David (Michelangelo)
David | |
---|---|
Artista | Michelangelo |
Data | 1501 - 1504 |
Técnica | talla |
Dimensións | 517[1] cm × 199 cm |
Localización | Galería de la Academia, Florencia Italia (Florencia) |
O David é unha escultura de mármore branco de 5,17 metros de altura[1] (que inclúe o basamento de 107 cm) e 5572 quilogramos de masa,[2] realizada por Michelangelo Buonarroti entre 1501 e 1504 por encarga da Opera del Duomo da catedral de Santa María del Fiore de Florencia. A escultura representa ao rei David bíblico no momento previo a enfrontarse con Goliat, e foi acollida coma un símbolo da República de Florencia fronte á hexemonía dos seus derrocados dirixentes, os Medici, e a ameaza dos estados adxacentes, especialmente os Estados Pontificios.
O David é unha das obras mestras do Renacemento segundo a maioría dos historiadores,[3] e unha das esculturas máis famosas do mundo que, acotío, serve para representar tanto a Florencia como á propia Italia.[4] Desde 1873 atópase exposta na Galería da Academia de Florencia,[5] aínda que até ese ano estivo situada na Piazza della Signoria da capital toscana como símbolo da República florentina, sempre alerta e vitoriosa fronte aos inimigos; dende entón no seu lugar eríxese unha copia da obra a tamaño real realizada tamén en mármore.
O David sempre foi considerado coma un "perfecto ideal de beleza masculina no eido artístico,[6][7] así coma a Venus de Botticelli, considérase o ideal da beleza feminina. Varios artistas e críticos opinan que é o obxecto artístico máis fermoso creado pola humanidade".[6]
Contexto histórico
[editar | editar a fonte]En 1434, Cosme de Medici asumiu o poder total de Florencia, transformándose en Signore da cidade toscana. Dende entón até 1494 habería catro Signori sucesivos en Florencia. Ese ano estalou en Florencia unha revolta contra os Medici, cando o Signore Piero de Medici se rendeu de forma incondicional ante o avance de Carlos VIII de Francia cara ao Reino de Nápoles. O relixioso Girolamo Savonarola aproveitou o descontento da poboación florentina para derrocar os Medici. A turba enfurecida saqueou o Pazo do monarca e proclamouse a República de Florencia so a batuta teocrática propugnada por Savonarola.
A República de Florencia sería gobernada por un gonfaloneiro de xustiza e oito priores, que constituirían a nova Signoria republicana. Da man de Savonarola, levaríase a cabo unha feroz persecución de todo aquilo que puidese ser considerado "vaidoso", creándose unha cacharela das vaidades na Piazza della Signoria na que se queimou todo obxecto considerado pecaminoso, incluíndo obras de Michelangelo ou Botticelli, que lanzaron á cacharela os seus propios creadores. Tamén foron condenadas á cacharela decenas de persoas por "herexes" ou "pecadoras".
As disputas entre Savonarola e a familia Borgia, especialmente co Papa Alexandre VI, rematarían por custarlle a vida ao relixioso florentino. O 13 de maio de 1497 Alexandre VI excomungou a Savonarola; os seguidores do Papa entraron en Florencia e encarcerárono xunto con varios dos seus seguidores. As acusacións máis fortes que enfrontou foron a súa desobediencia, e desprezo ao precepto, e Censuras Pontificias con que se lle mandara absterse da predicación; outra, ter solicitado, ardentemente, que o Rei de Francia Carlos VIII entrase co seu Exército en Italia a subxugar as súas Provincias co pretexto de reformar a Corte de Roma, e costumes dos Eclesiásticos. O 8 de maio de 1498 Savonarola asina a súa confesión, e o 23 do mesmo mes foi executado na cacharela xunto con outros dous seguidores na Piazza della Signoria, centro do poder florentino.
