Edmund C. Moy

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaEdmund C. Moy

Edmund C. Moy
Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos
(2006-2011)


Biografía
Nacemento12 de setembro de 1957.
Detroit
Míchigan
Datos persoais
País de nacionalidade Estadounidense.
Educación Universidade de Wisconsin-Madison.
Actividade
OcupaciónDirector da US Mint.

Páxina webedmoy.com Editar o valor em Wikidata


Edmund C. Moy, nado en Detroit, Míchigan, o 12 de setembro de 1957, é un empresario e ex alto funcionario estadounidense, que ocupou o cargo de director da Casa da Moeda dos Estados Unidos (US Mint) entre 2006 e 2011.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación[editar | editar a fonte]

Edmund C. Moy naceu en Detroit, Míchigan, o 12 de setembro de 1957, nunha familia de orixe chinesa-estadounidense, e criuose na localidade de Waukesha, Wisconsin.[1] Alí comezou traballando no restaurante que rexentaban os seus pais,[2] Tom e Rosa Moy, procedentes da provincia chinesa de Guangdong.[3]

Cursou o ensino secundario na North High School de Waukesha, onde se graduou en 1975, e posteriormente ingresou na Universidade de Wisconsin-Madison, na que se graduou en Economía, Relacións Internacionais e Ciencias Políticas en 1979,[1][4] logo de abandonar a carreira de Medicina, na que inicilmente se matriculara.[3]

Carreira profesional[editar | editar a fonte]

Entre 1979 e 1989, Moy traballou como executivo de vendas para a compañía Blue Cross Blue Shield United, de Wisconsin.[5] Nese período desempeñou diversos postos en empresas do sector privado. Seguidamente foi nomeado director da oficina de Atención Sanitaria dentro da Administración de George H. W. Bush (1989-1993),[1][4] e logo exerceu a súa actividade laboral en diversas compañías entre 1994 e 2001. No período 2001-2006, Moy traballou na Administración de George W. Bush como axudante especial do presidente para o persoal presidencial.[6] Edmund C. Moy encargouse de supervisar os candidatos para os nomeamentos presidenciais nas áreas xerais de recursos humanos, naturais e culturais.[1][3][7]

En 2003 formou parte do equipo de transición do Departamento de Seguridade Nacional, que se acababa de crear.[1][4]

Edmund C. Moy xunto con Laura Bush na presentación da serie de moedas de ouro dedicada ás primeiras damas dos EEUU, en 2007.

O 28 de xuño de 2006, o presidente Bush nominou a Moy como o 38º director da Casa da Moeda dos Estados Unidos,[1][3][8][9] como sucesor de Henrietta H. Fore.[10]

Foi galardoado coa medalla Alexander Hamilton ao servizo público, outorgada polo secretario do Tesouro, Henry M. Paulson. Entre 2001 e 2006, Moy foi asistente especial do presidente na Casa Branca.[9]

O 20 de decembro de 2010 anunciou a súa dimisión como director da US Mint, que se fixo efectiva o 9 de xaneiro de 2011. Logo de deixar este posto, Moy volveu ao sector privado, como vicepresidente encargado da estrutura corporativa da compañía L&L Energy, Inc.[11][12] A partir de 2014 é o xefe de estratexia de Fortress Gold Group.[13] Así mesmo, asesora e participa no consello de administración de diversas corporacións en sectores como o mercado de metais preciosos, tecnoloxía blockchain ou servizos de saúde.[3][9]

En 2021, Moy foi incluído na lista de persoas máis influentes do mundo no ámbito da numismática no período 1960-2020 pola revista do sector Coin World.[14]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Moy é un participante moi activo en organizacións que reptresentan a comunidade asiático-americana e é membro do consello de administración da revista evanxélica Christianity Today International.[1][9]

En 1997, Moy sufriu unha doenza nerviosa debilitante durante dous anos e medio, que conseguiu curar logo dunha cirurxía cerebral.[1]

Moy está casado desde 1982 con Karen Johnson Moy,[1] e en 2006 adoptaron unha nena na China, chamada Nora Sue Moy e nada en 2005.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Henrietta H. Fore

Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos

2006 - 2011
Sucesor:
David J. Ryder