Cervo común

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cervo común
Macho de cervo común
Macho de cervo común

Femia
Femia

Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Familia: Cervidae
Xénero: Cervus
Especie: C. elaphus
Nome binomial
Cervus elaphus
(Carl von Linné, 1758)
Distribución Cervus elaphus

Distribución Cervus elaphus
Distribución en Europa: verde escuro actual e verde claro histórica.

Distribución en Europa: verde escuro actual e verde claro histórica.
Subespecies

Numerosas, véxase texto

O cervo común ou cervo vermello (Cervus elaphus) é unha especie de cérvido amplamente espallada polo Hemisferio Norte. Documentáronse unhas 27 subespecies distintas cunha área de distribución que se estende dende o Magreb, a Península Ibérica e Gran Bretaña ata gran parte de América do Norte, que se diferencian entre si polo tamaño, lonxitude e cor da pelaxe e forma das cornas. As seis subespecies de uapitís norteamericanos, outrora clasificados na especie propia Cervus canadensis, clasifícanse actualmente como subespecies de Cervus elaphus. Os cervos chegan á puberdade ao ano de naceren.

Descrición[editar | editar a fonte]

O cervo común é un cervo de gran tamaño (só superado polo alce dentro do conxunto dos cérvidos vivos), cun tamaño ordinario de 160 a 250 centímetros de lonxitude e un peso nos machos de ata 200 quilos. Esta especie presenta dimorfismo sexual, sendo as femias máis pequenas e menos corpulentas cós machos; algunhas presentan pequenas cornas. Os individuos de sexo masculino presentan cornas que renovan cada ano e, nalgunhas subespecies, unha densa melena de pelo escuro no pescozo e nos ombreiros. A cor do pelo é normalmente parda en todo o corpo agás no ventre e os glúteos, esbrancuxados, e pode variar na intensidade da súa tonalidade segundo os individuos. As cría de poucos meses presentan unha coloración avermellada, con manchas e raias brancas que lles axudan a agocharse dos depredadores.

A dieta desta especie é exclusivamente vexetariá, cun maior peso de follas que de herbas.

Vida social[editar | editar a fonte]

Manda de cervos

Os cervos son animais herbívoros que forman grupos en función da súa idade e altura. As femias viven en mandas de decenas de exemplares coas súas crías máis novas, namentres que os machos se moven de forma solitaria ou en grupos moito máis reducidos, de menos de 5 individuos. Só se achegan ás femias na época de celo (entre agosto e setembro, segundo zona e clima) momento no que comezan a amosar os seus desexos de reproducírense por medio da berrea[1] e loitan cos outros machos polo control dun harén.

Para iso, os cornos estivéronse desenvolvendo durante o verán, adquirindo maior tamaño, lonxitude e número de puntas conforme medra o exemplar. No outono as cornas perden a pel protectora que as recubre (o veludo), que os machos se encargan de facer desprenderse fregando a testa contra os troncos das árbores. Durante toda a época de reprodución, os machos non se alimentan e pasan todo o día loitando entre eles ou copulando coas femias que se gañaron, de tal xeito que non é raro que moitos morran de fame e puro esgotamento se o ano foi malo e non acumularon reservas abondo para afrontar o inverno. Isto afecta en maior medida aos individuos novos, que adoitan rematar a estación sen se reproduciren, derrotados por animais de maior idade e forza. Por mor disto, a esperanza de vida media para os machos desta especie é de apenas 5 ou 6 anos, aínda que con sorte poden acadar os 20.

Trala época do celo, os machos abandonan normalmente a manda conquerida, aínda que algúns fican nela durante unha tempada. Para febreiro todos os individuos perderon xa os seus cornos e procederán nos meses vindeiros a renovalos.

As femias preñadas durante o outono paren unha cría ou dúas 8 meses despois, a comezos do verán. Os cervatos poden erguerse e seguir á súa nai ao pouco de nacer, pero ela adoita agochalos entre a vexetación do bosque e acudir regularmente para lles dar de mamar, cousa que fan ata os 3 meses. Aos 2 anos as femias xa son adultas, mentres que os machos acadan a madurez aos 3, mais tardarán uns anos máis en poder vencer a resistencia dos veteranos e aparearse.

Depredadores[editar | editar a fonte]

O cervo común é presa de múltiples carnívoros. Os adultos e crías poden caer vítimas de linces, lobos, osos, tigres e leopardos (en Siberia e Manchuria), e pumas (en América). Os individuos moi novos, ademais, son cazados tamén por raposos, gatos salvaxes, coiotes e aguias. Ante estes animais só teñen o recurso da fuxida e no caso dos máis pequenos a camuflaxe, pois os machos de cando en vez empregan os seus cornos para loitar contra eles por ser pouco efectivos contra os carnívoros.

No entanto, estas ameazas non son suficientes para poñer en perigo a especie. En zonas onde se exterminaron un gran número de carnívoros, os cervos poden chegar a ser unha praga e ameazar a poboación de certas plantas. Por iso a súa caza é moi común en todo o mundo, aínda que tende a ser regulada para que non resulte excesiva: as subespecies que vivían nos Montes Apalaches, o val do Río Mississippi e o sur das Montañas Rochosas extinguíronse no século XIX precisamente polo exceso de capturas, e varias subespecies máis corren perigo de desaparecer. Entre as subespecies ameazadas están as de Andalucía (C. e. hispanicus), Córsega (C. e. corsicanus), Bactriana (C. e. bactrianus), os montes Tian Shan (C. e. songaricus) e Yellowstone (C. e. nelsoni).

Subespecies[editar | editar a fonte]

Distribución do cervo en Europa.
Cervos loitando testa contra testa.

Existen outras seis subespecies (dúas extintas en tempos recentes) nativas de América do Norte, que reciben o nome de uapitís. Clasificadas inicialmente como unha especie aparte (Cervus canadensis), na actualidade considéranse subespecies de Cervus elaphus:

Uapití, cervo norteamericano

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Carranza, J. (2004). Ciervo – Cervus elaphus. En: Enciclopedia Virtual de los Vertebrados Españoles. Carrascal, L. M., Salvador, A. (Eds.). Museo Nacional de Ciencias Naturales, Madrid. http://www.vertebradosibericos.org/

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cervo común Modificar a ligazón no Wikidata