A Ultramar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Ultramar
Boletín informativo de la oficina de relaciones con los gallegos en el exterior
Formato de páxinaFormato breve
Corbranco e negro
Fundación1959
Remata1975
DirectorLuís Sánchez Mosquera
FundadorComisión Permanente de los Congresos de Emigración
EditorialOficina de relaciones con los gallegos en el exterior
Linguacastelá
LocalidadeA Coruña
PeriodicidadeIrregular
editar datos en Wikidata ]

O boletín A Ultramar foi unha publicación de carácter informativo editada na cidade da Coruña pola Oficina de relaciones con los gallegos en el exterior entre os anos 1959 e 1975. Redactado enteiramente en castelán e so a dirección de Luís Sánchez Mosquera, foi concibido após o II Congreso de la Emigración Española a Ultramar (1959) como o medio máis adecuado e eficaz para manter un «contacto permanente»[1] cos emigrantes de Galiza e as innumerábeis Asociacións, Casas e Centros Galegos estabelecidos en países Iberoamericanos. Saíron do prelo un total de 134 números.

Periodicidade[editar | editar a fonte]

O «Boletín» tivo unha periodicidade irregular con edicións mensuais, bimestrais e trimestrais. Porén, é posíbel subdividir a súa traxectoria editorial en tres períodos[2]:

  • 1ª Época (1959-1964): n.os 1 - 63
  • 2ª Época (1965-1970): n.os 1 - 42
  • 3ª Época (1971-1975): n.os 53 - 71

O II Congreso de la Emigración Española: xerme do «Boletín»[editar | editar a fonte]

Xénese[editar | editar a fonte]

Na década dos 50, Galiza estaba a atravesar unha situación difícil no duplo aspecto económico e social. Novamente, a cidadanía española ‒principalmente os galegos e galegas‒ vese na obriga de emigrar por razóns de diversa natureza. Os países de ultramar, aos cales aínda non chegara a deterioración nin a consecuente crise, son os principais destinatarios e receptores desa emigración. Por mor destas circunstancias e a fin de resolver o problema migratorio, xorde da man de diversos veciños coruñeses ex-residentes nos países de ultramar ‒entre eles Luis Sánchez Mosquera‒ a idea de constituíren, dentro da Asociación Cultural-Iberoamericana nos seus inicios, un Círculo de Estudios Migratorios que celebra na Coruña no ano 1954 as súas Primeras Jornadas so a dirección de Mosquera. Este grande acto público, o cal conta coa estreita colaboración do Centro Gallego de Montevideo, ten unha gran repercusión, tanto nas rexións españolas coma nos países da América latina.

Alén deste acontecemento, o Círculo continúa a se xuntar regularmente, traballando a prol do estudo e procura de solucións para o problema migratorio. Non é pois de estrañar que fora nunha das súas xuntanzas no ano 1958 cando xorde a idea de celebraren en Galiza un grande Congreso da Emigración Española. A seguir, neste fragmento recóllense as conclusións que tirou Luis Sánchez Mosquera após o simposio:

Iniciado en La Coruña y clausurado en Santiago de Compostela, tuvo sobre todas las cosas como virtud y propósito fundamental, alertar, reavivar una conciencia tal vez algo dormida, e incluso en muchos casos crear una conciencia general gallega en torno al problema realmente grave de nuestra emigración [...] Por esta razón, hermanos entrañablemente queridos y siempre recordados de ultramar, la imagen real y auténtica que hoy podeis recoger y llevaros de Galicia es la imagen de una Galicia en marcha, no quejumbrosa y nostálgica, sino segura de sí misma, confiada en sí misma, una firme Galicia con voluntad de futuro[3].

Cómpre dicir que aínda que a emigración española foi o obxecto central desta convocatoria, considerouse de xeito unánime que a cuestión migratoria galega precisaba dunha lexislación especial por mor da súa grave problemática social, económica e política. De acordo coas palabras de Eugenio López López no seu relatorio «La Emigración Española a Ultramar y las peculiaridades de la Emigración Gallega y de otras regiones»:

Galicia aporta el cincuenta por ciento del total de la emigración española y con sólo cerca de tres millones de habitantes tiene más de un millón de hijos en el extranjero. La Emigración Gallega, por su número y circunstancias y por sus características, debe ser objeto de especial consideración[4].

