David Lynch

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
David Lynch.

David Keith Lynch, nado en Missoula (Montana) o 20 de xaneiro de 1946, é un director de cine estadounidense. A súa actividade artística esténdese así mesmo ó terreo da pintura, a música, a fotografía e incluso o deseño mobiliario.

O seu amor polo surrealismo queda demostrado nas súas inquedantes películas, onde é necesario un grande esforzo intelectual por parte do espectador para a súa total comprensión. Como exemplo pódense citar Eraserhead ou a serie de televisión Twin Peaks (serie). Posteriormente realizou algunhas producións máis accesibles como The Straight Story, ben que mantendo a súa persoal sinatura. Na actualidade algúns dos seus proxectos cinematográficos e de animación son só accesibles a través da súa páxina web de pago[1].

As súas películas tenden a describir pequenas comunidades dos Estados Unidos, como o caso de Twin Peaks ou Blue Velvet. Lynch sente tamén predilección polos segredos ocultos dos barrios periféricos dos Ánxeles, retratados en Lost Highway e Mulholland Drive. O son nas súas películas é de grande importancia e por iso cada banda sonora é traballada con esmero. O responsable de conseguir que ese son resulte tan especial é o compositor Angelo Badalamenti, colaborador habitual do director, creador entre outras da fascinante banda sonora da serie de televisión Twin Peaks ou da inquietante e perturbadora Lost Highway. Recoñecido admirador de Jacques Tati, Ingmar Bergman ou Werner Herzog, Lynch conseguiu destacarse como un dos poucos directores actuais cun estilo persoal, e constitúe un referente ineludible no cine contemporáneo. A súa nova película, que lle levou varios anos de rodaxe, usando exclusivamente técnicas dixitais, titúlase INLAND EMPIRE (en capitais) e a súa estrea produciuse en 2006.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia e mocidade[editar | editar a fonte]

Lynch podería considerarse o arquetipo do rapaz americano de clase media. O seu pai, Donald, foi un científico adscrito ó Ministerio de Agricultura norteamericano, e a súa nai, Sunny, era profesora de lingua. A familia viviu en distintos lugares, entre o noroeste do país e Carolina do Norte. Lynch foi boy scout e ós 15 anos participou como acomodador na toma de posesión do presidente John F. Kennedy.

Pronto experimentou impulsos artísticos e asistiu á Corcoran School of Art en Washington, D.C. mentres terminaba os seus estudos secundarios en Alexandria, Virxinia. Despois apuntouse á School of the Museum of Fine Arts de Boston durante un ano, antes de partir rumbo a Europa en compañía do seu amigo e colega artístico Jack Fisk. Os seus plans eran estudar co pintor do expresionismo austríaco Oskar Kokoschka (quen resultaría un dos seus principais referentes artísticos) durante tres anos. Porén, Lynch regresou ós Estados Unidos ó cabo de só 15 días.

Philadelphia e as súas primeiras longametraxes[editar | editar a fonte]

En 1966, Lynch instálase na cidade de Philadelphia, Pennsylvania, asistindo á Pennsylvania Academy of Fine Arts (PAFA). Alí dedicouse en principio á confección de complexos mosaicos a base de figuras xeométricas, ós que chamou Industrial Symphonies. Por aquel tempo, tivo os seus primeiros devaneos cinematográficos. A súa primeira curta recibiu o título de Six Men Getting Sick ("Seis homes enfermando") (1966). El describiuno como "57 segundos de desenvolvemento e paixón, e tres segundos de vómito". Con esta peza gañou o certame anual da Academia. Este pequeno éxito permitiulle abordar a súa segunda curtametraxe: The Alphabet.

A partir de 1970, Lynch centrouse exclusivamente na arte cinematográfica. Conseguiu un premio de 5.000 dólares do American Film Institute por The Grandmother, ("A avoa") sobre un pobre rapaz da rúa que logra conseguir unha avoa a partir dunha semente. Esta película de 30 minutos de duración mostra xa moitos dos patróns característicos no seu cine de madurez, incluíndo un son perturbador e envolvente e unha potente imaxinería enfocada ós desexos e ó inconsciente reprimido, todo isto lonxe dos métodos tradicionais de narrar.

