Dólar de prata American Silver Eagle

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dólar de prata
American Silver Eagle
Anverso común
Libredade camiñando co Sol ao fondo.

LIBERTY / IN GOD WE TRUST. Data no exergo.

1º reverso [1]
Aguia heráldica

(1986-2021)

UNITED STATES OF AMERICA / E PLURIBUS UNUNM / 1 OZ. FINE SILVER/ ONE DOLLAR

2º reverso [2]
Aguia pousada nunha póla

(desde 2021)

UNITED STATES OF AMERICA / E PLURIBUS UNUNM / 1 OZ. FINE SILVER / ONE DOLLAR



O dólar de prata American Silver Eagle é a moeda de prata de investimento oficial dos Estados Unidos.

Foi emitida por primeira vez pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en novembro de 1986, co valor facial dun dólar, un peso dunha onza troy e unha pureza do 99,9 % de prata. Esta moeda dun dólar de prata foi autorizada polo título II da Lei 99-61, aprobada o 9 de xullo de 1985.

Ademais da moeda de investimento, a US Mint levou a cabo unha emisión para coleccionistas en acabamento estándar e outra con acabamento especial proof (fondo espello).

O dólar de prata American Silver Eagle foi cuñado en tres das filiais da Casa da Moeda dos Estados Unidos: a Ceca de Filadelfia, a Ceca de San Francisco e a Ceca de West Point.

Esta moeda pódese utilizar legalmente para financiar investimentos de contas de xubilación individuais.[3]

Deseño[editar | editar a fonte]

Anverso[editar | editar a fonte]

Un dólar American Silver Eagle de 2019 ao pé de medio dólar de 1943,[4] co que comparte o deseño do anverso.

O deseño do anverso deste dólar tomouse do preexistente utilizado para a moeda de medio dólar do tipo coñecido como "Liberdade camiñando", cuñado entre 1916 e 1947, obra de Adolph A. Weinman. Neste anverso figuran tamén a data de cuñaxe e os lemas LIBERTY ("Liberdade") e IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos"), tradicionais da moeda estadounidense.[1][2][5]

Reversos[editar | editar a fonte]

O reverso dos dólares da serie American Silver Eagle emitidos entre 1986 e 2021 foron deseñados e gravados por John Mercanti, e están caracterizados pola representación dunha aguia heráldica detrás dun escudo. A aguia sostén unha póla de oliveira na súa gadoupa dereita e un feixe de frechas na esquerda, o que lle dá unha semellanza ao Gran Selo dos Estados Unidos. Sobre a aguia hai trece estrelas de cinco puntas que representan as Trece Colonias. Tamén se amosan neste reverso a marca de ceca e as lendas UNITED STATES OF AMERICA, na parte superior, e 1 OZ. FINE SILVER~ONE DOLLAR, na parte inferior, así como E PLURIBUS UNUM, esta última no estandarte que a aguia sostén co peteiro.[1][6]

O novo deseño do dólar American Silver Eagle introducido en 2021 é obra de Emily Damstra e nel a aguia xa non é heráldica, senón que ten trazos realistas e aparece pousándose na póla dunha árbore, con certa semellanza coa do reverso do dólar Eisenhower, emitido a partir de 1971. Completan o reverso as lendas UNITED STATES OF AMERICA e 1 OZ. FINE SILVER~ONE DOLLAR, e neste caso o lema E PLURIBUS UNUM amósase explícito no campo da moeda, á dereita da aguia.[2]

Percorrido lexislativo[editar | editar a fonte]

Antecedentes: venda de prata das reservas nacionais de defensa[editar | editar a fonte]

A idea do programa de comercialización da serie American Silver Eagle procede, en última instancia, dos plans do Goberno dos Estados Unidos levados a cabo na década de 1970 e no inicio da de 1980 para vender a prata das Reservas Nacionais de Defensa. Tal e como explicaba o The Wall Street Journal:[7][8]

... varias administracións intentaran sen éxito vender a prata das reservas, argumentando que a produción nacional de prata superaba amplamente as necesidades estratéxicas. Mais os intereses dos estados mineiros opuxéronse a calquera venda, do mesmo xeito que os lexisladores promilitares, que querían garantías de que os ingresos se fosen utilizar para a adquisición de materiais que se necesitasen con urxencia, e non para a redución da débeda federal.

Nese período, as vendas que chegaron a producirse e os anuncios das vendas previstas provocaron un descenso inmediato do prezo da prata.[9] The Wall Street Journal informou disto en setembro de 1976 nestes termos: "Cando o Goberno dos Estados Unidos fai ruído sobre a venda de prata das reservas federais, os operadores de futuros comezan a descargar os seus contratos de futuros na especulación de que tal venda faga baixar os prezos".[10]

Malia a oposición do Congreso á venda da prata almacenada ata principios de xuño de 1981,[11][12][13] o Comité das Forzas Armadas da Cámara de Representantes decidiu o 10 de xuño aprobar a solicitude da Administración Reagan de vender a prata propiedade do Goberno a partir do ano fiscal 1982, para axudar a equilibrar os orzamentos federais.[14] En xullo de 1981, a Cámara de Representantes e o Senado acordaron permitir a venda do 75 % das existencias de prata (105,1 millóns de onzas troy) durante un período de tres anos,[7] e en setembro o prezo da prata caeu, en consecuencia, un 11 %.[15]

Xusto antes da primeira venda en outubro de 1981, un grupo de políticos de Idaho —un Estado gran produtor de prata— intentou bloquear a poxa alegando que a venda podería ter un "efecto desastroso" na industria mineira da prata dos Estados Unidos en xeral e en varias empresas mineiras de Idaho en particular.[16] O 3 de decembro de 1981, o senador republicano por Idaho James A. McClure propuxo unha emenda ao proxecto de lei de asignacións do Ministerio de Defensa, para lle pór fin á venda de prata por parte do Goberno "ata que o presidente, a máis tardar o 1 de xullo de 1982, volva determinar que a prata autorizada para a súa disposición é excesiva para as necesidades das reservas". O proxecto de lei de asignacións converteuse en lei (Lei pública 97-114) coa emenda intacta, co que se detivo en efecto a venda de prata almacenada.[17]

Lexislación monetaria[editar | editar a fonte]

O senador por Idaho James A. McClure, un dos promotores da creación do dólar American Silver Eagle.