Ningunha persoa ostentou o poder deixado por Savonarola até 1502, cando Piero Soderini se converteu en confaloniero de xustiza vitalicio, nun intento de lograr rematar coa inestabilidade da República florentina. Soderini converteuse na máxima autoridade de Florencia, cun poder comparábel ao dos Signori de Medicis. Mentres durou a república, existiron fortes tensións entre os sectores partidarios dunha volta dos Medici á cidade, e aqueles que se opoñían a un retorno á Signoria orixinal.
Historia do David
[editar | editar a fonte]En 1501, os responsábeis da Opera del Duomo (institución laica encargada da conservación e o mantemento dos bens pertencentes a lugares sagrados, coma as igrexas), oficina de traballos da Catedral de Florencia, e varios membros do influente Gremio de Mercadores da la, formularon a construción de doce grandes esculturas de personaxes do Antigo Testamento que se colocarían sobre os contrafortes externos á ábsida de Santa María del Fiore. Antes do David, só dúas destas esculturas foran construídas, unha delas por Donatello e a outra polo seu discípulo Agostino di Duccio. Este último recibiu en 1464 outro encargo, esta vez para crear unha escultura de David, que en 1476 pasou a Antonio Rossellino, pero que ámbolos dous abandonaron polas características pouco axeitadas á peza de mármore escolleita para labrar.[8]
O problema do mármore
[editar | editar a fonte]O bloque de mármore a partir do cal se creou o David fora extraído da canteira de Fantiscritti, en Carrara, e transportado a Florencia polo mar Mediterráneo e remontando o río Arno até a cidade. O bloque, de 18 pés de altura e denominado "o xigante",[9] fora danado por un artista chamado Simone da Fiesole, que o estragara tratando de esculpir unha escultura nel. O bloque foi apartado polos encargados de Santa María del Fiore e abandonado durante anos. Tanto Agostino di Duccio coma Antonio Rossellino trataran de empregalo mais sen éxito, abandonándoo con varias fracturas e partes a medio traballar. O principal problema era a fraxilidade do mármore, pola súa mala calidade, e a presenza de numerosas fendas. Tamén críase que a forma do propio bloque era problemática por ser excesivamente alta e estreita, insuficiente para o desenvolvemento anatómico completo da figura e, a maiores, víase especiamente fráxil na zona do actual brazo esquerdo polo que se temía que despois de ser esculpido no dese soportado o peso da figura tan só coas pernas.[10]
A encarga a Michelangelo
[editar | editar a fonte]As autoridades da Opera del Duomo comezaron a busca dun escultor que lograse rematar o traballo. Varios artistas foron consultados sobre as posibilidades de esculpir o David, entre eles Michelangelo.
Trala expulsión dos Medici de Florencia en 1494, Michelangelo vírase obrigado a volver á casa do seu pai, viaxando a Venecia, Boloña e Roma. En Roma, o Papa Xulio II encargáralle a Pietà do Vaticano. Michelangelo non realizara aínda ningunha obra importante na súa cidade natal, polo que puxo moito empeño para que lle encargasen a el a escultura do David, o que xerou tensións co resto dos escultores florentinos. O 16 de agosto de 1501, a Opera del Duomo de Florencia encargou oficialmente a escultura do David a Michelangelo, vinte e cinco anos despois de que Rossellino abandonase o traballo sobre o bloque de mármore.
O traballo
[editar | editar a fonte]O comezo do traballo comeza o 9 de setembro de 1501, probando a dureza do bloque cuns poucos golpes de cicel mais o verdadeiro traballo fíxase no día 13 de setembro, un mes despois de recibir o encargo, e traballaría nela durante dous anos. O 14 de outubro, probabelmente distraído polas miradas indiscretas dos curiosos, erguería un valo arredor da zona de traballo.[8] A imaxe foi deseñada completamente núa coma outras estatuas relixiosas do artista e cunha iconografía innovadora, sen a presenza da cabeza de Goliat aos pés (como se adoitaba representar no David de Donatello e no de Verrocchio); é dicir antes do combate.
