Macbeth

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Macbeth e Banquo reuníndose coas bruxas no ermo, por Théodore Chassériau.

Macbeth é unha traxedia en cinco actos de William Shakespeare, escrita en prosa e en verso, que fala sobre a traizón e a ambición desmedida. Foi composta probablemente cara a 1606 e estreada pouco despois. Representouse no Teatro do Globo o 20 de abril de 1611, pero é posible que xa se representase con anterioridade, pois non se menciona que se tratase da primeira representación. Foi publicada por vez primeira en 1623, na edición coñecida como First Folio. Foi traducida ao galego por Fernando Pérez-Barreiro Nolla e publicado por Galaxia en 1972.

Macbeth.

A obra está libremente baseada no relato da vida dun personaxe histórico, Macbeth, rei de Escocia entre 1040 e 1057. A fonte principal de Shakespeare para esta traxedia foron as Crónicas de Raphael Holinshed, obra da que tomou tamén os argumentos das súas obras históricas. Holinshed baseouse á súa vez en Historia Gentis Scotorum (Historia dos escoceses), obra escrita en latín polo autor escocés Hector Boece e impresa por vez primeira en París en 1527. Para agradar ao seu mecenas, o rei Xacobe V de Escocia, Boece escurecera deliberadamente a figura de Macbeth, co propósito de exaltar un hipotético antepasado do rei, Bancuo.

Personaxes[editar | editar a fonte]

  • Duncan, rei de Escocia. Baseado nun personaxe histórico, o rei de Alba Duncan I, morto en 1040 a mans do Macbeth histórico. Na obra destaca a súa benevolencia, para acentuar o terrible do crime de Macbeth: «Este Duncan usou os seus poderes con tanta suavidade, foi tan limpo no seu grandioso oficio, que as súas virtudes han pedir, como anxos con linguas de trompetas, a fonda perdición do que del se desfixo» (I, 7).[1]
  • Malcolm, fillo maior de Duncan, herdeiro ao trono.
  • Donalbain, fillo menor de Duncan.
  • Macbeth, Thane (barón) de Glamis, despois Thane de Cawdor e futuro Rei de Escocia.
  • Macduff, Thane de Fife.
  • Lady Macbeth, esposa de Macbeth.
  • Banquo, amigo de Macbeth e xeneral no exército de Duncan.
  • Lennox, Ross, Mentieth, Angus e Caithness, nobres escoceses.
  • Fleance, fillo de Banquo.
  • Siward, conde de Northumberland, xeneral das forzas inglesas.
  • Fillo de Siward.
  • As tres bruxas.

Sinopse[editar | editar a fonte]

Acto I[editar | editar a fonte]

Macbeth e Banquo coas bruxas, por Johann Heinrich Füssli.

A obra comeza con tres bruxas, as tres "Irmás Fatídicas", facendo un feitizo sobre o seu próximo encontro con Macbeth. Na escena seguinte, Duncan, rei de Escocia, comenta cos seus oficiais o esmagamento da invasión de Escocia por noruegos e irlandeses, acaudillados polo rebelde Macdonwald, na que Macbeth, thane (barón) de Glamis e curmán do rei, tivo un importante papel. Duncan pensa en recompensalo co título de thane de Cawdor.

Cando Macbeth e o seu compañeiro Banquo cabalgan cara a Forres desde o campo de batalla, encóntranse coas bruxas, que saúdan a Macbeth, primeiro como thane de Glamis, despois como thane de Cawdor, e por último anunciándolle que un día será rei. A Banquo dinlle que os seus descendentes serán reis. Cando Macbeth pide ás bruxas que lle aclaren o sentido das profecías, elas desaparecen. Preséntase Ross, un enviado do rei, quen notifica a Macbeth a concesión real do título de thane de Cawdor.

And, for an earnest of a greater honor,

He bade me, from him, call thee Thane of Cawdor:
In which addition, hail, most worthy thane,

For it is thine.

Vendo cumprida a profecía das bruxas, Macbeth comeza a ambicionar conseguir o trono. Macbeth escribe unha carta á súa esposa, que está en Inverness, explicando as profecías das bruxas. Lady Macbeth, ao ler a carta, concibe o propósito de asasinar a Duncan para lograr que o seu marido chegue a ser rei. De improviso preséntase Macbeth no castelo, coa noticia de que Duncan vai pasar alí esa mesma noite. Lady Macbeth exponlle os seus plans. Macbeth dubida, pero é azuzado pola súa esposa, estimulando a ambición.

Acto II[editar | editar a fonte]

Coa chegada da noite, Macbeth, instigado pola súa esposa, dá morte ao rei cando dorme no seu aposento. Antes de matalo ten visións dunha espada con sangue e sente fortes remordementos, que Lady Macbeth procura facer calar. Á mañá seguinte descóbrese o crime. Macbeth culpa aos serventes de Duncan, aos que previamente asasinara, presuntamente nun arrebato de furia para vingar a morte do rei. Os fillos de Duncan, Malcolm e Donalbain, que se encontran tamén no castelo, non cren a versión de Macbeth, pero disimulan para evitar ser tamén asasinados. Malcolm escapa a Inglaterra, e Donalbain a Irlanda. Grazas ao seu parentesco co rei falecido e á fuxida dos fillos deste, Macbeth consegue ser proclamado rei de Escocia, cumpríndose así a segunda profecía das bruxas.