O 27 de maio de 1982, o senador McClure presentou un proxecto de lei "para dispor da prata das reservas da defensa nacional mediante a emisión de moedas de prata", para "reorientar a venda de prata das nosas reservas nun esforzo por minimizar o seu efecto no xa deprimido prezo da prata".[18] O 22 de xuño, o representante republicano por Idaho Larry E. Craig presentou un proxecto de lei idéntico; amos os proxectos foron remitidos aos comités encargados, mais non chegaron a promulgarse. O Wall Street Journal informou de que o prezo da prata se disparara "logo de que o secretario do Interior, James Watt, anunciara que a venda das reservas de prata do Goberno se posporía indefinidamente", xa que se adiara o estudo legalmente esixido sobre os posibles métodos de venda da prata.[19]

O 27 de xaneiro de 1983, o senador McClure presentou un novo proxecto de lei case idéntico ao que el mesmo presentara o 27 de maio de 1982. Do mesmo xeito que no anterior, o senador solicitaba:[20]

... se nos vemos na obriga de aceptar unha venda, por que utilizar o método que garante a caída do prezo e a disposición da prata co menor rendemento posible para os contribuíntes? Xa que logo, hoxe presento unha lei que establece que, en caso de que o presidente propoña e o Congreso autorice a venda de prata das reservas estratéxicas, esta prata se vendeía mediante a cuñaxe e a distribución dunha moeda de prata.

O proxecto de lei remitiuse á Comisión de Banca, Vivenda e Asuntos Urbanos, que celebrou unha sesión o 15 de abril de 1983, aínda que non chegou a promulgarse como lei.[21]

Dous anos despois, coas vendas de prata aínda suspendidas, o senador McClure presentou unha nova proposta encamiñada a esixir que as hipotéticas vendas se realizasen mediante a emisión de moedas cuñadas coa devandita prata. Esta vez, a súa proposta adoptou a forma de emenda á "Lei de moedas conmemorativas da Estatua da Liberdade e a Illa Ellis". O contido da emenda de McClure pódese resumir nos seguintes puntos:[22]

  • Autorización ao secretario do Tesouro para que ordene cuñar e emitir moedas de prata de investimento
  • Determinación das especificacións das moedas (diámetro, peso, lei, deseño, lendas e acabamento do canto).
  • Venda das moedas.
  • Status numismático e de curso legal.
  • Adquisición da prata das reservas.
  • Data de entrada en vigor: 1 de outubro de 1985; ademais, estipulación de que non se poderá vender ningunha moeda antes do 1 de setembro de 1986.

O Senado aceptou esta emenda o 21 de xuño de 1985 e a cámara aprobou o proxecto de lei modificado tres días despois e foi asinado polo presidente Ronald Reagan o 9 de xullo de 1985. Xa que logo, o programa American Silver Eagle quedou autorizado polo título II da Lei pública 99-61 (coñecida como Liberty Coin Act).[23][24]

Extensión do programa en 2002[editar | editar a fonte]

A lei que autoriza a emisión da serie de investimento American Silver Eagle estipula que a prata utilizada para a cuñaxe das moedas se adquira das reservas nacionais da defensa, coa intención de esgotar as existencias paseniño ao longo de varios anos. En 2002 evidenciouse que as reservas se esgotarían axiña e que cumpriría un novo marco lexislativo para garantir a continuidade do programa. O 6 de xuño de 2002, o senador demócrata por Nevada Harry Reid presentou un proxecto de lei "de apoio ao programa de moedas de prata de investimento American Eagle Silver", encamiñado a "autorizar o secretario do Tesouro para a adquisición de prata no mercado aberto cando se esgoten as existencias de prata". Este proxecto de lei foi aprobado polo Senado o 21 de xuño de 2002 e pola Cámara de Representantes o 27 de xuño, e o presidente George W. Bush asinouno o 23 de xullo para o converter na Lei Pública 107-201.[24][25]

Historia da produción[editar | editar a fonte]

O primeiro dólar American Silver Eagle foi cuñado na Casa da Moeda de San Francisco o 29 de outubro de 1986.[26] O secretario do Tesouro James A. Baker presidiu a cerimonia de cuñaxe celebrada na Oficina de Ensaios de San Francisco. Segundo un artigo do Chicago Sun-Times, cando Baker "premeu o botón electrónico da prensa número 105, dirixiuse ao público e dixo: 'non preciso un pico e unha pa para iniciar a febre da prata de San Francisco de 1986'".[27]

Para investimento[editar | editar a fonte]

Os dólares da serie American Silver Eagle destinados ao investimento carecen de marcas de ceca. Os cuñados entre 1986 e 1998 foron producidos na Casa da Moeda de San Francisco, en tanto que a partir de 1999 saíron das prensas da Casa da Moeda de Filadelfia e da Casa da Moeda de West Point.[1]

En marzo de 2011, a Ceca de San Francisco levou a cabo unha proba de cuñaxe destas moedas en preparación da volta á súa cuñaxe ordinaria, o que se produciu nesa mesma primavera. A capacidade de produción adicional da Casa da Moeda de San Francisco comezou a completar, a partir dese momento, a produción das outras dúas cecas.[28][29]

Acabamento proof[editar | editar a fonte]

Reverso do exemplar de 2006 coa marca de ceca da Ceca de West Point ("W") e con acabamento de "fondo espello" (proof).

