Fodón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fodón
Trisopterus minutus
Fodón
Fodón
Estado de conservación
LC [1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Paracanthopterygii
Orde: Gadiformes
Familia: Gadidae
Xénero: Trisopterus
Especie: T. minutus
Nome binomial
Trisopterus minutus
(Linnaeus, 1758)
Distribución de Trisopterus minutus

Distribución de Trisopterus minutus
Sinonimia
  • Gadus minutus (Linnaeus, 1758)
  • Gadus capelanus (Lacepède, 1800)

O fodón,[2] [3] [4] [5] [6] Trisopterus minutus, é un peixe osteíctio da orde dos gadiformes e familia dos gádidos, moi común na costa europea do océano Atlántico, na costa de Marrocos e no mar Mediterráneo.[7]

Características[editar | editar a fonte]

De corpo de forma semellante á dun bacallau en miniatura, algo máis pequeno (e máis esvelto) que a faneca, pode alcanzar unha lonxitude máxima de até 40 cm, aínda que comunmente só mide uns 20 cm.[8]

A coloración do dorso é amarela acastañada (como a dunha vaca marela), cambiando até á abrancazada no ventre, cunha una pequena mancha escura por riba da base da aleta pectoral,[7] [8]

No presenta espiñas nin na aleta dorsal nin na anal.

O maxilar superior é algpo protáctil, e exhibe unha longa barbela no mento.[8]

Hábitat e bioloxía[editar | editar a fonte]

É unha especie bentopeláxica mariña, non migradora, que habita en augas superficiais nun rango de profundidade de entre 1 e 440 m,[9] aínda que normalmente entre 15 e 200 m, en augas temperadas, entre os 66° e 28° de latitude norte, e entre os 13º de lonxitude oeste e os 36º leste,[7] agrupado en pequenos cardumes,[8] mentres que no Mediteráneo adoita encontrarse en torno aos 120 m de profundidade pousado sobre a area do fondo.[7]

Aliméntase de crustáceos, pequeños peixes e vermes poliquetos e outros animais bentónicos.[7] [8]

Adquire a madurez sexual ao ano de idade, e desova a profundidades de entre os 50 e os 100 m. Ao sur do mar do Norte e do Canal da Mancha a época da reprodución vai desde febreiro a abril, mentres que no Mediterráneo é de decembro a marzo.
Os ovos, peláxicos, miden 1 mm, e as larvas recentemente eclosionadas, de 2 a 2,5 mm. O crecemento do fodón é moi rápido, alcanzando de 12 a 14 cm aoi ano de idade, e de 17 a 19 cm aos dous anos.[8]

Fodóns nun mercado.

Pesca e usos[editar | editar a fonte]

O fodón pescouse tradicionalmente no Atlántico norte como captura adicional en redes de arrastre, utilizándose para a fabricación de fariña de peixe para a elaboración de pensos en gandaría, mentres que no Mediterráneo se pesca tamén para consumo humano,[8] alcanzando prezos intermedios no mercado.[10]

Na zona do levante español adoita poñerse en salmoira, e a súa carne forma parte de diversas salsas.

En Galicia[editar | editar a fonte]

No noso país tamén coñecido, entre outros, polos nomes nomes de:[3]

  • cabalo
  • cabalo macho
  • cabezón
  • faneca brava
  • faneco
  • fanecón
  • home
  • homiño

Moitos destes nomes, segundo Ríos Panisse,[3] débese a que os mariñeiros dividen ás fanecas en dúas clases, macho e femia, aplicando aos machos o nome de fodón, é dicir ao home que fode, polo que un dos nomes da femia (a faneca) é puta descalsa (recollido en Cesantes, Redondela) polo que se ao macho chaman fodón [...] o correlato esperado para a faneca femia é o de puta. Tamén o castelán coñece este nome: puta en cueros. Porén, segundo Antón Santamarina, o fodón é así chamado porque vive xunto coa faneca auténtica pero, ao contrario desta, morde con máis dificultade os anzois e, se o fai, é para devorar a carnada, pero sen quedar enganchado, o que causa a desesperación dos pescadores á liña;[11] é dicir, que empregan fodón no sentido figurado de que molesta ou amola.[12]

Nas augas galegas o fodón aparece rexistrado en numerosos traballos ictiolóxicos, desde o de Steindachner, en Lozano y Rey (1960), onde se cita na Coruña e Vigo, como Gadus minutus, até os máis recentes, xa como Trisopterus minutus, desde o de Labarta (1976) aos de Fariña et al. (1983), que o rexistran sobre fondos da plataforma desde o alfoz do Miño até Ribadeo ou os de Iglesias (1983), en polígonos de bateas mexilloeiras na ría de Muros e Noia ou o de Iglesias e González Gurriarán (1984), nos polígonos de mexilloeiras e en zonas centrais da ría de Pontevedra, pasando por moitos outros.[13]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Trisopterus minutus en Lista vermella da IUCN.
  2. fodón no dicionario da RAG.
  3. 3,0 3,1 3,2 Ríos Panisse (1977), pp. 394-395.
  4. Rodríguez Solórzno el a. (1983)
  5. Rodríguez Villanueva et. al. (1995)
  6. Lahuerta e Vázquez (2000)
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Cohen, D. M., T. Inada, T. Iwamoto e N. Scialabba (1990): FAO species catalogue. Vol. 10. Gadiform fishes of the world (Order Gadiformes). An annotated and illustrated catalogue of cods, hakes, grenadiers and other gadiform fishes known to date. FAO: FAO Fish. Synop, volume10, nº 125, 442 pp.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 8,6 Muus, Bent J. et al. (1998), pp. 24-25.
  9. Ocean Biogeographic Information System 2006. OBIS-extracted Depth Data. Harvested by E.Agbayani July 2006 at www.iobis.org.
  10. Sumaila, U. R., A. D. Marsden, R. Watson e D. Pauly (2007): "A global ex-vessel fish price database: construction and applications". J. Bioeconomics, 9: 39-51.
  11. Véxase nota etimolóxica de Antón Santamarina no § 361. Gadus minutus (L.) en Ríos Panisse (1977), p. 396.
  12. Véxase molestar no dicionario da RAG.
  13. Solórzano et al. (1988), p. 28.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Fodón
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Fodón

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Cohen, D., Inada, T., Iwamoto, T. & Scialabba, N. (1990): Gadiform Fishes of the World (Order Gadiformes). An annotated and illustrated catalogue of cods, hakes, grenadiers and other gadiform fishes known to date. FAO: FAO Fisheries Synopsis,125, volume 10, pp. 77-81. Ver en PDF
  • Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Ríos Panisse, M. C. (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I Invertebrados y peces. Santiago: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X.
  • Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía os peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1995): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2.
  • Solórzano, Manuel R[odríguez]; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). Seminario de Estudos Galegos, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]