Mosteiro de San Xoán de Caaveiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Mosteiro de Caaveiro")

Coordenadas: 43°25′03″N 08°04′06″W / 43.41750°N 8.06833°W / 43.41750; -8.06833

Ábsida románica da capela.

O mosteiro de San Xoán de Caaveiro é un mosteiro medieval situado nas Fragas do Eume, á beira do río Eume.

Situación[editar | editar a fonte]

Sitúase na parroquia da Capela, no concello coruñés da Capela, na comarca do Eume.

Historia[editar | editar a fonte]

O mosteiro estableceuse no ano 934 nas Fragas do Eume para acoller os numerosos anacoretas que vivían dispersos na zona. Pero pronto importantes doazóns de Rosendo de Celanova engrandecen o seu patrimonio recibindo este a maior parte das terras cultivables existentes á dereita do río Eume e concédenlle a xurisdición sobre vilas e freguesías eximíndoo da autoridade do arcebispado de Santiago de Compostela.

Obtén así o cenobio un gran poder, acadando a súa igrexa a categoría de Real Colexiata (con seis cóengos) que conservará ata finais do século XVIII.

Portada románica da capela.

Comezou pertencendo á Orde de San Bieito, pero no século XII converteríase en Colexiata de cóengos regulares de Santo Agostiño. Entre o ano 1220 e o 1259 prodúcese a máxima expansión do seu dominio, nela estivo á fronte do mosteiro o prior Don Martiño Rodríguez, quen logrou a ampliación do couto até a ponte de Pontedeume, incluíndo as parroquias de Cabanas e Irís.

Durante a Alta Idade Media co auxe da casa dos Andrade perdeu moito poder económico, que recuperou en tempos dos Reis Católicos. A súa xurisdición abranguía as parroquias de Caaveiro, A Capela e Cabalar (concello da Capela), Santa Cruz do Salto, Cabanas, Soaserra e Irís (concello de Cabanas), San Pedro de Eume, A Faeira, Bermui, Goente e Ribadeume (As Pontes de García Rodríguez), San Xoán do Seixo, Queixeiro, Taboada, e parte da de Vilachá (estas tres coñecidas como Couto Pequeno, no concello de Monfero) e o couto de Belelle (Sillobre, concello de Fene).

Coa desamortización, todas as posesións da comunidade foron vendidas polo Estado a particulares, as reliquias de San Rosendo foron trasladadas a Santiago, e algúns dos obxectos relixiosos, como as imaxes ou as campás da igrexa, foron distribuídas entre as igrexas das Neves e Soaserra.

A partir do ano 1800 queda abandonado, quedando ao coidado dun caseiro e inicia así a súa decadencia e deterioro. No século XIX Pío García Espinosa, que comprara boa parte das terras que rodean o mosteiro, consegue unha autorización do Arcebispo de Santiago para restauralo. Derriba, para acometer a restauración, a casa dianteira e a igrexa prioral (1896), edifica un pavillón ameado e reconstrúe a capela de Santa Isabel. Incluso volve ser ocupado por relixiosos, pero esta vida monacal coa morte de Don Pío volve desaparecer.

Descrición[editar | editar a fonte]

O mosteiro[editar | editar a fonte]

Entrada ao recinto desde o interior coroada pola torre barroca.

Éntrase no adro por unha escaleira de vinte chanzos de pedra e unha porta. Sobre a porta está a torre cuadrangular de estilo barroco compostelán do século XVII, traballo de Clemente Fernández Sarela, da escola de Simón Rodríguez. Baixo dela pódese ver o escudo coas as armas de Castela e León, co Toisón de ouro e a coroa real, e unha ventá rectangular.

No interior aínda se poden apreciar divisións que poderían corresponder a: un forno, as porterías, seis celas, un cabido, e as dúas igrexas.

No exterior, a casa dos canónicos e as cociñas do mosteiro tamén se conservan aceptablemente, a casa dos criados, as cabalerías, o conxunto do muíño e a Ponte Sesín.

O muro nororiental, que soportaba o empuxe da antiga igrexa, fabricado de perpiaños, mostra catro arcos de medio punto rebaixados.

As igrexas[editar | editar a fonte]

Existían dúas igrexas. Da primeira apenas quedan vestixios.

Os restos máis antigos son do século XII, destacando a capela de Santa Isabel, que se ergue sobre un montículo moi escarpado que obrigou aos seus construtores a salvar os desniveis do terreo por medio de altos muros con contrafortes e estancias subterráneas. Do templo románico só se conserva en bo estado a testeira, na que se abren tres pequenos vanos románicos, e boa parte da nave. A antiga construción era dunha soa nave rectangular de 5,70 metros de largo, con ábsida circular. Foi restaurada por Pío García Espinosa aumentando a lonxitude da nave.

A portada do Oeste configúrase de dúas arquivoltas apoiadas en columnas codilladas cun tímpano decorado cun Agnus Dei de prominentes cornos.

Estado actual[editar | editar a fonte]

O conxunto foi declarado no ano 1975 monumento histórico-artístico pola súa importancia arquitectónica.

Na actualidade é propiedade da Deputación da Coruña, que iniciou un proxecto de restauración para a posta en valor do conxunto.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Mosteiro de San Xoán de Caaveiro

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]