Organización da xuntanza[editar | editar a fonte]

O propósito deste congreso foi convocar en Galiza as personalidades máis representativas e sobresaíntes de España e Iberoamérica a prol do estudo dos problemas migratorios, co fin de exporen e resolveren conxuntamente os moitos e complexos aspectos e perspectivas desde as cales debían afrontarse todas as cuestións que atinxían directa ou indirectamente a emigración española. Para esta finalidade foi esencial a importante colaboración do Instituto Español de Emigración, do representante do Círculo de Estudios Migratorios, Eugenio López López, e do Centro Gallego de Montevideo. As seguintes palabras de Luis Sánchez Mosquera reflicten a meticulosidade canto á organización desta xuntanza:

Su consideración de itinerante para que las principales ciudades gallegas participasen del mismo [...] que fuese celebrado en el año 1959 por dos principales razones: la circunstancia de coincidir con el Año Santo Compostelano y de cumplirse en ese mismo año el Cincuentenario del Primer Congreso de la Emigración Española [...] elegir como ciudad para la solemne clausura del Congreso la ciudad de Santiago de Compostela, por su carácter de capital espiritual y cultural de Galicia, y como fecha para clausurarlo la del 12 de octubre [...] que se trató de un magno Congreso verdaderamente pan-hispánico[5].

Outrosí, após unha das sesións plenarias, acordouse crear a Comisión Permanente de los Congresos de Emigración con sede na Coruña cuxa misión era a convocatoria de posteriores xuntanzas cunha periodicidade de cinco anos. Alén diso, estabeleceuse para o futuro a súa realización en dúas fases: rexional e nacional[6]. Co fin de manter un contacto continuo coa emigración galega, inmediatamente despois de concluír o II Congreso (1959) iniciouse da man da Comisión Permanente a publicación dun Boletín Informativo chamado «A Ultramar».

Relación de relatorios[7][editar | editar a fonte]

Como se verá na sección seguinte, as cuestións presentadas nestes relatorios están estreitamente ligadas á liña temática do «Boletín».

  • I.- "Causas de la emigración". Por Javier Martín Artajo.
  • II.— "Ventajas e inconvenientes de la emigración". Por Florentino Díaz Reig.
  • III.— "Preparación y orientación del emigrante". Por Enrique Miguez Tapia.
  • IV.— "Vinculación del emigrado con España". Por Fernando Magariños Torres e José Antonio Torres Álvarez.
  • V.— "Tratados de emigración". Por Gaspar Gómez de la Serna.
  • VI.— "Seguridad social del emigrante". Por Francisco Labadíe Otermín.
  • VII.— "La emigración española a ultramar y las peculiaridades de la emigración gallega y de otras regiones. Por Eugenio López y López, en nombre de la Sección de Relaciones con los Gallegos de Ultramar, del Círculo de Estudios Migratorios de La Coruña".
  • "Ponencia de la delegación del Centro Gallego de Montevideo Uruguay". Por Filiberto Ginzo Gil.

O Boletín A Ultramar[editar | editar a fonte]

Entre os anos 1959 e 1975, o «Boletín» foi un vehículo de comunicación entre Galiza e os seus emigrantes alén do océano Atlántico. Segundo as propias palabras do seu director Luis Sánchez Mosquera, a escolla do nome «Ultramar» debeuse a que «en aquellos años la emigración española se dirigía exclusivamente a los países Iberoamericanos.»[8] Para alén de se enviar a eses países, tamén se mandou aos «Centros Gallegos de Europa, Ministerios, Consulados, Centros Gallegos de España, Autoridades de Galicia y personalidades de diversos sectores de nuestra Patria.»[9]

A respecto do período de actividade deste «Boletín», son significativas as datas de comezo e termo, correspondéndose coa clausura do II Congreso (1959) e a morte do Xeneral Franco (1975). Alén diso, no inicio da Transición produciuse un pico histórico canto ao número de retornados, diminuíndo o número de emigrantes de máis de 100 000 en 1964 até 12 000 no ano 1976.[10]

Ideoloxía[editar | editar a fonte]

