Zenón de Citio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Zenón de Citio

Zenón de Citio (340 a.C. - 264 a.C.) foi un filósofo helenista, fundador do estoicismo.

Zenón naceu en Citio, na illa de Chipre. Transferiuse para Atenas por volta de 312 ou 311 a.C., atraído pola filosofía (ou, segundo outros, após perder a súa fortuna en un naufraxio na costa da Ática).

En Atenas, Zenón foi discípulo de Crates de Tebas e estudou os antigos filósofos (entre estes, Heráclito de Éfeso, que moito o influenciou). Aos 42 anos, fundou a escola estoica, reunindo os seus alumnos baixo os pórticos (en grego, stoá) de templos, mercados e ximnasios.

Zenón propuña unha tripartición na filosofía: lóxica, física e ética. A lóxica fornece un criterio de verdade. A física constitúe un materialismo monista e panteísta. A ética regula as accións humanas, cuxo obxectivo é a conquista da felicidade e esta debe ser perseguida segundo a natureza.

A doutrina filosófica de Zenón de Citio afirma que o ser humano atinxe a plenitude e a felicidade cando abandona todas as paixóns terreas, contrariedades, aborrecementos e desasosegos. Para Zenón a única forma de vivir sen esas contrariedades é vivir en ataraxia ou apatía, ou sexa, abandonado ao destino, impasivamente, nada receando e nada esperando.

A pesar de compartir diversos conceptos básicos da filosofía de Epicuro de Samos, Zenón e o estoicismo en xeral diverxen do epicureísmo por entender que a virtude, e non o pracer, constitúe o ben supremo. Alén diso, consideran que o principio chave do universo é a lei racional da natureza, e non o movemento aleatorio dos átomos.