Oñati

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaOñati
Imaxe

Alcumetxantxikuak Editar o valor em Wikidata
Localización
Mapa
 43°01′58″N 2°24′42″O / 43.03278, -2.41167Coordenadas: 43°01′58″N 2°24′42″O / 43.03278, -2.41167
EstadoEspaña
Comunidade autónomaPaís Vasco
ProvinciaGuipúscoa
ComarcasDebagoiena Editar o valor em Wikidata
CapitalOñati (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Poboación
Poboación11.567 (2023) Editar o valor em Wikidata (106,9 hab./km²)
Lingua oficiallingua éuscara (lingua predominante) Editar o valor em Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie108,2 km² Editar o valor em Wikidata
Altitude230 m Editar o valor em Wikidata
Comparte fronteira con
Creación1467 Editar o valor em Wikidata
Organización política
• Alcaldesa Editar o valor em WikidataIzaro Elorza Arregi
Eli Galdos (pt) Traducir (1979–1991)
Angel Iturbe (en) Traducir (1991–2003)
Andoni Gartzia Arruabarrena (en) Traducir (2003–2006)
Lourdes Idoiaga (en) Traducir (2006–2011)
Mikel Biain Berraondo (en) Traducir (2011–2019) Editar o valor em Wikidata
Identificador descritivo
Código postal20560, 20567, 20568 e 20569 Editar o valor em Wikidata
Fuso horario
Código INE20059 Editar o valor em Wikidata
Outro
Irmandado con

Sitio weboñati.eus Editar o valor em Wikidata

Oñati é un concello da provincia de Guipúscoa, no País Vasco. O concello pertence á comarca de Debagoiena, cunha poboación de 11 428 habitantes segundo os datos do INE de 2021. Ten unha área 108,2 km², polo que a súa densidade de poboación é de 100 habitantes/km².

Oñati foi unha vila señorial que pasou a ser condado. Non se integrou na provincia de Guipúscoa até 1845. Nesta localidade fundouse a primeira universidade do País Vasco, a Universidade de Oñati, en 1543. É o concello máis extenso da provincia e o núcleo urbano áchase a unha altitude de 231 msnm, mentres que a altura máxima é de 1.368 metros no cumio do monte Artzanburu.

Escudo de armas[editar | editar a fonte]

O escudo de armas da vila de Oñati reflicte as familias que tiveron relevancia histórica. Está dividido en tres cuarteis. Nos dous superiores represéntase: no da esquerda unha aguia como símbolo da familia dos Garibai, os Aguillos; no dereito represéntase un cervo en actitude de correr como símbolo da familia oñatiarra dos Murguia, os Cervunos; e o cuartel inferior está ocupado por un cervo ferido sobre un trigal e sobre el unha aguia con poutas e picándolle o corazón. Isto simboliza unha batalla medieval que perderon os oñatiarras, e na que foron exterminados os Murguia. Antigamente ostentaba a lenda Zara bay. — Zeren bay? — Gari bay. ("Date en prenda. — De que? — Do trigo.") Este escudo foi da familia de Garibay e foi adoptado pola vila en 1775 para substituír outro no que figuraba San Miguel.[1]

Localización[editar | editar a fonte]

A vila de Oñati atópase no suroeste da provincia de Guipúscoa, nos límites con Araba, na conca alta do río Deba e rodeada de montañas. Oñati limita ao norte con Bergara (12 km) e Antzuola, ao sur con Araba, ao leste con Legazpi (13 km) e ao oeste con Arrasate (10 km) e Aretxabaleta. Oñati está a 27 km de Éibar, a 73 km de Donostia, capital da provincia; a 52 km de Gasteiz, capital do País Vasco; e a 64 km de Bilbao, capital de Biscaia.

Comunicacións[editar | editar a fonte]

A estrada principal, que percorre o territorio municipal e pasa polo núcleo urbano, é a GI-2630. Esta estrada vai dende o barrio bergarés de San Prudencio, onde se une á GI-627 que percorre o val do Deba, e á autoestrada AP-1 de Éibar a Vitoria, até a localidade de Zumárraga.

