Xornadas de Cine de Ourense

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Xornadas de Cine de Ourense
Localización Ourense

Galiza

Período 1973-1978
Número de edicións 6
Organizadores Luís Álvarez Pousa
José Paz Rodríguez
Principais colaboradores Cineclube Padre Feijoo
Agrupación Cultural Auriense
Carlos Velo Cobelas

As Xornadas do Cine en Ourense foron uns festivais de cine e ao mesmo tempo un concurso de curtametraxes celebrados anualmente na cidade de Ourense entre 1973 e 1978, organizadas por Luís Álvarez Pousa e José Paz Rodríguez, cuxo principal obxectivo foi a promoción do cine galego. Estaban divididas en dous bloques principais: o bloque de proxección das películas e o bloque das conferencias e mesas redondas. En ambas partes tratáronse temas novos daquela época como, por exemplo, aqueles relacionados coa identidade galega. Porén, a falla de respaldo económico (estas xornadas foron impulsadas principalmente por dúas agrupacións independentes o Cineclube Padre Feijoo e a Agrupación Cultural Auriense), só se puideron celebrar seis edicións.

Contexto histórico[editar | editar a fonte]

O século XX supón para Galiza un gran cambio na súa cultura tradicional, que nos seus inicios era agraria, mais neste século transformase nunha cultura máis urbana, como na Galicia actual. O mesmo acontece coa política da época, que experimenta unha transformación notoria coa chegada da ditadura e da Guerra Civil (1936-1939); é tanto o impacto, que até a lingua galega, a cal estaba no seu mellor momento, viuse afectada; xa que, o Estatuto de Autonomía proposto por Castelao non foi revisado até o ano 1938, a causa da Guerra, e tampouco foi aceptado. A vitoria do franquismo supuxo a chegada dunha ditadura cruenta na que só se permitía o uso do castelán, e o galego, unicamente, se puido impulsar desde o exilio.

Orixe das Xornadas[editar | editar a fonte]

A orixe das Xornadas sitúase na creación do Cineclube Padre Feijoo nos anos 1970-1971, un organismo que pronto desbordará os límites da proxección de películas e no centro de reunión para cinéfilos; así transfórmase no punto de dinamización cultural da cidade. Un movemento que non pasou desapercibido por Lois Álvarez Pousa, en este momento estudante de Ciencias da Información en Madrid, que considerou a posibilidade de organizar unha semana cinematográfica en Ourense. José Paz, membro da directiva do Padre Feijoo, aliouse a esta idea e se encargou de impulsar as Xornadas, que ao principio recibiron o nome de I Semán do Cine en Orense e o ano seguinte -xa galeguizando o título- pasouse a denominar Xornadas do Cine en Ourense. Reorientación que nos indica as convulsións socio-políticas daqueles anos, os últimos do franquismo e a transición á democracia. Para concluír, as Xornadas vanse publicando nun libro para manter a historia galega e para que as recorden como motivo de expansión da propia cultura pola península.

Organizadores[editar | editar a fonte]

Luís Álvarez Pousa[editar | editar a fonte]

Este intelectual é de Vila de Rei, Trasmiras, que queda moi preto de Xinzo de Limia (Ourense). Naceu o 8 marzo de 1948. Estudou Filosofía, teoloxía e é doutor en Ciencias da Información.

Ademais, foi delegado de La Voz de Galicia en Santiago, director Xeral de Cultura da Xunta. A relación que ten coas Xornada do Cine é que foi coordinador xeral das Xornadas de cine en Ourense entre 1973 a 1978, contribuíu a impulsar a recuperación do cine galego.

José Paz Rodríguez[editar | editar a fonte]

Foi unha figura moi importante na cinematografía galega, xunto con Luís Álvarez Pousa e impulsor das Xornadas de Cine de Ourense.

José Paz Rodríguez, naceu en Piñor de Cea en Ourense. É pedagogo e profesor da Escola Universitaria E.X.B. de Ourense. Ingresa no cineclube Padre Feijoo en 1972. Vocal da Federación Española de cineclubs e organizador das Xornadas de Cine Psicopedagóxico.

