Nécora
| Nécora (Necora puber) |
|||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Clasificación científica | |||||||||||||||||||
|
|||||||||||||||||||
| Nome binomial | |||||||||||||||||||
| Necora puber (Linnaeus, 1767) |
|||||||||||||||||||
| Sinonimia | |||||||||||||||||||
|
|||||||||||||||||||
A nécora[1] coñecida tamén como navalleira (no sur de Galicia)[1] [2] e como andarica (na costa norte do noso país, e en Asturias)[1] [2] [3], Necora puber, é un crustáceo decápodo braquiúro da familia dos portúnidos (Portunidae) moi apreciado gastronomicamente e que, nas rías galegas, se dá en relativa cantidade.
Índice |
Características [editar]
As principais características da nécora son as seguintes:[4]
- Caparazón (cacho) case oval, máis ancho que longo e algo aplanado, moi pubescente [5]
- Rexión frontal con aproximadamente 10 dentes, dispostos irregularmente, sendo os dous centrais en xeral máis anchos que os demais.
- Os ollos son vermellos.
- Quelípodos (primeiro par de pata, rematados en pinzas) semellantes, robustos e pubescentes.
- Segundo a quinto par de pereiópodos (patas marchadoras) robustos; as do quinto par, aplanadas e prolongadas por pelos máis longos, adaptadas á natación.
- Abdome do macho cos segmentos terceiro a quinto fusionados, libres na femia.
- Cor parda avermellada, con manchas azuladas e vermellas nas patas.
- Nos exemplares capturados en Galicia, o ancho do caparazón chega até os 10,2 cm nos machos e aos 90 cm nas femias.
Hábitat e bioloxía [editar]
Habita nas costas, principalmente en zonas con fondos rochosos e nos polígonos de bateas mexilloeiras (que teñen, en xeral, os fondos moi transformados e con abundancia de fango), desde o litoral até os 70 m de profundidade. os individuos xuvenís abundan en zonas de area a pouca profundidade, mesmo na zona intermareal.[4]
Aliméntase de algas pardas, pequenos crustáceos e peixes mortos. Ás veces chegan a devorar outras nécoras.
Distribución [editar]
Atlántico oriental, desde a costa oeste de Noruega até o Sáhara (incluíndo o Mediterráneo e o mar Negro).[4]
En Galicia [editar]
É una especie abundante en toda Galicia, onde se captrura principalmente con nasas e tamén con artes de arrastre.[4]
No noso país, ademais das que se pescan na costa, véndense tamén outras procedentes de Inglaterra, a Bretaña e Irlanda. As que se apañan en Galicia distínguense, segundo algúns, pola cor do cacho e a súa textura, que é suave, sendo as de fóra máis lisas e cun veludo máis fino que o das nosas.
A veda en Galicia adoita coincidir cos seis primeiros meses do ano.[6]
Usos: Gastronomía [editar]
O principal uso da nécora é gastronómico. Adoita prepararse simplemente cocida en auga con sal nas zonas costeiras do Atlántico nororiental, Galicia (onde á auga para cocelas adoita engadirse unha folla de loureiro), Asturias, Cantabria, País Vasco, así como na parte occidental de Francia, e en Irlanda e Inglaterra.
Galería de imaxes [editar]
Notas [editar]
- ↑ 1,0 1,1 1,2 nécora no dicionario da RAG.
- ↑ 2,0 2,1 Ríos Panisse, M. C. (1977), p. 46.
- ↑ Dicionario de dicionarios
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 González Gurriarán e Méndez (1985), p.81.
- ↑ Ao que alude o seu nome específico, puber, do latín pūbēr, -ēris, "viril" —no sentido de "non neno"—, relacionado con pūbens, -entis, "cuberto de pelo", que lle deu Linneo.
- ↑ "La nécora entra en veda en Galicia tras cerrar uno de los peores años de la década" Diario Faro de Vigo, 5/01/2012.
Véxase tamén [editar]
Bibliografía [editar]
- Cunqueiro, Álvaro (1973): A cociña galega. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-181-5.
- González Gurriarán, Eduardo e Matilde Méndez G. (1985): Crustáceos decápodos das costas de Galicia. I. Brachyura. Publicacións do Seminario de Estudos Galegos. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-242-9.
- Ramonell, Rosa (1985): Guía dos mariscos de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-506-3.
- Ríos Panisse, Mª C. (1977): Nomenclatura de la flora y la fauna marítimas de Galicia. I. Invertebrados y peces. Verba, Anejo 7. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X.
- Sueiro, Jorge-Víctor (1981): Manual del marisco. (Prólogo: Domingo García Sabell. Epílogo: Luis Caparrós). Madrid: Penthalon Ediciones. ISBN 84-85337-49-2.
- Sueiro, Jorge-Víctor (1981): Comer en Galicia. (Prólogo: Álvaro Cunqueiro). Madrid: Penthalon Ediciones. ISBN 84-85337-32-8.
Outros artigos [editar]
Ligazóns externas [editar]
- Necora puber en Arkive. (en inglés) Ampla información sobre características e bioloxía, con numerosas fotos e dous vídeos. (en inglés) Consultada o 28/12/2012.
- Necora puber en MarLIN. (en inglés) Consultada o 28/12/2012.
- Necora puber en World Register of Marine Species. (en inglés) Consultada o 28/12/2012.
- Necora puber en NCBI. (en inglés) Consultada o 28/12/2012.
- Necora puber en Mareis. (en francés) Inclúe informacións dobre a bioloxía e mapa de distribución. Consultada o 28/12/2012.