Do núcleo urbano parte a estrada GI-3591 que une este co santuario de Arantzazu e o barrio de Araotz, ao que se chega tomando a GI-3592. A estrada GI-3593 une o barrio de Urrexola e o val de Zañartu.

Desde 1923 contou cun ferrocarril de vía estreita que unía a localidade á liña Bergara-Vitoria-Estella. En 1938 electrificouse e cerrou o 31 de decembro de 1967.

O barrio de Brinkola, a 10 km do núcleo urbano, conta cunha estación de RENFE na que dan servizo os trens de proximidades de Donostia.[2]

O transporte aéreo centralízase nos aeroportos de Donostia (Guipúscoa), Gasteiz (Áraba) e Bilbao (Biscaia). Os portos de Bilbao e Pasaia completan a oferta de transporte marítimo.

Composición[editar | editar a fonte]

Ademais do centro urbano, ten 13 barrios; Arantzazu, Araotz, Uribarri, Lezesarri, Urrexola, Murgia, Olabarrieta, Berezao, Garagaltza, Goribar, Zañartu, Torreauzo, Garibai, Santxolopetegi, Zubillaga e Larraña.

Clima[editar | editar a fonte]

A localización de Oñati fai que o seu clima sexa temperado e húmido, dentro do oceánico temperado. As montañas que o arrodean, superiores aos 1.000 metros de altitude, fai que nos lugares altos haxa influencia do clima de montaña. A temperatura media oscila entre os 10 e 22 graos centígrados.

Hidrografía e orografía[editar | editar a fonte]

A vila de Oñati está rodeada de diferentes serras cuxos cumios se encontran entre os máis altos do País Vasco, coma o Aizkorri (1.528 m), Aketegui (1.544 m), Aitxuri (1.551 m), Andarto (1.076 m) ou Elgea-Artia (1.117 m). O núcleo urbano aséntase nun val no que conflúen os ríos procedentes das serras que o rodean, formando o Oñati, que é afluente do Deba.

As montañas están formadas por rocha calcaria que deu lugar a unha gran zona cárstica con complexos subterráneos de grande extensión e profundidade. Abriuse a visitas turísticas a cova de Arrikrutz como mostra do fenómeno cárstico na zona.

Hidrografía[editar | editar a fonte]

Dos montes que rodean Oñati baixan varios ríos que se xuntan no núcleo urbano. Por un lado o Ubao e o Olabarrieta, e por outro o Auntz-erreka. Estes ríos pasan polo curioso claustro da igrexa de San Miguel. Pouco despois xúntanse ao río Aránzazu, que percorre un quilómetro baixo terra, entra por Guesalza e sae pola cova San Elías xunto ao Araoz e ao Urkulu. O río así formado, o Oñati, desemboca no río Deba no barrio bergarra de San Prudencio.[3]

Orografía[editar | editar a fonte]

O amplo val que ocupa o núcleo urbano do concello de Oñati contrasta cos montes que o rodean, en especial cos que se sitúan ao sur, que teñen os cumes máis altos dos Montes Vascos.

O terreo é de lousas e arenitas, con calcaria arrecifal no sur, na serra de Aitzkorri.

Economía[editar | editar a fonte]

A industria é a actividade económica máis importante do concello, seguida dos servizos. A agricultura ocupa ao 11% da poboación. Os servizos céntranse na atención das necesidades básicas e nun incipiente turismo de interior.

O sector primario ocupa ao 11% da poboación laboral. As terras do concello son boas terras de pastos, coma as campas de Urbía, que dan sustento a unha abundante gandaría composta de ovino e bovino. A agricultura tamén tivo un peso importante, así como a explotación forestal dos seus montes, ben para a obtención de madeira ou ben para a fabricación de carbón vexetal. As actividades gandeira e forestal mantéñense como actividades económicas relevantes.

O sector secundario é o motor económico do concello. Historicamente foron as actividades máis relevantes habendo antecedentes de varias ferrarías que aproveitaban a riqueza de combustible (carbón vexetal) e mais de forza hidráulica para obter ferro e transformalo posteriormente en diversos obxectos coma ferramentas, armas ou cravos. Esta actividade completábana artesáns de diferentes oficios coma cesteiros, tecedoras, muiñeiros etc.

