Lingua acadia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Acadio
lišānum akkadītum
Falado en: Asiria e Babilonia
Rexións: Mesopotamia
Total de falantes:
Familia: Afroasiática
 Semítica
  Semítica oriental
   Acadio
Escrita: Cuneiforme sumero-acadio
Estatuto oficial
Lingua oficial de: inicialmente Acadia (Mesopotamia central); lingua franca do Oriente Medio and Exipto no fin da Idade do Bronce e comezo da Idade do Ferro.
Códigos de lingua
ISO 639-1: --
ISO 639-2: akk
ISO 639-3: akk
Mesopotamia
ÉufratesTigris
Cidades / Imperios
Sumeria: UrukUrEridu
KishLagashNippur
Imperio Acadio: Agadé
BabiloniaIsínLarsaSusa
Asiria: AsurNínive
NuziNimrud
Imperio BabilónicoCaldea
ElamAmorreos
MitanniCasitas
Cronoloxía
Reis sumerios
Reis de Asiria
Reis de Babilonia
Lingua
Escritura cuneiforme
Lingua sumeriaAcadio
Elamita
Mitoloxía
GilgameshMarduk

O acadio (lišānum akkadītum) é unha lingua semítica que foi falada do cuarto ao primeiro milenio antes da nosa era. Dívídese en dous dialectos : o babilonio, ao sur da Mesopotamia (ver Babilonia) e o asirio, ao norte (ver Asiria).

Acadio designa igualmente o habitante do país de Akkad.

Dialectoloxía[editar | editar a fonte]

O acadio, lingua vernácula[editar | editar a fonte]

O acadio foi a lingua vernácula dos pobos semitas de Mesopotamia polo menos desde o III milenio. A súa área de difusión inclúe a Baixa Mesopotamia, a Susiana e a Mesopotamia central, onde se fala o que se chama tradicionalmente o «babilonio» (posto que se falaba no reino babilonio do II milenio, mesmo se está presente noutros reinos durante os períodos precedentes), mentres que máis ao norte se fala a segunda grande variedade do acadio, o «asirio» (testemuñado polas fontes que veñen de Asiria). Estas dúas formas do acadio están aínda próximas e coñecen evolucións paralelas (ver máis abaixo). Na rexión do Éufrates Medio, outra lingua, o eblaíta (da cidade de Ebla), da que non se sabe se é do tipo semítico oriental ou occidental: está testemuñada desde a metade do III milenio. É, pois, probábel que o acadio non fose nunca a súa lingua vernácula, posto que esta rexión estaba dominada daquela por pobos que falaban linguas semíticas occidentais (amorritas, arameos).

Dado que estas linguas só se coñecen polos documentos escritos, é imposíbel saber con certeza que lingua se falaba, e as opinións dos especialistas diverxen por veces a propósito desta cuestión.

Acadio antigo[editar | editar a fonte]

O acadio antigo é a lingua dos textos do período das dinastías arcaicas, e sobre todo do Imperio de Akkad. Os textos máis antigos en lingua acadia atopáronse en Abu Salabikh, Nippur ou Kish, e datan do século –XXVI, mentres que a inmensa maioría dos textos escritos o son en sumerio. No período do Imperio d’Akkad, o acadio convértese na lingua oficial deste reino, e adquire entón unha grande importancia no plano internacional, volvéndose a lingua diplomática das poboacións semitas, que son predominantes desde o país de Akkad ata Siria do Norte. Tras a caída deste imperio, apréciase un retorno ao emprego do sumerio coa Terceira dinastía de Ur. Cando esta última cae a finais do século -XX, o acadio convértese na lingua escrita dominante, mentres que o sumerio sen dúbida xa non se falaba.

Asirio e babilonio[editar | editar a fonte]

No século –XX prodúcese a diverxencia entre os dous dialectos: asirio e babilonio.

Ver lingua asiria, lingua babilonia.

