Purga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A purga[1], en política, é o proceso polo que o grupo no poder aparta a outros, aos que considera «indesexables» do goberno, do partido político, dunha profesión determinada ou da sociedade en conxunto, a miúdo utilizando a violencia para conseguilo. Cando esa facción perde o poder pode ocorrer que se «rehabilite» aos purgados.

As purgas na Historia[editar | editar a fonte]

As purgas foron un instrumento de poder político desde que se escribe a Historia. Existen exemplos no período republicano da antiga Roma, aínda que o termo (en inglés Purge) aparece por vez primeira en 1648, durante a Guerra civil inglesa. Durante a Revolución Francesa cada facción revolucionaria purgou aos partidarios das demais. A máis famosa purga foi a que coñece como o Terror de Robespierre, que acabou co propio Robespierre como vítima das purgas. Tras a caída de Napoleón, todos aqueles asociados á actividade revolucionaria foron purgados.

En tempos máis recentes, as purgas adóitanse asociar cos réximes stalinista e de Mao. Os purgados (entre os que se atopaban artistas, científicos, profesores, militares, e tamén comunistas que se atreveron a disentir coa dirección do partido) eran enviados a campos de traballos forzados ou executados. A máis destacada purga foi a Gran Purga iniciada por Stalin na década de 1930. O comunista chinés Deng Xiaoping acabou no poder tras sobrevivir a varias purgas.

Os nazis tamén realizaron purgas notables, en especial a da noite dos coitelos longos (1934) e as represalias en masa contra os adversarios de Adolf Hitler tras o fracaso do complot de xullo de 1944.

As ditaduras latinoamericanas tamén fixeron uso extenso das purgas durante o século XX.

Notas[editar | editar a fonte]