Entre 1986 e 1992 o dólar American Silver Eagle emitiuse tamén en versión para o coleccionismo cun acabamento especial ("fondo espello" ou proof) na Casa da Moeda de San Francisco, e neste aso amosan a marca de ceca "S" no seu reverso. De 1993 a 2000, esta tiraxe proof levouse a cabo na Casa de Filadelfia e a súa marca de ceca é "P". Entre 2001 e 2008, a casa de moeda encargada da súa produción foi a de West Point, á que lle corresponde a marca de ceca "W".[30] En 2009 non se cuñaron moedas en versión proof e a partir de 2010 retomouse esta emisión na ceca de West Point, coa característica marca de ceca "W".[31]

Acabamento estándar[editar | editar a fonte]

Entre 2006 e 2008 e despois novamente a partir de 2011, a Casa da Moeda dos Estados Unidos emitiu tamén o dólar American Silver Eagle como moeda de colección na Casa da Moeda de West Point (marca "W"), cun acabamento estándar aínda que particularmente brillante.[32] Ademais, con motivo da celebración do 25 aniversario do dólar American Silver Eagle, a US Mint comercializou un xogo de moedas que, entre outras, incluía tamén unha moeda cuñada na Casa da Moeda de San Francisco (marca "S") con este acabamento estándar brillante.[33]

Emisións e presentacións especiais[editar | editar a fonte]

Década de 1990[editar | editar a fonte]

  • En 1993 comercializouse o Philadelphia Set, un conxunto de moedas para conmemorar o bicentenario da actividade da primeira casa de moeda dos Estados Unidos, a de Filadelfia, en 1793. Este conxunto incluía varias moedas de ouro, unha medalla elaborada para a ocasión e un dólar American Silver Eagle de 1993 con acabamento proof e coa marca de ceca "P".[34][35]
  • En 1995, a maiores da emisión proof habitual da Ceca de Filadelfia, a US Mint emitiu tamén un dólar proof cuñado en West Point, que se comercializou unicamente formando parte dun conxunto de cinco moedas —as outras catro de ouro— cuñadas nesta ceca para conmemorar o décimo aniversario do programa American Eagle. A súa tiraxe foi unicamente de 30.125 exemplares.[1][36][37]

Década de 2000[editar | editar a fonte]

  • En 2000, a US Mint emitiu un xogo de moedas conmemorativas do cambio de milenio (United States Millennium Coinage and Currency Set) que incluía un dólar American Silver Eagle de 2000 en versión de investimento cuñado en West Point —aínda que sen marca de ceca, como en todos os de investimento—, ademais dun dólar Sacagawea de 2000 da Ceca de Denver e un billete dun dólar da serie de 1999 cun número de serie que comezaba polos números "2000". Comercializáronse 75.000 unidades deste conxunto.[35][38][39]
Portada da presentación conxunta Legacies of Freedom United States and United Kingdom, que amosa o anverso do dólar American Silver Eagle e o reverso da Britannia xuntos.[35]
  • En xaneiro de 2004, a US Mint lanzou o conxunto chamado Legacies of Freedom United States and United Kingdom Silver Bullion Coin Set, consistente nun dólar American Silver Eagle de investimento de 2003 e unha moeda de dúas libras de 2002 da serie británica de investimento Silver Britannia. Comercializáronse 50.000 destes xogos.[40]
  • Co gallo da celebración do vixésimo aniversario do programa American Silver Eagle en 2006, a US Mint realizou unha emisión especial do dólar cuñado na Ceca de Filadelfia e unicamente co seu reverso con acabamento proof. Esta moeda estaba dispoñible unicamente formando parte dun xogo de tres moedas dun dólar, que se completaba cunha co acabamento proof habitual —polas dúas faces— e outro con acabamento estándar brillante. De xeito excepcional, o acabamento proof destas moedas é o inverso do habitual; é dicir, en lugar de ter un relevo mate e un fondo espello, ten un fondo mate e as figuras puídas. Pola súa banda, a moeda da versión estándar tamén formou parte do xogo 20th Anniversary Gold & Silver Eagle Set, cunha tiraxe de 20.000 conxuntos que se completaban cunha moeda de ouro da ceca de West Point dese mesmo ano.[41][42][43]

Década de 2010[editar | editar a fonte]

  • En 2011, a Casa da Moeda dos EEUU emitiu un xogo con motivo do 25 aniversario do programa, coñecido como American Eagle 25th Anniversary Silver Coin Set. Este xogo incluía cinco moedas dun dólar nun estoxo de presentación: unha con acabamento proof cuñada en West Point, unha estándar da mesma ceca, outra estándar da Ceca de San Francisco, unha cuarta co anverso estándar e o reverso proof inverso —fondo mate e relevo puído—, e finalmente unha de investimento —sen marca de ceca—.[47][48]
  • En xuño de 2012, a US Mint emitiu un xogo numismático chamado San Francisco American Silver Eagle Two Coin Proof Set, en conmemoración do 75º aniversario da Casa da Moeda de San Francisco. Este xogo incluía unha moeda en versión proof 2012-S, e outra conn anverso estándar e reverso proof, tamén 2012-S.[49][50]
  • En agosto de 2012 emitiuse un novo xogo, o chamado Making American History Coin and Currency Set, que incluía un exemplar proof cuñado ese ano en San Francisco e un billete de cinco dólares da serie de 2009 co número de serie comezando por "150". Este xogo conmemoraba o 220º aniversario da Casa da Moeda dos Estados Unidos e o 150º aniversario da Oficina de Gravado e Impresión.[51]
  • En novembro de 2012 púxose á venda o conxunto chamado 2012 United States Mint Limited Edition Silver Proof Set, constituído por un dólar en versión proof cuñado ese ano en West Point, cinco moedas de cuarto dólar da serie America the Beautiful Quarters cuñadas en prata (proof) en San Francisco, unha moeda de medio dólar Kennedy de prata, e unha moeda de dez centavos de prata co busto de Roosevelt, ambas tamén de San Francisco.[52]
  • En maio de 2013, a US Mint comercializou o xogo 2013 American Eagle West Point Two-Coin Set, composto por dous dólares cuñados ese mesmo ano en West Point: un co reverso proof e outro estándar, aínda que cun acabamento particularmente puído e brillante.[53][54][55]
  • Exemplar de 2016 do 30º aniversario, encapsulado pola Numismatic Guaranty Corporation.
    En 2016 celebrouse o 30º aniversario do programa American Silver Eagle coa emisión de senllos dólares, en versións proof e estándar, cun deseño especial consistente na reprodución no canto da inscrición incusa 30th ANNIVERSARY, en lugar das habituais estrías. A versión proof púxose á venda en setembro de 2016 e a versión estándar en decembro. Ambas foron cuñadas na Ceca de West Point e levan a marca de ceca "W".[56]
  • En xuño de 2019 a Casa da Moeda dos Estados Unidos anunciou unha asociación coa Real Casa da Moeda do Canadá para emitir o xogo de moedas de prata chamado Pride of Two Nations, que contiña versións especiais de moedas das respectivas series American Silver Eagle e Silver Maple Leaf. A moeda estadounidense foi cuñada en West Point en versión proof —inverso— unicamente no reverso. Este xogo foi comercializado por ambas as casas de moeda, cunha tiraxe máxima de 100.000 unidades nos Estados Unidos e 10.000 no Canadá.[57][58][59]
  • O 14 de novembro de 2019, a US Mint puxo á venda moedas cuñadas ese ano en San Francisco, na modalidade de reverso proof e con marca de ceca "S", cunha tiraxe limitada a 30.000 exemplares, máis pequena aínda que a que tivera o dólar American Silver Eagle 1995-W. A venda limitouse a un espécime por cliente e foi a primeira moeda desta serie á que se lle xuntou un certificado de autenticidade dotado dun número de serie.[60][61][62]