Todo o traballo tivo un certo veo de misterio e de curiosidade por parte dos florentinos conscientes da relevancia do autor e da dificultade da proba. O 23 de xuño de 1503, a véspera de san Xoán, abriuse o valo para ser contemplada polos cidadáns coa obra a piques de se rematar.[11] O 25 de xaneiro de 1504, a obra pasa a estar "case rematada" e noméase unha comisión para decidir a súa colocación.[8] En maio, trasládase á localización orixinal nun contraforte da cúpula de Santa María del Fiore.
A colocación
[editar | editar a fonte]Tras ver a obra xa rematada, o gonfaloneiro de xustiza Piero Soderini decidiu finalmente situala na Piazza della Signoria, atribuíndolle á obra un valor máis civil que o relixioso orixinal. Michelangelo impúxose a unha comisión de artistas célebres florentinos, entre os que se atopaban Andrea della Robbia, Piero dei Cosimo, Pietro Perugino, Leonardo da Vinci, Sandro Botticelli e Cosimo Rosselli, que pretendían colocar a estatua na Loggia dei Lanzi. Michelangelo impuxo o seu criterio de colocala fronte ao Palazzo Vecchio, aínda que esta decisión deixou o David desprotexido fronte ás inclemencias do tempo. A escultura foi trasladada dende a Opera del Duomo á Piazza della Signoria a noite do 18 de maio de 1504, e foi alzada e colocada na súa localización definitiva o 8 de xuño do mesmo ano. Finalmente, o David foi descuberto á cidade de Florencia o 8 de setembro de 1504.
Técnica
[editar | editar a fonte]O traballo de preparación da escultura definitiva incluíu bosquexos, debuxos e modelos a pequena escala de cera ou terracota. Michelangelo pasou directamente destes estudos preliminares ao traballo sobre o mármore, sen facer un modelo de xeso a escala real, como facían outros artistas da época coma Giambologna. O David foi esculpido mediante cicel dende distintos puntos de vista, posto que Michelangelo o deseñou para que fose admirado dende calquera punto do seu perímetro, de forma diametralmente oposta ao xeito medieval que deseñaba as esculturas para ser vistas exclusivamente dende a fronte.
Análise da obra
[editar | editar a fonte]Descrición
[editar | editar a fonte]O David contrasta coas representacións previas de Donatello e Verrocchio nas que David aparece co corpo de Goliat asasinado. Na versión de Michelangelo, Goliat non aparece, polo que se interpreta que aínda non foi vencido. O corpo de David é o dun home musculoso, non o do rapaz das obras de Donatello e Verrocchio. En lugar de aparecer vitorioso coma nas dúas versións antes mencionadas, David aparece en tensión e preparado para o combate. O seu corpo atópase virado cun lixeiro contrapposto: a perna esquerda adiántase á dereita, o brazo esquerdo elévase e cúrvase até que a man case toca o ombro, mentres que o brazo dereito se deixa caer até que a man toca a coxa, o torso cúrvase sutilmente, a cabeza mira cara á súa esquerda, mantendo os ollos fixos no seu obxectivo, co cello pregado. O rostro evidencia esta tensión contida, gran concentración e as aletas do nariz bastante abertas. O movemento é contido, centrípeto con liñas de forza que volven ao bloque. A mirada foi interpretada no sentido de que a escultura mostra o momento no que David tomou a decisión de atacar pero aínda non comezou o combate. Outros expertos, coma Giuseppe Andreani (director da Academia de Belas Artes de Florencia), opinan non obstante que a escena mostra o momento inmediatamente posterior ao final da batalla, e que David considera tranquilamente a súa vitoria.
-
David.
-
Vista lateral dereita.
-
Vista lateral esquerda.
-
Vista inferior anterior.
-
Vista inferior posterior.
-
David.
-
David.
-
David.
-
David.
-
David.
-
David.