Galiza preséntase no «Boletín» como a terra da emigración española por excelencia. Nesta imaxe converxen tanto as representacións propias da «rexión» coma as da súa poboación emigrante en ultramar. A publicación enfócase principalmente na longa tradición de asociacionismo galego nos países iberoamericanos e nas institucións e xuntanzas a prol da resolución do problema migratorio. A identidade galega que transmite nas súas páxinas fica subordinada á identidade española do réxime franquista, e isto plásmase na escolla da lingua patria conforme reproducen perfectamente as palabras do seu director Luis Sánchez Mosquera: «buenos gallegos y ejemplares españoles.»[11] Alén diso, nesa época o territorio galego relacionábase case exclusivamente coa política migratoria, os Congresos de la Emigración ―por mor da extraordinaria magnitude destes movementos de poboación en Galiza―, e a dimensión relixiosa galega grazas ás peregrinacións a Santiago de Compostela e as ofrendas ao Apóstolo no Día Nacional de Galiza[12][13]. Por outra parte, o «Boletín» evita calquera referencia a enfrontamentos políticos ou fragmentacións identitarias que ameazasen a unidade nacional. Os galegos e galegas senten o vínculo colectivo da emigración, mais non o feito de teren unha lingua propia como factor de identificación nacional. Segundo a afirmación do propio Francisco Franco: «el carácter de cada región será respetado, pero sin perjuicio para la unidad nacional, que la queremos absoluta, con una sola lengua, el castellano, y una sola personalidad, la española.»[14]

Liña temática[15][editar | editar a fonte]

O Boletín A Ultramar actuou durante todos os seus anos de actividade como voceiro de todo canto tiver relación coa emigración de Galiza[16]. Ao longo das súas páxinas presenta un percorrido polos sucesos máis salientábeis e transcendentais que influíron a sociedade española, e principalmente a galega, nun momento histórico difícil onde a única saída posíbel para moitos milleiros de persoas era deixar a terral natal e ir na busca dunha mellor fortuna. O boletín foi, por tanto, un mecanismo de unión entre todos os galegos e galegas espallados polo mundo, quen acha nas súas páxinas información moi variada de todo o que estaba a acontecer en Galiza durante a súa ausencia.

Dun lado, novas canto ás actividades e inquedanzas desenvolvidas polas colectividades de emigrantes galegos repartidas por todo o mundo (e.g. Asociacións, Centros e Casas) e os acordos e lexislacións que puidesen atinxirlles, isto é, convenios da Seguridade Social no estranxeiro, sistemas de bolsas de estudos para a educación dos fillos de emigrantes e planos educativos enfocados ás posíbeis dificultades que o emigrante puidese encontrar no país receptor. Doutro lado, por medio dun Noticiario Breve[17] o boletín tamén proporcionaba información detallada sobre a actualidade da vida galega e os progresos que se estaban a facer en todos os dominios, isto é, informacións relativas a aniversarios ou admisión de novos membros na Real Academia Galega; celebracións do Día das Letras Galegas; homenaxes ou entrega de premios a personaxes ilustres comprometidos coa emigración, por exemplo Alfonso Rodríguez Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Valentín Paz Andrade e Eduardo Blanco Amor; concursos literarios de contos en lingua galega, e fenómenos culturais de diversa natureza como a Feira do Libro, as traducións a múltiples linguas da obra de Rosalía e o aumento do nivel de lectura e produción editorial en Galiza. O «Boletín» apoiou toda obra cultural colectiva a prol da cultura galega; por tanto, a través das conclusións dos diferentes congresos, reafírmase na necesidade de envío de libros e publicacións desde Galiza, no pedimento de subvencións que permitan traer relatores e profesores galegos, e na organización de exposicións e espectáculos colectivos de calquera clase.

Malia este labor informativo/cultural, o Boletín ten un carácter fortemente social e crítico. O fenómeno migratorio ―no inicio exclusivamente na América, e na década dos 60 e 70 orientado cara a Europa, principalmente a Francia, Suíza e Alemaña―, o modo en que este atinxe as persoas e familias estabelecidas no estranxeiro, as relacións de concordia entre a nación de orixe e a destinataria, e o estudo das causas e posíbeis solucións da emigración son a chave do nexo de unión temática do Boletín. Todos estas cuestións foron tratadas nos Congresos, Jornadas de la Emigración e reunións da Federación Mundial de Sociedades Gallegas que se realizaron ao longo do período de actividade desta publicación. O Boletín encargábase, a través da publicación das respectivas actas alén de numerosos artigos e síntese dos relatorios, de manter toda a comunidade galega informada dos problemas máis urxentes e os logros conseguidos a respecto dos temas debatidos.