Década de 2020

  • O 5 de novembro de 2020 lanzouse o conxunto chamado End of World War II 75th Anniversary American Eagle, cun dólar en versión proof, acompañado dunha moeda de ouro. Esta moeda está dotada dunha marca especial no seu anverso coa forma dunha vista de paxaro da Piscina do Arco Iris, en Washington, xunto coa inscrición V75. A súa tiraxe limitouse a 75.000 xogos.[63][64][65]

Variantes[editar | editar a fonte]

A primeira variante salientable entre os dólares da serie American Silver Eagle deuse en 2008. Nese ano introducíronse uns pequenos retoques de deseño no reverso con respecto ao ano precedente, que afectan á forma da letra "U" de UNITED STATES e ao guión entre SILVER e ONE. A variante consiste en que algunhas das moedas cuñadas en 2008 en West Point —marca de ceca "W"— utilizaron, por erro, os cuños correspondentes a 2007, que non reflectían esas lixeiras modificacións.[66]

Dispoñibilidade[editar | editar a fonte]

Efectos da recesión na dispoñibilidade: 2008-2010[editar | editar a fonte]

Como consecuencia da recesión mundial aumentou a demanda dos metais preciosos por parte dos investidores, como vía de cobertura contra a inflación e a recesión. Este aumento da demanda comezou a afectar á dispoñibilidade dos dólares de investimento da serie American Silver Eagle en febreiro de 2008, cando se suspenderon temporalmente as vendas aos distribuidores autorizados. En marzo de 2008, as vendas multiplicáronse por nove con respecto ao mes anterior (de 200.000 a 1.855.000).[67][68] En abril de 2008, a Casa da Moeda dos Estados Unidos iniciou un programa de distribución polo que se racionaban semanalmente estas moedas aos distribuidores autorizados, por mor dunha demanda "sen precedentes".[67] Algúns observadores cuestionaron a legalidade deste programa de asignacións,[69] xa que o tesoureiro dos Estados Unidos está obrigado por lei a cuñar e a emitir moedas "en cantidades suficientes para satisfacer a demanda pública". O 6 de xuño de 2008, a US Mint anunciou que todos os discos de prata que se recibisen serían utilizados unicamente para a produción de dólares American Silver Eagle na súa versión de investimento, e non para as versións proof e estándar.[70] A versión proof deste dólar de 2008 deixou de estar dispoñible para a súa compra no mes de agosto e a versión estándar esgotouse en xaneiro de 2009 —aínda que seguiu formando parte do xogo anual de moedas dun dólar da US Mint ata que este se esgotou tamén, o 28 de xaneiro de 2010.[71]

O 5 de marzo de 2009, a Casa da Moeda dos Estados Unidos anunciou que as versións proof do dólar American Silver Eagle se suspendían temporalmente, por mor da alta demanda que seguía a ter a versión de investimento.[72] O programa de distribución que comezara en marzo de 2008 deixou de estar efectivo o 15 de xuño de 2009, o que levou a especular coa posibilidade de que se retomase a produción das versións proof e estándar antes de que finalizase o ano.[73] No entanto, o 6 de outubro de 2009, a Casa da Moeda anunciou que estas versións non se emitirían naquel ano.[74]

Edmund C. Moy, director da Casa da Moeda dos Estados Unidos entre 2006 e 2011.

A decepción dos coleccionistas quedou patente nun artigo publicado o 1 de decembro en Numismatic News polo representante demócrata por Míchigan Gary C. Peters.[75] Peters ofreceu opcións alternativas á cancelación das series para coleccionistas de 2009, e explicou que lle enviaría unha carta ao director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Edmund C. Moy, para o instar a retomar a cuñaxe destas versións o antes posible e continuar a produción ata finais do ano. Mais esta iniciativa non tivo éxito e as versións proof e estándar do dólar de 2009 non chegaron a producirse. Por outra banda, a venda da versión para investimento desa moeda suspendeuse entre o 24 de novembro e o 6 de decembro; o día seguinte restableceuse o programa de distribución e o produto acabou esgotándose o 12 de xaneiro de 2010.[76]

A produción da versión de investimento de 2010 comezou en xaneiro dese ano e as moedas comezaron a ser entregadas aos seus distribuidores autorizados, en virtude dun novo programa de asignación, ata o 3 de setembro.[77][78]

O 20 de xullo de 2010, o director da US Mint Edmund C. Moy prestou declaración ante a Subcomisión de Política Monetaria Nacional e Tecnoloxía da Cámara de Representantes sobre a cuestión dos dólares American Silver Eagle nas súas versións proof e estándar, e referiuse á posibilidade dunha solución de orde lexislativa. Nas súas palabras:[79]

... Ao non poder producir estes populares produtos monetarios, as persoas afeitas a adquirilos anualmente sentíronse moi decepcionadas. Como director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, comprendo a decepción destes coleccionistas, mais anímame coñecer que a subcomisión está a explorar a posibilidade dunha emenda á lei que lle outorgue ao secretario a autoridade de aprobar a cuñaxe e a emisión das moedas do programa American Silver Eagle en versións proof e stándar mesmo cando non poidamos satisfacer a demanda da poboación da versión de investimento destas moedas. Os coleccionistas da serie American Eagle e outros moitos clientes que compran estes produtos como regalo probablemente acollerían con agrado este cambio. De feito, sería unha das medidas máis positivas que se podería tomar para a satisfacción dos clientes, sen que tivese repercusión na capacidade da poboación para adquirir a versión de investimento. Xa lle proporcionamos ao seu persoal a asistencia técnica que nos solicitou para a redacción desta proposta de cambio, que debe ser promulgada axiña. Podemos cuñar 200.000 moedas ao mes e, se podemos comezar en setembro, poderiamos producir 830.000 moedas American Eagle dunha onza de prata para satisfacer a demanda dos coleccionistas deste produto nos meses restantes de 2010.