Eraserhead[editar | editar a fonte]

En 1971, Lynch trasladouse aos Ánxeles para asistir ás clases do American Film Institute Conservatory. Foi alí onde empezou a traballar na súa primeira longa, Eraserhead, aproveitando unha axuda de 10.000 dólares concedida por dita institución. Estes cartos non lle alcanzaron para terminar o filme, e a película non se remataría ata 1977. Lynch tivo que pedir diñeiro a amigos e familiares, incluíndo ó seu amigo da infancia Jack Fisk, deseñador de produción e marido da actriz Sissy Spacek, e incluso se dedicou a vender xornais para financiala.

Eraserhead, unha das películas máis sombrías e enigmáticas da historia do cine, plena de acenos surrealistas e elementos desacougantes, foi moi apropiadamente rodada en branco e negro. Conta a historia dun mozo tranquilo (papel que incorpora o inefable Jack Nance) que vive nunha especie de ermo industrial, dando a luz a súa moza a unha rara besta que non para de xemer. Lynch refírese á película como “a miña historia de Philadelphia”, aludindo ó feito de que reflicte moi ben tódalas crúas experiencias que viviu nesa cidade na súa etapa de estudante, que o marcaron profundamente.

Sobre a película, a crítica afirmou que suxire ou intenta suxerir os medos e ansiedades do propio cineasta acerca da paternidade, personificados no grotesco aspecto do bebé, que se converteu nunha das iconas do cine fantástico de tódalas épocas. O director rexeitou en máis dunha ocasión explicar como foi elaborada a criatura, pero a lenda conta que foi construída a partir dun feto de vaca embalsamado.

Debido ós seus extravagantes contidos, ó principio pensouse que Eraserhead non podería ser exhibida comercialmente. Porén, grazas ó esforzo do distribuidor Ben Barenholtz, converteuse axiña nun clásico, típico en salas especializadas en proxeccións de media noite, fóra das grandes audiencias. A crítica gabouna inmediatamente como obra mestra, o que colocou ó director á cabeza da vangarda cinematográfica. O gran director Stanley Kubrick afirmou con admiración que era unha das súas películas favoritas na historia do cine. O éxito provocou que o equipo de actores e técnicos (entre eles o cámara Frederick Elmes, o técnico de son Alan Splet ou o actor Jack Nance) seguiran traballando con Lynch en proxectos posteriores.

The Elephant Man e Dune[editar | editar a fonte]

Eraserhead atraeu a atención do produtor Mel Brooks, que contratou a Lynch para dirixir a película de 1980 The Elephant Man, un biopic sobre a figura de Joseph Merrick, un home de clase baixa con malformacións. Esta película, rodada igualmente en branco e negro, foi un grande éxito comercial e obtivo oito nomeamentos ós Oscars, incluíndo o de mellor director e mellor guión adaptado para Lynch. Do mesmo modo demostrou a viabilidade comercial das súas propostas.

Posteriormente, o cineasta aceptou dirixir unha superprodución que adaptaba a novela de ciencia-ficción Dune, do escritor Frank Herbert, para o produtor italiano Dino De Laurentiis, ca condición de que a produtora se comprometera a financiar un segundo proxecto sobre o que Lynch mantería control creativo total. Aínda que o produtor esperaba que Dune (1984) suporía algo así como a nova Guerra das galaxias, a película resultou un gran fracaso comercial, sendo ademais trapeleada pola crítica. Calculouse que ingresaría 45 millóns de dólares, que ó final ficaron en só 27,4. Para compensar perdas, o estudio elaborou unha versión alongada para a televisión que desvirtuaba a montaxe do director e que Lynch desautorizou inmediatamente.

Blue Velvet[editar | editar a fonte]

A segunda película de Lynch producida por De Laurentiis foi Blue velvet ("Terciopelo azul", 1986), a historia dun mozo universitario (representado polo actor que protagonizara Dune, Kyle MacLachlan) que descobre o lado escuro dunha pequena cidade, ó investigar a procedencia dunha orella cortada que atopara casualmente no transcurso dun paseo campestre. A película amosa actuacións memorables de Isabella Rossellini, no papel dunha cantante atormentada, e de Dennis Hopper no dun criminal psicópata, líder dunha banda de matóns de medio pelo.

Blue Velvet obtivo un grande éxito de crítica e proporcionou a Lynch a súa segunda nominación ó Óscar ó mellor director. A película presenta algúns lugares comúns no seu cine: unha coidadísima posta en escea, certos episodios e condutas inexplicables, mulleres ultraxadas, os malsanos entresixos dunha pequena comunidade, e a utilización pouco convencional de cancións antigas. “Blue velvet”, de Bobby Vinton e “In dreams” de Roy Orbison soan neste film estranas e perturbadoras. Esta foi a primeira ocasión en que Lynch traballaba co compositor Angelo Badalamenti, quen contribuiría en tódalas súas películas posteriores.

