Amedeo Maiuri

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaAmedeo Maiuri

Amedeo Maiuri en Pompeia (1952)
Biografía
Nacemento7 de xaneiro de 1886
Veroli, Italia (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte7 de abril de 1963
Nápoles.
Datos persoais
País de nacionalidadeItalia Italiana
EducaciónUniversidade de Roma La Sapienza
Actividade
Campo de traballoArqueoloxía e numismática
Lugar de traballo Nápoles Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónantropólogo , historiador da arte , arqueólogo Editar o valor em Wikidata
EmpregadorMuseo Arqueolóxico de Nápoles.
Instituto Italiano de Numismática.
Membro de
LinguaLingua italiana Editar o valor em Wikidata
Premios


Amedeo Maiuri, nado en Veroli, provincia de Frosinone, o 7 de xaneiro de 1886 e finado en Nápoles o 7 de abril de 1963, foi un arqueólogo e numismático italiano, director do Museo Arqueolóxico de Nápoles e primeiro presidente do Instituto Italiano de Numismática.

Foi o primeiro en realizar escavacións científicas sistemáticas, análises e publicacións en Pompeia e noutros sitios arqueolóxicos en torno ao Vesubio.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación[editar | editar a fonte]

Amedeo Maiuri naceu en 1886 en Veroli —naquel momento parte da provincia de Roma, mais que posteriormente pasou á de Frosinone—, fillo de Elvira Parsi e de Giuseppe Maiuri, que exercía como fiscal nesa cidade. Iniciou o seu ensino secundario no colexio escolapio Conti-Gentili, de Alatri, e logo formouse durante un breve período de xeito autodidacta na cidade de orixe do seu pai, Ceprano. Finalmente superou un exame para acudir á escola secundaria Visconti, en Roma, onde concluíu o ensino secundario.[2][3]

A continuación inscribiuse na Facultade de Letras da Universidade La Sapienza, onde realizou os seus estudos universitarios, que culminaron cunha tese sobre literatura bizantina acerca do poeta Teodoro Prodromo. Alí tivo profesores como Nicola Porta e Federico Halbherr, quen lle aconsellou participar nun concurso para acadar un posto na Escola Arqueolóxica de Roma, na que foi alumno entre 1910 e 1911.[2][3]

Carreira profesional[editar | editar a fonte]

Logo trasladouse a Nápoles para ocupar un posto como inspector do Museo Arqueolóxico Nacional de Nápoles. No período abranguido entre 1913 e 1924 estivo en Grecia a cargo duna misión arqueolóxica no Exeo, e asumiu os papeis de director do Museo Arqueolóxico de Rodas e de superintendente de escavacións no Dodecaneso. Durante eses anos escavou sinaladamente en Kálimnos, e tamén en Halicarnaso.[2][3]

En 1924 regresou a Italia, ao ser nomeado superintendente de Antigüidades de Nápoles e do sur de Italia, así como director do Museo Arqueolóxico de Nápoles.[2]

Durante a segunda guerra mundial fixo todo o posible para salvar as coleccións dos bombardeos aliados, e tratou de salvagardar as escavacións de Pompeia das actividades militares, aínda que non logrou evitar que os bombardeos aliados de Nápoles causasen graves danos. Malia a súa vinculación co réxime fascista por mor da súa condición de alto funcionario, de membro da Regia Accademia d'Italia e de colaborador na organización da Mostra Augustea della Romanità de 1937, Maiuri non se viu afectado polas purgas que tiveron lugar na posguerra; de feito o Goberno de Pietro Badoglio mantívoo no seu cargo como director do museo, que continuou exercendo ata os 75 anos.[2]

No ámbito académico, partir de 1936 ocupou a cátedra de Antigüidades de Pompeia e Herculano na Universidade de Nápoles Federico II, e de 1951 a 1956 tamén a de Historia Roma na Universidade Suor Orsola Benincasa de Nápoles.[2]

Entre outras academias e entidades asociativas italianas, Maiuri foi membro correspondente da Accademia dei Lincei desde 1928 e membro nacional a partir de 1936. Tamén foi membro da Academia Real de Letras e Belas Artes de Nápoles, da Pontificia Academia Romana de Arqueoloxía, da Unión Académica e do Instituto de Estudos Romanos,[2] e entre 1936 e 1939 foi o primeiro presidente do Instituto Italiano de Numismática.[4] No estranxeiro, en 1942 ingresou como membro correspondente na Academia Prusiana de Ciencias,[5] e tamén foi elixido membro da Academia Real de Ciencias, Letras e Belas Artes de Bélxica, o 4 de decembro de 1961.[6]

En 1951 concedéuselle o premio literario Valdagno, na súa primeira edición. Entre outras honras, Maiuri foi nomeado comendador da Coroa de Italia e cabaleiro da Orde dos Santos Mauricio e Lázaro (1925).[2]

Amedeo Maiuri finou en Nápoles o 7 de abril de 1963.[2][3] En 1965, un grupo de arqueólogos italianos publicaron un libro homenaxe na honra de Amedeo Maiuri, titulado Gli archeologi italiani in onore di Amedeo Maiuri.[7]

Escavacións[editar | editar a fonte]

Entrada á cova da Sibila de Cumas, redescuberta por Maiuri en 1932.