O 22 de setembro de 2010, o representante demócrata por Carolina do Norte Melvin L. Watt presentou o proxecto da "Lei de modernización, supervisión e continuidade das moedas de 2010",[80] para lle outorgar ao secretario do Tesouro a autoridade de cuñar moedas de prata e de ouro das seires American Gold Eagle e American Silver Eagle, nas versións e nas cantidades suficientes para satisfacer a demanda pública. Este proxecto de lei pronulgado o 14 de decembro de 2010 e convertido na Lei Pública 111-302 logo da súa sinatura polo presidente Barack Obama.[81]

O 4 de outubro de 2010 a Casa da Moeda anunciou que os dólares American Silver Eagle coa data dese ano estarían dispoñibles para a súa adquisición a partir do 19 de novembro a un prezo de 45,95 dólares por unidade, e que non se producirían en versión estándar, senón unicamente en versións de investimento e proof.[82]

Dispoñibilidade en 2013-2015[editar | editar a fonte]

En xaneiro de 2013, a Casa da Moeda suspendeu a comercialización das moedas de investimento desta serie logo dunha semana da súa saída á venda, por mor da súa alta demanda. A histórica caída do prezo da prata aumentou a demanda destas moedas e a ceca viuse obrigada a racionalizar a súa venda durante 18 meses, e posteriormente retomou o programa de distribución que se aplicara anteriormente, entre 2008 e 2010.[83][84][85]

Na emisión de 2014, as moedas esgotáronse no mes de novembro e na de 2015 na primeira semana de xullo, mais a Ceca de West Point continuou coa súa produción e a venda reiniciouse a finais de xullo de 2015..[85]

Impacto do COVID-19 na produción: 2020[editar | editar a fonte]

Exemplar de 2020 encapsulado e certificado por Numismatic Guaranty Corporation (NGC).[86]

O 28 de marzo de 2020, a casa da Moeda de West Point —na que se estaban a producir en exclusiva as moedas de investimento da serie American Silver Eagle desde 2018—, pechou para a súa limpeza profunda, logo de que un dos seus empregados dese positivo nunha proba do SARS-CoV-2.[87][88] A ceca abriu novamente o 1 de abril, cunha produción de moedas de investimento reducida para evitar a exposición dos empregados ao COVID-19, e o 15 de abril pechou novamente por motivos de prevención sanitaria.[89]

Para compensar a redución e a posterior suspensión da produción de dólares de investimento American Silver Eagle, a Casa da Moeda de Filadelfia cuñou 240.000 exemplares desta moeda en acabamento estándar entre o 8 e o 20 de abril, o que a converteu na tiraxe neste acabamento máis pequena ata a data.[90] Aínda que estas moedas son fisicamente idénticas ás cuñadas en West Point, as entidades clasificadoras comezaron a emitir certificacións de dólares American Silver Eagle de 2020 da Ceca de Filadelfia como "emisións de emerxencia".[91] Tamén a Ceca de San Francisco cuñou un millón destas moedas para compensar a parada da produción en West Point.[92]

A produción en West Point retomouse en abril de 2021.[93]

Tiraxes[editar | editar a fonte]

Nesta táboa reflíctense as tiraxes anuais do dólar American Silver Eagle nas súas tres versións (investimento, proof e estándar). Na columna de proof inclúense todas as variantes antes mencionadas na sección "Emisións e presentacións especiais" (proof inverso, reverso proof etc.).[94]

Ano Invest. Proof Estándar Total
1986 5,393,005 1.446.778 6.839.783
1987 11.442.335 904.732 12.347.067
1988 5.004.646 557.370 5.562.016
1989 5.203.327 617.694 5.821.021
1990 5.840.110 695.510 6.535.620
1991 7.191.066 511.925 7.702.991
1992 5.540.068 498.654 6.038.722
1993 6.763.762 405.913 7.169.675
1994 4.227.319 372.168 4.599.487
1995 4.672.051 468.636 5.140.687
1996 3.603.386 500.000 4.103.386
1997 4.295.004 435.368 4.730.372
1998 4.847.549 450.000 5.297.549
1999 7.408.640 549.796 7.958.436
2000 9.239.132 600.000 9.839.132
2001 9.001.711 746.398 9.748.109
2002 10.539.026 647.342 11.186.368
2003 8.495.008 747.831 9.242.839
2004 8.882.754 801.602 9.684.356
2005 8.891.025 816.663 9.707.688
2006 10.676.522 1.341.352 466.573 12.484.447
2007 9.028.036 821.759 621.333 10.471.128
2008 20.583.000 700.979 533.757 21.817.736
2009 30.459.000 30.459.000
2010 34.764.500 849.861 35.614.361
2011 40.020.000 1.047.237 509.658 41.576.895
2012 33.742.500 1.379.533 503.401 35.625.434
2013 42.675.000 1.216.122 222.091 44.113.213
2014 44.006.000 944.757 253.169 45.203.926
2015 47.000.000 707.518 223.879 47.931.397
2016 37.701.500 651.467 237.753 38.590.720
2017 18.065.500 400.287 176.739 18.642.526
2018 15.700.000 590.080 138.966 16.429.046
2019 15.032.000 720.423 128.564 15.880.987
2020 31.329.500 154.864 31.484.364
2021 3.306.500 499.244 3.805.744
14.968.500 780.383 185.791 15.934.674
Total 585.536.982 25.422.382 4.356.538 615.315.902

NOTA: a primeira liña de 2021 refírese ás moedas cuñadas co primeiro anverso (1986-2021) e a segunda liña ás do segundo reverso.