Canto ás cuestións máis problemáticas, discútese a necesidade de reestruturar a economía de Galiza para que os galegos e galegas poidan traballar as súas propias terras no canto de enriqueceren as alleas. Tamén se analiza a constitución da sociedade Sodiga co fin de impulsar o desenvolvemento industrial rexional do cal carecía Galiza. Reivindícase unha reestruturación municipal a cal, co consecuente equilibrio do poboamento entre as zonas rurais e urbanas, axudaría a reactivar a economía galega, resolvendo así unha das principais causas migratorias; tamén se demandan facilidades á explotación mineira e gandeira alén de protección á industria da pesca para mitigar o desemprego estacional. Por outra parte, no relativo aos problemas médicos dos emigrantes en Europa, reclámaselle ao Estado español unha mellor orientación integral previa á viaxe co fin de evitar obstáculos lingüísticos que fan imposíbel unha boa comunicación médico-paciente no estranxeiro. Nesta orientación inclúese a necesidade de os emigrantes posuíren uns coñecementos mínimos do país destinatario así como unha suficiente preparación psicolóxica para afrontaren esa difícil transición. En relación a este último punto estúdase tamén o elevado grao de frustración ―social, afectiva, intelectual e laboral― que senten os emigrantes nos seus novos fogares por mor do illamento, as dificultades de relación e as privacións e o aforro até os límites do sufrimento, coa incerteza dun retorno despois de atinxiren unha posición económica desafogada. Estes aspectos de marxinación ou de frustración non eran tan notábeis cando a onda migratoria dirixíase aos países iberoamericanos; porén, ao se encamiñar anos despois cara aos países industrializados da Europa occidental, estas cuestións alcanzaron unha extrema gravidade. Sen dúbida «Los emigrantes son los nuevos ricos del pueblo y ricos también en amargura»[18]

