Esfera armilar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Esfera armilar.

En astronomía, unha esfera armilar, coñecida tamén co nome de astrolabio esférico, é un modelo da esfera celeste utilizado para mostrar o movemento aparente das estrelas ao redor da Terra ou o Sol.

A esfera armilar inventouna presumibelmente Eratóstenes contra o ano 255 a.C.

O cualificativo procede do latín armilla (círculo, brazal), dado que o instrumento está construído sobre un esqueleto de círculos graduados mostrando o ecuador, a eclíptica e os meridianos e paralelos astronómicos.

Na maioría das esferas armilares pódese apreciar a Terra ou tamén, en modelos posteriores, o Sol, representado no centro da esfera.

Historia[editar | editar a fonte]

Bandeira de Portugal, co seu escudo de armas sobre unha esfera armilar.

As esferas armilares utilizáronse como instrumentos de ensinanza xa no século III a.C.

Modelos máis sofisticados realizáronse na época helenística, en tempos do astrónomo Claudio Ptolomeo, moito máis precisos e capaces de seren utilizados incluso para predicir observacións.

As esferas armilares convertéronse en instrumentos populares ao final da Idade Media e no Renacemento, e o astrónomo danés Tycho Brahe (1546-1601) construíu numerosos enxeños deste tipo.

No Renacemento moitos científicos e personaxes públicos posaban para os seus retratos co fondo dunha esfera armilar como símbolo de sabedoría e coñecemento.

Ao seren as esferas armilares uns dos primeiros equipos mecánicos complexos, o seu desenvolvemento posibilitou numerosos avances técnicos da mecánica.

Na bandeira e no escudo de Portugal aparece representada unha esfera armilar utilizada como símbolo nacional desde o reinado de Manuel I de Portugal.

Equivalente en China[editar | editar a fonte]

Globo celeste da dinastía Qing.

En China os astrónomos desenvolveron o equivalente chinés da esfera armilar, os chamados globos celestes, para axudarse con eles a planificar as súas observacións das estrelas.

O globo celeste máis antigo data do ano 52 a.C., na época da dinastía Han Occidental e foi construído polos astrónomos Geng Shou-chang (耿壽昌) e Luo-xia Hong (落下閎).

Algúns destes instrumentos podían moverse, impulsados por correntes de auga, simulando o movemento dos astros.

Moito tempo despois, Li Chun-feng (李淳風), da dinastía Tang, creou, no ano 633, un modelo máis avanzado con tres capas esféricas que lle permitían calibrar diferentes aspectos das observacións astronómicas.

No ano 723, durante a mesma dinastía, o monxe budista Yi-xing (一行) e o oficial do goberno Liang Ling-zan (梁令瓚) combinaron o globo celeste de Zhang Heng movido por auga cun dispositivo capaz de permitir a saída do líquido. O resultado foi posibelmente o primeiro reloxo mecánico enteiramente movido por auga (clepsidra) da historia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Esfera armilar

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]