Lepa Mladjenovic

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaLepa Mladjenovic
Nome orixinal(sr-el) Lepa Mlađenović
(sr-ec) Лепа Млађеновић Editar o valor em Wikidata
Biografía
NacementoLepa Mlađenović
9 de novembro de 1954 Editar o valor em Wikidata (69 anos)
Belgrado Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeSerbia
República Federal Socialista de Iugoslavia Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversity of Belgrade Faculty of Philosophy (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónactivista polos dereitos das mulleres , activista pola paz Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua serbia Editar o valor em Wikidata
Premios


Lepa Mladjenovic (serbio: Лепа Млађеновић, Lepa Mlađenović), nada en Belgrado o 9 de novembro de 1954, é unha activista feminista, antiguerra e a prol dos dereitos das lesbianas. É unha pioneira da segunda onda do feminismo en Serbia.[1][2][3][4][5] É asesora feminista de mulleres superviventes de violencia machista ou lesbofobia, coordinadora de obradoiros, escritora, profesora de universidade e membro de varios consellos e redes internacionais relacionadas cos dereitos das lesbianas e a violencia contra as mulleres. Mladjenovic é considerada un símbolo do activismo das mulleres na antiga Iugoslavia.[4] Dende 2017 reside en Belgrado.

Traballo a prol dos dereitos humanos[editar | editar a fonte]

Alternativas á psiquiatría[editar | editar a fonte]

Mladjenovic graduouse de Psicoloxía na Universidade de Belgrado en 1980. Durante os seus anos de estudante escribiu cartas de protesta ao profesorado nas que criticaba o ríxido regulamento conservador, que non lle daba poder ao alumnado.[4] O primeiro movemento social no que Mladjenovic participou de maneira activa foi a Rede para Alternativas á Psiquiatría. Este movemento tiña como obxectivo eliminar o carácter institucional da psiquiatría debido á violencia e exclusión que consideraban que esta exercía na sociedade.[6]

En 1983 Mladjenovic creou e co-organizou «Psiquiatría e Sociedade», un congreso internacional de tres días de duración no centro cultural de estudantes de Belgrado.[4] Tamén realizou voluntariado en centros de saúde mental en Trieste e escribiu sobre o movemento italiano Psichiatria Democratica[6] e os centros de terapia comunitaria da Arbours Association en Londres, xurdidos como parte do movemento antipsiquiátrico.[7]

Activismo feminista e antibélico[editar | editar a fonte]

Mladjenovic iniciou o seu activismo feminista en 1978, cando participou en DRUG-ca Žena.[8][9][4] Foi o primeiro congreso internacional de mulleres organizado por feministas iugoslavas no centro cultural de estudantes de Belgrado. Esta foi un punto de inflexión para a sociedade feminista e civil da antiga Iugoslavia.[10][11] En 1982 Mladjenovic coorganizou o grupo feminista Žena i društvo (Mulleres e Sociedade) en Belgrado.[12][13] Catro anos despois organizou un grupo feminista non mixto dentro de Žena i društvo baseado nun modelo de autoconcienciación.[14][4]

En 1987 Mladjenovic participou na primeira xuntanza feminista de Iugoslavia en Liubliana, organizada polo grupo feminista LILIT e o grupo de lesbianas LILIT LL de Eslovenia.[15][16] A reunión promovía a sororidade, os intercambios, o apoio ao activismo feminista, a exposición da violencia contra as mulleres, a saúde reprodutiva das mulleres, a arte e a cultura feita por mulleres e as primeiras iniciativas para crear organizacións de lesbianas.[17] En 1990, xunto con outras activistas de Žena i društvo, Mladjenovic fundou o SOS telefon za žene i djecu žrtve nasilja de Belgrado. O obxectivo deste teléfono era, entre outros, atender as vítimas de violencia machista, na mesma liña cá súa análoga de Zagreb, aberta tres anos antes.[18] Mladjenovic exerceu como coordinadora e asesora de mulleres superviventes de violencia machista. Máis adiante traballou tamén con mulleres vítimas da guerra.[19]

En 1991, xunto con Stasa Zajovic e outras activistas feministas antibélicas, Mladjenovic fundou Mulleres de Negro.[20][21][22][23] O grupo empezou realizando vixilias semanais de protesta contra o réxime serbio e máis tarde uniuse á rede mundial de Mulleres de Negro. O grupo de Belgrado celebrou a súa primeira reunión o 9 de outubro de 1991.[23]