Lugar[editar | editar a fonte]

Ourense é unha cidade galega con moita historia literaria e cultural, sobre todo, nos anos finais do século XIX até a Guerra Civil tivo un papel moi importante en Galiza neste ámbito; a razón de que Ourense tivera tanto éxito no campo literario (mesmo artístico e musical) é que no primeiro terzo do século XX o territorio estaba cheo de escritores; moitos deles da mesma xeración, que van desde Valentín Lamas Carvajal e Manuel Curros Enríquez até Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Eduardo Blanco Amor. Toda unha sucesión de olladas sobre unha poboación e un mundo urbano, cheo de figuras singulares, mais tamén repleto de iniciativas colectivas, de centros recreativos modélicos e de medios de comunicación modernos e comprometidos coa cultura de Galiza expresada en lingua galega.

Por todo isto e tamén porque se precisaba un lugar de coincidencia común, escolleuse Ourense.

Colaboradores[editar | editar a fonte]

Cineclube Padre Feijoo[editar | editar a fonte]

A principios do ano 1970-71 naceu, como actividade cultural dentro da Escola de Maxisterio de Ourense, o cineclube Padre Feijoo, herdeiro da tradición cineclubista da cidade que durante os sesenta foi representada polos cineclubs Ourense, Miño e Alianza Francesa (AFO).

Nos setenta foi un dos que contribuíron ao xurdimento e desenvolvemento das Xornadas do Cine en Ourense, que no ano 1973 era I Semán do Cine en Orense, nos seguintes anos foron denominadas Xornadas do cine en Ourense e pasaron a chamarse no ano 1978 Xornadas do Cine das Nacionalidades e Rexións, facendo máis popular o cinema galego entre os das outras comunidades históricas do Estado.

O Padre Feijoo é un dos cineclubs máis activos e antigos de Galiza. Aínda que non ten local propio, mantén unha ampla actividade.

Agrupación Cultural Auriense[editar | editar a fonte]

A Agrupación Cultural Auriense naceu no ano 1967 para impulsar a cultura de Galiza. Antes de que a Agrupación Cultural Auriense vise a luz, outras asociacións tiñan creado un camiño na procura da normalización cultural e lingüística do noso País: Agrupación Cultural O Galo, Agrupación Cultural O Facho, Asociación Cultural de Vigo e o Clube Cultural Valle Inclán. (mais era a única relacionada coas xornadas)

Esta andaina tivo como precursores a un grupo de vellos galeguistas que se xuntaban no Café do Miño e a un grupo de mozos, estudantes de maxisterio, os do Café Coralín: Xesús Ferro Couselo, Ramón Otero Pedrayo, Bieito Fernández Álvarez, Antón Fernández Sánchez, Carlos Guitián, Nemesio Barxa Álvarez, Pedro Merino Gómez, entre outros.

Comezaron a participar en festas e en tradicións populares (magostos, entroido ou a noite de San Xoán), reivindicaron a necesaria normalización lingüística (participación nas campañas do idioma organizadas pola AN-PG e Carreiras polo idioma "360 e cinco días de letras galegas"), crearon e colaboraron nos concursos literarios (destácanse as "Xornadas de narracións infantís" e o concurso de poesía "Ramón Cabanillas”), exposicións, cursos de música e baile, nas xornadas de cinema de Ourense, concertos, teatro. Con estas participacións quixeron contribuír á dignificación cultural de Galiza.