Distribución[editar | editar a fonte]

Versión de investimento[editar | editar a fonte]

A venda dos dólares American Silver Eagle de investimento comezaron o 24 de novembro de 1986 e a primeira tiraxe esgotouse de camiño por mor da súa boa demanda.[95]

As moedas de investimento da serie American Silver Eagle, xunto coas súas correspondentes en ouro da serie American Gold Eagle concibíronse como "alternativas de investimento viables ás moedas deste xénero producidas por outros países". Para garantir a súa distribución, a Casa da Moeda dos Estados Unidos adxudicou un contrato á compañía Grey Advertising para que colaborase na comercialización e na publicidade das moedas, a nivel tanto doméstico como internacional.[96] Os labores publicitarios iniciais estendéronse aos exercicios 1987 e 1988.[97][98]

Do mesmo xeito que as series American Gold Eagle e American Platinum Eagle, da venda do dólar American Silver Eagle non se encarga directamente a Casa da Moeda. Co fin de proporcionar "unha distribución eficaz e eficiente, que maximice a dispoñibilidade das moedas nos mercados polo miúdo e nos principais mercados de investimento", a US Mint utiliza unha rede de "compradores autorizados" para a distribución das moedas.[99][100][101] A Casa da Moeda vende as moedas por xunto cunha pequena prima sobre o prezo da prata para sufragar os gastos de produción e distribución.[102][103]

Caixa de plástico verde utilizada pola US Mint para o envío de as moedas de prata de investimento. Cada unha contén 25 tubos de plástico máis pequenos que conteñen 20 moedas cada un (un total de 500 moedas).[104]

Os compardores autorizados deben facer pedidos mínimos de 25.000 moedas, que logo lle venden a comercializadores secundarios e estes, pola súa vez, ao públcio. Cando se iniciaron as vendas destas moedas en novembro de 1986, a Casa da Moeda establecera 28 compradores autorizados para a comercialización das moedas por todo o mundo.[105]

As moedas de investimento comezan a súa distribución dentro das chamadas "caixas monstro", unhas caixas plásticas de cor verde que albergan 500 moedas empaquetadas en tubos plásticos de 20 exemplares. Na tapa de cada caixa hai dous selos en relevo do Departamento do Tesouro, xunto coa inscrición "United States Mint". Antes do seu envío, as caixas son pechadas con bridas pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e etiquetadas co ano de emisión e un número de serie.[104]

Versións proof, estándar e emisións especiais[editar | editar a fonte]

Os dólares American Silver Eagle en versión proof véndense directamente pola Casa da Moeda dos Estados Unidos, a un prezo fixo. Estas moedas dispóñense nunha cápsula protectora de plástico montada nun estoxo de presentación forrado de veludo e satinado, e acompáñanse dun certificado de autenticidade.[106] En outubro de 2002, a Casa da Moeda inaugurou, ademais, un programa de subscrición para a súa adquisición.[107]

Do mesmo xeito, as moedas en versión estándar adquírense tamén directamente na Casa da Moeda desde a súa aparición en 2006, nunha embalaxe similar á das moedas proof. Tamén as emisións especiais se poden adquirir directamente na US Mint.

Cotización[editar | editar a fonte]

As tiraxes e, xa que logo, os prezos dos dólares American Silver Eagle, en calquera das súas tres versións (de investimento, proof ou estándar), sufriron variacións relevantes ao longo do tempo. En xeral, as versión de investimento cuñouse en cantidades superiores, de varios millóns ou mesmo decenas de millóns anuais, en tanto que as versións proof tiveron emisións máis curtas, da orde dos centos de miles anuais. A maioría das datas da versión de investimento non son particularmente caras (arredor de 25 dólares por exemplar, en setembro de 2016) e adoitan cotizarse cunha prima por riba do valor intrínseco da prata que conteñen. Porén, o prezo de case todas as moedas dedicadas ao coleccionismo, é dicir, as versións proof e estándar, acadan prezos superiores, dada a súa maior escaseza: entre 65 e 75 dólares a versión proof e entre 25 e 75 dólares a versión estándar (en 2016). Algunhas emisións especiais acadan prezos moi superiores; por exemplo: a proof de 1995-W (arredor de 3.800 dólares en 2016) e o xogo do 20º aniversario, de 2006, que contén tres versións da moeda (uns 250 dólares a partir de 2016).[108]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

