Rosendo Salvado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rosendo Salvado Rotea
Tui Rosendo Salvado 01-02.jpg

Estatua a Frei Rosendo Salvado, en Tui.
Abade da Igrexa Latina (Igrexa Católica)
Biografía
Nacemento 1 de marzo de 1814 en Tui
Pasamento 29 de decembro de 1900 en Roma
Ordes
Ordenación sacerdotal 23 de febreiro de 1839
Consagración episcopal 15 de agosto de 1849, por Giacomo Filippo Fransoni
Orde relixiosa Orde de San Bieito (dende o 1830)
Abade de New Norcia
Bispo titular de Hadriani ad Olympum
1867 - 1900
Sucesor Fulgencio Antonio Torres
Cargos anteriores Bispo de Victoria (1849-1888)
Outros
Ficha en catholic-hierarchy.org

Frei Rosendo Salvado Rotea O.S.B., nado en Tui o 1 de marzo de 1814 e finado en Roma o 29 de decembro de 1900, foi un frade beneditino galego, misioneiro, bispo e escritor, fundador e primeiro abade de New Norcia (Nova Nursia), en Australia Occidental. Frei Rosendo está considerado como o introdutor do eucalipto en Galiza.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Lucas Rosendo José Salvado Rotea era fillo de Pedro Salvado e Francisca Rotea. Fixo os seus primeiros estudos no Seminario da súa cidade natal. Con dezaseis anos de idade, en xullo de 1830, fixo a profesión como membro da Orde de San Bieiro e ingresou no mosteiro beneditino de San Martiño Pinario en Santiago de Compostela. En 1832 fixo a profesión solemne dos votos e foi enviado durante certo tempo ao mosteiro asturiano de San Juan de Corias, para seguir perfeccionando estudos de órgano, pois posuía excelentes dotes musicais.

En 1835 veuse forzado a deixar o mosteiro compostelán por mor da Real Orde de Exclaustración Eclesiástica do goberno de conde de Toreno, regresando á súa cidade natal de Tui. Alí véuselle negada a ordenación sacerdotal. Salvado tomou entón a decisión de trasladarse a Italia. Chegou, en 1838, até o mosteiro da Trinità della Cava, a 45 km de Nápoles, que entón era parte do Reino das Dúas Sicilias. Alí foi ordenado presbítero o 23 de febreiro de 1839, oficiando a súa primeira misa no seguinte 1 de marzo.

Desexoso de facer labor misionario, Salvado, xunto cun compañeiro catalán, frei José Benito Serra, en 1844, buscan consello en Roma na Congregación de Propaganda Fide, onde son presentados perante John Brady, nomeado recentemente bispo de Perth, en Australia occidental, que precisa misioneiros para o continente aínda sen evanxelizar. Serra e Salvado parten con el até Londres, antes de partir para Australia desde o porto de Gravesand o 17 de setembro de 1845.

Entre Australia e Europa[editar | editar a fonte]

I centenario do pasamento
"Fray Rosendo Salvado"
Tui 1900-2000

A expedición arribou a Fremantle, na desembocadura do río Swan, non lonxe de Perth, o 7 de xaneiro de 1846. Brady asignoulles a Salvado e Serra unha zona de evanxelización no hoxe condado (shire) de Victoria Plains, a uns 132 km ao Norte de Perth. Os beneditinos, logo dun intento errado, escolleron un lugar ás beiras do río Moore, que bautizarían como New Norcia (Nova Nursia), en honra do fundador da súa orde, San Bieito de Nursia. Os alicerces do que sería un mosteiro misionario foron abertos o 1 de marzo de 1847. Salvado conseguiu estabelecer boas relacións coa poboación indíxena, e foi quen de obter unha extensa doazón de terras por parte das autoridades, que el lograría arredondar coa compra de terreos, con diñeiro obtido a través de concertos musicais en Perth. Foi quen de facer un empalme de camiño desde New Norcia até Bindoon, o que representaba 70 km de vía que facilitaban as comunicacións do seu asentamento. A finais dese mesmo ano de 1847 abriu unha escola infantil para indíxenas.

En 1848, frei Rosendo Salvado regresou a Europa a fin de obter fondos e vocacións para a misión, levando con el dous rapaces aborixes, Joseph Conaci e Francis Dirimera, que puxo en custodia da abadía da Trinità della Cava. Salvado foi consagrado como bispo de Port Essington (15 de agosto de 1849), aínda que realmente Salvado xamais tomou posesión de ningunha diocese. Aproveitou a súa estancia en Europa para visitar España. Entrementres, Brady expulsou ao seu compañeiro Serra de New Norcia. Coñecedor do asunto, Salvado retornou a Roma, onde buscou protectores para a súa obra e logrou ordes romanas que, á súa vez, removeron a Brady do bispado de Perth. Frei Rosendo asistiu tamén a un capítulo xeral da orde beneditina. Volveu novamente a España, e desta vez si visitou a súa localidade natal de Tui, onde ofreceu misa na súa catedral. A ocasión foi motivo tamén para que fosen plantados eucaliptos e acacias, que el trouxera desde Australia, feito polo que é considerado tradicionalmente como o introdutor do eucalipto na Galiza, cultivo que, co tempo, acadaría un extraordinario desenvolvemento. A raíña Isabel II propúxolle rexer o bispado de Lugo, mais Salvado refugou a honra. Porén era unha mostra máis de que o frade conseguira achar bos protectores para a súa misión.