Para concluír este percorrido, dicir que na etapa final do Boletín e por mor da paulatina mudanza lexislativa canto ao uso das «linguas nativas», a publicación comeza a facer fincapé no arranque da ensinanza preescolar e básica da «lingua vernácula» así como na necesidade do emprego conxunto do castelán e o galego na educación. Alén diso, difúndense tamén algúns artigos de Blanco Amor e Valentín Paz-Andrade redixidos na lingua propia. Outrosí, por ocasión da II Reunión de Estudios Regionales examínase a importante función do galego na base e o desenvolvemento da cultura brasileira, desvelando por medio da súa lingua compartida ―o galego-portugués― semellanzas que non foran estudadas nin tomadas en consideración con anterioridade.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Sánchez Mosquera, Luis. La Coruña y los Congresos de Emigración, 1974, p.26.
  2. Segundo a catalogación das hemerotecas da Deputación de Pontevedra; a Real Academia Galega e "Ultramar, A". Enciclopedia Galega Universal 16. 2002. p. 223. 
  3. Sánchez Mosquera, Luis. Conclusiones definitivas. Congreso Regional de la Emigración Gallega (1ª Fase), 1965, p. 14.
  4. López y López, Eugenio. La Emigración Española a Ultramar y las peculiaridades de la Emigración Gallega y de otras regiones. II Congreso de la Emigración Española a Ultramar, 1959.
  5. Sánchez Mosquera, Luis. La Coruña y los Congresos de Emigración, 1974, p.19.
  6. Esta serie de requisitos foron aplicados no III Congreso (1965) e no derradeiro IV Congreso (1971). Sánchez Mosquera, Luis. La Coruña y los Congresos de Emigración, 1974, p.19.
  7. Ponencias Oficiales. Conclusiones del II Congreso de la Emigración Española a Ultramar, 1959.
  8. Sánchez Mosquera, Luis. La Coruña y los Congresos de Emigración, 1974, p. 26
  9. Ibid.
  10. vid. Cadro e gráfico da Historia del Instituto Español de Emigración, 2009, pp. 144, 302.
  11. Sánchez Mosquera, Luis. La Coruña y los Congresos de Emigración, 1974, p.27.
  12. vid. Las relaciones del IEE con los países de Ultramar. Historia del Instituto Español de Emigración., 2009, pp. 231-53.
  13. vid. Las representaciones de la identidad estatal y de las identidades subestatales en Carta de España. Historia del Instituto Español de Emigración, 2009, pp. 253-77.
  14. El nacionalismo regionalizado y la región franquista. Naciones y Estado: la cuestión española. Ed. Ferrán Archilés e Ismael Saz. Valencia: Publicacions de la Universitat de València, 2014.
  15. Información tirada da análise dos n.os 2, 4, 2, 10, 11, 29, 30, 55, 57, 58, 65, 69 e 71. vid. Bibliografía citada.
  16. «Nuestro boletín informativo seguirá publicándose, si bien en esta segunda etapa, iniciada en el pasado mes de diciembre, irá dedicado casi exclusivamente a Galicia y a la emigración Gallega, alejándonos de los problemas generales de la emigración española no porque carezcan de interés sino porque suponemos que serán tratados ampliamente por la Comisión Permanente del III Congreso de la Emigración Española». A Ultramar n. º 2, 1966.
  17. Sección do Boletín de periodicidade irregular dedicada a artigos tirados directamente de xornais galegos como El Ideal Gallego ou La Voz de Galicia.
  18. A Ultramar (n. º 57), 1972.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • A Ultramar (n.º 2). A Coruña: Boletín informativo de la Oficina de Relaciones con los Gallegos en el Exterior, novembro 1959.
  • A Ultramar (n.º 4). A Coruña: Boletín informativo de la Oficina de Relaciones con los Gallegos en el Exterior, xaneiro 1960.
  • A Ultramar (n.º 2). A Coruña: Boletín informativo de la Oficina de Relaciones con los Gallegos en el Exterior, xaneiro 1966.
  • A Ultramar (n.os 10 e 11). A Coruña: Boletín informativo de la Oficina de Relaciones con los Gallegos en el Exterior, setembro-outubro 1966.
  • A Ultramar (n.os 29 e 30). A Coruña: Boletín informativo de la Oficina de Relaciones con los Gallegos en el Exterior, abril-maio 1968.
  • A Ultramar (n.º 55). A Coruña: Boletín informativo de la Oficina de Relaciones con los Gallegos en el Exterior, xaneiro-febreiro 1972.
  • A Ultramar (n.º 57). A Coruña: Boletín informativo de la Oficina de Relaciones con los Gallegos en el Exterior, agosto-setembro 1972.
  • A Ultramar (n.º 58). A Coruña: Boletín informativo de la Oficina de Relaciones con los Gallegos en el Exterior, novembro-decembro 1972.
  • A Ultramar (n.º 65). A Coruña: Boletín informativo de la Oficina de Relaciones con los Gallegos en el Exterior, febreiro-marzo 1974.
  • A Ultramar (n.º 69). A Coruña: Boletín informativo de la Oficina de Relaciones con los Gallegos en el Exterior, marzo-abril 1975.
  • A Ultramar (n.º 71). A Coruña: Boletín informativo de la Oficina de Relaciones con los Gallegos en el Exterior, 1975.
  • Archilés, Ferrán e Ismael Saz, eds. Naciones y Estado: la cuestión española. Valencia: Publicacions de la Universitat de València, 2014. En liña en Google Books.
  • Conclusiones del II Congreso de la Emigración Española a Ultramar. La Coruña: Comisión Permanente, 1959.
  • Conclusiones definitivas del Congreso Regional de la Emigración Gallega (1ª Fase). III Congreso de la Emigración Española a Ultramar. La Coruña: Oficina de América de La Coruña, 1965.
  • Ledo, Bieito, ed. (2002). "Ultramar, A". Enciclopedia Galega Universal 16. Vigo: Ir Indo. p. 223. ISBN 84-7680-288-9 (colección) ISBN 84-7680-583-7 (tomo 16). 
  • Historia del Instituto Español de Emigración: la política migratoria exterior de España y el IEE del franquismo a la transición. Ed. Calvo Salgado, Luis M., et al. Madrid: Ministerio de Trabajo e Inmigración, Subdirección General de Información Administrativa y Publicaciones, 2009.
  • Sánchez Mosquera, Luis. La Coruña y los congresos de emigración. La Coruña: Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, 1974.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]