Portal:Irlanda/Lugar de interese/Arquivo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aquí están todos os lugares de interese destacados no portal Irlanda:

1[editar a fonte]

Gaoth Dobhair (en inglés: Gweedore), é unha parroquia gaélicofalante que se atopa na costa atlántica do condado de Donegal, en Irlanda. É a meirande parroquia gaélicofalante de todo Irlanda, cunha poboación de 4.065 persoas (2002), e acolle os estudios rexionais do servizo de radio RTÉ Raidió na Gaeltachta no noroeste, así como tamén un campus externo da Universidade Nacional de Irlanda en Galway. Gaoth Dobhair atópase preto do punto máis elevado de Donegal, o monte Errigal, e inclúe as localidades de An Bun Beag, Doire Beag, Dún Lúiche, Croithlí e Bun an Leaca.

Gaoth Dobhair é principalmente coñecido por ser o berce da cultura de Irlanda, mantedor dos antigos costumes irlandeses, a música tradicional, o teatro, os deportes gaélicos e a lingua irlandesa como eixe fundamental da vida da poboación local.


2[editar a fonte]

As Illas Blasket (en lingua irlandesa Na Blascaodaí - de etimoloxía incerta. Podería ter orixe na voz norueguesa "brasker" que significa "lugar perigoso") son un grupo de illas situadas na costa oeste de Irlanda que forman parte do condado de Kerry.

O arquipélago estivo habitado até o ano 1953, e a práctica totalidade da poboación tiña o irlandés como lingua materna. Os habitantes foron evacuados á illa de Irlanda o 17 de novembro de 1953. Algúns emigraron ós Estados Unidos e aínda hoxe se poden atopar os seus descendentes en Springfield, Massachusetts, mentres que outros ficaron na veciña península de An Daingean, dende a cal poden ver o seu antigo fogar.


3[editar a fonte]

Newgrange (en irlandés: Sí an Bhrú) é un monumento prehistórico do condado de Meath, en Irlanda, que se atopa a un quilómetro do río Boyne. Foi construído no período Neolítico arredor do -3000 ou no -2500, sendo máis antigo que Stonehenge ou as Pirámides exipcias. O sitio está formado por un gran montículo circular cunha pasaxe e cámaras interiores de pedra. O montículo ten un muro de contención na parte dianteira e está rodeado por bordillos gravados. Non existe acordo sobre a finalidade do sitio, pero tense especulado sobre o seu significado relixioso – xa que está aliñado co sol nacente e a súa luz inunda a cámara no solsticio de inverno. É o máis importante monumento do complexo neolítico de Brú na Bóinne, xunto coas tumbas de corredor de Knowth e Dowth, que están declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Newgrange tamén comparte moitas semellanzas con outras construcións neolíticas de Europa occidental, como Maeshowe nas illas Orcadas, en Escocia e Bryn Celli Ddu en Gales.


4[editar a fonte]

O Parque Nacional Glenveagh (en irlandés: Páirc Náisiúnta Ghleann Bheatha) é o segundo maior parque nacional da República de Irlanda por detrás do Parque Nacional das Montañas Wicklow. Atópase no noroeste do condado de Donegal e a 20 km de Gaoth Dobhair. O parque abrangue case 170 km² e nel atópanse tamén o castelo de Glenveagh e o lago Beagh (en irlandés: Loch Ghleann Bheatha). Posúe unha rede de xardíns informais nos que se poden ver multitude de plantas exóticas de Chile, Madeira ou Tasmania, todas elas protexidas por cortinas forestais de piñeiros e rododendros.

A propiedade foi estabelecida por John Adair, que se fixo polemicamente famoso por expulsar a 244 dos seus inquilinos e por limpar as terras para que non se arruinasen as vistas da paisaxe. Os xardíns e o castelo foron entregados ao goberno da República de Irlanda en 1981 por Henry Plumer McIlhenny de Filadelfia, que mercara as terras en 1937. O terreo foi declarado parque nacional en 1984.

Glenveagh é o fogar da maior manda de cervos comúns de Irlanda e tamén da anteriormente extinta aguia real, que foi reintroducida no parque no ano 2000.


5[editar a fonte]

O Castelo de Dublín é unha fortaleza datada no século XVIII situada en Dame Street, na capital de Irlanda. Hoxe en día acolle diversas oficinas gobernamentais, un centro de conferencias e é unha das principais atraccións turísticas de toda a illa.

No lugar onde hoxe se ergue o castelo actual xa existía unha fortaleza medieval dende os días do rei Xoán I de Inglaterra, o primeiro Señor de Irlanda. Serviu de sede aos posteriores Señores (dende 1171 ata 1541), aos monarcas do Reino de Irlanda (1541 - 1800) e aos gobernadores do Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda (1800 - 1922). Con motivo da creación do Estado Libre Irlandés deixou de ser sede dos gobernos da illa.