Carlos Velo Cobelas[editar | editar a fonte]

Carlos Velo naceu en Cartelle (Ourense) no ano 1909 un 15 de novembro e morreu en México o 1 de marzo de 1988. A súa influencia no cine galego é indispensábel non nombralo, a súa película Galicia (1935) será un dos referentes omnipresentes na imaxe galega. Estudio Bioloxía en Madrid onde fundou o cineclub da FUE (Federación Universitaria Escolar), un dos primeiros cineclubs do Estado Español. Xunto con Fernando G. Mantilla, representa o mellor documental feito en España antes da Guerra Civil: La ciudad y el campo (1934), Almadrabas (1935). Despois da Guerra Civil emigra a México onde traballa con Luís Buñuel e Luis Alcoriza, desenvolvendo un importante papel no cine mexicano. Nacionalista visceral, realizou un importante papel na cultura galega da emigración a través de revistas e emisións radiofónicas. Na posguerra visitou Galiza en tres ocasións: en 1976 co galo das V Xornadas de Cine en Ourense, en 1984 o serlle concedido o Premio Mestre Mateo, pola Xunta de Galicia e, por último, en 1985 na homenaxe que lle fixeron nas Xornadas de Cine e Vídeo de Galiza en Carballiño.

Filmografía (relacionada con Galiza):

- Guion e dirección:Galicia (1935), Saudade (1936, Santiago de Compostela)

- Guion non realizado: Galicia, Paisaxe de sangue

Xornadas realizadas[editar | editar a fonte]

I Semán do Cine de Orense (1973)[editar | editar a fonte]

Entre os días 8 e 13 de xaneiro de 1973 organizouse a I Semán do Cine en Ourense. Este evento levouse a cabo grazas ao apoio do Cineclube Padre Feijoo e á coordinación de Luís Álvarez Pousa, José Paz Rodríguez, Norberto Alcover, Emilio Losada e Alfonso Sánchez Izquierdo. Nela non só se proxectaron filmes e curtametraxes, senón que tamén houbo espazo para conferencias e coloquios. A temática central destas Xornadas e das vindeiras xiraron en torno as palabras de Xosé Luís López Cid na presentación da I Semán do Cine de Orense:

Ya es alentador que se hable de nuestro cine inexistente, de nuestros directores alienados, de lo que podría filmarse, de lo que ya se filma, de planteamientos para un futuro. EL CINE GALLEGO ES LA CONCIENCIA DE SU NADA: YA ES ALGO. (Xosé Luís López Cid, programa da I Semán do Cine de Orense).

Esta cita de Xosé Luís López Cid reivindicaban a importancia do cine galego e como promocionalo, cuestión que tivo unha gran resonancia no apartado de conferencias. Os conferenciantes foron os seguintes: Ezequiel Méndez (Postulados para un cine galego), Pedro Miguel Lamet (La vinculación a la realidad como condición de un cine humanamente válido), Fernando Lara (Cine español: la evasión de la realidad) e Luís Urbez (El hombre y su tierra, lugar genético del lenguaje cinematográfico).

No programa de proxeccións o Equipo Lupa presentou as seguintes curtametraxes: Catro por Catro, Mesturanza, Holocausto e A procesión das mortaxas.

II Xornadas do Cine de Ourense (1974)[editar | editar a fonte]

No ano 1974 leváronse a cabo dous eventos onde as Xornadas estiveron presentes: un deles foi o festival de cine celebrado entre os días 9 e 19 de xaneiro e o outro un curso de cine no mes de abril.

Nestas Xornadas (organizadas por Luís Álvarez Pousa, José Paz Rodríguez, Norberto Alcover, Emilio Losada e Alfonso Sánchez Izquierdo) houbo un menor número de curtametraxes (só dúas): A morte do mariscal de Enrique Rodríguez Baixeras e O Corpiño do Equipo Lupa. Non obstante, este déficit compensouse cun maior número de conferencias e táboas redondas.

As conferencias trataron da posibilidade de proxección do cine galego a outras zonas de fala lusófona, moi acorde co lema das Xornadas: “Pobo e cine”. Os conferenciantes foron os seguintes: Luís Urbez (La presencia del pueblo en la historia del cine), Pedro Miguel Lamet (El pueblo desde las diferencias estéticas cinematográficas), Ángel Pérez Gómez (La ausencia del pueblo en el cine contemporáneo), Fernando Lara (El pueblo en el cine español), Miguel Porter Moix (La experiencia del cine catalán) e Ramón Piñeiro (As posibilidades do cine galego no momento actual da nosa cultura).