O director Woody Allen, que recibiu unha nominación á mellor película por Hannah and Her Sisters, afirmou que Blue Velvet era o mellor film do ano. A película, comunmente considerada como unha das obras mestras do cine contemporáneo, chegou a converterse nunha icona da cultura popular.

Twin Peaks, Wild at Heart, Industrial Symphonies, American Chronicles e Hotel Room[editar | editar a fonte]

Ó non obter financiamento para posteriores guións, a finais dos 80 Lynch optou por colaborar co produtor televisivo Mark Frost na serie televisiva Twin Peaks, acerca dunha pequena localidade de Washington onde ocorren estraños sucesos. A historia centrábase nas investigacións realizadas polo axente especial do FBI Dale Cooper (doutra volta interpretado por Kyle MacLachlan) en torno á morte dunha coñecida estudante de secundaria chamada Laura Palmer. A investigación ía revelando os escabrosos segredos de moitos cidadáns aparentemente respectables. O cineasta dirixiu seis episodios en total, incluíndo os dous primeiros, e escribiu ou coescribiu algúns máis, e incluso apareceu como actor nalgúns deles.

A serie estreouse na cadea ABC Network o 8 de abril de 1990, e pouco a pouco foi revelándose como todo un fenómeno cultural. Ningún outro proxecto de Lynch obtivo semellante aceptación. A serie foi vendida a infinidade de países, e algunhas das súas expresións ingresaron na cultura popular. Fixéronse parodias da mesma no show Saturday Night Live e na serie de caricaturas The Simpsons. Lynch apareceu na portada da revista Time en gran medida debido ó grande éxito colleitado con Twin Peaks. O director incorporou o papel do vociferante e medio xordo xefe do axente Cooper, Gordon Cole.

Malia a todo, Lynch chocou cos responsables da cadea por distintos motivos, en especial pola posibilidade de revelar ou non a identidade do asasino de Laura Palmer. A cadea insistía en desenmascaralo xa na segunda tempada, pero Lynch quería gardalo en segredo ata o final. Lynch pronto se desencantou da serie e como resultado moitos membros do reparto declararon sentirse “abandonados”.

Foi naquel tempo cando Lynch empezou a colaborar ca editora, produtora e compañeira na vida real, Mary Sweeney, que traballara como asistente para el en Blue Velvet. Esta colaboración prolongaríase ó longo de once proxectos. Da súa relación naceu un fillo.

A súa seguinte longametraxe foi unha adaptación da novela de Barry Gifford Wild at Heart (“Corazón salvaxe”), unha alucinante, sensual e atropelada “road movie” protagonizada polos actores Nicolas Cage e Laura Dern. A produción obtivo a Palma de Ouro no Festival de Cannes de 1990, pero non contou coa aprobación da crítica nin o respaldo do gran público. Dise que algúns espectadores abandonaban a sala nas exhibicións de proba.

O elo perdido entre Twin Peaks e Wild at Heart é o espectáculo musical Industrial Symphony No. 1: The Dream of the Broken Hearted, unha nova colaboración con Angelo Badalamenti na que canta Julee Cruise e actúan varios actores de Twin Peaks, así como Nicolas Cage e Laura Dern. Lynch confesou que a obra reflectía dalgunha forma unha relación sentimental rota. O director produciu en 1990 un vídeo de 50 minutos sobre a obra.

Twin Peaks acabou sufrindo serios reveses de audiencia e foi retirada en 1991. Entrementres Lynch escribiu unha protosecuela sobre os últimos sete días na vida de Laura Palmer, que deu lugar á longametraxe Twin Peaks: Fire Walk with Me (1992), un desastre de taquilla que acarreou ó director as peores críticas da súa carreira.

Durante este período Lynch volveu a colaborar con Mark Frost na serie de humor On the Air para a ABC, sobre as orixes da televisión. En EE.UU. só se emitiron tres episodios. Esta colaboración prolongouse na serie documental American Chronicles.

O seu seguinte proxecto foi unha miniserie de escasa importancia para a cadea HBO titulada Hotel Room, onde se narraban os acontecementos que se enmarcaban nunha mesma habitación de hotel ó longo de varias décadas.