O acadio, lingua internacional[editar | editar a fonte]

Na época amorrita (primeira metade do II milenio), o acadio definitivamente suplantou o sumerio ao nivel de lingua internacional, tras da caída da Terceira dinastía de Ur. O acadio diplomático segue sempre a forma que se falaba no sur de Mesopotamia, o babilonio, pola posición dominante desta rexión no plano cultural (a emerxencia do acadio literario faise en paralelo). No segundo milenio, o acadio escríbese por todo Oriente Próximo, da Anatolia ao Irán occidental, en Exipto, e mesmo no Golfo Pérsico: converteuse na lingua vehicular desta rexión do mundo. Só perde esta posición na primeira metade do I milenio, en mans do arameo. Durante todo este período que constitúe o seu apoxeo, o acadio fálase por todas partes, e o seu emprego non se limita aos intercambios internacionais, senón que en moitos lugares se aplica tamén nos escritos literarios, xurídicos, comerciais etc. É o fenómeno do acadio periférico.

O acadio periférico[editar | editar a fonte]

Mari[editar | editar a fonte]

O reino de Mari do principio do século -XVIII, para o que temos unha morea de arquivos considerábel, está poboado sen dúbida por xente que ten como lingua vehicular o amorrita. O acadio, con todo, non deixa de ser a lingua da administración de Mari. Daquela era case idéntico ao paleobabilonio. Comporta certas especificidades fonéticas propias dos dialectos de Alta Mesopotamia (frecuencia do son -e-), e tamén hábitos gramaticais particulares.

Alalakh[editar | editar a fonte]

Alalakh (Tell Açana) proporcionou dous importantes lotes de arquivos cuneiformes:

  • O primeiro, atopado no seu nivel arqueolóxico VII, data da época amorrita (século -XVIII). Está, xa que logo, escrito en paleobabilonio.
  • O segundo lote, atopado no nivel IV, remóntase ao século –XV, e é, polo tanto, do babilonio medio.

A lingua destes dous lotes presenta particularidades locais, sobre todo a do segundo nivel, que presenta algunhas coincidencias co asirio, pero tamén co hurrita.

Hattusa[editar | editar a fonte]

O sitio arqueolóxico de Boğazköi, a antiga Hattusa, capital dos Hititas, proporcionou numerosos textos en lingua acadia, tanto textos literarios como relixiosos ou diplomáticos (tratados, correspondencia internacional etc.). A adopción do acadio pola chancelaría de Hattusa faise desde o principio do reino, a finais do século -XVI, cando Hattusilis I estende o poder hitita en dirección de Siria. Pero o acadio xa era coñecido en Anatolia con anterioridade, desde o tempo dos emporios comerciais asirios en Capadocia (século -XIX), baixo a forma paleoasiria.

Nuzi[editar | editar a fonte]

Os arquivos de Nuzi, que datan do século -XIV, están redactados en acadio, mentres que a cidade está poboada maioritariamente por persoas de lingua hurrita. Esta lingua é do babilonio medio, pero os máis os escribas non manexaban ben este idioma, cometendo numerosas faltas, e empregando palabras, expresións ou xiros hurritas.

El Amarna[editar | editar a fonte]

Os arquivos cuneiformes atopados no sitio exipcio de El Amarna (a antiga Akhetaton), están na súa maioría redactados en acadio, de tipo babilonio estándar. Unha trintena dos textos atopados son de tipo literario, mentres que os 350 restantes constitúe a correspondencia dos reis exipcios da metade do século -XIV (Amenhotep III, Akhenaton, Tutankhamon). Polas súas distintas proveniencias, presentan as características propias do seu país de orixe (Hatti, Mitanni, Babilonia). O caso máis interesante para a lingüística é o das cartas chamadas «cananeas», escritas polos reinos vasalos de Exipto situados no Levante (Tiro, Biblos, Gaza). A lingua destas cartas presenta numerosos trazos propios das linguas semíticas occidentais faladas nestes países, as linguas «cananeas». Por isto parécense aos textos acadios atopados en Ugarit.

Ugarit[editar | editar a fonte]

Os arquivos acadios de Ugarit (séculos -XIV --XIII) conteñen sobre todo textos diplomáticos, así como algunhas cartas. Os textos que tiñan que ver cos asuntos internos deste reino estaban redactados esencialmente en lingua ugarítica, nun alfabeto chamado tamén ugarítico. A lingua acadia escrita en Ugarit, de tipo babilonio medio, estaba influída pola lingua ugarítica, da que toma prestado vocabulario, así como certos xiros.

