Apolonio de Rodas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Apolonio de Rodas, nado en Alexandría no 295 a. C. e finado posiblemente en Rodas no 215 a. C., foi un poeta grego, autor do poema épico Argonáuticas.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A tradición dubida entre se naceu en Alexandría ou en Naucratis, pero é máis probable o primeiro, aínda que a súa familia procedía da segunda. Chámase de Rodas porque alí pasou a maior parte da súa vida e porque case con total seguridade adoptou a cidadanía rodia. Realizou estudos en Alexandría, tendo como mestre ao poeta Calímaco e como compañeiro de escola ao físico e astrónomo Eratóstenes, destinado a sucedelo na dirección da famosa Biblioteca de Alexandría. Cando tiña uns trinta anos foi nomeado por Tolomeo II Filadelfo bibliotecario para suceder ao célebre gramático Zenódoto de Éfeso. Ao mesmo tempo recibiu o encargo de educar ao fillo de Ptolomeo Filadelfo, o futuro Ptolomeo III Everxetes.

Durante os vinte anos que estivo no cargo compuxo o seu famoso poema épico Argonáuticas ou A viaxe dos argonautas, que narra a viaxe da nave Argos, dirixida por Xasón e tripulada por todo tipo de heroes míticos, cara a Cólquida, en busca do vélaro de ouro.

Tamén escribiu numerosos libros sobre gramática. Discutiu por entón co seu mestre Calímaco, que era un inimigo declarado dos poemas narrativos e extensos. Iso, e a inimizade da raíña Berenice, coa que se casara o seu alumno, chegado ao fin ao poder, motivaron a súa caída na corte do rei e a súa marcha cara a Rodas, onde morreu.

Outra tradición afirma que a súa primeira composición do poema Argonáuticas provocou as burlas dos seus colegas en Alexandría. Por iso, exiliouse a Rodas, onde reescribiu de novo a obra coa que alcanzou fama e recoñecemento.

Sobre a súa inimizade co seu mestre Calímaco, non se poñen de acordo os estudosos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Apolonio de Rodas (1996). Argonaúticas. ISBN 978-84-249-1827-9. 
  • Apolonio de Rodas, El viaje de los Argonautas. Madrid, Alianza Editorial, introdución e tradución de Carlos García Gual.
  • Rudolph Pfeiffer, Historia de la filologia clásica. Ed Gredos (castelán).