Pacto Ribbentrop-Molotov

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Pacto Molotov-Ribbentrop")
Sinatura do pacto. Molotov está a piques de asinar. Ribbentrop está detrás del, con Stalin á súa esquerda.

O Pacto Ribbentrop-Molotov, ou pacto de non agresión, foi asinado entre a Alemaña nazi e a Unión Soviética en Moscova polos ministros de Asuntos Exteriores da Alemaña e da Unión Soviética, Joachim von Ribbentrop e Viacheslav Molotov respectivamente.

O pacto rubricouse o 23 de agosto de 1939, pouco antes de iniciarse a Segunda Guerra Mundial.

Os acordos[editar | editar a fonte]

O tratado contiña cláusulas de non agresión mutua, así como de comprometerse á unha solución pacífica das controversias entre ambos estados, e cunha intención de estreitar unións económicas e comerciais, así como de axudarse un ao outro. Ademais, o tratado contiña tamén unhas disposicións secretas que só coñecían os xerarcas do ambos gobernos, mais non reveladas ao público, onde o Terceiro Reich e a Unión Soviética definían case literalmente as partillas da Europa do leste e central, fixando os límites da influencia alemá e soviética mediante mutuo acordo, determinando que Polonia ficaría como zona de influencia de ámbolos dous estados, e logrando a Unión Soviética que Alemaña recoñecesen a Estonia, Letonia e Lituania como zonas de interese soviético. Tamén se comprometían a consultarse mutuamente sobre asuntos de interese común e a non participar en ningunha alianza formada en contra de algún dos estados asinantes.

Efectos[editar | editar a fonte]

Mapa das fronteiras acordadas no pacto Ribbentrop-Molotov, e mapa das fronteiras de 1939.

A sinatura deste pacto incomodou moito no resto de Europa, aínda que Stalin estivera intentando negociar unha alianza con Gran Bretaña e Francia durante varios meses. Para moitas persoas resultaba incomprensíbel que dúas potencias tan enfrontadas puideran pórse de acordo nun pacto de non agresión amistoso en tan pouco tempo. Especial foi o caso dos fascistas que odiaban a ideoloxía comunista e vían isto como un pacto co demo, ao igual que os simpatizantes da Unión Soviética, que vían ao réxime nazi como o inimigo a bater.

A consecuencia directa foi a invasión conxunta de Polonia por Alemaña e a URSS en setembro de 1939 e o ataque a Finlandia por parte da URSS pouco despois. Baixo este pacto en 1940 os soviéticos anexiónanse Estonia, Lituania e Letonia, e territorios de Romanía.

Despois da vitoria da Wehrmacht na batalla de Francia en xuño de 1940 e unha vez comezada xa a Segunda Guerra Mundial, as relacións xermano-soviéticas tornáronse cada vez máis tensas. Hitler consideraba ao pacto asinado como unha solución temporal, pois andaba cavilando en expandir o territorio alemán cara o Este. Nunha conferencia secreta celebrada o 31 de xullo de 1940, os alemáns tomaron a decisión de invadir a Unión Soviética na primavera de 1941, nun plan que tiña o nome de Operación Barbarroxa. As relacións entre ambos países empezaron e poñerse moi negras ante a presenza da maquinaria bélica alemá en Finlandia e Romanía, e tamén a unha visita do soviético Molotov a Berlín no novembro de 1940, onde dixo en voz moi alta que estaba preocupado polo enorme poderío militar da Alemaña. Os preparativos para a Operación Barbarroxa realizáronse rapidamente, e a decisión de invadir a URSS foi confirmada nunha asemblea de guerra o 18 de decembro de 1940.

Caricatura polaca do 8 de setembro de 1939. Ribbentrop rende cortesía a Stalin.

Alemaña atacou a Unión Soviética o 22 de xuño de 1941, ao invadir o territorio polaco anexionado pola URSS en setembro de 1939, nunha campaña militar que non rematou até o 1945, coa derrota final alemá.

Os documentos oficiais do Terceiro Reich alusivos ao Pacto, incluíndo as "cláusulas secretas"", foron descubertos trala fin da guerra polo exército británico, sendo eventualmente revelados ao público. Durante décadas, a política oficial da Unión Soviética foi negar a existencia de tales cláusulas secretas do Pacto e admitir como reais só os acordos relacionados á mutua non agresión. Non foi senón tras a gran manifestación denominada Cadea báltica, en agosto de 1989, coa que se creou unha comisión especial na Unión Soviética para investigar a súa existencia, concluíndo os seus traballos afirmativamente. Como resultado, o goberno soviético presidido por Gorbachov, no marco da súa política de glasnost (apertura) emitiu unha declaración oficial admitindo como verdadeiro o contido deste tratado respecto á partilla nazi-soviética da Europa Oriental e condenando o Pacto.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Pacto Ribbentrop-Molotov

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]