O acadio literario[editar | editar a fonte]

O paleobabilonio literario[editar | editar a fonte]

Na época paleobabilonia (ou amorrita), o acadio é a lingua na que se conciben as grandes obras literarias, relixiosas, científicas, en substitución do sumerio. Utilízase para as inscricións reais, os textos mitolóxicos, os himnos, as pregarias, os encantamentos etc. Esta forma do acadio presenta aspectos particulares, especialmente numerosos trazos arcaizantes, que intentan darlle un aspecto venerábel. O acadio literario ten certas orixinalidades desde o punto de vista fonolóxico: menos contraccións e harmonías vocálicas, caída da vogal final das preposicións ina, ana e eli, que se volven proclíticas, o estado construto do nome ten un final en -u no singular e no feminino plural, etc. Empréganse tamén certos xiros máis comunmente que no acadio corrente, como locativo ou o terminativo, e a sintaxe é máis relaxada (o verbo non está sempre ao final da frase).

O «babilonio estándar»[editar | editar a fonte]

O babilonio estándar é elaborado nos círculos letrados da Babilonia casita, na segunda metade do II milenio. Esta lingua sitúase na liñaxe directa do paleobabilonio literario, tanto en canto aos asuntos dos escritos que se fan nesta lingua como ao nivel das particularidades desta. Se ben retoma numerosos trazos do paleobabilonio literario, o babilonio estándar está influído polas formas vernáculas contemporáneas do acadio. A mimación desaparece daquela, o š tras unha dental (d, t, ṭ) convértese en l, etc. Do punto de vista da morfoloxía, os casos nominais están menos marcados (confusión entre o nominativo e o acusativo), o ventivo é moi corrente, sen ter función precisa, os pronomes enclíticos -šu e -ša confúndense a miúdo, retómanse as formas do estado construto do paleobabilonio literario, etc. O babilonio estándar non só é empregado en Babilonia (sendo a súa forma estándar a que toma no Enuma Elish), senón tamén en Asiria, estando escritas as inscricións reais neoasirias nesta forma do acadio, e non en asirio (malia a presenza de algúns «asirianismos»).

Principios da lingua acadia[editar | editar a fonte]

Parentesco lingüístico[editar | editar a fonte]

Situación entre as linguas semíticas[editar | editar a fonte]

O acadio é a lingua semítica máis antiga que coñecemos. Presenta as principais características desta lingua: raíces consonánticas predominantemente trilíteras, conxugación, vocabulario de base. O acadio conserva algúns trazos arcaicos, especialmente os diferentes casos nominais. Entre as linguas semíticas, esta lingua constitúe a rama chamada oriental, con eventualmente o eblaíta.

Préstamos do sumerio[editar | editar a fonte]

Desde a época máis antiga na que nos é coñecida, a lingua acadia sufriu unha forte influencia de parte do sumerio, lingua coa que os seus falantes conviven moito. Tomaron moitos dos trazos dela: verbo en final de frase, predilección polas frases nominais. Numerosas palabras acadias veñen derivadas do sumerio. Xeralmente, recoñécense polo feito de que a súa consoante final, que precede a desinencia casual, aparece redobrada despois do paso ao acadio. Por exemplo DUB.SAR, o escriba, vólvese tupšarru(m). Igualmente É.GAL, literalmente gran casa, é dicir, o palacio, dá ekallu(m). Esta herdanza que vén dunha lingua profundamente diferente das linguas semíticas constitúe a principal orixinalidade do acadio en relación coas outras linguas deste grupo. Isto ten como consecuencia que é imposíbel a clasificación por raíces nos dicionarios de acadio, como se fai nos das outras linguas semíticas.

Cómpre igualmente sinalar que o acadio influíu á súa vez no sumerio, polo menos no vocabulario.

Fonética[editar | editar a fonte]

A base fonética do acadio é menos variada que a da maiorías das linguas semíticas. No nivel das semiconsoantes, só o aleph (’) fica presente ao longo de todo o período de documentación en acadio, en estado residual, e integra o ’aïn (ˁ), o iode, o ġaïn, o h e o . O w desaparece progresivamente tras a metade do II milenio. O h do acadio é unha consoante dura, como o jota español, por veces escrito ḫ ou transcrito kh. Non hai h glotal. Esta lingua ten as enfáticas de k (q), t (ţ) e s (ṣ), e unha sibilante, š. As vogais presentes son o a, o u , o i e o e, e poden ser alongadas de dúas maneiras (ā, ū, ī, ē e â, û, î, ê).

