Abel Fernández

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Abel Fernández
Información persoal
Nome Abel Fernández Valencia
Nacemento 2 de outubro de 1937
Lugar de nacemento Madrid
Falecemento 23 de abril de 2018
Posición dianteiro
editar datos en Wikidata ]

Abel Fernández Valencia, nado en Madrid o 2 de outubro de 1937 e finado o 23 de abril de 2018, foi un futbolista que xogaba na demarcación de dianteiro.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A carreira futbolística deste gran goleador transcorreu principalmente no Racing de Santander, onde foi pichichi de Segunda División na tempada 1963-64, e no Real Club Celta de Vigo. Chega ao Celta procedente de Santander no verán de 1965 a cambio de 1 200 000 pesetas.

A súa primeira tempada en Vigo foi espectacular rematando o ano como máximo goleador da categoría con 26 goles, pese ao que o equipo rematou na segunda posición e non logrou superar a fase de promoción fronte ao Sabadell. Ao ano seguinte volve a demostrar a súa facilidade anotadora con 17 tantos, fallando tamén o colectivo no referido ao ascenso.

Na tempada 1967-68 o xogador madrileño volve repetir a cifra goleadora compartindo o pichichi co seu compañeiro de equipo Rivera. Ese ano o Celta faría un gran papel na Copa de España, da que foi apeada en semifinais contra o Real Madrid cunha actuación arbitral bastante discutida. No trofeo copero o dianteiro madrileño marcaría outros catro goles.

Ao ano seguinte o Celta por fin conseguiría o ansiado ascenso a Primeira División volvendo a ser Abel o máximo goleador do equipo con trece goles, e poñendo fin a unha longa estancia de dez anos do club en Segunda División.

A tempada do regreso do Celta á máxima categoría, a 1969-70, sería tamén a última de Abel na disciplina celeste, pois concédeselle a baixa ao rematar o curso pero podería chegar a debutar en Primeira División marcando 10 goles