Cuartel de Atocha

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cuartel de Atocha
Fachada do edificio.
Edificio
LocalizaciónPraza das Atochas
15001, A Coruña
Coordenadas43°22′21″N 8°23′41″O / 43.37247222, -8.39469444Coordenadas: 43°22′21″N 8°23′41″O / 43.37247222, -8.39469444
Uso(s)militar
Construción
Inicio1859
Remate1864
Dimensións
Plantas3
Equipo
Arquitecto(s)Joaquín Montenegro Guitart
editar datos en Wikidata ]

O cuartel de Atocha é un edificio de uso militar situado na cidade da Coruña. Construído en estilo neoclásico, no seu momento foi o maior edificio da cidade.

Historia[editar | editar a fonte]

Ata 1744 os soldados eran acollidos en casas particulares e a partir dese ano foi o convento de San Francisco o que serviu para este labor.[1] Finalmente decidiuse a construción do cuartel do Príncipe Afonso sobre o soar no que estivo o convento de San Domingos que fora destruído no ataque de Francis Drake de 1589, situado entre o campo da Estrada e o campo da Leña.[1]

As obras, dirixidas polo tenente coronel do corpo de enxeñeiros Joaquín Montenegro, comezaron o 11 de xullo de 1859 e remataron en 1864. Con todo, os pavillóns para oficiais non foron construídos. A capacidade era de 1800 soldados, chegando a 2400 en caso de necesidade.[1]

Nos primeiros anos do século XX instalouse no cuartel, no campo da Estrada, o primeiro aeródromo coruñés, mais a construción dunha grande antena de radiotelegrafía acabou con esa posibilidade.[2]

Tras cambiar o nome ao de cuartel de Afonso XII, en 1931 recibiu o nome de cuartel de Atocha.[3]

En xullo de 1936, o coronel do cuartel Pablo Martín Alonso rebelouse contra o seu superior, o xeneral Rogelio Caridad Pita, que permaneceu fiel á República. Caridad Pita foi sometido a consello de guerra e fusilado.[4]

En 2004 o goberno español admitiu que estaba a negociar co concello o traspaso do edificio, mais finalmente non se levou a cabo.[2]

Descrición[editar | editar a fonte]

O cuartel é un edificio de tres plantas con estilo neoclásico, con 175 metros de longo e 60 de largo.[1] No momento da súa construción era o edificio máis grande da cidade.[5]

A fachada principal dá ao campo da Leña e diante dela sitúanse dúas garitas. O tellado é a dúas augas, con bufardas con pequenos frontóns de granito.[1]

Os patios interiores contan cunha galería porticada.[1] A parte posterior foi pechada en 1935.[3]

No cuartel consérvase o monumento ao soldado de Francisco Asorey.[4]

Uso[editar | editar a fonte]

O cuartel de Atocha foi o que máis soldados acolleu en Galicia, como os rexementos Zamora e Isabel La Católica. Na actualidade, é a sede dunha unidade da Forza Loxística Operativa (FLO), xunto con outras unidades dependentes dela.[3]

No edificio está instalada a Biblioteca Histórica Militar da Coruña, situada ata 1994 no cuartel de Macanaz.[6] Tamén é a sede do Centro de Historia e Cultura Militar Noroeste.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Fernández Caamaño, José M. (13-9-2015). "El cuartel que liberó las casas de los coruñeses". El Ideal Gallego (en castelán) (A Coruña). Consultado o 23-4-2018. 
  2. 2,0 2,1 Rodríguez, Rubén (14-9-2014). "Atocha, cuartel toda la vida". La Opinión de A Coruña (en castelán) (A Coruña). Consultado o 23-4-2018. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "El cuartel de Atocha se conserva como un referente en el urbanismo coruñés" (en castelán). 5-6-2015. Consultado o 23-4-2018. 
  4. 4,0 4,1 Fernández, Carlos. "El cuartel de Atocha, testigo de la vida militar coruñesa durante 137 años". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña). 
  5. Carballo, Enrique (24-4-2015). "Atocha, el cuartel que fue "pulmón" de A Coruña". La Opinión de A Coruña (A Coruña). Consultado o 23-4-2018. 
  6. Biblioteca Histórica Militar da Coruña
  7. Centro de Historia y Cultura Militar Noroeste

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]