Hai certas regras fonéticas particulares en acadio. A máis importante é a caída da vogal final da segunda sílaba nunha serie de dúas sílabas abertas breves: *parisū (pa-ri-sū) > parsū.

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

As raíces[editar | editar a fonte]

Como todas as linguas semíticas, as palabras, adxectivos e verbos acadios están formados na súa base por raíces consonánticas, na súa inmensa maioría trilíteras. Represéntanse coas consoantes que as constitúen: PRS, ŠPR, NDN etc. Existen algunhas raíces, chamadas febles, que contan cunha ou dúas semiconsoantes (aleph, waw ou iode), ou ben unha vogal longa na súa raíz: ’LK, (W)BL, KūN, etc.

Como dixemos antes, o principio das raíces é limitado en acadio polos numerosos préstamos do sumerio efectuados por esta lingua.

En acadio, a raíz que serve de paradigma, sobre todo para os verbos, é PRS, que significa «cortar», «decidir».

Nomes[editar | editar a fonte]

O acadio ten só dous xéneros: o masculino e o feminino, distinguidos polo morfema –(a)t- engadido á raíz, como na maioría das linguas semíticas e afro-asiáticas. Coexisten tres números: singular, plural e dual (pouco usado). Existen tres casos diferentes: nominativo, marcado por unha terminación en –u(m), o acusativo –a(m) e o xenitivo (que ten tamén un valor de dativo) –i(m). En plural, estes dous últimos só forman un caso, chamado oblicuo.

Os nomes teñen tamén un estado construto, que consiste xeralmente na caída da desinencia casual, e que serve para introducir un xenitivo directo (mentres que o xenitivo indirecto se introduce coa preposición ša) : šar mati(m) = šarru(m) ša mati(m) = «o rei do país».

Adxectivos[editar | editar a fonte]

Colócanse xeralmente tras a palabra ou grupo de palabras aos que determinan. Compórtanse como substantivos, e teñen o mesmo xénero, número e caso co que cualifican. Con todo, a declinación do adxectivo difire da do substantivo no masculino plural (-ūtum, -ūtim).

Verbos[editar | editar a fonte]

O acadio só distingue en principio o aspecto dos verbos (perfectivo ou imperfectivo), e non o tempo (pasado, presente, futuro). Distínguese así o estado de realización dunha acción, dependendo se xa rematou (perfectivo) ou se está a producirse ou que aínda non tivo lugar (imperfectivo). O perfectivo corresponde, pois, ao pretérito perfecto composto do español, ao pluscuamperfecto do galego e ao futuro anterior do español (respectivamente perfectivo do pasado, do presente e do futuro), mentres que o imperfectivo corresponde ao presente de indicativo, ao pretérito perfecto e ao futuro simple (imperfectivos do pasado, do presente, e do futuro) do galego.

As outras formas verbais habituais son o imperativo, o perfectivo/perfecto (que indica unha acción consecutiva a outra), o precativo/cohortativo (que indica un desexo), o estativo (acción que dura, estado permanente). As formas do infinitivo e participio son substantivos formados sobre a raíz verbal.

A persoa está marcada cun prefixo, e por veces un sufixo:

  • 1ª sg.: a-.
  • 2ª m. sg.: ta-.
  • 2ª f. sg.: ta-(V)-ī.
  • 3ª m. sg.: i-.
  • 3ª f. sg.: ta-.
  • 1ª pl.: ni-.
  • 2ª pl.: ta-(V)-ā.
  • 3ª m. pl.: i-(V)-ū.
  • 3ª f. pl.: i-(V)-ā.


velaquí unha táboa coa conxugación básica; as formas conxugadas están na terceira persoa masculina singular:

  • perfectivo: iPRuS
  • imperfectivo: iPaRRaS
  • perfecto: iPtaRaS
  • imperativo: PuRuS
  • estativo: PaRiS
  • precativo: liPRuS
  • infinitivo: PaRāS-u(m)
  • participio: PaRīS-u(m)