Lost Highway e The Straight Story[editar | editar a fonte]

En 1997 Lynch volveu á palestra coa complexa película de argumento non lineal Lost Highway (Estrada perdida), que posuía moitos elementos de cine negro. Foi coescrita con Barry Gifford e protagonizada polos actores Bill Pullman e Patricia Arquette. A película fracasou comercialmente, pero recibiu críticas contrapostas. No entanto, grazas en parte á banda sonora na que aparecían cantantes e grupos como Marilyn Manson, Rammstein, Nine Inch Nails ou The Smashing Pumpkins, Lynch obtivo unha nova audiencia por parte de espectadores da chamada Xeración X.

En 1999 sorprendeu moi positivamente ós seus fans e á crítica cunha película producida pola factoría Disney: The Straight Story (Unha historia verdadeira), que era, ó menos aparentemente, unha sinxela película sen pretensión algunha contando unha historia real acerca dun home de aldea (interpretado polo vello actor Richard Farnsworth) que emprende unha longa viaxe de estado en estado, a bordo dun cortacéspede, co único fin de facer as paces co seu irmán enfermo. A película recibiu moi boas críticas e proporcionou ó seu autor novas audiencias.

Mulholland Drive, Dumb Land, Rabbits e Darkened Room[editar | editar a fonte]

Ese mesmo ano Lynch tentou unha vez máis á cadea ABC coa idea dun drama para a televisión. A cadea deu o visto e prace e gravouse o episodio piloto, de dúas horas de duración. Pero controversias sobre o contido e a duración da serie aparcárona definitivamente.

Ca aportación de 7 millóns de dólares por parte da produtora francesa Studio Canal, o director converteu ese episodio piloto nunha longametraxe. Mulholland Drive é unha historia estraña que trata de afondar na vertente escura de Hollywood, a “fábrica de soños”. Está protagonizada por Naomi Watts, Laura Harring e Justin Theroux. No comercial, a película funcionou relativamente ben en todo o mundo, merecendo ademais reseñas positivas, o que supuxo ó seu director o premio ó mellor director no Festival de Cannes de 2001 (este premio compartiuno con Joel Coen por O home que nunca estivo alí) e outro premio ó mellor director outorgado pola New York Film Critics Association.

En 2002, Lynch desenvolveu unha serie de curtas para Internet titulada Dumb Land. Os oito episodios de que constaba, intencionadamente moi duros de contido e interpretación, apareceron posteriormente en formato DVD.

Lynch dedicou ós seus incondicionais ese mesmo ano unha comedia de situación a través da súa páxina web. A serie titulouse Rabbits ("Coellos") e constou de oito episodios cheos de surrealismo que se desenvolvían nun cuarto habitado por estrañas persoas con cabeza de roedor. Posteriormente, o director rodou en vídeo dixital a curta Darkened Room, a imitación do exitoso cine de terror xaponés dos últimos anos.

INLAND EMPIRE[editar | editar a fonte]

No Festival de Cannes correspondente a 2005, o cineasta anunciou que durante un ano estivera rodando en Polonia, por medio de técnicas dixitais, o seu último filme. A película, titulada INLAND EMPIRE (en capitais) supón case un compendio do cine deste director audaz e inquedante desde os seus comezos. A historia, retorta e con tinturas pesadelescas, desenvolve distintos niveis argumentais entremesturados, sen aclarar nunca os nexos lóxicos entre eles. Abunda en primeiros planos expresionistas (especialmente da atribulada Laura Dern), o son é distorsionado e envolvente, e os efectos especiais unidos ás numerosas escenas cómico-grotescas que contén producen un grande impacto visual. O reparto da película inclúe actores habituais de Lynch como a xa mencionada Laura Dern, Harry Dean Stanton, e o protagonista de Mulholland Drive Justin Theroux, cun cameo de Naomi Watts (supostamente un dos actores disfrazados de coellos na serie do mesmo nome), ademais da actuación estelar do británico Jeremy Irons. Lynch describiu a película como "un misterio acerca dunha muller metida en grandes dificultades”. Eestreouse en decembro de 2006, suscitando ata o momento entre os críticos, como en ocasión das máis recentes longometraxes do director, multitude de comentarios e opinións enfrontadas.

Galardóns[editar | editar a fonte]

Lynch gañou dúas veces o Premio César francés á mellor película estranxeira, e en 2002 foi presidente do xurado do Festival de Cannes, onde gañara a Palma de Ouro en 1990. En 2002 foi así mesmo galardoado polo goberno francés coa Lexión de Honor. O 6 de setembro de 2006 recibiu o León de Ouro no Festival de Venecia polas súas contribucións á Sétima Arte. Neste mesmo festival presentou o seu último filme, INLAND EMPIRE.