Acto III[editar | editar a fonte]

A pesar do éxito dos seus propósitos, Macbeth continúa intranquilo por mor da profecía que as bruxas fixeron a Banquo, segundo a cal este sería pai de reis. Encarga a uns asasinos que acaben coa súa vida e coa do seu fillo, Fleance, cando cheguen ao castelo para participar nun banquete ao que Macbeth convidou.Os asasinos matan a Banquo, pero Fleance consegue fuxir. No banquete, pouco despois de que Macbeth saiba polos asasinos o ocorrido, aparece a pantasma de Banquo e senta no lugar de Macbeth. Só Macbeth pode ver o espectro, co que dialoga, e nas súas palabras faise evidente o crime.

Acto IV[editar | editar a fonte]

Escena de Macbeth: o conxuro das bruxas (acto IV, escena I). Cadro de William Rimmer.

Macbeth regresa ao lugar do seu encontro coas bruxas. Inquieto, pregúntalles polo seu futuro. Elas conxuran tres espíritos. O primeiro advirte a Macbeth de que teña coidado con Macduff. O segundo di que "ningún home nacido de muller" poderá vencer a Macbeth, e o terceiro fai unha curiosa profecía:

Nunca Macbeth terá de ser vencido
até que o gran bosco de Birnam
camiñe cara ao Coto de Dunsinane
para vir en contra del.

Estas profecías tranquilizan a Macbeth, mais non queda satisfeito. Quere saber tamén se os descendentes de Banquo chegarán a reinar, como as bruxas profetizaran. En resposta, aparecen as pantasmas de oito reis e a de Banquo cun espello na mao, indicando así que oito descendentes de Banquo serán reis de Escocia.

Un vasalo de Macbeth dille que Macduff desertou. En represalia, Macbeth decide atacar o seu castelo e acabar coa vida de toda a súa familia. A acción trasládase a Inglaterra, onde Macduff, ignorante aínda da sorte que correu a súa familia, se entrevista con Malcolm, fillo de Duncan, ao que intenta convencer para que reclame o trono. Pouco despois recibe a noticia da morte da súa familia.

Acto V[editar | editar a fonte]

Lady Macbeth sonámbula por Johann Heinrich Füssli.

Lady Macbeth comeza a sufrir remordementos: sonámbula, intenta lavar manchas de sangue imaxinarias das súas mans.

Malcolm e Macduff, coa axuda de Inglaterra, invaden Escocia. Macduff, Malcolm e o inglés Siward, conde de Northumberland, atacan o castelo de Dunsinane, cun exército camuflado con pólas do bosque de Birnam, co que se cumpre unha das profecías do espectro: a fraga de Birnam móvese e ataca Dunsinane. Macbeth recibe a noticia de que o bosque se move e da morte da súa esposa por suicidio. Tras pronunciar un monólogo nihilista, toma a determinación de combater até a fin. Tras matar o fillo de Siward, enfróntase con Macduff. Séntese aínda seguro, a causa da profecía da bruxa. Demasiado tarde, Macduff coméntalle que a súa nai morrera unha hora antes de que el nacese, e que os médicos realizaran unha cesárea para manter a Macduff vivo, cumpríndose así a profecía de que «non podería ser morto por ningún home nado de muller», e Macbeth comprende que as profecías das bruxas foron enganosas. Macduff mata a Macbeth e córtalle a cabeza.

Na escena final Malcolm é coroado como rei de Escocia. A profecía referente ao destino real dos fillos de Banquo era familiar aos contemporáneos de Shakespeare, pois o rei Xacobe I de Inglaterra era considerado descendente de Banquo.

Adaptacións[editar | editar a fonte]

A obra foi levada en diferentes ocasións ao cinema, destacando as versións de autores como John Emerson, Orson Welles, Akira Kurosawa (recreación da traxedia ambientada no Xapón medieval) ou Roman Polanski. Amais, foi adaptada á ópera por autores como Giuseppe Verdi, Ernest Bloch ou Dmitri Shostakovich.

A obra foi traducida ao galego por Fernando Pérez-Barreiro Nolla e publicado por Galaxia en 1972, con ilustracións de Xohán Ledo. Foi levada aos escenarios por Teatro do Noroeste en 1994 con dirección de Eduardo Alonso e por Sarabela Teatro en 2006 con dirección de Helena Pimenta, acadando o Premio María Casares á mellor maquillaxe.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Segundo a tradución de Pérez-Barreiro Nolla. No orixinal: «Besides, this Duncan
    Hath borne his faculties so meek, hath been
    So clear in his great office, that his virtues
    Will plead like angels, trumpet-tongued, against
    The deep damnation of his taking-off
    ».

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Macbeth