Lavr Kornilov

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Lavr Georgevich Kornilov")
Kornílov en 1916.

Lavr Geórgevich Kornílov (en ruso Лавр Гео́ргиевич Корни́лов), nado en Ust-Kamenogorsk o 18 de xullo de 1870 e finado en Krasnodar o 13 de abril de 1918, foi un xeneral do exército ruso, máis coñecido polo intento de golpe de estado ó goberno provisional de Aleksandr Kérenski, durante a Revolución Rusa de 1917.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu en Stanitsa Karkaralinskaya (станица Каркаралинская), no seo dunha familia cosaca de Semirechie. Exerceu como militar de profesión no exército do Imperio Ruso. Durante 1890 e 1904 liderou varias expedicións en Xinjiang, Afganistán e Irán e adquiriu coñecemento en diversos idiomas centroasiáticos. Durante a Guerra Ruso-Xaponesa foi condecorado coa Cruz de San Xurxo pola súa afouteza e ascendido ó grao de coronel.

Serviu como agregado militar na China durante 1907-11 e en calidade de Comandante Xeneral dirixiu a división de infantería ó comezo da Primeira Guerra Mundial, pero en abril de 1915 foi capturado polos austríacos. Fuxindo en 1916, foille concedido o mando do Distrito Militar de Petrogrado e en xullo de 1917 foi nomeado Comandante en Xefe das forzas armadas do goberno provisional.

O Xeneral Kornílov decidiu intervir na caótica situación de Rusia porque, ó igual que a clase media da época, cría que o constante deterioro da nación a convertería nunha anarquía e que unha derrota militar sería desastrosa para o orgullo e honra rusos. Lenin e os seus espías alemáns -dixo Kornílov- deben ser executados, os soviéticos erradicados, a disciplina militar restaurada e o goberno provisional reestruturado.

En agosto de 1917 Kornílov realizou un chamamento a todos os rusos para “salvar as súas terras” e ordenou ás súas tropas avanzar cara Petrogrado. Incerto no número de tropas inimigas, Kérenski (Líder do Goberno Provisional) viuse obrigado a pedir axuda de todas partes, incluíndo a Guarda Vermella bolxevique.

Logo do seu errado golpe de estado en setembro de 1917, Kornílov foi sentenciado a arresto domiciliario. A partir de entón, os bolxeviques fixéronse co poder no territorio ruso. De volta, fuxindo do encarceramento, Kornílov viaxou cara Novorcherkassk, onde xunto ó Xeneral Mikhail Alekseiev colaborou na formación do contra-revolucionario Exército Voluntario. Morreu en Krasnodar en abril de 1918, durante un enfrontamento co Exército Vermello, cando unha granada inimiga explotou no seu cuartel.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Richard Pipes, The Russian Revolution (Knopf, 1990)
  • Orlando Figes, A People's Tragedy (Viking, 1996)