A entrada da industria moderna propiciou a conversión dos pequenos talleres manuais en empresas industriais. A industria de Oñati é moi diversificada, dende fábricas de mixtos e chocolate até elementos metálicos de todo tipo. Dende Osinurdin en Zubillaga até o núcleo urbano creouse unha zona industrial duns catro quilómetros de lonxitude.

O sector servizos centrado en cubrir as necesidades básicas da poboación e nun turismo interior importante ten certa relevancia económica. Os servizos especializados chegan ás poboacións veciñas de Mondragón e Bergara, incluso ás capitais de provincia próximas, Vitoria e San Sebastián. O turismo está centrado en dous ámbitos diferente, por un lado a riqueza monumental na que está integrado o santuario de Arantzazu, e por outro o da riqueza natural, cuxo eixe principal é o Parque Natural de Aizkorri, coas lombas de Urbía como corazón central. O turismo rural tamén ten relevancia.

Empresas importantes[editar | editar a fonte]

As seguintes empresas de Oñati superan os 50 traballadores, segundo o Catálogo Industrial Vasco:

  • Altuna Hermanos: ferramentas de man para xardinería, industria e agricultura [1]
  • Energía Portátil: pilas e lanternas. Pertence ao Grupo Cegasa [2]
  • Fagor Electrodomésticos: planta de fabricación de mobles de cociña [3]
  • Fagor Industrial: electrodomésticos de uso colectivo ou industrial [4]
  • Hijos de Juan de Garay: tubos de aceiro soldados e calibrados de precisión, compoñentes tubulares para automoción e barras e perfís de latón [5]
  • Lana: encofrados e estruturas de madeira [6].
  • Natra Zahor: chocolate [7]
  • Nemesio Zubia: tratamento e transformación de tubos para usos industriais [8]
  • Stadler: pezas metálicas sinterizadas [9]
  • Grupo Ulma: [10]
    • Ulma C y E (Ulma Construcción): sistemas industrializados para a construción [11] Arquivado 25 de novembro de 2009 en Wayback Machine.
    • Ulma C y E (Ulma Packaging): máquinas de embalaxe para o sector industrial e o de alimentación [12]
    • Ulma C y E (Ulma Agrícola): montaxe de instalacións agrícolas [13]
    • Ulma Forja: forxa e estampaxe [14]
    • Ulma Hormigón Polímero: pezas prefabricadas de formigón polímero [15]
    • Ulma Manutención (Ulma Carretillas Elevadoras): carretillas elevadoras [16]
    • Ulma Manutención (Ulma Handling Systems): sistemas automáticos de almacenamento e transporte [17]

Historia[editar | editar a fonte]

Nas terras de Urbia hai numerosos monumentos megalíticos que testemuñan a presenza humana en terras do concello de Oñati dende tempos prehistóricas.

O nome da vila aparece por primeira vez en 1200 nas indulxencias concedidas polo bispo de Calahorra en 1200: Ecclesiam sancti michaeli de Onati. En castelán transformaríase en Oñate pola evolución fonética do -i final postónico en -e.

Oñati foi unha vila de señorío que pasou logo a condado. O condado estivo rexido pola familia Vela e posteriormente pola Guevara de Áraba. Os Condes de Oñati tiñan autoridade sobre o seu condado o que lles permitía cobrar impostos, nomear o alcalde e o abade da igrexa, exercer a xustiza e capitanear as tropas entre outros dereitos. Entre estes estaba o de puerco ezkurbeste que consistía na asignación para o Señor dun porco de cada piara que engordase nos montes do condado. A torre de Zumelzegui era a residencia do conde na vila e mostra do seu poder. No condado utilizábase o foro castelán para cuestións referentes aos fidalgos e o navarro para as referentes aos labregos e plebeos.

O poder do señor de Oñati foi cuestionado frecuentemente polos veciños da vila que buscaban a integración dentro de Guipúscoa ou Áraba. En 1388 produciuse un intento de desligarse do conde de Oñati por parte de 87 fidalgos da vila; o intento foi duramente reprimido polo entón conde, Beltrán de Guevara. As revoltas mantivéronse durante o ano 1389. No século XVI producíronse varias revoltas importantes nas que chegaron a participar o concello e o cabido eclesiástico, até que en 1540 se pediu legalmente a anexión a Guipúscoa.