En 1851 Salvado publicou en italiano a súa primeira obra sobre Australia, libro que obtería unha gran difusión ao ser traducido ademais ao castelán e francés. Porén, non foi editado en inglés até 1977, posibelmente pola súa viva crítica do comportamento dos británicos cos aborixes de Australia e Tasmania.

O 19 de abril de 1853, Salvado partiu desde Cádiz para Australia, levando consigo novos misioneiros e sacerdotes de diversas nacionalidades. Arribou o 15 de agosto a Fremantle, e atopou New Norcia en decadencia, mais con enerxía volveuna a erguer e aínda logrou estendela, abrindo pozo, e construíndo graneiros e muíños. Porén abríronse desavinzas con Serra, que era o novo bispo de Perth. Volveu a Europa de novo, obtendo de Roma a desagregación do seu mosteiro daquela diocese (decreto de 1 de abril de 1859).

New Norcia, prefeitura apostólica[editar | editar a fonte]

Vista xeral do mosteiro de New Norcia.

En 1865, volveu desde Australia, unha vez máis, a Europa, a fin de obter máis medios económicos e humanos. O 12 de marzo de 1867 obtén que New Norcia fose declarada prefeitura apostólica e abadía nullius, co que a misión pasaba a depender directamente de Roma, sen interferencia de ningún prelado, ao tempo que frei Rosendo era nomeado abade de New Norcia. Porén a idea de crear un colexio misionario en El Escorial aborta polo triunfo da revolución de 1868.

Ao pouco tempo de volver de novo a Australia, é convocado para as sesións do Concilio Vaticano I (1869 - 1870), tornando outra vez para o Vello Continente. Ao rematar o concilio, Salvado regresa a Australia.

No ano 1882, regresou outra vez a Europa. Nesta viaxe visita de novo Galiza. Retoma a antiga idea de crear un colexio misionario en España que preparase futuros propagadores da fe católica en ultramar. As condicións política eran favorábeis, tras a nova restauración borbónica: o rei Afonso XII aproba, o 18 de maio de 1884, a creación non de un, senón de tres colexios, localizados nos mosteiros de Montserrat, Silos e Samos. Regresou a Australia en xullo de 1886.

Derradeira viaxe a Europa: morte[editar | editar a fonte]

Abadía de Nova Nursia, onde está enterrado Rosendo Salvado.

En novembro de 1899 fai a que será a derradeira viaxe a Europa. Leva a idea de lograr unha mellor coordinación dos mosteiros beneditinos para o labor misionario. En Roma logra agregar New Norcia á provincia beneditina de España (decreto de Propaganda Fide do 2 de setembro de 1900) e nomea como sucesor seu na dignidade abacial do lugar ao padre Fulgencio Torres y Mayáns. No mesmo mes visitou a abadía catalá de Montserrat. Pero a súa avanzada idade non lle perdoaba xa tal febril actividade e, no mes de decembro, en Roma, comezou a sentirse mal, sen que lograra recuperarse.

Frei Rosendo Salvado faleceu en Roma, e os seus restos foron trasladados a New Norcia e sepultados na igrexa do mosteiro.

Obra[editar | editar a fonte]

  • Memorie storiche dell'Australia, particolarmente della Missione Benedittina di Nuova Norcia. Roma, 1851 (a tradución española é de 1853, a tradución francesa, de 1854; foron traducidas ao inglés como "The Salvado Memoirs," Translated and Edited by Fr. E. J. Stormon, S. J., University of Western Australia Press, 1977).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Rosendo Salvado Modificar a ligazón no Wikidata

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Prada, Albino (2014): Crónica desde el país de los sin alma. Rosendo Salvado en Australia 1846-1899, A Coruña, Biblioteca Gallega-La Voz de Galicia (ISBN 878-84-9757-282-8)
  • Rodriguez, Manuel (1944). Centenario del padre Rosendo Salvado, O.S.B.. Madrid: Consejo Superior de Misiones. 
  • Rodríguez, Santiago (1944). El padre Salvado: un gallego civilizador de Australia. Madrid: Consejo Superior de Misiones. 
  • Salvado, Rosendo (1851). Memorie storiche dell'Australia, particolarmente della Missione Benedittina di Nuova Norcia. Roma, 1851 (la traducción española es de 1853, la traducción francesa de 1854; la traducción inglesa fue titulada The Salvado Memoirs, traducida y editada por Fr. E. J. Stormon, S. J., University of Western Australia Press, 1977).
  • Salvado, Rosendo (1883). Relazione della Missione benedittina di Nuova Nurcia nell’Australia Occidentale (1844-1883). Roma, 1883; en Cipollone, G. y Orlandi,C. Aborigeno con gli aborigene, Librería Editrice Vaticana,2011

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]