Con relación as mesas redondas, cabe destacar a que levaba por título As posibilidades dun cine galego – camiños a seguir. Nela os participantes Euloxio Rodríguez Ruibal (equipo LUPA de Santiago), o director ourensán Antonio Román (Tony Román), Juan Antonio Porto (guionista), Xavier Iglesias (equipo ENROBA de A Coruña), Ramón Piñeiro (escritor), e o produtor Ismael González chegaron á conclusión: intentar profesionalizar o cine galego.

Para finalizar, o curso organizado do 8 ao 14 de abril polas Xornadas do Cine e patrocinado pola Agrupación Cultural Auriense foi un punto de apoio para o nacemento do cine galego. Este curso foi impartido por José Mª Nunes (realizador), Juan Antonio Porto (guionista), Enrique Banet (cámara e fotografía) e Díaz Noriega (cine amateur).

III Xornadas do Cine en Ourense (1975)[editar | editar a fonte]

A terceira xornada tivo lugar desde o 2 ao 8 de xaneiro de 1975 e foi levada a cabo por críticos do cinema e por algúns directores. Estas xornadas abordaron o tema da creación dunha produtora-distribuidora galega (NOS) para soster aos grupos que apoiaban o mesmo obxectivo: expandir o cinema galego e darlle importancia ao galego. Mais, esta produtora non terá actividade e desaparecerá pouco máis tarde; por conseguinte créanse as dúas tendencias que marcaron o debate sobre o cine en Galiza na década dos setenta: os defensores da profesionalización como único camiño de normalización, e os que defenden o cine alternativo ao servizo das loitas populares e a axitación política.

Nesta xornada creáronse novos grupos, ademais dos que xa existían Lupa e Enroba, chamados Imaxe e Grea, propios da Coruña. Estes participaron nas xornadas estreando varias curtametraxes, unha delas en 35mm dirixida polo ourensán Eloy Lozano, que fixo unha adaptación do libro Retorno a Tagen Ata de Xosé Luís Méndez Ferrín, e gravóuse tamén a adaptación do conto de Ánxel Fole O Documento, ambos filmados polo grupo Enroba. Por outra parte, o grupo Grea estaba a gravar no verán de ese ano a obra A Tola en 16mm. E pola súa banda, o grupo Lupa estaba a rematar Berros na coba, e presentou no festival A rapa das bestas, Antroido en Laza e Inqueda volta en Super 8.

No cartel das xornadas aparecía que se ía representar a obra de Eduardo Blanco Amor A esmorga, feita polo propio autor; tamén aparecía no mesmo cartel a curtametraxe baseada no entorno mariñeiro de Enrique Banet en 16mm e a obra feita por Lois Álvarez Pousa e Carlos Casares, representada coa figura de Ramón Otero Pedrayo como protagonista do filme.

Aínda que non tiveron moitas axudas económicas para levar a cabo estas III Xornadas, seguiron adiante con elas, xa que Álvarez Pousa tomou as rendas e as fixo famosas nos xornais e nas revistas galegas. Neste intre, téntanse construír unha sociedade anónima para inscribir unha produtora-distribuidora e así poder estender o cine galego pola península, aínda que con estética, claves éticas e razóns socio-políticas propias distintas ás do resto de España. En cada cidade decidirase un grupo promotor para levar a cabo cós outros promotores a realización desta sociedade, e así poder financiar os filmes, aos que decidan participar se lles concederá o financiamento das súas obras e a posta das mesmas nas Xornadas de Cine de Ourense, e logo nas que se organicen por toda Galiza.

Nese ano ten moita importancia a participación de Cataluña e Portugal nas Xornadas. Por un lado, Cataluña comparte con Galiza unha situación socio-política semellante e por outro lado, Portugal comparte o asunto da lingua. Por tanto, ambas participacións foron moi importantes no momento do nacemento do cinema galego.

