Madonna de Bruxas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Madonna de Bruxas
ArtistaMichelangelo
Data1501-1504
Dimensións1,23 m cm ×  cm

A Madonna de Bruxas é unha escultura realizada en mármore por Michelangelo no ano 1504. De 1,23 metros de altura, atópase na igrexa da Nosa Señora de Bruxas (cidade da actual Bélxica).

Análise[editar | editar a fonte]

Foi realizada inmediatamente despois que a Piedade do Vaticano, por encarga duns mercadores flamengos, os Mouscrom. A Virxe e o Neno presentan parecido movemento nas vestiduras coa citada Piedade, pero aquí o grupo adquire unha solemnidade plástica, debido á súa verticalidade, parecida a unha arquitectura. O rostro da Virxe é ovalado, de gran beleza clásica, e queda enmarcado polas ondulacións do veo. Áchase coma se estivese nun momento de pensamento profundo, mostrándose cunha gran serenidade, mentres o Neno, de pé, está recostado entre as pernas da súa nai e xunta a súa man coa dela, dándolle coa enerxía deste xesto a sensación dinámica que el sostén.

Historia[editar | editar a fonte]

Por unha carta de Giovanni Balducci dirixida a Michelangelo con data 14 de agosto de 1506, infórmase do traslado da escultura a Bruxas por Giovanni e Alessandro Moscheroni. Foi colocada nunha capela da igrexa da Nosa Señora, onde a viu Dürer en 1521.

Na época de Napoleón foi levada a Francia e devolta a Bruxas en 1815. Sufriu outra subtracción similar por parte das tropas alemás na segunda guerra mundial, pero rematou regresando á súa situación orixinal grazas ao Programa de Monumentos, Arte e Arquivos. Esta peripecia foi reflectida na película The Monuments Men (2014), protagonizada por George Clooney.

Capela da Madonna de Bruxas na igrexa de Notre-Dame en Bruxas.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Baldini, Umberto (1978). Miguel Ángel: La Escultura. Editorial Teide. ISBN 84-307-8163-3.