Estilo e detalle
[editar | editar a fonte]Michelangelo cría que en cada bloque de mármore no que traballaba existía unha alma, unha obra latente que el trataba de recuperar. No caso do David, as múltiples fracturas e fallas que tiña o bloque foron encamiñando Michelangelo cara á forma final da escultura. O grande oco que tiña o bloque no seu flanco esquerdo orixina que a escultura se apoie completamente no pé dereito, xerando un contrapposto na figura e facendo que a parte esquerda da figura se balancee cara á parte dereita do corpo. A cabeza de David xírase cara á súa esquerda, mentres que os seus ombros se escoran cara á dereita, en sentido oposto ás súas cadeiras. No Alto Renacemento, o contrapposto era considerado un símbolo da escultura antiga, moi apreciada na época. O David chegou a converterse no paradigma da escultura renacentista grazas ao seu intelixente emprego do contrapposto.
As proporcións do David non corresponden exactamente ás da figura humana: a súa cabeza, mans e torso son máis grandes do estipulado segundo as proporcións clásicas. Algúns críticos viron nesta aparente desproporción unha mostra de manierismo por remarcar os elementos fundamentais da composición, aínda que outra explicación se debería á situación orixinal da estatua: sobre un dos contrafortes da catedral de Florencia, polo que as proporcións da escultura deberían aparecer de forma correcta a certa distancia.
Existe unha incoherencia: o David aparentemente non está circuncidado a pesar de ser xudeu, o que contradiría a lei xudaica. Esta aparente incoherencia foi xustificada por algúns críticos e historiadores pola visión que tiña a arte renacentista do ser humano, menos ligado á relixión e máis aos valores da beleza.[12]
Danos sufridos pola obra e traballos de restauración
[editar | editar a fonte]O David sufriu numerosos contratempos ao longo da súa historia, tanto na súa localización orixinal na Piazza della Signoria coma no interior da Galería da Academia, a partir de 1873.
En 1504, mentres se producía o traslado á Piazza della Signoria, foi apedrado por mozos partidarios dos Medici. En 1512, un raio caeu sobre a base da escultura. En 1527, durante unha revolta popular contra os Medici, foille amputado o brazo esquerdo, tras caerlle un banco lanzado dende unha xanela. O brazo foi reposto dezaseis anos despois. En 1843, foi levada a cabo unha limpeza con ácido clorhídrico na superficie completa da escultura, eliminándose a pátina protectora que Michelangelo aplicara ao David e deixando o mármore exposto ás inclemencias meteorolóxicas. Finalmente, en 1873, o David foi trasladado do seu lugar na Piazza della Signoria á Galería da Academia, para evitar que fose danado. En 1910, colocouse unha réplica da escultura a escala 1:1 no lugar que ocupaba previamente na Piazza della Signoria, que se mantén na actualidade.[13]
En 1991, un home chamado Piero Cannata destruíu un dedo do pé esquerdo do David tras golpealo cun martelo.[14] O dedo foi reconstruído posteriormente, e para evitar futuros danos á escultura, colocouse unha estrutura acristalada blindada rodeando por todos os seus flancos a base do David. As investigacións feitas a partir dos fragmentos de mármore recuperadas tralo ataque de Cannata permitiron determinar que o mármore utilizado foi obtido das canteiras de Fantiscritti en Miseglia, o centro de tres pequenos vales en Carrara. Tamén permitiu coñecer que o tipo de mármore co que estaba construído o David contiña buratos microscópicos que producían unha degradación maior que a doutros tipos de mármore.[15]
En 2003 comezou a primeira restauración do David dende 1843, no medio dunha forte polémica sobre o método a utilizar e a profundidade da restauración. A responsábel dos labores de restauración, Agnese Parronchi, viuse obrigada a dimitir polas súas discrepancias co superintendente de Bens Artísticos da rexión de Toscana, Antonio Paolucci. Parronchi era partidaria de levar a cabo unha intervención seca e non invasora, mediante pinceis, bastonciños e gomas de borrar. Paolucci e a directora da Galería da Academia, Franca Falleti, eran partidarios dunha intervención húmida, mediante compresas de auga destilada aplicadas sobre o mármore durante quince ou vinte minutos. James Beck, director de ArtWatch International, iniciou unha campaña solicitando a cancelación dos traballos de restauración.[16] Finalmente, a restauración levouse a cabo seguindo o método húmido, e rematouse o 22 de abril de 2004 baixo a dirección de Cinzia Parnigoni.[13] O David foi restaurado á vista dos visitantes da Galería da Academia, aínda que se mostrou de novo ao público definitivamente o 24 de maio de 2004.[16]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 A altura do David de Michelangelo foi medida de xeito incorrecto e o erro foi recollido por gran cantidade de publicacións históricas. Véxanse estas dúas ligazóns para máis información: 1 e 2 (en inglés).
