Neotragus batesi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Neotragus batesi é unha especie de mamífero artiodáctilo da familia dos bóvidos, subfamilia dos antilopinos,[2][3] cuxa clasificación é discutida na actualidade. É un pequeno antílope que vive nas selvas húmidas da África central e oriental.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1903 polo zoólogo e coleccionista de animais británico William Edward de Winton, na revista Proc. Zool. Soc. Lond., 1903 (1): 192.[2]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Para a etimoloxía do xénero, véxase Neotragus.

O nome esprecífico, batesi, é en honor do naturalista e explorador británico Henry Walter Bates.[Cómpre referencia]

Nomes comúns[editar | editar a fonte]

Na maior parte dos idiomas europeos coñécese cos nomes de antílope anano de Bates ou neotrago de Bates (coas modificacións propias de cada lingua).

Subespecies[editar | editar a fonte]

A maioría dos autores non recoñecen en Neotragus batesi subespecies.[1][2][3][4][5]

Porén, algúns recoñecen dúas, baseándose en variacións na coloracióin da pelaxe do tronco e das patas:[6]

Pero estas variacións no foron confirmadas por evidencias xenéticas, polo que só poden atribuírse á separación existente entre ambas as subpoboacións (véxase máis abaixo "distribución").

A controvertida taxonomía dos neotraguinos[editar | editar a fonte]

Segundo Eva V. Bärmann, da Universidade de Cambridge, e o seu colega Tim Schikora, do Centro de Investigación da Biodiversidade e o Clima de Frankfurt, a pesar de que as especies de antílopes ananos se reuniron comunmente na tribo dos neotraguinos debido á súa aparencia morfolóxica xeral, as análises filoxenéticas demostraron que non todos están estreitamente relacionados, polo que suxeriron restrinxir o nome de Neotragini ao xénero tipo Neotragus. No seu estudo utilizaron secuencias do citocromo b mitocondrial e medicións lineais do cranio para investigar máis a fondo a similitude das tres especies de Neotragus. Estas análises apoian a estreita relación de Neotragus moschatus e Neotragus batesi. Porén, Neotragus pygmaeus, a especie tipo —que nunca antes se incluira nas análises filoxenéticas— non está estreitamente relacionada. Segundo estes autores, podería compartir un antepasado común máis recente con outro "antílope anano", o Oreotragus oreotragus, e cos duiqueros do taxon Cephalophini. Polo tanto, suxeriron resucitar o xénero Nesotragus Von Dueben, 1846 para incluír nel a Neotragus moschatus e Neotragus batesi, deixando a Neotragus pygmaeus como a única especie do xénero.[7]

Catacterísticas[editar | editar a fonte]

Aparencia xeral[editar | editar a fonte]

É un antílope moi pequeno, o segundo máis pequeno detrás do antílope real ou antílope anano (Neotragus pygmaeus), ao que só supera nuns poucos centímetros de longo (de 5 a 10). Moi similar a este, de corpo delicado e compacto, sen cristas no curuto da cabeza, e lombo arredondado. Só os machos presentan cornos, que son rectos, pequenos, con aneis e rematados en punta. As orellas son máis ben curtas. O fociño está espido. Os pezuños interiores son estreitos e apuntados. Presenta glándulas preorbitais e nos pezuños, e carece de glándulas inguinais. As diferenzas, ademais do tamaño, consisten, á parte dalgún pequenos detalles anatómicos, en que a cor da cola é parda escura uniforme, en que presenta de aneis na base dos cornos, que son totalmente lisos no real, e nos pezuños laterais, que non son normalmente visíbeis. Tamén se pode confundir con outros "antílopes ananos", como os duiqueros, que son algo máis grandes, a forma xeral do corpo é diferente, non presentan un perfil recto na cabeza, e si en cambio cristas entre os pequenos cornos.[8]

A coloración xeral da súa pelaxe é parda escura brillante no lombo e máis clara nos flancos. A garganta e o ventre son brancos, tinxidos ás veces de amarelada apagada. A cola é uniformemente apardazada.[6][8]

Os cornos, presentes só nos machos, como quedou dito, son moi pequenos (de 2,5 a 4 cm), robustos e anelados na base, lisos nas partes superiores, inclinados cara a atrás e rematados en agudas puntas.[8]

Dimensións[editar | editar a fonte]

A lonxitude da cabeza e tronco oscila entre os 50 e os 55 cm, a cola mide de 5 a 8 cm, a altura na cernella é duns 30 cm, e o peso rolda entre os 4 e os 5 kg.[8][9] Os machos son bastante máis grandes e pesados que as femias.[6]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

