Orodruin

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Monte do Destino»)

Orodruin, tamén coñecido como Monte do Destino, é un volcán ficticio do legendarium de J. R. R. Tolkien. Situado no corazón da terras negras de Mordor, é o lugar onde o Anel Único foi forxado polo Señor Escuro Sauron, e constitúe o punto final da misión emprendida por Frodo Bulseiro para destruír o Anel, recollida n'O Señor dos Aneis.

Orodruin significa "montaña ardente" en Sindarin. O equivalente Sindarin do nome Monte do Destino é Amon Amarth, literalmente "montaña do destino".

Cando na Segunda Idade Sauron comezou a súa procura dun lugar na Terra Media que lle servise de morada permanente, a súa atención recaeu inmediatamente sobre Mordor, e en concreto sobre Orodruin, pois considerou que podería tirar partido do seu poder. Xa que logo, estabeleceu o seu reino ao redor do volcán, e "usou o lume que alí manaba desde o corazón da terra para os seus meigallos e as súas forxas". A máis célebre das creacións forxadas por Sauron no Monte do Destino é o inmensamente poderoso "Anel Único", que elaborou nos lumes das Sammath Naur (ou Fendas do Destino), unha sima situada nas profundidades da montaña. Dise n' O Señor dos Aneis que os materiais que compuñan o Anel eran tan resistentes, e os encantamentos nel insuflados tan potentes, que só podía ser destruído nesas mesmas Fendas do Destino.

Dáse a entender que Orodruin é moito máis que un simple volcán: responde ás ordes de Sauron e á súa presenza, sumíndose nunha inactividade cando non se atopa en Mordor e volvendo á vida ao volver este. Semella que a súa actividade tamén estea conectada ao poder persoal de Sauron, pois cando este é derrotado á fin da Terceira Idade, o volcán entra nunha violenta erupción para despois cesar toda actividade de maneira permanente.

Representacións cinematográficas[editar | editar a fonte]

O Monte Ngauruhoe

Na adaptación d' O Señor dos Aneis de Peter Jackson, o Monte do Destino está representado polo Monte Ngauruhoe e máis o Monte Ruapehu, dous volcáns activos de Nova Zelandia. Nos planos longos a montaña é unha maqueta, unha imaxe de infografía ou unha combinación de ambas as dúas opcións. Non foi posíbel filmar no cumio do Ngauruhoe por ser sagrado para os maorís da rexión. Porén, algunhas escenas das ladeiras de Orodruin si foron filmadas no Monte Ruapehu.[1]

Influencias[editar | editar a fonte]

A frase "fenda do destino" tense atribuído en ocasións á obra Macbeth de William Shakespeare. Outra posíbel fonte do nome é un relato curto de Algernon Blackwood.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. The Making of the Movie Trilogy (The Lord of the Rings), Brian Sibley, Houghton Mifflin (2002)
  2. Nelson, Dale. Possible Echoes of Blackwood and Dunsany in Tolkien's Fantasy. Tolkien Studies - Volume 1, 2004, pp. 177-181

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Larsen, Kristine. Sauron, Mount Doom, and Elvish Moths: The Influence of Tolkien on Modern Science. Tolkien Studies - Volume 4, 2007, pp. 223–234