IV Xornadas do Cine en Ourense (1976)[editar | editar a fonte]

Foron as primeiras Xornadas realizadas tras a morte do ditador Franco, en xaneiro do ano 1976. Pódese dicir que a longa ditadura finalizou e as reivindicacións sociais e políticas mestúranse en prácticas fílmicas contraditorias. No período de transición cara a democracia o cine víase como “un instrumento de loita ideolóxica ao servizo das clases traballadoras”.

Os colaboradores decátanse que a cultura galega non poderá sobrevivir sen se abrir paso na política cultural do resto de España; así que desvanécense as fronteiras entre Galiza e o resto da península, o cine galego comeza a obter prestixio.

Nesta cuarta sesión o cine galego deixou de ser un fenómeno illado e converteuse nun feito destacábel, e nunha realidade dentro da península. Era chamado cine independente, posto que empregaban un tipo de cinematografía distanciada do canon español.

No ano 1970 creouse en Benalmádena (Málaga) outro manifesto chamado “cine pobre” onde se tiña como prioridade varios factores: sistemas de gravación máis económicos (8, Super 8 e 16 mm) e a petición dunha censura menos severa. Nesta cuarta xornada non se seguen estes formatos como nas xornadas iniciais, se non que comezan a empregar o 35 mm para poder introducir novos materiais no cine galego, aínda que quedan produtoras que empregan o 16 mm e o Super 8, como Lupa, Imaxe e outros poucos.

Un ano antes desta xornada, Almería saca outro proxecto chamado “cine alternativo” que, das características do cine independente mencionadas anteriormente, estas engadían unha nova visión para desenvolver a política da época. Estabelecíase unha estratexia cinematográfica baixo os presupostos culturais e socio-políticos.

No ano das xornadas, Galiza decidiu poñer este plan en marcha no festival ourensán, posto que se levaba moito tempo tentando cambiar posturas, dar un sentido colectivo ás obras realizadas dentro das nacionalidades e, sobre todo, tratando marcar unha liña para non rexerse pola política.

Algunhas das obras filmadas nestas xornadas foron Fendetestas (Antonio Simón, 1975) e A romería da morte (Alberto Estévez Piña, 1975).

V Xornadas de Cine de Ourense (1977)[editar | editar a fonte]

As Xornadas do ano 1977 organizadas polo cineclube Padre Feijoo, o 27 de xuño de 1977, teñen como obxectivo aportar un escenario no que se acolla ao cine como unha correa comunicativa que posibilite xunto con outras forzas políticas e sociais en xeral, culturais e comunicativas en particular, que esa conciencia popular tome corpo colectivo. Compre que dunha vez por todas se poña en marcha a infraestrutura para que de verdade poidamos falar da existencia dun cine galego. As V Xornadas buscan a colaboración do pobo galego, os cineclubs e as asociacións culturais e parroquiais. Propóñense alzar a voz do pobo galego na industria da cinematografía, no que aínda que se represente unha Galiza paisaxística e bonita, se deixe de reflectir un pobo inculto, pseudofolklórico, que ridiculiza case sempre a muller galega. É dicir, un proxecto colectivo no que mesmo participen os partidos políticos.

Dificultades nesta e nas anteriores Xornadas: a falta de medios materias, o control deses medios de produción e distribución artísticos pola cultura dominante.

-Limitacións e Traballo: Non é unha profesión (os participantes do cine galego teñen a meirande parte dous traballos, obriga de poñer a película en castelán e encóntranse aínda con moitas outras dificultades).

- A impotencia: non chega ao pobo galego, non hai consolidada unha rede distribución

- A cuestión ideolóxica: Principal tema nas reunións

- Política: Fuxir do folklorismo é centrarse no contido ideolóxico, político e social

- Burgueses: Unha burguesía que non está interesada en participar neste proxecto, por iso, hai que apoio económico noutros lugares.

