Djalma Dias

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Djalma Dias
Información persoal
Nome Djalma Pereira Dias Júnior
Nacemento 21 de agosto de 1939
Lugar de nacemento Río de Xaneiro
Falecemento 1 de maio de 1990
Lugar de falecemento Río de Xaneiro
Altura 177 centímetros
Posición Defensa
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1959–1961 America
1963–1967 Palmeiras 239 (2)
1968–1969 Atlético Mineiro
1969–1972 Santos 109 (3)
1971–1972Botafogo (cedido)
Selección nacional
1962–1970 Brasil 21 (0)
Na rede
FIFA: 56108 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Djalma Pereira Dias Júnior, nado no Río de Xaneiro o 21 de agosto de 1939 e finado na mesma cidade o 1 de maio de 1990, foi un futbolista brasileiro que xogaba de defensa. Foi internacional coa selección do Brasil a finais dos anos 60 e principios dos 70.

Foi pai de Djalminha, futbolista do Deportivo da Coruña e tamén internacional co Brasil, e curmán de Carlos Alberto Torres, capitán da canarinha que conquistou o Mundial de 1970.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

America Football Club (1956-1963)[editar | editar a fonte]

Comezou a súa carreira no club carioca America, no que entrou en idade infantil-xuvenil en 1956.[1] Subiu ao primeiro equipo en 1958 da man do técnico húngaro Gyula Mándi. En 1960 gañou co America o Campionato Carioca de fútbol, título que o club non gañaba dende había 25 anos.[2] Ademais foi elixido mellor defensa do campionato, galardón que gañou de novo na tempada seguinte.[1]

En 1962 conquistou a International Soccer League, unha competición organizada en Nova York entre equipos europeos e americanos, tras quedar o equipo primeiro do seu grupo e derrotar na final ao Belenenses portugués.[3]

Palmeiras (1963-1968)[editar | editar a fonte]

En xaneiro de 1963 foi traspasado ao Palmeiras por 29 millóns de cruceiros, un dos prezos máis altos pagados por un futbolista no Brasil daquela época.[1] Xogou varias tempadas co club paulista, gañando os campionatos paulistas de 1963 e 1966 e o Torneo Río-São Paulo de 1965. Continuou como titular indiscutible no inicio do Campionato Brasileiro de 1967, onde o equipo se colocou primeiro. Os problemas chegaron en abril, á hora de renovar o contrato do xogador. Os desacordos entre futbolista e club fixeron que fose apartado do equipo, estando sen xogar nin cobrar case un ano e negándose o club a cedelo a outros equipos interesados como o do Fluminense. O futbolista tivo que vender o seu apartamento para poder sustentar a súa familia e o caso chegou aos tribunais.[1] Finalmente o asunto resolveuse en febreiro de 1968, cando o xogador foi traspasado ao Atlético Mineiro.

Atlético Mineiro (1968-1969)[editar | editar a fonte]

Co "Galo" rematou subcampión do Campionato Mineiro dese ano, por detrás do seu máximo rival, o Cruzeiro.

Santos (1969-1972)[editar | editar a fonte]

En abril de 1969 fichou polo Santos de Pelé, co que conquistou o seu terceiro Campionato Paulista ese mesmo ano. Disputou ademais a Recopa Mundial, xunto a Real Madrid, Inter de Milán, Racing de Avellaneda e Peñarol, gañando o título tras derrotar ao Inter na final en San Siro por 1-0.[4]

Cesión ao Botafogo (1971-1972)[editar | editar a fonte]

Entre 1971 volveu ao fútbol carioca, sendo cedido ao Botafogo, ao que axudou a chegar ao triangular final do Campionato Brasileiro de 1971, que acabou gañando o Atlético Mineiro.[5] A mediados de 1972, tras unha segunda cesión ao Botafogo, volveu ao Santos, e, a pesar de quedar libre para fichar por outro equipo decidiu colgar as botas aos 33 anos.[1]