- ↑ «Los restauradores realizarán un TAC a los tobillos del 'David' de Miguel Ángel.» El País. Consultado o 8 de decembro de 2012.
- ↑ Franca Falletti, Ilaria Ferraris (2004). "Michelangelo's David: A Masterpiece Restored" (en inglés). Giunti. Consultado o 17 de febreiro de 2009.
- ↑ VV.AA (1999), p.67
- ↑ "Galeria dell´Accademia: le collezioni" (en italiano). Firenze Musei. Arquivado dende o orixinal o 11 de marzo de 2009. Consultado o 17 de febreiro de 2009.
- ↑ 6,0 6,1 "Il David di Michelangelo - Storia e descrizione di una emozione". L'Arte con Kigeiblog (arquivado o 28 de xullo de 2012 en Internet Archive). Archived from the original on 28 de xullo de 2012. Consultado o 23-03--2018.
- ↑ "David di Michelangelo. Firenze". Firenze On-line.Guida turistica gratuita di Firenze. Consultado o 23-03-2018.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 Baldini (1973), p. 94
- ↑ Álvarez (2007), p.141
- ↑ Álvarez (2007), p. 46
- ↑ Álvarez (2007), p. 142
- ↑ Journal of The Royal Society of Medicine. "Michelangelo and medicine" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 13 de abril de 2020. Consultado o 19 de febreiro de 2009.
- ↑ 13,0 13,1 Terra: arte y cultura (15 de setembro de 1991). "La restauración del 'David' de Miguel Ángel enciende la polémica" (en castelán). Consultado o 19 de febreiro de 2009.
- ↑ Cowell, Alan (19 de setembro de 1991). "Michelangelo's David Is Damaged". The New York Times (en inglés). Consultado o 19 de febreiro de 2009.
- ↑ Harper's Magazine. "Inglorious restorations: destroying old masterpieces in order to save them.(statue of David)" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 11 de xuño de 2014. Consultado o 19 de febreiro 2009.
- ↑ 16,0 16,1 USA Today (22 de abril de 2004). "Cleaning up David´s act" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 31 de decembro de 2005. Consultado o 19 de febreiro 2009.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: David |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Alvarez Gonzales, Marta (2007). Michelangelo (en italiano). Milán: Mondadori Arte. ISBN 978-88-370-6434-1.
- Baldini, Umberto (1973). L'opera completa di MICHELANGELO scultore. Col. Classici dell'Arte (en italiano) 68 (1ª ed.). Milán: Rizzoli. ASIN B0010YCK6W.
- Coonin, A. Victor (2014). From Marble to Flesh: The Biography of Michelangelo’s David (en inglés). Florencia: The Florentine Press. ISBN 9788897696025.
- Goffen, Rona (2002). Renaissance Rivals: Michelangelo, Leonardo, Raphael, Titian. . Yale University Press. ASIN B01FKROF0S.
- Magnano, Milena (2007). Leonardo, I Geni dell'arte (en italiano). Milán: Mondadori Arte. ISBN 978-88-370-6432-7.
- VV.AA. (1999). Galleria dell'Accademia (en italiano). Florencia: Giunti. ISBN 88-09-04880-6.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina web oficial da Galleria dell'Accademia (en italiano).
- Il Progetto Michelangelo Digitale (en italiano).
- Museo de Calcos y Escultura Comparada "Ernesto de la Cárcova". Páxina dunha das escasas institucións no mundo que teñen copias directamente dos orixinais das obras de Michelangelo (Arxentina) (en castelán).