O dólar American Silver Eagle foi galardoado en 2010 co Premio Moeda do Ano á moeda máis popular das cuñadas en 2008.[109][110]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "1 Dollar "American Silver Eagle" Bullion Coin". Numista.com
  2. 2,0 2,1 2,2 "1 Dollar "American Silver Eagle" New Reverse Bullion Coin". Numista.com
  3. Publication 590-A: Contributions to Individual Retirement Arrangements (IRAs). United States Department of the Treasury, Internal Revenue Service. 13 de xaneriro de 2015. Páxina 34.
  4. "½ Dollar "Walking Liberty Half Dollar"". Numista.com
  5. "American Silver Eagle Coins". SilverEagleGuide.com
  6. "United States Mint Offers New 'Legacies of Freedom' Set". United States Mint. 20 de xaneiro de 2004.
  7. 7,0 7,1 "Government to Sell 75% of Its Silver Stockpile". En Wall Street Journal. 24 de xullo de 1981.
  8. "Congress Asked to Clear Sales from Stockpile: Carter Administration Seeks Authority to Sell Silver, Tin, Other Commodities". En Wall Street Journal. 6 de marzo de 1978.
  9. "Nixon Plan to Sell Stockpiled Commodities Could Be Slowed by Market, Legal Snags". En Wall Street Journal. 16 de marzo de 1973.
  10. Jackewicz, S. A. (1976). "Possible Silver Stockpile Sale Seen as Bullish for Market in Long Run". En Wall Street Journal. 10 de setemrbo de 10.
  11. "House Committee Rejects Sales of Silver from Government's Strategic Stockpile". En Wall Street Journal. 12 de setembro de 1979.
  12. "House Refuses to Sell Any Silver in U.S. Stockpile: Compromise That Called for Sale of 5 Million Ounces Loses by Lopsided Margin". En Wall Street Journal. 13 de decemrbo de 1979.
  13. "House Panel Rejects Reagan Bid to Sell All of Silver in Stockpile". En Wall Street Journal. 5 de xuño de 1981.
  14. "Big U.S. Silver Sale Is Likely as Congress Reconciles Budget". En Wall Street Journal. 15 de xuño de 1981.
  15. Lowenstein, R. (1981). "U.S. Plan to Sell Silver from Its Stockpile Depresses Metal's Price 11%; Gold Drops". En Wall Street Journal. 18 de setembro.
  16. "Idaho Officials Protest GSA's Plans for Sale of Stockpiled Silver". En Wall Street Journal. 14 de outubro de 1981.
  17. Twight, C. (1989). "The Political Economy of the National Defense Stockpile". En Policy Studies Review. 8 (4): 778.
  18. "National Security Silver Disposal Act of 1982". S. 2598, 97th Cong., 2d sess., Congressional Record 128, pt. 9:12321.
  19. "Silver Price Soars After U.S. Postpones Sales of Stockpile". En Wall Street Journal. 30 de xuño de 1982.
  20. "National Security Silver Disposal Act of 1983". S. 269, 98th Cong., 1st sess., Congressional Record 129, pt. 1:1050.
  21. "Senate Committee on Banking, Housing, and Urban Affairs, Gold and Silver Coinage Proposals: Hearing Before the Committee on Banking, Housing, and Urban Affairs, United States Senate, Ninety-Eighth Congress, First Session, on S. 42 "To Provide for the Minting of American Gold Eagle Coins Pursuant to Article 1, Section 8 of the United States Constitution" and S. 269 "To Provide for the Disposal of Silver from the National Defense Stockpile through the Issuance of Silver Coins". 98th Cong., 1st sess. 15 de abril de 1983.
  22. Amendment no. 418, 99th Cong., 1st sess., Congressional Record 131, pt. 12:16799-16800.
  23. "Public Law 99-61 - JULY 9, 1985". Congress.gov
  24. 24,0 24,1 "Legislation Impacting American Silver Eagles". SilverEagleGuide.com
  25. "Public Law 107-201 - JULY 23, 2002". Congress.gov
  26. "U.S. to Offer $1 Silver Coin". En The New York Times. 30 de outubro de 1986.
  27. Rochette, Ed (1986). "Sales Start Slowly for the New Silver Eagle Dollars". En Chicago Sun-Times. 28 de decembro.
  28. Gilkes, P. (2011). "San Francisco Mint to Strike Silver Bullion". En Coin World. 28 de marzo.
  29. "United States Mint to Begin Taking Orders for American Eagle Silver Bullion Coins at its San Francisco Facility". United States Mint. 26 de maio de 2011.
  30. Yeoman, R. S. (2016).
  31. "American Eagle Silver Proof Coin". United States Mint.
  32. "The American Eagle Silver Coin: History, Design, Prices and Mint Figures". CoinNews.net.
  33. "United States Mint to Release American Eagle 25th Anniversary Silver Coin Set on October 27". United States Mint. 20 de outubro de 2011.
  34. United States Mint. 1993 Annual Report. United States Mint. Washington. Páxina 26.
  35. 35,0 35,1 35,2 35,3 "Other Numismatic Products Containing Silver Eagles". SilverEagleGuide.com
  36. "1995-W Proof American Silver Eagle". SilverEagleGuide.com
  37. A versión proof de 1995-W do dólar de prata American Silver Eagle está considerada como a peza clave das emisións proof, por mor da súa baixa tiraxe e á posibilidade de adquirila só coas moedas de ouro que completaban a serie.
  38. "2000 Silver Eagle". SilverEagleGuide.com
  39. "The 2000-D Sacagawea Dollar From The United States Millennium Coinage & Currency Sets". SmallDollars.com
  40. "United States Mint Offers New ‘Legacies of Freedom’ Set". United States Mint. 20 de xaneiro de 2004.
  41. "20th Anniversary Silver Eagle Set". SilverEagleGuide.com
  42. "United States Mint Announces American Eagle 20th Anniversary Sets". United States Mint. 21 de agosto de 2006.
  43. "2006-P $1 Eagle-20th Anniversary Reverse Proof (Proof) Arquivado 06 de setembro de 2021 en Wayback Machine.". Professional Coin Grading Service.
  44. "U.S. Mint Online Product Catalog: 2007 United States Mint Annual Uncirculated Dollar Coin Set (XA1)". United States Mint.
  45. "U.S. Mint Online Product Catalog: 2008 United States Mint Annual Uncirculated Dollar Coin Set (XA2)". United States Mint.
  46. Zielinski, M. (2010). "2008 United States Mint Annual Uncirculated Dollar Set Sold Out". Mint News Blog. 29 de xaneiro.
  47. "United States Mint Announces Plans to Issue American Eagle 25th Anniversary Silver Coin Set". United States Mint. 19 de agosto de 2011.
  48. "25th Anniversary Silver Eagle Set". SilverEagleGuide.com
  49. Zielkinski, M. (2012). "2012 San Francisco Silver Eagle Two Coin Set". Mint News Blog. 27 de abril.
  50. "2012 San Francisco Silver Eagle Set". SilverEagleGuide.com
  51. "Making American History Coin and Currency Set (TA8)". U.S. Mint Online Product Catalog.