6[editar a fonte]

Binn Ghulbain é unha montaña tabular de 526 m de altura no condado de Sligo, en Irlanda. Tamén é coñecida polo seu nome en inglés Benbulbin, e ás veces tamén Ben Bulben ou Benbulben. Forma parte das montañas Dartry e atópase nunha zona coñecida tamén como "o país de Yeats". Binn Ghulbain é un espazo protexido do condado de Sligo.

A escalada pola cara norte é perigosa principalmente porque soporta o choque dos ventos fortes que chegan dende o Atlántico. Pola contra, a escalada pola cara sur é doada.

O célebre poema Under Ben Bulben escrito por William Butler Yeats é basicamente unha descrición de Binn Ghulbain e do "país de Yeats". Foi a súa derradeira poesía e foi publicada no The Irish Times.


7[editar a fonte]

Sceilg Mhichíl, tamén coñecida como Skellig Michael en inglés, é unha illa rochosa despoboada que se atopa a 11,6 km ao oeste da península de Iveragh, no condado irlandés de Kerry. É a meirande das dúas illas Na Scealaga (a outra é Sceilg Beag). Sceilg Mhichíl significa "Rocha de (San) Miguel" en lingua irlandesa. O seu punto máis alto atópase a 218 msnm e ten unha superficie de 22 ha. Arredor do século VII estabeleceuse un mosteiro cristián na illa e permaneceu ocupado até finais do século XII cando foi abandonado.

En 1996, o complexo monástico da illa foi incluído na listaxe de Patrimonio da Humanidade pola UNESCO baseándose en criterios culturais:

...o sitio posúe un valor universal por tratarse dun excepcional, e en moitos aspectos único, exemplo dun asentamento relixioso temperá deliberadamente situado sobre unha rocha piramidal no océano, preservado grazas á súa salientábel contorna natural. Ilustra, como en ningures, os extremos dun monasticismo cristián moi característico do norte de África, Oriente Próximo e Europa.
UNESCO


8[editar a fonte]

O río Sionainn (en inglés Shannon) é o río máis longo de Irlanda. Divide o oeste da illa (maioritariamente a provincia de Connacht) do leste e do sur (Leinster e a maioría de Munster). O río ten sido dende a antigüidade unha importante vía de comunicación.

Por vez primeira plasmado nun mapa por Ptolomeo, o longo río de 386 km flúe xeralmente cara o sur dende Lag na Sionna no condado de Chabháin antes de torcer ó oeste e verquer no Océano Atlántico a través do longo estuario do Sionainn de 113 km. A cidade de Luimneach (en inglés Limerick) érguese no punto no que a auga do río se xunta coa do mar no estuario.


9[editar a fonte]

O Castelo de Blarney (en irlandés: Caisleán na Blarnan) é unha fortaleza medieval que se atopa no concello irlandés de Blarney, preto de Cork e do río Martin.

O castelo atópase hoxe en día parcialmente en ruínas mais conta con algunhas estancias e cuartos aos que se pode acceder. Na parte superior, a carón das ameas, atópase a Pedra da Elocuencia, máis coñecida como Pedra de Blarney, que atrae a moitos turistas. Dise que bicar a pedra pendurado no aire e de costas proporciona o don da elocuencia.

Arredor do castelo hai grandes xardíns e varios camiños que levan a formacións rochosas curiosas que levan por nome Druid's Circle, Witch's Cave e Wishing Steps. A Casa Blarney, unha mansión de estilo escocés de 1874, tamén se atopa preto do castelo e está aberta ao público.


10[editar a fonte]

O lago Neagh (en irlandés: Loch nEathach, en scots: 'Loch Neagh', en inglés: Lough Neagh) é o meirande lago de auga doce da illa de Irlanda e tamén do conxunto das illas Británicas. O seu nome provén do irlandés loch nEachach, que significa "lago de Eachaidh", aínda que hoxe en día escríbese loch nEathach en irlandés moderno. O lago é propiedade do conde de Shaftesbury.

Atópase a 30 km ao oeste de Belfast e mide un máximo 30 km de longo e 15 km de ancho. Con 392 km² é décimo quinto lago de auga doce por superficie da Unión Europea e o trixésimo primeiro de Europa. A pesar do seu tamaño é moi pouco profundo, xa que a súa profundidade media é de tan só 12 metros e a máxima de 25 metros.

Cinco dos seis condados de Irlanda do Norte teñen costa no lago (o único que non é o condado de Fermanagh), e a súa área repártese tamén entre eles. Son os condados de Antrim, Down, Armagh, Tyrone e Derry.