Como as outras linguas semíticas, o verbo acadio conxúgase segundo tres sistemas:

  • o sistema G (Grundstamm), ou sistema I, conxugación de base.
  • o sistema D (Doppelungstamm), ou sistema II, un enfático e un factitivo; está marcado cunha reduplicación da segunda consoante da raíz, e prefixos cunha vogal u: perfectivo uPaRRiS.
  • o sistema Š, ou sistema III, que é un causativo; engádese un infixo constituído por un -š- tras o prefixo persoal, que están compostos dunha vogal u: perfectivo ušaPRis.
  • o sistema N ou sistema IV, o pasivo do sistema G/I; engádese un infixo -n- tras o prefixo persoal, que desaparece a miúdo foneticamente: perfectivo *inPaRuS>iPPaRuS.
Paradigma do verbo parāsum (decidir, dividir); as marcas de persoa están en azul, os infixos en verde e as vogais temáticas (aquí, a no imperfectivo, u no perfectivo) en vermello.

Hai igualmente tres «subsistemas». O primeiro (G) é o subsistema básico, o segundo (Gt) ten un aspecto enfático ou partitivo, mentres que o terceiro (Gtn) marca un aspecto repetitivo («facer sen cesar»).

Pronomes[editar | editar a fonte]

Distínguense dous tipos de pronomes persoais: independentes e dependentes (ou enclíticos). Declínanse como os nomes segundo tres casos.

Sintaxe[editar | editar a fonte]

A diferenza das outras linguas semíticas, que teñen unha sintaxe en SVO, o acadio ten unha sintaxe en SOV, a causa da influencia do sumerio. Dentro do obxecto, o complemento directo (acusativo) precede ao complemento indirecto (dativo/xenitivo). As proposicións subordinadas están xeralmente introducidas por un pronome (a miúdo ša = «quen», «que»), e o seu verbo remátase cun prefixo específico, -u en babilonio, -ni en asirio.

Notas[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Gramáticas[editar | editar a fonte]

  • W. von Soden, Grundiss der Akkadischen Grammatik, 1995 (en alemán).
  • J. Huehnergard, A Grammar of Akkadian, 2000 (corrección dos exercicios nun fascículo separado) (en inglés).

Dicionarios[editar | editar a fonte]

  • Black Jeremy, George Andrew, Postgate Nicholas, "A concise dictionary of Akkadian", Wiesbaden : O. Harrassowitz, 2000. Dicionario de peto, abreviación usual: CDA (en inglés).
  • Brinkman… [et al.] John A. editorial board, "The Assyrian Dictionary of the Oriental Institute of the University of Chicago", Chicago Ill. : Oriental Institute, Glückstadt : J.J. Augustin, 1956->. Malia os seus case 20 volumes, este dicionario non está aínda rematado, abreviación usual: CAD (Chicago Assyrian Dictionary) (en inglés).
  • Soden, Wolfram von, "Akkadisches Handwörterbuch", Nachlasses von Bruno Meissner, (1868-1947), Wiesbaden : O. Harrassowitz, 1965-1981. Dicionario composto por tres voluminosos libros, abreviación usual: AHw (en alemán)

Manuais de aprendizaxe[editar | editar a fonte]

  • F. Malbran-Labat, Manuel de langue akkadienne, 2003 (en francés).
  • D. Bodi, Petite grammaire de l'akkadien à l'usage des débutants, 2001 (en francés).

Listas de signos[editar | editar a fonte]

  • F. Malbran-Labat, R. Labat, Manuel d'épigraphie akkadienne (Signes, Syllabaires, Idéogrammes), Librairie Orientaliste Paul Geuthner, Paris (en francés).
  • R. Borger, Assyrisch-babylonische Zeichenliste, Collection: Alter Orient und Altes Testament Bd. 33 e 33A, Kevelaer : Butzon und Bercker; Neukirchen-Vluyn: Neukirchener Verl., 1981. (en inglés).

Varios[editar | editar a fonte]

Artigos relacionados[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Linguas semíticas
Ugarítico † | Fenicio † | Púnico † | Hebreo | Amonita † |
Moabita † | Edomita † | Arameo | Acadio † | Babilonio † | Asirio † | Árabe | Sudarábiga | Etiópico