Os coordinadores desta Xornada son David de Prado, Emilio Losada, Segismundo Bobillo, Luís Álvarez Pousa, Xosé Lois González, María del Carmen Salve, Xulio Fernández, Oscar Santos e José Paz Rodríguez. As proxeccións que se realizaron son O paí do Migueliño (Miguel Ángel Castelo Agra, 1977), A semente (Xavier Villaverde, 1977), Illa (Carlos Piñeiro, 1975), A ponte de verea vella (Carlos Piñeiro, 1977), O cadaleito (Enrique Rodríguez Baixeiras, 1976), O herdeiro (Miguel Gato, 1976), Enterrade o meu corazón nas orelas do Sar (Emilio López Varela, 1977). Este programa proxectaríase no ano 1977 nos cineclubs e asociacións culturais de setenta vilas galegas. As conferencias e debates que tiveron lugar foron O cine galego na búsqueda dunha infraestrutura, Producción-realización-distribución de cine en Galicia es Os cines nacionais: Interrelación. Durante as xornadas estivo presente Carlos Velo, a quen se lle adicou unha homenaxe.

VI Xornadas das Nacionalidades e das Rexións (1978)[editar | editar a fonte]

Cartel das VI Xornadas do Cine das Nacionalidades e Rexións[1]

As VI Xornadas celebráronse o ano da aprobación da Constitución-1978-en xaneiro, este ano marcará o inicio do refluxo do movemento de reivindicación do cinema galego. O organizador foi o cineclube Padre Feijoo, celebrase por última vez o evento das Xornadas debido ao afogamento polas débedas, a falta de apoio oficial e as trabas administrativas. As Xornadas non terán alternativa nin serán substituídas, polo que morrerá a principal fonte de lanzamento do cinema galego.

"Aínda non hai cine galego", este título aparecía no diario La Voz de Galicia encabezando unha crónica ao acabar as V Xornadas. A primeira cuestión é porque as VI Xornadas van adicadas ao cine das nacionalidades e rexións. Hai que ver que se trata dun enunciado reivindicativo. Miguel Castelo, crítico do cine e teatro galegos, publica un artigo no que se pode apreciar un dos motivos; di que a política debe ser realista, e a realidade e que non só existen Euskadi e Cataluña, como parecía ser segundo o xornal El País, senón que tamén existe Galiza. Existe unha pluralidade nacional no estado español, mais esta pluralidade maniféstase a diferentes niveis-marco colonial, marco nacional e marco rexional. Isto fai ineludíbel a normalización lingüística no uso de tódolos medios audiovisuais, que isto tamén inclúe a vertente económica como compensación do que se lle foi negado ao galego, o éuscaro e o catalán, sobre todo, na ditadura. A conclusión é que tamén se quería un recoñecemento de Galiza nacionalidade pertencente ao Estado Español, que se levase a cabo unha normalización lingüística a nivel administrativo e político; todo isto, permitiría a normalización das cinematografías nacionais e rexionais. Volvendo ao inicio, ao finalizar as V Xornadas e pasar as VI, todo o que se propuxeran como obxectivos os anteriores participantes, absolutamente todo, fracasara. Neste período de tránsito, as longametraxes xa non tiñan sitio na industria do cine galego e as poucas curtametraxes que se organizaran estaban só apoiadas por un único produtor, Victor Ruppen, que non recibía beneficio ningún dos seus investimentos nesta industria, pódese concluír dicindo que a produción foi nefasta e improcedente.

Que modelo de cine nacional e porqué fracasan as VI Xornadas? Estas Xornadas celebradas do 7 ao 14, atopáronse con numerosas dificultades na hora de desenvolver o traballo dos organizadores, primeiro e como sempre, pola falta de medios e tamén pola distribución. Os representantes destas Xornadas co obxectivo de solucionar este problema, escribíronlle unha carta ao ministro de Cultura, Pio Cabanillas Gallas, aludindo que sabían da existencia de materiais de produción e centros de reprodución. Porén, aínda que estes medios estivesen sen utilizar ou non se lle dera o uso suficiente, non cumprían o apoio que debían de cumprir para apoiar o traballo que se realizara para estas Xornadas.

