Proplasto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Os diferentes tipos de plastos.

Os proplastos ou proplastidios (inicialmente chamados eoplastos) son pequenos orgánulos específicos das células vexetais da familia dos plastos, de estrutura simple e non diferenciados, que se atopan xeralemente nos meristemas, é dicir, nos tecidos compostos de pequenas células indiferenciadas, que se dividen activamente, situados nas zonas en crecemento da planta.[1]. Son de pequeno tamaño comparado con outros plastos (apenas máis grandes ca unha mitocondria), co seu estroma rodeado por unha membrana dobre, que contén algunhas lamelas escasas e curtas e algunhas vesículas. Os proplastos multiplícanse probablemente por fisión binaria para manterse nas células meristemáticas en división.

A maduración dun proplasto en plasto funcional está correlacionada coa diferenciación da célula na que se encontra. Así, un proplasto situado nunha célula exposta á luz transformarase preferentemente en cloroplasto, o que se traduce nun aumento de tamaño substancial, a formación de numerosas lamelas membranosas a partir das vesículas que se forman por invaxinación da membrana interna do proplasto, que formaran progresivamente a grana, e a acumulaciónn de pigmentos como a clorofila. Ademais pode orixinar outros tipos de plastos como os etioplastos (aínda bastante indiferenciados, que poden manterse así bastante tempo ou diferenciarse), ou en leucoplastos que poden diferenciarse en plastos especializados no almacenamento de amidón, como os amiloplastos dos tubérculos da pataca, ou en cromoplastos coloreados, que se observan en órganos coloreados da planta, como os pétalos de certas especies.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Darling, David. "The encyclopedia of science; "PROPLASTID"". Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2011. Consultado o 05 de xuño de 2011. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Diferenciación e interconversións nos plastos.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Henri Camefort, Morphologie des végétaux vasculaires : cytologie.anatomie.adaptations, Doin, 1996, 2ª edición (7ª reimpresión), 432 p., p. 32-49, ISBN 2-7040-0395-5
  • [1] curso do Diplôme d'études universitaires générales (en francés).

Outros artigos[editar | editar a fonte]