En 1652 finalizou o preito aberto para lograr esta anexión co resultado de manter a independencia do condado de Oñati. Non sería até 1845, con motivo da supresión dos dereitos señoriais, cando se incorporou á provincia de Guipúscoa con plenos dereitos. Dentro das loitas por máis dereitos logrouse, no século XV, que o alcalde fora nomeado por votación popular, aínda que o conde se reservaba o dereito a confirmalo e a nomear o chamado "alcalde maior".[4]

A familia Guevara ostentou o señorío de Oñati dende o ano 1149 deica a súa anexión a Guipúscoa en 1845. Até 1201 os Señores de Oñati eran vasalos do rei de Navarra e logo pasaron a selo do rei castelán dependendo directamente del. Participaron nas guerras de bandos do lado gamboino e durante os séculos XIII e XIV adquiriron o padroado do mosteiro de San Miguel e o control das ferrarías de Zubillaga. Ao mando de Pedro Vélez de Guevara as tropas de Oñati queimaron a veciña vila de Mondragón en 1448.

Iñigo Vélez de Guevara chegou a enfrontarse ao poder real, o Condestable de Castela fixérase eco das demandas dos veciños, e logrou evitar a incorporación en Guipúscoa, mantendo o poder feudal incluso tralas denuncias de dar protección a bandidos e perseguidos da Xustiza real. En 1539 construíuse a Universidade por encargo do bispo Rodrigo Mercado de Zuazola.

Durante as guerras carlistas Oñati foi praza forte carlista, cuartel xeral do Pretendente e refuxio de tropas carlistas derrotadas. Chegouse a editar a "Gazeta oficial do reino e exército carlista" e construíuse unha fábrica de armas.

En 1845 despois da desaparición dos dereitos señoriais incorpórase á provincia de Guipúscoa, en cuxas Xuntas Xerais ocupou o segundo posto á esquerda do Corrixedor Real. No protocolo de anexión aceptáronse varias condicións expostas polo conde de Oñati; estas eran que se construíse unha estrada dende o veciño Ormáiztegui a Oñati, que se aumentase a concesión de mantemento á universidade e que se lle aboase unha renda anual de 20.000 reais. Esta anexión formalizouse o 9 de outubro dese ano. Antes, durante ese mesmo século XIX, dependeu de Guipúscoa nalgúns períodos de tempo, de 1808 a 1814, de 1820 a 1823 e de 1832 a 1839.

Monumentos[editar | editar a fonte]