Este evento que tiña como punto de partida un progresivo interese en mostrar os produtos cinematográficos procedentes das nacionalidades e rexións do Estado Español e tamén doutras nacionalidades do mundo, no cal, e como é lóxico, debían ser os protagonistas; víronse reducidos a un papel secundario. A isto pódese engadir o chaos da programación (non se respectaban nin horarios, nin as películas anunciadas), as calamitosas condicións de proxección que sufriron os filmes de 8mm e 16mm (formato da maioría das películas nacionais representadas) e que se reproducían a primeiras horas da tarde, cando os espectadores eran moi poucos; deste modo palpábase cada vez máis o desánimo e desinterese dos participantes. Así o modelo destas Xornadas como cine nacional -filmes que relatan o pasado e o presente das loitas de liberación colonial e de defensa contra agresións imperialistas- quedou outra marxinado e semioculto.

As proxeccións foron Autopista, unha navalla á nosa terra (Lorenzo Soler, 1977), A festa popular na montaña (Carlos Asorey, 1977), Seminario de arquitectura en Compostela (Lorenzo Soler, 1977), En contra da cuota empresarial (Carlos Varela, 1977).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. González, Manuel (1992). Documentos para a historia do cine en Galicia 1970/1990. Centro Galego de Artes da Imaxe. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Álvarez Pousa, Luís. “Aquel Ourense de cine.” Un canto e unha luz na noite: Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975), coordinado por Ricardo Gurriarán, Consello da Cultura Galega, 2012, pp. 132–139.
  • Barreiros Bermejo, Valentín. Ourense e o cinema, editado pola Concellaría de Cultura do Concello de Ourense, Colección Auria, nº 11, 2010.
  • Cañada, Silverio, editor. Gran enciclopedia gallega. Vol. 6, Heraclio Fournier, 1974, pp. 177–178.
  • Gómez Viñas, Xan. “Cinema in Galicia: Beyond an Interrupted Story.” A Companion to Galician Culture, editado por Helena Miguélez-Carballeira, Tamesis, 2014, pp. 135–156.
  • González, Manuel. Documentos para a historia do cine en Galicia 1970/1990. Centro Galego de Artes da Imaxe, 1992.
  • Ledo Cabido, Bieito, editor e Xosé Antonio Perozo Ruiz. Enciclopedia Galega Universal, Vol. 1, Ir Indo, 1999, p. 404.
  • Ledo Cabido, Bieito, editor e Xosé Antonio Perozo Ruiz. Enciclopedia Galega Universal, Vol. 2, Ir Indo, 1999, p. 392.
  • Ledo Cabido, Bieito, editor e Xosé Antonio Perozo Ruiz. Enciclopedia Galega Universal, Vol. 5, Ir Indo, 1999, pp. 369–370.
  • López-Iglésias Samartím, Roberto. O processo de construçom do sitema literário galego entre o franquismo e a transiçom (1974-1978): Margens, Relaçons, estrutura e estratégias de planificaçom cultural, U Santiago de Compostela, 2010.
  • Nogueira, Xosé. O cine en Galicia, A Nosa Terra, 1997.
  • Pousa, Lois. “Os cines nacionáis, porta aberta.” Teima, nº 21, 5-12 Maio 1977, pp. 32–33.
  • Pousa, Lois. “V Xornadas do Cine en Ourense: pola identidade dun país.” Teima, nº 20, 28 Abril-5 Maio 1977, pp. 30–31.
  • R., M. “A imaxe contra das tebras.” Teima, nº 4, 6-13 Xaneiro 1977, pp. 31–32.
  • Teima Cultural. “As xornadas de Ourense, en abril.” Teima, nº 4, 6-13 Xaneiro 1977, p. 30.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]