimos anos, Gomelskii foi presidente da Federación de Baloncesto de Rusia, entre 1991 e 1992, e foi o xefe da delegación rusa nos Xogos Olímpicos de 1992 en Barcelona. En 1997 accedeu á presidencia do CSKA de Moscova, cargo que ocupou ata a súa morte por leucemia en 2005.[18] Tralo seu falecemento foi nomeado presidente honorífico do club.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]O seu irmán máis novo, Evgenii, foi tamén xogador e adestrador de baloncesto, e dirixiu entre outros equipos a selección soviética feminina e tamén a rusa, gañando un ouro olímpico.
Casado con Tatiana, tamén xogadora e adestradora de baloncesto, Aleksandr tivo catro fillos. Un deles, Vladimir, tamén foi xogador e adestrador de baloncesto. O seu fillo Alexandr dirixiu unha escola deportiva a nome do seu pai, de onde saíron varias xogadoras olímpicas de baloncesto.
Legado e recoñecementos
[editar | editar a fonte]Considerado o mellor adestrador soviético de tódolos tempos, a súa importancia no baloncesto do país era tal que os seus xogadores e o mundo do baloncesto soviético chamábanlle "pai" ou "papá" (en ruso: Папа).[2][19][20][21]
En 1995 converteuse no segundo adestrador non estadounidense en ser incluído no Basketball Hall of Fame, despois de Cesare Rubini. Foi incluído tamén no Salón da Fama da FIBA no mesmo momento da creación deste, no ano 2007. En 2008 foi nomeado como un dos 50 maiores colaboradores da Euroliga, dentro da lista dos 10 mellores adestradores de tódolos tempos.[22]
Dende a tempada 2004/05 a Euroliga entrega o Premio Alexandr Gomelskii ao Mellor Adestrador do Ano na Euroliga. Tamén leva o seu nome o Palacio de Deportes Universal CSKA Alexandr Gomelskii, no que o CSKA de Moscova disputou os seus partidos como local entre 1979 e 2021. O CSKA organiza cada ano a Copa Gomelskii en homenaxe ao seu mítico adestrador.[23]
Condecoracións
[editar | editar a fonte]- Adestrador de Honra da URSS (1956).
- Mestre de Deportes da URSS de Clase Internacional (1965).
- Adestrador de Honra da RSS de Lituania (1982).
- Bandeira Vermella do Traballo (1982).
- Orde da Estrela Vermella
- Orde da Amizade dos Pobos
- 2 Ordes da Insignia de Honra
- Traballador da Cultura Física de Honra da Federación Rusa (1993).
- Orde Olímpica de Prata (1998).
- Orde do Mérito de Ucraína (2003).
Palmarés
[editar | editar a fonte]- Rīgas ASK
- Liga soviética (3): 1954/55, 1956/57, 1957/58.
- Euroliga (3): 1958, 1959, 1960.
- CSKA Moscova
- Liga soviética (10): 1969/70, 1970/71, 1971/72, 1972/73, 1973/74, 1975/76, 1976/77, 1977/78, 1978/79, 1979/80.
- Copa soviética (2): 1971/72, 1972/73.
- Euroliga (1): 1971.
- Selección soviética
- Medalla de ouro nos Xogos Olímpicos (1): 1988.
- Medalla de prata nos Xogos Olímpicos (1): 1964.
- Medalla de bronce nos Xogos Olímpicos (2): 1968, 1980.
- Campionato do Mundo (2): 1967, 1982.
- Subcampión (1): 1978.
- Terceiro posto (2): 1963, 1970.
- EuroBasket (6): 1963, 1965, 1967, 1969, 1979, 1981.
- Subcampión (2): 1977, 1987.
- Terceiro posto (1): 1983.
- Individual
- Adestrador do ano da Unión Soviética (4): 1967, 1977, 1982, 1988.
Obra
[editar | editar a fonte]- Gomelskii, Alexandr Iakovlevich (1985). Управление командой в баскетболе (en ruso). Moscova: Физкультура и спорт. Arquivado dende o orixinal o 24 de febreiro de 2007. Consultado o 6 de xullo de 2022.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 "Баскетбольный «папа». Как Александр Гомельский шел к олимпийскому золоту" (en ruso). 18 de xaneiro de 2017. Consultado o 8 de xullo de 2022.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 PFC CSKA Moscova (15 de marzo de 2018). Клуб веселого и находчивого. К 90-летию А.Гомельского (YouTube) (en ruso).