Á volta da súa década pasada en Grecia entre 1913 e 1924, o foco principal das investigacións de Maiuri foron os Campos Flégreos —a 9 km ao noroeste de Nápoles—, Pompeia e Herculano, e Capri.[2][8]

Nos Campos Flégreos, cómpre salientar as escavacións de Maiuri en Cumas, onde baixo a acrópole identificou a cova da Sibila de Cumas (1932), inicio da escavación sistemática da vasta zona que posteriormente constituíu o Centro Arqueolóxico de Baia. Novamente en Baia, é relevante o inicio en 1959 das exploracións submarinas dos edificios mergullados polo bradisismo xa na antigüidade,[2] así como as escavacións en Liternum para intentar achar a residencia e a tumba de Escipión o Africano.[9]

Maiuri realizou tamén escavacións en Herculano a partir de 1927, abandonando, como en Pompeia, o método de túneles do século XVIII: a partir da investigación comezou a xurdir toda a cidade, e os resultados publicáronse en 1958.[2]

Ao longo dos anos, Maiuri foi dedicando a Pompeia unha actividade moi intensa e constante, encamiñada a explorar as súas fronteiras, a conectar as escavacións xa realizadas, a limpar a terra de recheo que se acumulara nos bordos, a restaurar estruturas, e a crear equipamentos como os xardíns ou o alumamento. Ao final do seu traballo, só quedou sen escavar un terzo da cidade.[2]

Maiuri dirixiu tamén novas exploracións en Capri, lugar ao que lle tiña moito apego persoal, en particular a Villa Jovis e ao Palazzo a Mare,[2] e en Sessa Aurunca, onde dirixiu as escavacións do teatro romano.[10]

Publicacións[editar | editar a fonte]

Esta é unha escolma dos numerosos traballos monográficos publicados por Amedeo Maiuri ao longo da súa traxectoria:[11][12]

  • (1925). Nuova silloge epigrafica di Rodi e Cos. Le Monnier, Florencia.
  • (1929). Pompei. Istituto geografico de Agostini, Novara.
  • (1931). Pompei, i nuovi scavi e la villa dei misteri. Libreria dello stato, Roma.
  • (1931). Monumenti di scultura del Museo archeologico di Rodi. Istituto geografico de Agostini, Rodi.
  • (1932). Ercolano. Istituto Geografico de Agostini, Novara.
  • (1937). Breviario di Capri. Rispoli, Nápoles.
  • (1938). Passeggiate campane. Sessanta tavole fuori testo. U. Hoepli, Milán.
  • (1945). La cena di Trimalchione. R. Pironti, Nápoles.
  • (1947). La casa di Loreio Tiburtino e la villa di Diomede in Pompei. Libreria dello Stato, Roma.
  • (1953). Roman Painting. Skira, Xenebra.
  • (1955). L'anfiteatro flavio puteolano. Macchiaroli, Milán.
  • (1955). Studi e ricerche sull'anfiteatro flavio puteolano. Macchiaroli, Nápoles.
  • (1955). Vecchie e nuove cronache dell'archeologia campana. Nápoles.
  • (1956). Bibliografia di Amedeo Maiuri (1908-1955). L'arte tipografica, Nápoles.
  • (1958). I Campi Flegrei. Istituto Poligráfico dello Stato, Roma.
  • (1958). Paintings from Pompeii, Herculaneum and Stabia in the Museo nazionale at Naples. Aldo Martello, Milán.
  • (1958). Gli scavi di Ercolano. Storia delle scoperte e programma dei lavori. Fondazione Pro Ercolano, Resina.
  • (1958). Ercolano. I nuovi scavi (1927-1958). Istituto Poligrafico dello Stato, Roma.
  • (1961). Pompei, Ercolano e Stabia: le città sepolte dal vesuvio. Istituto Geografico de Agostini, Novara.
  • (1963). Pompeian wall pantings. Hallwag, Berna.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Maiuri, A. (1929). “Studi e ricerche sulle fortificazioni di Pompei”. En Monumenti Antichi 33. Páxinas 113-290.
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 Guzzo, P. G. (2006).
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 "Maiuri Amedeo". Città di Frosinone (Comune.frosinone.it).
  4. "Istituto Italiano di Numismatica". En Anuario. Nº 49. Unione Internazionale degli Istituti di Archeologia, Storia e Storia dell'Arte in Roma. Roma. 2007. Páxina 327.
  5. "Amedeo Maiuri". Berlin-Brandenburgische Akademie der Wissenschaften (BBAW.de).
  6. "Amedeo Maiuri". Académie royale des Sciences, des Lettres et des Beaux-Arts de Belgique (Academieroyale.be).
  7. Centro Studi Ciociaria (1965). Gli archeologi italiani in onore di Amedeo Maiuri. Di Mauro.
  8. "Amedeo Maiuri (1886-1963)". Naples. Life, Death & Miracles (Naplesldm.com).
  9. "Liternum". Parco Archeologico Campi (Pafleg.it).
  10. "Roman Theater and Cryptoporticus of Sessa Aurunca". Culturalheritageonline.com
  11. "Maiuri, Amedeo". The University of Chicago Library Catalog (Catalog.lib.uchicago.edu).
  12. Belli, C. (ed.) (1978).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Belli, C. (ed.) (1978). Amedeo Maiuri. Mestiere D'Archeologo. Antologia di scritti. Libri Scheiwiller.
  • Guzzo, P. G. (2006). "Amedeo Maiuri". En Dizionario biografico degli italiani. Vol. 67. Istituto dell'Enciclopedia Italiana, Roma.

Outros artigos[editar | editar a fonte]