Alfonso Castro Rivera

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Alfonso Castro
Información persoal
Nome Alfonso Federico Castro Rivera
Nacido 27 de marzo de 1955 (65 anos) [1]
Lugar Ferrol
Altura 1,70 m.
Posición Dianteiro
Carreira xuvenil
San Fernando
Bertón S.D.
S.C.D.R. Ferrándiz
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1971–1972 Racing de Ferrol 67 (23)
1973–1974Deportivo (cedido) 4 (1)
1974–1982 Deportivo da Coruña 209 (86)
1982–1983 Cádiz 2 (0)
1983–1985 Lorca Deportiva 56 (15)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Alfonso Federico Castro Rivera, coñecido como Castro, nado en Ferrol o 27 de marzo de 1955, é un ex futbolista galego.

Foi un dos dianteiros máis destacados da historia do Deportivo da Coruña, club no que xogou durante a maior parte da súa traxectoria, e onde figura na actualidade como o sexto máximo goleador de todos os tempos, con 93 goles.[2] Marcou co Deportivo en tres categorías distintas, Segunda, Segunda B e Terceira, e na tempada 1977/78 foi o máximo goleador da Segunda División, con 24 goles.

Antes estivera tres tempadas no Racing de Ferrol, debutando en Segunda con só 16 anos, e despois da súa etapa no Deportivo pasou polo Cádiz e o Lorca Deportiva, antes de deixar o fútbol aos 29 anos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Inicios[editar | editar a fonte]

Comezou a xogar ao fútbol en varios equipos ferroláns como o Ferrándiz,[3] e posteriormente traballou como soldador en ASTANO ata que foi fichado polo Racing de Ferrol.[4]

Racing de Ferrol[editar | editar a fonte]

Comezou nos xuvenís do equipo verde, co que marcou 27 goles na súa primeira tempada. As súas actuacións no xuvenil fixeron que Rafael Franco o fixese debutar co primeiro equipo en Segunda División, aos 16 anos, o 6 de febreiro de 1972 contra o Mallorca. Marcou o seu primeiro gol na xornada seguinte, no campo do Rayo Vallecano. O Racing acabou descendendo e Castro xogou dúas tempadas máis no club en Terceira, sendo coñecido como Castro II, para diferencialo de Joaquín Castro.

Deportivo da Coruña[editar | editar a fonte]

A última das súas campañas en Ferrol, a 1973/74, non a disputou completa, pois en abril foi cedido ao Deportivo da Coruña, en Segunda División. Levaba 18 goles esa tempada no Racing e chegou á Coruña canda un novo adestrador José Antonio Irulegui, para tentar salvar o equipo do descenso.[5][6] Xogou os catro partidos restantes da tempada, debutando fronte ao Betis e marcando fronte ao Sant Andreu, pero o Deportivo acabou descendendo á Terceira División por primeira vez na súa historia.

Na seguinte tempada incorporouse xa como xogador en propiedade do Deportivo. Foi o máximo goleador do equipo e da Terceira División, con 21 goles, logrando o equipo o retorno a Segunda.[7][8] Tras dous anos máis frouxos, marcou 24 goles na tempada 1977/78, incluídos dous tripletes e catro goles nun partido contra o Murcia en Riazor, e rematou como máximo goleador da Segunda División.[9] Nas seguintes dúas tempadas volveu ser o máximo goleador do equipo, antes de que este descendese á Segunda División B. Contribuíu con 10 goles no ascenso, e tras unha última tempada en Segunda, deixou o club coruñés despois de case unha década e 93 goles, que o colocaban naquel momento como o terceiro máximo goleador do Deportivo na súa historia, só por detrás de Veloso e Guimeráns.[2]

Cádiz, Lorca e retirada[editar | editar a fonte]

Na tempada 1982–83 foi contratado polo Cádiz CF, onde xogou 6 encontros e anotou un gol. Con todo, o club andaluz alcanzou o segundo posto na clasificación, logrando o ascenso a Primeira División. Na tempada 1983–84 fichou polo CF Lorca Deportiva, en Segunda B, co que marcou 13 goles en 37 partidos, contribuíndo ao único ascenso a Segunda na historia do club. Disputou media tempada máis co equipo murciano, que tiña problemas para pagar os salarios, e despois retirouse do fútbol aos 29 anos.[4]

Despois de deixar o fútbol profesional, seguiu xogando partidos de veteranos e fútbol sala, e adestrou equipos de fútbol sala en categorías de base.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ficha en bdfutbol.com
  2. 2,0 2,1 "Xogadores de lenda: Alfonso Federico Castro Rivera". Deportivo da Coruña. Consultado o 25 de novembro de 2020. 
  3. "Castro se disculpa". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de outubro de 1974. p. 41. 
  4. 4,0 4,1 4,2 "No diga gol, diga Alfonso Castro". DxT Campeón (en castelán). 3 de xuño de 2018. Consultado o 25 de novembro de 2020. 
  5. "Soy consciente de la situación". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de abril de 1974. p. 37. 
  6. "Llega el Deportivo a Sevilla en busca de un alivio para sus grandes penas". La Voz de Galicia (en castelán). 28 de abril de 1974. p. 45. 
  7. "Temporada 1974-1975". Deportivo da Coruña. Consultado o 25 de novembro de 2020. 
  8. "Un 'pichichi' cumpridor". La Opinión A Coruña. 27 de novembro de 2013. Consultado o 25 de novembro de 2020. 
  9. "Temporada 1977-1978". Deportivo da Coruña. Consultado o 25 de novembro de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]