- ↑ "Alexander Gomelsky, le guide basket du « Soviet Suprême »" (en francés). 22 de decembro de 2021. Consultado o 29 de xaneiro de 2022.
- ↑ Rodríguez, Juanma (7 de abril de 2018). "¿Teléfono rojo? Volamos a Tenerife" (en castelán). Consultado o 29 de xuño de 2022.
- ↑ Marot, Matthieu (4 de agosto de 2020). "Alexander Gomelsky, un Tsar déçu au Limoges CSP" (en francés). Consultado o 29 de xuño de 2022.
- ↑ "Mundial 1963: Lejos de las potencias" (en castelán). 27 de agosto de 2019. Consultado o 29 de xuño de 2022.
- ↑ "Campionato de Europa 1963". fibaeurope.com (en inglés). Consultado o 29 de xuño de 2022.
- ↑ "V World Cup (Montevideo 1967)". linguasport.com (en inglés). Consultado o 29 de xuño de 2022.
- ↑ "XV European Championship (Helsinki 1967)". linguasport.com (en inglés). Consultado o 29 de xuño de 2022.
- ↑ "63-63. Rusia eliminada por Yugoslavia". Mundo Deportivo (en castelán). 24 de outubro de 1968. p. 10. Consultado o 30 de xuño de 2022.
- ↑ Ortiz, Guillermo (Abril de 2012). "Arvydas Sabonis, el hombre que pudo reinar" (en castelán). Consultado o 29 de xuño de 2022.
- ↑ Anidos, Roberto (7 de maio de 2019). "Final EuroBasket 1987: Gallis desata la locura en Atenas" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 24 de febreiro de 2021. Consultado o 30 de xuño de 2022.
- ↑ Leal, Tolo (17 de decembro de 2010). "Sabonis, el lesionado que llegó a la cima del baloncesto" (en castelán). Consultado o 30 de xuño de 2022.
- ↑ "El antes y después de una leyenda: Arvydas Sabonis" (en castelán). 2 de xullo de 2010. Consultado o 30 de xuño de 2022.
- ↑ 15,0 15,1 "Partidos históricos: URSS - USA, semifinal olímpica de Seúl '88" (en castelán). 22 de xullo de 2005. Consultado o 30 de xuño de 2022.
- ↑ Ortiz, Guillermo (Agosto de 2016). "La muerte de Valeri Goborov y el final del baloncesto en la URSS" (en castelán). Consultado o 30 de xuño de 2022.
- ↑ "URSS 76 – Yugoslavia 63. Olimpiadas de Seúl 1988" (en castelán). Consultado o 30 de xuño de 2022.
- ↑ "Alexander Gomelsky". FIBA (en inglés). Consultado o 30 de xuño de 2022.
- ↑ "Alexander Gomelsky El basket ruso sin papá" (en castelán). 19 de agosto de 2005. Consultado o 30 de xuño de 2022.
- ↑ "Самый главный в мире Папа. Великая эпоха Александра Гомельского" (en ruso). 18 de xaneiro de 2018. Consultado o 30 de xuño de 2022.
- ↑ ""Папа русского баскетбола": 90 лет назад родился Александр Гомельский" (en ruso). 18 de xaneiro de 2018. Consultado o 30 de xuño de 2022.
- ↑ "Ceremony honors the 50 contributors". Euroleague (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 26 de xaneiro de 2012. Consultado o 30 de xuño de 2022.
- ↑ "CSKA took the third place in Gomelsky Cup" (en ruso). 24 de setembro de 2008. Consultado o 30 de xuño de 2022.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Datos do adestrador no sitio web da ACB (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 25 de maio de 2011.
- Datos do adestrador no sitio web do Salón da Fama da FIBA (en inglés).
- Datos do adestrador no sitio web do Basketball Hall of Fame (en inglés).
- Nados en 1928
- Nados no óblast de Leningrado
- Finados en 2005
- Finados por leucemia
- Xogadores de baloncesto da Unión Soviética
- Xogadores de baloncesto de Rusia
- Escoltas de baloncesto
- Bases de baloncesto
- Adestradores de baloncesto da Unión Soviética
- Adestradores de baloncesto de Rusia
- Adestradores do PBC CSKA Moscova
- Adestradores da selección de baloncesto da Unión Soviética
- Membros do Salón da Fama da NBA