Recibiu catro nominacións ós Oscars: Mellor director por O home elefante (1980), Terciopelo azul (1986) e Mulholland Drive (2001), e mellor guión adaptado por O home elefante (1980).

Colaboradores habituais[editar | editar a fonte]

Lynch emprega acotío ós mesmos actores e ó mesmo equipo técnico e artístico nas súas producións:

  • 12 Produccións:

Angelo Badalamenti: música das longametraxes Blue Velvet, Twin Peaks, Wild at Heart, On the Air, Lost Highway e Mulholland Drive. Tamén escribiu a música de Industrial Symphony No. 1, Twin Peaks: Fire Walk With Me, Hotel Room, The Straight Story, Darkened Room e Rabbits.

  • 10 Producións:

Mary Sweeney, a súa habitual editora e produtora. Escribiu o guión de The Straight Story. Traballou tamén en Blue Velvet (1986), Wild at Heart (1990), Twin Peaks serie de TV, Twin Peaks: Fire Walk with Me (1992), Hotel Room, serie de TV (1993), Lost Highway (1997), Mulholland Drive (2001), INLAND EMPIRE (2006) e co-produciu Nadja (1994) con Lynch.

  • 7 Producións:

Jack Nance: en Eraserhead, Dune, Blue Velvet, The Cowboy and the Frenchman, Twin Peaks, Wild at Heart e Lost Highway

  • 6 Producións:

Harry Dean Stanton: The Cowboy and the Frenchman, Wild at Heart, Twin Peaks: Fire Walk With Me, Hotel Room, The Straight Story e INLAND EMPIRE.

  • 5 Producións:

Scott Coffey: Wild at Heart, Lost Highway, Mulholland Drive, Rabbits e INLAND EMPIRE.

Freddie Jones: The Elephant Man, Dune, Wild at Heart, Hotel Room e On the Air.

  • 4 Producións:

Michael J. Anderson: Twin Peaks, Industrial Symphony No. 1, Twin Peaks: Fire Walk With Me e Mulholland Drive.

Laura Dern: Blue Velvet, Wild at Heart, Industrial Symphony No. 1 e INLAND EMPIRE.

Bellina Logan: Corazón Salvaxe (escenas eliminadas), Twin Peaks (capítulo "O diario secreto de Laura Palmer), On the air (1 capítulo) e INLAND EMPIRE.

Kyle MacLachlan: Dune, Blue Velvet, Twin Peaks e Twin Peaks: Fire Walk With Me.

Grace Zabriskie: Twin Peaks, Wild at Heart, Twin Peaks: Fire Walk With Me e INLAND EMPIRE.

  • 3 Producións:

Frances Bay: Blue Velvet, Twin Peaks e Wild at Heart.

Catherine E. Coulson: The Amputee, Twin Peaks e Twin Peaks: Fire Walk With Me.

Miguel Ferrer: Twin Peaks, Twin Peaks: Fire Walk With Me e On the Air.

Laura Harring: Mulholland Drive, Rabbits e INLAND EMPIRE.

Sheryl Lee: Twin Peaks, Wild at Heart e Twin Peaks: Fire Walk With Me.

Everett McGill: Dune, Twin Peaks e The Straight Story.

Frank Silva: Twin Peaks e Twin Peaks: Fire Walk With Me, e traballou como encargado de vestiario en Wild at Heart.

Charlotte Stewart: Eraserhead, Twin Peaks e Twin Peaks: Fire Walk With Me.

Naomi Watts: Mulholland Drive, Rabbits e INLAND EMPIRE.

Alicia Witt: Dune, Twin Peaks e Hotel Room.

  • 2 Producións:

Jeanne Bates: Eraserhead e Mulholland Drive.

Nicholas Cage: Wild at Heart e Industrial Symphony No. 1.

Brad Dourif: Dune e Blue Velvet.

Sherilyn Fenn: en Twin Peaks e Wild at Heart.

Crispin Glover: Wild at Heart e Hotel Room.

Diane Ladd: Wild at Heart e INLAND EMPIRE.

Dean Stockwell: Dune e Blue Velvet.

Justin Theroux: Mulholland Drive e INLAND EMPIRE.

