A peu per Galícia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
A peu per Galícia. De la Ulloa a Val de Camba
Autor/aJosep Maria Espinàs
OrixeCataluña
LinguaCatalán
Xénero(s)Libro de viaxes
EditorialEdicions La Campana
Data de pub.Cataluña 2002
FormatoTapa branda con lapelas
Páxinas264
ISBN9788495616114
Precedido porA peu per Extremadura
Seguido porA peu per la Costa da Morte

A peu per Galícia. De la Ulloa a Val de Camba é un libro de viaxes do escritor catalán Josep Maria Espinàs, publicado en lingua catalá por Edicions La Campana en 2002.

Relato[editar | editar a fonte]

Esta é a primeira visita de Espinàs a Galicia, quen desde 1957 xa publicara diversos libros de viaxes ambientados inicialmente en Cataluña e despois tamén en Castela, o País Vasco e Estremadura. En 2004, logo da catástrofe do Prestige en novembro de 2002, publicou A peu per la Costa da Morte.

Espinàs buscaba evitar zonas urbanas turistificadas e o camiño de Santiago, e un coñecido recoméndalle visitar Santa Mariña do Castro de Amarante, e a partir de aí deseña unha ruta circular desde Palas de Rei pasando por Agolada, Rodeiro, Chantada, Taboada, Monterroso, Antas de Ulla e Santa Mariña de novo. A viaxe foi feita en xullo de 2001. Espinàs vai acompañado do seu amigo Sebastià, e a metade de camiño uniuse a eles Isabel Martí, a editora de Espinás.

O xoves 19 de xullo chegan en avión até o aeroporto da Lavacolla, e van en taxi a Palas de Rei. O venres pola mañá saen cara a Santa Mariña pola Ponte Mercé, pasando por Albá e Coence até cruzar o río Ulla. Ao día seguinte saen cara a Agolada, onde visitan os pendellos. O domingo, de camiño a Rodeiro, pasan por Ventosa e O Az. O luns pola mañá, de camiño a Chantada, a muller que os hospeda en Rodeiro lévaos un anaco en coche pola subida do monte Faro. Despois seguen pola estrada vella, a LU-213 (tramo da antiga C-533), en paralelo ao CG-2.1. O martes seguen até Taboada, e a muller que os hospeda alí lévaos até o río Miño á altura do encoro de Belesar. O mércores 25 chegan a Monterroso pasando por Viloíde, Curuxás e Frameán. O xoves van cara a Antas de Ulla desvíanse por Verín, e despois pasan por Randulfe. O venres, último día da viaxe, van até Frádegas e baixan de novo até o Ulla, nas Augas. Seguen por Chorexe e Pidre até A Ponte Mercé, de regreso cara ao Castro de Amarante. Alí visitan o pazo e a igrexa, antes de que o taxi os leve de novo á Lavacolla.

Narración[editar | editar a fonte]

O autor describe decote as persoas, coas que procura establecer conversa. Amais fala dos lugares a través da arquitectura e a paisaxe. Visitan varios templos como a igrexa de San Tirso de Palas de Rei, a románica de Santiago de Albá, a de Amarante ou a de Frameán.

Fai referencia á toponimia, explicando ao lectorado en lingua catalá as semellanzas da etimoloxía de Agolada con Igualada e de Sabadelle con Sabadell. Porén, hai erros ao anotar topónimos, como *Gresulle por Gresulfe ou *Suciños por Buciños.

A obra, en lingua catalá, inclúe numerosos diálogos en castelán e galego. O autor preocúpase pola situación sociolingüística da lingua galega, con referencias a casos de diglosia.

No texto hai referencias literarias, con citas de Manuel María e Rosalía de Castro e mencións a Celso Emilio Ferreiro, Julio Camba, Antón Losada, Álvaro Cunqueiro e Camilo José Cela entre outros autores.