Entre 1992 e 2012 Mladjenovic traballou como educadora e asesora de vítimas de violencia de xénero en Bosnia e Herzegovina, Croacia e Hungría. En 1993, Mladjenovic e outras voluntarias de SOS fundaron o Autonomni Ženski Centar (o Centro de Mulleres Autónomas). Foi asesora psicolóxica e coordinadora do consello do centro até 2011.[24] Dende 2000 organizou e participou en moitos obradoiros para mulleres e en grupos de apoio a vítimas de violencia de xénero. Tamén organizou obradoiros de alfabetización emocional para activistas (sobre todo lesbianas) nos Balcáns.[25] Traballou en Italia coa ONG Donne in Rete contro la violenza[26] e publicou un documento para o asesoramento en clave feminista en casos de violencia sexual.[27]

Activismo lésbico[editar | editar a fonte]

En 1986 Mladjenovic e Suzana Tratnik participaron en representación de Iugoslavia na conferencia do Servizo Internacional de Información Lésbica en Xenebra. En 1990, xunto con outros activistas, fundou Arkadia, a primeira organización de gais e lesbianas de Belgrado. O grupo funcionou até 1997.[25][28] En 1994 Mladjenovic converteuse na primeira lesbiana de Serbia en saír do armario durante unha emisión na televisión pública en que falou sobre cuestións gais e lesbianas en representación de Arkadia.[29] O ano seguinte, xunto con outros activistas de Arkadia, formou Labris, a primeira organización lésbica.[17][28] En 2001 describiu a experiencia:[30]

«Escribiría unha carta de solidariedade e enviaríalla xunto cun paquete a unha muller anónima de Saraxevo, consciente de que se atopa asediada e ameazada a diario polas balas. Avergoñaríase algún día se vise unha lesbiana ante a súa porta, a mesma que lle escribiu esas cartas? Por que sempre foi tan difícil dicir que as lesbianas prestaron axuda humanitaria?»

  Como membro de Labris, Mladjenovic participou e colaborou na organización da primeira Semana Lésbica en Eslovenia en 1997 (organizado por Kasandra, un grupo lésbico e feminista de Liubliana).[31] Participaron 45 persoas de Novi Sad, Maribor, Skopje, Belgrado, Zagreb, Pristina, Split e Liubliana, e o acontecemento presentou como novidade a cooperación feminista na rexión. A segunda edición celebrouse en Sombor (Voivodina, Serbia) en 2000 e a terceira (ambas organizadas por Labris), en Novi Sad en 2004.[32][33] A cuarta edición foi organizada en 2011.

Mladjenovic co-organizou a Marcha do Orgullo de Belgrado de 2001. Ela e outras asesoras lésbicas fundaron en 2012 o SOS Konsultacije za Lezbejke, unha liña telefónica de atención a lesbianas.[34] Alí facilita obradoiros e presta asesoría psicolóxica dende 2017.[35]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

En 1994, durante un acto do Orgullo en Nova York, Mladjenovic recibiu o premio Felipa de Souza da ONG OutRight Action International, pola súa contribución ao activismo polos dereitos das persoas LGBT.[28] Cando recolleu o premio dixo: «O lugar de onde veño non é a nación onde nacín, senón un país lésbico perdido que nunca tiven – mais lograrei crealo dalgún xeito».[4]

En 2011 a Novom Sadu Novosadska Lezbejska Organizacija (Organización Lésbica de Novi Sad) homenaxeouna ao abrir unha sala de lectura de temática lésbica, feminista, radical e antifascista co seu nome.[25]

En 2013 recibiu o premio Anne Klein da muller, outorgado pola Fundación Heinrich Böll.[5] Mladjenovic levou 22 activistas lésbicas da rexión á cerimonia do premio en Berlín como parte dunha visita de estudo lésbica.[36]

Publicacións[editar | editar a fonte]

Entre 1992 e 2012 Mladjenovic foi membro e profesora universitaria no Centar za ženske studije (Centro de Estudos da Muller) de Belgrado.[25][37] Escribiu varios ensaios sobre a violación nos conflitos bélicos, a violencia contra as mulleres, os dereitos das lesbianas, as lesbianas nos conflitos bélicos, o feminicidio, a aproximación feminista á xustiza de transición, a solidariedade das mulleres e a alfabetización emocional.[38] No seu manifesto Politika ženske solidarnosti («Política da solidariedade das mulleres») di:[39]

«A solidariedade das mulleres supón o inicio da defascistización de todas e cada unha de nós. Así como apostamos pola comprensión e non pola acusación, tamén optamos pola empatía fronte ao odio. Eliximos ser responsábeis dos nosos actos, emocións e pensamentos, en troques de facérmonos as vítimas. A solidariedade das mulleres é unha política do antifascismo. Escollemos mirar por quen son diferentes a nós. Cando miramos as nenas e nenos coa ollada da solidariedade, é porque non son necesariamente mellores nin teñen máis beleza cós dos demais».