O hábitat típico de Neotragus batesi son as densas selvas húmidas das terras baixas da África central,onde encontra agocho nas matogueiras densas. Pero tamén habita en plantacións, bosques secundarios, áreas despexadas e zonas ao redor dos asentamentos humanos.
A súa área de distribución divídese tres poboacións separadas: ao norte, encóntrase nunha pequena zona do sueste de Nixeria; en África occidental, na conca baixa do Congo, esténdese por unha ampla área do sur do Camerún, en toda a Guinea Ecuatorial e o Gabón e unha pequena zona do sueste da República Centroafricana e porcións máis amplas do norte e o sur da República do Congo e, na África central ocupa o unha ampla parte do nordeste da República Democrática do Congo e unha pequena do oeste de Uganda.[1]

Alimentación[editar | editar a fonte]

Os antílopes ananos de Bates comn follas e abrochos dos arbustos, cogomelos, pastan e prados e comen tamén outras plantas herbáceas. E tamén plantas cultivadas, polo que son animais pouco pulares entre os agricultores que, moitas veces, os cazan con trampas cerca dos seus campos agrícolas.[6]

Costumes[editar | editar a fonte]

Os machos son territoriais, marcando o seu territorio coa secrecióno das súa glándulas preorbitaís; a extensión típica do seu territorio é de 2 a 4 hectáreas. As femias son mái sociais entre si e, ás veces, viven en grupos pequenos. Cando se asustan, foxen emitindo unha especie de ladrido.[6]

Reprodución[editar | editar a fonte]

A maioría dos antílopes ananos aparéanse nas estacións secas serodias e nas temperás húmidas. O período de xestación é de 180 días. As femias paren unha soa cria, que pesa ao nacer entre 1,6 e 2,4 kg.[6]

Status[editar | editar a fonte]

Seguindo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza a especie non está en perigo, aínda que se enfronta á perda do seu hábitat, porque, en xeral, é capaz de adaptarse aos bosques secundarios, plantacións, bordos de camiños e xardíns dos poboados. Porén, a expansión da poboación humana ten un efecto negativo na poboación futura deste pequeno antílope. Aínda que non se caza comercialmente, os agricultores cázano en cantidcades limitadas para aproveitar a súa carne, que usan como alimento. Por iso estra entidade cualifica o seu status como LC (pouco preocupante).[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 IUCN SSC Antelope Specialist Group (2016): Neotragus batesi na Lista vermella da IUCN.
  2. 2,0 2,1 2,2 Neotragus batesi en MSW.
  3. 3,0 3,1 Neotragus batesi de Winton, 1903 no ITIS, na que non se recoñecen subespecies,
  4. Dorst, J. & Dandelot, P. 1973, pp. 262-263.
  5. Haltenorth, T. & Diller, H. 1986, p. 47-48.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 Feer, F. (2013): "Neotragus batesi Bates's Pygmy Antelope", en: Kingdon, J.; Happold, D.; Butynski, T.; Hoffmann, M.; Happold, M. and Kalina, J. (2013): Mammals of Africa. Volume VI: Pigs, Hippopotamuses, Chevrotain, Giraffes, Deer and Bovids. London, UK: Bloomsbury Publishing. ISBN 978-1-4081-2257-0.
  7. Eva V. Bärmann and Tim Schikora (2014): "The polyphyly of Neotragus – Results from genetic and morphometric analyses". Mammalian Biology 79 (4): 283-286.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Dorst, J. & Dandelot, P. 1973, p. 265.
  9. Haltenorth, T. & Diller, H. 1986, p. 48.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Dorst, J. & Dandelot, P. (1973): Guía de campo de los mamíferos salvajes de África, Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
  • Groves, C. & Grubb, P. (2011): Ungulate Taxonomy. Baltimore, Maryland, USA: Johns Hopkins University Press. ISBN 978-1-4214-0093-8.
  • Groves, C. P. et al. (2011): "Family Bovidae (Hollow-horned rumiants)". In: Wilson, D. E. & Mittermeier, R. A. eds (2011): Handbook of the Mammals of the World. Volume II. Hoofed Mammals. Barcelona: Lynx edicions. ISBN 978-84-96553-77-4.
  • Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. Londres: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-00-219778-2.
  • Kingdon, J.; Happold, D.; Butynski, T.; Hoffmann, M.; Happold, M. and Kalina, J. (2013): Mammals of Africa. Volume VI: Pigs, Hippopotamuses, Chevrotain, Giraffes, Deer and Bovids. Londres, UK: Bloomsbury Publishing. ISBN 978-1-4081-2257-0.
  • VV.AA. (1986): Natura. Enciclopedia de los animales. Tomo II. Los primates. Los ungulados. Barcelona: Ediciones Orbis, S.A. ISBN 84-7634-752-9.
  • Wilson, D. E., & Reeder, D. M., editors (2005): Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference (3rd ed.). Baltimore, Maryland, USA: Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8221-0.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]