  52. "2012 United States Mint Limited Edition Silver Proof Set (LS1)". U.S. Mint Online Product Catalog.
  53. Roach, S. (2013). "Enhanced Uncirculated American Eagle Complicates Series". En Coin World. 3 de abril.
  54.  "2013 American Eagle West Point Two-Coin Silver Set (S40)". U.S. Mint Online Product Catalog.
  55. "2013 West Point Silver Eagle Set". SilverEagleGuide.com
  56. "2016 American Silver Eagle". Silvereagleguide.com
  57. "The Royal Canadian Mint and United States Mint Team Up to Launch Joint Pride Of Two Nations Coin Set | The Royal Canadian Mint Arquivado 30 de novembro de 2020 en Wayback Machine.". Royal Canadian Mint
  58. "Pride of Two Nations 2019 Limited Edition Two-Coin Set Arquivado 19 de marzo de 2021 en Wayback Machine.". United States Mint.
  59. "U.S. Mint Announces New International Partnership With Royal Canadian Mint". United States Mint. 25 de xuño de 2019.
  60. Gilkes, P. (2019). "Limited edition silver American Eagle sells out in less than 20 minutes". En CoinWorld. 15 de novembro.
  61. "2019 American Eagle 1oz Silver Enhanced Reverse Proof Coin on Sale Nov. 14". En Coin Week. 13 de novembro de 2019.
  62. "2019 American Silver Eagle". Silvereagleguide.com
  63. "The U.S. Mint Commemorates the Anniversary of the End of World War II". United States Mint. 2 de setembro de 2020.
  64. "United States Mint Opens Sales in November for the End of World War II 75th Anniversary Coins and Medal Program". United States Mint. 29 de outubro de 2020.
  65. "2020 American Silver Eagle". Silvereagleguide.com
  66. "2008-W Silver Eagle Reverse of 2007 Variety". SilverEagleGuide.com
  67. 67,0 67,1 Dugan, I. J. (2008). "Losing a Mint: Curb on Coin Sales Angers Collectors". En Wall Street Journal. 23 de maio.
  68. "2008 American Eagle (Year-dated coins sold)". United States Mint.
  69. Weir, B. (2008). "US Silver Eagles Illegally Rationed". En Silver Seek. 4 de xuño.
  70. Zielinski, M. (2008). "2008 Proof Silver Eagles Not Available". Mint News Blog. 29 de agosto.
  71. Zielinski, M. (2010). "2008 United States Mint Annual Uncirculated Dollar Set Sold Out". Mint News Blog. 29 de xaneiro.
  72. Zielinski, M. (2009). "2009-W Proof & Uncirculated Silver Eagle Availability". Mint News Blog. 6 de marzo.
  73. Zielinski, M. (2009). "Gold and Silver Eagle Bullion Allocation Programs End". Mint News Blog. 16 de xuño.
  74. "United States Mint to Offer 2009 American Buffalo Proof Gold and American Eagle Platinum Proof Coins: Agency Also Announces Products not Offered in 2009". United States Mint. 6 de outubro.
  75. Peters, G. C. (2009). "Legislator Urges Mint to Coin Proof Eagles". En Numismatic News. 1 de decembro.
  76. Unser, M. (2010). "US Mint 2009 Silver Eagles Sell Out". En Coin News. 12 de xaneiro.
  77. Zielinski, M. (2010). "2010 Gold and Silver Eagle Bullion". Mint News Blog. 8 de xaneiro.
  78. "Rationing Ends for Silver Eagles". En Numismatic News. 10 de setembro de 2010.
  79. United States House Financial Services Subcommittee on Domestic Monetary Policy and Technology (2010). The State of U.S. Coins and Currency: Hearing before the Subcommittee on Domestic Monetary Policy and Technology of the Committee on Financial Services, U.S. House of Representatives, One Hundred Eleventh Congress, Second Session, July 20, 2010. Serial No. 111-145. U.S. Government Printing Office, Washington. Páxinas 90-91.
  80. "H.R.6162 - Coin Modernization, Oversight, and Continuity Act of 2010". Congress.gov
  81. "Public Law 111-302 - DEC. 14, 2010". Govinfo.gov
  82. "United States Mint to Offer American Eagle Proof Coins: One-Ounce Silver Proof Coins to Go on Sale November 19th". United States Mint. 4 de outubro de 2010.
  83. "US Mint Runs Out of 2013 Silver Coin". En ABC News. 19 de xaneiro de 2013.
  84. Zielinski, M. (2013). "The Return of Silver Eagle Rationing". Mint News Blog. 18 de xaneiro.
  85. 85,0 85,1 Tang, F. (2014). "U.S. Mint temporarily sold out of Silver Eagles amid huge demand". Reuters. 5 de novembro.
  86. "PCGS & NGC American Silver Eagles". SilverEagleGuide.com
  87. "A New Modern Rarity: 2020 (P) American Silver Eagles". En CoinWeek. 8 de maio de 2020.
  88. Gilkes, P. (2020). "U.S. Mint closes two facilities amid coronavirus crisis". En Coin World. 3 de abril.
  89. Gilkes, P. (2020). "U.S. Mint shutters West Point facility indefinitely, interrupting production". En Coin World. 16 de abril.
  90. "2020 (P) American Silver Eagle MS-69 PCGS (FDI, Philadelphia)". Apmex.com
  91. Gibbs, W. T. (2020). "Monday Morning Brief for May 11, 2020: Buying the labels?". En Coin World. 11 de maio.
  92. "2020 American Silver Eagle". SilverEagleGuide.com
  93. Gilkes, P. (2020). "Mint details Philadelphia Mint output of 2020 American Eagle silver bullion coins". En Coin World. 1 de maio.
  94. "Silver Eagle Mintages". SilvEreagleGuide.com
  95. 1987 Annual Report. United States Mint. Páxina 5.
  96. 1986 Annual Report. United States Mint. Páxinas 9-10.
  97. 1987 Annual Report. United States Mint. Páxina 10.
  98. 1988 Annual Report. United States Mint. Páxina 4.
  99. "American Eagle Bullion Coins for Investors". United States Mint.
  100. "Locate a United States Mint bullion coin seller Arquivado 27 de maio de 2022 en Wayback Machine.". United States Mint.
  101. "American Eagle Silver Bullion Coins". United States Mint.
  102. "United States Mint Announces New Authorized Purchaser Of American Eagle Silver Bullion Coins". United States Mint. 7 de agosto de 2002.
  103. Zielinski, M. (2010). "US Mint Raises Premiums for American Silver Eagles Arquivado 29 de outubro de 2023 en Wayback Machine.". En Coin Update News. 1 de outubro.
  104. 104,0 104,1 "American Silver Eagle Green Monster Box". SilverEagleGuide.com
  105. 1987 Annual Report. United States Mint. Páxina 9.
  106. "American Eagle Proof Coins for Collectors". United States Mit.
  107. 2002 Annual Report. United States Mint. Páxina 10.
  108. Yeoman, R. S. (2021).
  109. "Coin of the year 2008. Winners of the 2010 COTY Award drawn". En Coins Weekly. 21 de xaneiro de 2010.
  110. Scarinci, D. (2015). Coin of the Year: Celebrating Three Decades of the Best in Coin Design and Craftsmanship. Krause Publications. ISBN 978-1-4402-4476-6

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]