Ademais, Mädchen Amick, Dana Ashbrook, Phoebe Augustine, Eric DaRe, Heather Graham, Gary Hershberger, Peggy Lipton, James Marshall, Walter Olkewicz, Al Strobel, Lenny Von Dohlen e Ray Wise aparecen en Twin Peaks e Twin Peaks: Fire Walk With Me.


Músicos que apareceron nos seus filmes: Sting en Dune, Chris Isaak en Twin Peaks: Fire Walk With Me, David Bowie en Twin Peaks: Fire Walk With Me, Julee Cruise en Twin Peaks y Twin Peaks: Fire Walk With Me, John Lurie en Wild at Heart, Marilyn Manson, Twiggy Ramirez e Henry Rollins en Lost Highway e Billy Ray Cyrus en Mullholland Drive.

O propio Lynch reservouse pequenos papeis en The Amputee, Dune, Twin Peaks e Twin Peaks: Fire Walk With Me. Tamén fixo cameos de voz en INLAND EMPIRE e Nadja, e aparecía nunha escena suprimida de Lost Highway.

Influencias[editar | editar a fonte]

Lynch declarou de cotío admirar profundamente ós cineastas Stanley Kubrick e Federico Fellini, ó escritor Franz Kafka e ó pintor Francis Bacon. Sostén que moits das películas de Kubrick están entre as súas preferidas, e que as obras de Kafka e Bacon subxúganno pola súa forza visual e a súa conmovedora sensibilidade. Igualmente citou ó pintor expresionista austriaco Oskar Kokoschka como fonte de inspiración. Lynch síntese desde sempre feitizado pola película The Wizard of Oz ("O mago de Oz") e fixo varias veces clara referencia á mesma, como na cinta Wild at Heart.

Unha influencia temprana nel foi o libro The Art Spirit do artista e profesor norteamericano Robert Henri, de quen afirmou que lle axudou a decidir o curso que tomaría o seu traballo plástico. Como Henri, Lynch trasladouse do campo a un entorno urbano para desenvolver a súa carreira artística. Henri era un pintor realista urbano, que adoptaba a vida na cidade como materia principal do seu traballo, o que imitou Lynch nas súas orixes. E se a obra de Henri serviu de ponte entre a Norteamérica agrícola do século XIX e a urbana do XX, as cintas de Lynch entremesturan a nostalxia feliz dos anos 50 ca estraneza existencial dos 80 e 90.

Teñen gran peso sobre a súa obra igualmente os cineastas Luis Buñuel, Werner Herzog e Roman Polanski, tendo recoñecido algún deles ó propio Lynch como referente.

No persoal, Lynch mantivo relacións sentimentais coa actriz Isabella Rossellini (a raíz da rodaxe de Blue Velvet), e estivo casado tres veces: con Peggy Lentz (1967-1974; unha filla, Jennifer Chambers Lynch, 1968, agora directora cinematográfica). Con Mary Fisk (1977-1987) (un fillo, nado en 1982, Austin Jack Lynch). E coa editora e produtora das súas películas Mary Sweeney (2006; un fillo nado en 1992, Riley Lynch).

Filmografía[editar | editar a fonte]

Filmes[editar | editar a fonte]

Ano Nome Oscars BAFTA Globos de Ouro
Nomeamentos Gañados Nomeamentos Gañados Nomeamentos Gañados
1977 Eraserhead
1980 The Elephant Man 8 7 3 4
1984 Dune 1
1986 Blue Velvet 1 2
1990 Wild at Heart 1 1 1
1992 Twin Peaks: Fire Walk with Me
1997 Lost Highway
1999 The Straight Story 1 2
2001 Mulholland Drive 1 2 1 4
2006 Inland Empire

Curtametraxes[editar | editar a fonte]

TV e dixital[editar | editar a fonte]

Galardóns e nomeamentos[editar | editar a fonte]

Oscars[editar | editar a fonte]

Ano Categoría Película Resultado
2001 Oscar á mellor dirección Mulholland Drive Nomeado
1986 Oscar á mellor dirección Blue Velvet Nomeado
1980 Oscar á mellor dirección The Elephant Man Nomeado
1980 Oscar ó mellor guión adaptado The Elephant Man Nomeado

Globos de Ouro[editar | editar a fonte]

Ano Categoría Película Resultado
2001 Globo de Ouro ó mellor director Mulholland Drive Nomeado
1980 Globo de Ouro ó mellor director The Elephant Man Nomeado

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: David Lynch

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]