Twin Peaks

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Twin Peaks (Quen asasinou a Laura Palmer?) foi, nos primeiros anos noventa, unha das series televisivas máis influentes en todo o mundo. Dirixida e producida por Mark Frost e David Lynch e interpretada por Kyle MacLachlan, Warren Frost, Everett McGill, Jack Nance e Ray Wise entre outros. Rodada en inglés, a serie constaba de 29 episodios de 47 minutos cada un. Gañadora de tres Globos de Ouro e outros seis premios, foi aclamada pola prensa e o público dende a súa estrea nos Estados Unidos de América, o 8 de abril de 1990, ata o último capítulo, emitido o 28 de xuño de 1991. En España emitiuse por primeira vez no ano 1991.

Sinopse[editar | editar a fonte]

Esta serie amosa o transcurso dunha investigación do FBI dirixida polo Axente Especial Dale Cooper (Kyle MacLachlan) verbo do asasinato dunha moza de Twin Peaks, Laura Palmer. Outros personaxes relevantes son Leland Palmer, o pai da moza asasinada; o Shérif Harry S. Truman; o Doutor William Hayward e a súa filla, Donna Hayward; Benjamin Horne, o dono do Gran Hotel do Norte; o Grande Ed Hurley, dono da gasolineira; Margaret Lanterman, a muller do madeiro e Bob, un espírito malvado que actúa no nome da Casa Negra. Todos estes personaxes configuran unha trama policíaca e dramática con momentos dunha grandísima tensión.

Curiosidades[editar | editar a fonte]

Pódese destacar que o propio David Lynch interpreta un dos personaxes que aparecen na serie: o Axente Gordon Cole, un membro do FBI xordo que axuda ao Axente Especial Dale Cooper no caso.