Colexio Compañía de María da Coruña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°22′01″N 8°24′51″O / 43.36691, -8.41404

Colexio Compañía de María da Coruña
Fachada do Colexio Compañía de María. Edificio de Bescansa Casares e portada e escalinata de Rey Pedreira
Enderezo
Datas
Educación
Xestión
Na rede

O Colexio Compañía de María é un centro educativo concertado da Coruña. Fundado pola Compañía de María Nosa Señora en 1917 é xestionado na actualidade por unha fundación educativa. Imparte ensinanza de Educación infantil e Primaria, especial, ESO e Bacharelato.

Historia[editar | editar a fonte]

As primeiras relixiosas da Compañía de María chegaron á Coruña en 1917[1]. Procedentes de Orduña (Biscaia) un grupo de varias monxas responderon á petición do abade da Colexiata de fundar un colexio relixioso para mulleres na cidade. Os custos da instalación do novo centro correron á conta de Josefina Aguirre, que estaba á fronte da legación da orde relixiosa. Inicialmente, habilitaron un colexio nunha vivenda no Corgo, lugar do antigo concello de Santa María de Oza, no que se mantiveron entre setembro de 1917 e xuño de 1925[2], namentres se construía o edificio que ocupa actualmente en Cidade Xardín.

Foi secularizado na II República, mantendo unha dirección laica entre 1932 e 1939. Ademais, durante a Guerra Civil foi hospital de sangue para a atención dos feridos. A principios da década de 1970, ao abeiro das limitadas posibilidades que ofrecía a Lei Xeral de Educación, o centro incorporou a lingua galega á docencia[3]. No curso 1977-1978 comezou a coeduación nas súas aulas e mantén un concerto co Estado dende 1986[4].

Edificio[editar | editar a fonte]

A Compañía de María ocupa os números 2, 4 e 6 da Avenida de Calvo Sotelo. A construción foi encargada a Leoncio Bescansa Casares quen proxectou un edificio neogótico[5] que se inaugurou en xuño de 1925. Tivo varias reformas e ampliacións, destacando as intervencións de Santiago Rey Pedreira, que rematou a entrada principal e a súa escalinata (1945), e quen, canda Juan González Cebrián, fixo o pavillón posterior (1951) e os laterais acaroados ao edificio orixinal (1960). Ademais, a capela do centro, inicialmente neogótica foi reformada en 1962 por Milagros Rey Hombre, antiga alumna e primeira arquitecta de Galicia: seguindo as orientacións do Concilio Vaticano II fixo un espazo que destaca pola súa sobriedade e o estudado emprego da luz. O recinto conta cun polideportivo de Fernández-Albalat (1974).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "La Integridad". 15-3-1917. Consultado o 19-2-2021. 
  2. "Un siglo de Compañía de María". La Voz de Galicia (en castelán). 2017-02-19. Consultado o 2021-02-19. 
  3. Lema Panisse, C. e Veleiro Pérez, A. (2017). Cen anos educando: Compañía de María A Coruña 1917-2017. Fundación Edelvives. 
  4. "Historia do Centro". ciamariacoruna.org. Arquivado dende o orixinal o 24 de xaneiro de 2021. Consultado o 2021-02-19. 
  5. "Leoncio Bescansa". Morriña De Cuba (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2021. Consultado o 2021-02-19. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]