Universidade de Oñati
Santuario de Arantzazu
  • Universidade Sancti Spiritus, edificio renacentista do século XVI, construído no ano 1540 polo bispo Rodrigo Mercado de Zuazola, considerado un dos máis importantes do País Vasco nese estilo. No seu interior destaca o claustro, a capela e o artesoado mudéxar. A universidade mantívose activa desde 1543 até 1901.
  • Igrexa parroquial de San Miguel Arcángel, templo gótico do século XV. Destaca o claustro sobre o río, construído polo bispo Rodrigo Mercado de Zuazola. O retablo plateresco da Piedade e o retablo maior barroco. A torre, de finais do século XVIII, é obra de Martín Carrera.
  • Igrexa dos Canónigos Regulares Lateranenses, templo neogótico do século XIX.
  • Monasterio de Bidaurreta, cenobio feminino do século XVI.
  • Ermida de San Martín, do século XVI e con cuberta de estrutura de madeira é unha mostra da arquitectura popular. O retablo é unha obra de Pierres Picart.
  • Casa Consistorial, edificio barroco do século XVIII construído por Martín Carrera en 1778.
  • Mosteiro de Bidaurreta, foi fundado por Juan López de Lazarraga en 1510. Destaca no seu interior un retablo barroco e o primeiro, por cronoloxía, retablo renacentista de Guipúscoa.
  • Casa-Torre de Zumeltzegi, de finais do século XII ou de principios do XIV, foi a residencia local dos condes de Oñati.
  • Casa-Torre de Lazarraga, documentada no século XV na que xa habitaban os Lazarraga. Esta casa torre ten unha fachada esgrafiada con garitóns e un acceso en arco apuntalado.
  • Casa Hernani, data do século XVI e foi sede da Universidade de Oñati.
  • Casa Otaudi-Jausoro, de finais do século XVI ou comezos do XVII. Destaca o seu balcón esquinado.
  • Palacio "Don Pedruena", reconstruído a finais do século XIX ou principios do XX. É un edificio de estilo barroco tardío.
  • Torre de Urain ou Zubiaur, torre de defensa ou de cobro de impostos e peaxes.
  • Praza dos Fueros, de finais do século XIX. É unha praza rectangular porticada en tres dos seus lado, ficando o cuarto libre e limitado por un frontón.
  • Muíño San Miguel, muíño medieval propiedade dos condes de Oñati, que aínda conserva elementos orixinais.
  • Santuario de Arantzazu, unha obra expoñente da arte sacra moderna. O proxecto é dos arquitectos Francisco Javier Sáenz de Oiza e Luis Laorga do colexio de arquitectos de Madrid; xunto a eles interveñen o escultor Jorge Oteiza, para a fachada principal; o pintor Lucio Muñoz, para a decoración da ábsida; o escultor Eduardo Chillida para as portas principais de acceso, frei Javier María de Eulate, encargado das vidreiras; e o pintor Néstor Basterretxea, para a decoración das paredes da cripta.
  • Cova de Arrikrutz, que forma parte do extenso sistema cárstico de Gesaltza-Arikrutz que se estende baixo o subsolo da pena Madina. O macizo de Aitzkorri está formado por rochas calcarias e dolomitas procedentes do xurásico superior e do cretáceo inferior. A extensión do sistema cárstico é de máis de 14 km e está dividido en 6 niveis diferentes. Esta extensión fai que este sistema sexa a maior cavidade de Guipúscoa. Arrikrutz preparouse para visitas turísticas na primavera de 2007; acondicionouse a galería 53, que é unha galería fósil, antigo sumidoiro do río Aldaola. A galería mide uns 500 m e ten un desnivel de 45. Encontráronse neste lugar os restos de multitude de ósos, cranios de panteras e o esqueleto completo dun león das cavernas.

Oñati tivo até 15 ermidas. A de Santa María Magdalena ten especial relevancia ao ser o lugar onde se hospedaron os primeiros xesuítas que visitaron a vila a mediados do século XVI. Entre eles estaba San Francisco de Borja, que durmía nun chanzo. A tradición é levar un anaco de dito chanzo como reliquia. En 1845 a raíña Sabela II visitou a ermida levando o correspondente cachiño de chanzo.

Festas[editar | editar a fonte]

As festas patronais son as de San Miguel, a finais de setembro, pero as máis recoñecidas son as do Corpus Christi, a mediados de xuño. Nestas celébrase unha procesión dende hai séculos e unha misa na mesma mañá. Canda a procesión adoitan saír os dantzaris, quen interpretan bailes tradicionais.

Xentilicios[editar | editar a fonte]

O xentilicio vasco oñatiarra emprégase habitualmente tamén en castelán. Oñacino/a é máis utilizado para referirse aos partidarios da Casa de Oinaz nas Guerras de bandos da Idade Media e o Renacemento. Coloquialmente emprégase tamén txantxiku, que no éuscaro local significa ra.

Cidades irmandadas[editar | editar a fonte]

Oñati está irmandada con diferentes cidades e poboacións de varios países. Hai unha praza dedicada a recordar estes feitos. a Praza dos irmandamentos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Geografía de Guipúzcoa. Serapio Múgica Zufiria (1854–1941) (en castelán)
  2. ABUAF - Ferrocarril do Norte(en castelán)
  3. "Geografía de Guipúzcoa. Serapio Mugica Zufiria (1854-1941)". Arquivado dende o orixinal o 28 de novembro de 2009. Consultado o 26 de novembro de 2009. 
  4. "Oinati.org - Historia". Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2008. Consultado o 26 de novembro de 2009. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]