Tras a retirada (1972-1990)[editar | editar a fonte]

Despois de deixar o fútbol profesional tivo varios negocios como un taller mecánico e unha editorial de libros. Continuou xogando ao fútbol con equipos de veteranos e nos anos 80 xogou na selección brasileira de veteranos, coa que quedou subcampión do mundo en 1987 na primeira edición do Mundial de Veteranos ou Copa Pelé.[6]

Faleceu dun ictus en 1990.[1]

Selección brasileira[editar | editar a fonte]

Foi internacional coa selección brasileira en 21 ocasións. Foi incluído na lista de pre-convocados para o Mundial de 1962 en Chile, estreándose coa selección unhas semanas antes do certame, nun partido amigábel contra a selección de Gales no estadio do Maracaná que rematou con vitoria brasileira por 3-1.[7] Con todo, non foi incluído na lista de convocados final para o Mundial que acabaría gañando a canarinha, decantándose o seleccionador Aymoré Moreira por Hilderaldo Bellini e Mauro Ramos para a súa posición.[1]

Volveu á selección en 1965 e o ano seguinte xogou varios partidos de preparación para o Mundial de 1966 en Inglaterra, pero finalmente volveu caer da convocatoria final para a Copa, onde Vicente Feola preferiu a Brito e de novo a Bellini.[8] A historia repetiuse por terceira vez antes do Mundial de 1970 en México, e a pesar de ter xogado como titular en todos os partidos de clasificación para o Mundial, Mário Zagallo deixouno de novo ás portas de disputar a Copa do Mundo.[1][9][10]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Era curmán de Carlos Alberto Torres, capitán da selección brasileira no Mundial de 1970, e co que coincidiu varias veces na canarinha.[11][12]

Foi pai de Djalminha, centrocampista tamén da selección brasileira que comezou a súa carreira no Flamengo e destacou no Deportivo da Coruña, onde se converteu nun ídolo da afección. Con todo, non tivo a oportunidade de ver a Djalminha vestindo a camisola do equipo brasileiro, pois faleceu antes do debut internacional deste.[1]

Palmarés[editar | editar a fonte]

América[editar | editar a fonte]

Palmeiras[editar | editar a fonte]

Santos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 do Valle, Emmanuel (21 de agosto de 2019). "Djalma Dias, 80 anos: Mesmo sem Copa, um mestre da zaga no futebol brasileiro" (en portugués). Consultado o 9 de decembro de 2020. 
  2. "Placar Magazine" (91). Editora Abril. 10 de decembro de 1971: 26. 
  3. "En 1962 el Real Oviedo debutaba en la Liga Internacional de Fútbol". 4 de xullo de 2018. Consultado o 9 de decembro de 2020. 
  4. "Final da Recopa Mundial de 1968". ceroacero.es (en castelán). Consultado o 99 de decembro de 2020. 
  5. "Brazil 1971 Championship - Primeiro Campeonato Nacional de Clubes". rsssfbrasil.com. Consultado o 9 de decembro de 2020. 
  6. "Argentina también ganó el Mundial de Veteranos". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 19 de xaneiro de 1987. p. 30. 
  7. "Brasil - Gales 1962". worldfootball.net (en inglés). Consultado o 9 de decembro de 2020. 
  8. Valença Schwob, Marcelo Rousseau (2017). Silva, o Batuta: O craque e o futebol de seu tempo (en portugués). LivrosdeFutebol. ISBN 9788565193153. 
  9. "Partidos internacionais de Djalma Dias". worldfootball.net (en inglés). Consultado o 9 de decembro de 2020. 
  10. "Llega el genio insolente". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de xullo de 1997. p. 22. 
  11. "Parentes" (en portugués). 14 de xuño de 2014. Consultado o 9 de decembro de 2020. 
  12. "Djalma, "um bom garoto"". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de xaneiro de 2001. p. 34. 
  13. "Djalma Dias é destaque na Galeria dos Imortais" (en portugués). Consultado o 24/04/2020.