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Iveković, Rada; Mostov, Julie (2002). From Gender to Nation. Europe and the Balkans (en italiano). Longo Angelo. p. 122. ISBN 978-8880633419. 
  2. Giles, Wenona; de Alwis, Malathi; Klein, Edith; Silva, Neluka, eds. (2003). Feminists Under Fire: Exchanges Across War Zones (en inglés). Between the Lines. p. 226. ISBN 9781896357782. 
  3. "At-Home with Lepa Mladjenovic: Introduction". JoanNestle.com (en inglés). Consultado o 1 de marzo de 2023. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Zaharijević, Adriana (6 de decembro de 2012). "Short Portrait: Lepa Mlađenović". Heinrich Böll Stiftung (en inglés). Consultado o 1 de marzo de 2023. 
  5. 5,0 5,1 Petrović, Ivica (7 de decembro de 2012). "Živeti sa svojim izborima". Deutsche Welle (en serbio) (Belgrado). Consultado o 2 de marzo de 2023. 
  6. 6,0 6,1 Obradovic, Milka (maio de 1987). "Lepa Mlađenović, (anti) psihologistkinja: Menjati odnos prema ljudima koji pate". Yugopapir (Glas Omladine) (en serbio). Consultado o 11 de marzo de 2023. 
  7. "MLAĐENOVIĆ: ZATVORIMO BOLNICE KOJE NE LIJEČE VEĆ PONIŽAVAJU". Radio Kotor (en serbio). 29 de novembro de 2016. Arquivado dende o orixinal o 9 de agosto de 2019. Consultado o 11 de marzo de 2023. 
  8. Ramet, Sabrina Petra (2015). Social Currents in Eastern Europe: The Sources and Consequences of the Great Transformation (en inglés) (2ª ed.). Duke University Press Books. p. 49. ISBN 9780822315483. 
  9. Mikula, Maja (2006). Women, Activism and Social Change (en inglés). Routledge. p. 87. ISBN 9781136782718. 
  10. Bonfiglioli, Chiara (2008). Belgrade, 1978. Remembering the conference 'Drugarica Zena. Zensko Pitanje - Novi Pristup?'/'Comrade woman.the women's question: a new approach?': thirty years after (en inglés). Utrecht: Universiteit Utrecht. pp. 54–55, 86. OCLC 428113304. 
  11. Zaharijevic, Adriana; Ivanović, Zorica; Duhaček, Daša, eds. (2012). Žarana Papić. Tekstovi 1977-2002 (en serbio). Belgrado: Centar za studije roda i politike, Fakultet političkih nauka. pp. 11–12, 31. ISBN 9788684031541. 
  12. Blagojević, Marina (2017). "Unpacking Silence and Distortion: Mapping Misogyny in Serbia". Knjizenstvo (en inglés) 7 (7). ISSN 2217-7809. doi:10.18485/knjiz.2017.7.7.9. 
  13. Vušković, Lina; Trivunac, Sofija. "Feministička grupa "Žena i društvo"". Autonomni ženski centar Beograd (en serbio). Consultado o 14 de marzo de 2023. 
  14. Ramet, Sabrina Petra (1995). Social Currents in Eastern Europe (en inglés). Durham: Duke University Press. pp. 225. ISBN 9780822315483. 
  15. Spaskovska, Ljubica (2017). The last Yugoslav generation: The rethinking of youth politics and cultures in late socialism (en inglés). Manchester University Press. ISBN 9781526106339. 
  16. Dobnikar, Mojca; Pamuković, Nela, eds. (2009). Jaz, ti, one... Za nas: dokumenti jugoslavenskih feminističkih susreta 1987-1991 (en esloveno). Liubliana: Društvo Vita Activa. ISBN 9789619280003. Arquivado dende o orixinal o 10 de febreiro de 2018. 
  17. 17,0 17,1 Rašić, Mima. "Lezbejska egzistencija, lezbejska vidljivost". En Zaharijević, Adriana. NEKO JE REKAO FEMINIZAM? Kako je feminizam uticao na žene XXI veka (PDF) (en serbio). Belgrado: Heinrich Böll Stiftung. pp. 204–211. 
  18. Mršević, Zorica; Hughes, Donna M. (maio de 1997). "Violence Against Women in Belgrade, Serbia: SOS Hotline 1990-1993". Violence Against Women (en inglés) 3 (2): 101–128. ISSN 1552-8448. doi:10.1177/1077801297003002002. 
  19. Bunch, Charlotte; Reilly, Niamh (1994). Demanding accountability: the Global Campaign and Vienna Tribunal for Women's Human Rights (en inglés) (1ª ed.). Center for Women's Global Leadership (Rutgers University) and the United Nations Development Fund for Women (UNIFEM). ISBN 0-912917-29-6. 
  20. Enloe, Cynthia (2016). Globalization and Militarism: Feminists Make the Link (en inglés) (2ª ed.). Rowman & Littlefield. p. 134. ISBN 9781442265455. 
  21. Armatta, Judith (9 de marzo de 2001). LIVING IN WAR ZONES: THOUGHTS ON WAR AND DOMESTIC VIOLENCE (PDF) (en inglés). Presented at the Conference on “Integrating Domestic Violence Education into Law Schools”. Missoula, Montana. p. 6. 
  22. "Women in Black". ABC Radio National (en inglés). 2 de decembro de 2001. Consultado o 21 de marzo de 2023. 
  23. 23,0 23,1 Guzman Bouvard, Marguerite, ed. (2013). Mothers of Adult Children (en inglés). Lexington Books. ISBN 9780739183007. 
  24. McLeod, Laura (2015). Gender Politics and Security Discourse: Personal-Political Imaginations and Feminism in 'Post-conflict' Serbia (en inglés). Routledge. p. 52. ISBN 9781317635628. 
  25. 25,0 25,1 25,2 25,3 "Short Biography: Lepa Mlađenović". Heinrich Böll Stiftung. 6 de decembro de 2012. Consultado o 27 de marzo de 2023. 
  26. Mladjenovic, Lepa (2016). "L'esperienza delle donne raccontata in luoghi solo femminili è al cuore dell'origine dei Centri antiviolenza". En Creazzo, Giuditta. Ri-guardarsi: i centri antiviolenza fra politica, competenze e pratiche di intervento (en italiano). Settenove edizioni. pp. 45–48. ISBN 9788898947164. 
  27. Mladjenovic, Lepa (2010-2015). IL COUNSELING FEMMINISTA CON DONNE SOPRAVVISSUTE ALLA VIOLENZA SESSUALE (PDF) (en italiano). Belgrado: Donne in Rete contro la violenza. 
  28. 28,0 28,1 28,2 Gavrić, Saša (2011). Čitanka lezbejskih i gej ljudskih prava (en serbocroata). Sarajevski otvoreni centar. pp. 102–103. ISBN 9789958995934. 
  29. Mertus, Julie (1 de marzo de 1995). "One Step Forward". War Resisters' International (en inglés). Consultado o 22 de marzo de 2023. 
  30. Mladjenovic, Lepa (agosto de 2001). "III. Notes of a Feminist Lesbian during Wartime". European Journal of Women's Studies (en inglés) (Londres: SAGE Publications) 8 (3): 381–391. ISSN 1461-7420. doi:10.1177/135050680100800314. 
  31. "Prva lezbijska nedjelja". Lori (en croata). 9 de xuño de 2010. Arquivado dende o orixinal o 09 de agosto de 2019. Consultado o 23 de marzo de 2023. 
  32. "Treća lezbijska nedjelja". Lori (en croata). 26 de xullo de 2011. Arquivado dende o orixinal o 02 de outubro de 2019. Consultado o 23 de marzo de 2023. 
  33. "Our network, our strength: The Third Lesbian Week 2004". Labris (en inglés). 8 de febreiro de 2017. Consultado o 23 de marzo de 2023. 
  34. "SOS Konsultacije za Lezbejke". BaLConn (en serbio). 3 de xullo de 2012. Consultado o 23 de marzo de 2023. 
  35. "Prijave za seminar “Ne-nasilje i nežnost među nama”". CK13 (en serbio). 24 de febreiro de 2019. Consultado o 23 de marzo de 2023. 
  36. Lepa Mladjenovic - Speech on the Anne Klein Award. 
  37. "Lepa Mlađenović: žudnja za aktivizmom". Autonomni ženski centar (en serbio). Consultado o 27 de marzo de 2023. 
  38. "At-Home with Lepa Mladjenovic: Publications". JoanNestle.com (en inglés). Consultado o 27 de marzo de 2023. 
  39. "Lepa Mlađenović: Politika ženske solidarnosti". Udruženje mreža za izgradnju mira (en bosníaco). Consultado o 27 de marzo de 2023.