Super 8

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este artigo trata sobre o formato cinematográfico, para o filme véxase Super 8 (filme).
Bobina Super 8 aberta.
Cartucho Super 8.

O Super 8 é un formato cinematográfico que utiliza un fotograma que mide 8 mm de ancho. Foi un formato especialmente pensado para os cineastas afeccionados e rapidamente foi adoptado polos curtametraxistas que comezaban ou que desexaban experimentar en liberdade. Coa chegada do vídeo, desapareceu practicamente. Tamén se empregou como un medio barato para experimentar ou para rodar localizacións.

As cámaras Super 8 filman a 18 imaxes por segundo e empregan 4,5 metros de cinta por minuto, aínda que cando son utilizadas profesionalmente deben facelo a 24 imaxes por segundo e utilizando 6,1 metros por minuto. As películas están bobinadas en carretes de 15 metros. A maioría das cámaras Super 8 están provistas dun só obxectivo zoom que non se pode cambiar.

Historia[editar | editar a fonte]

Antecedentes (1932-1965)[editar | editar a fonte]

En 1932, o fundador da famosa compañía Kodak lanzou un novo formato de cine chamado "Ciné Kodak eight" ou "8 estándar" coa característica de que utilizaba un fotograma de 8 mm de ancho.

Foi posto en venda no mercado para uso doméstico co obxectivo de chegar ao alcance de todos e permitir que todo o mundo tivese accesibilidade á creación de películas familiares ou proxectos amateur. Con este produto, Kodak quixo facer unha boa competencia a outros formatos domésticos como o de 16 mm, de maneira que este novo formato resultaba moito máis económico.

A idea de Kodak era a creación dunha cámara que filmase sobre a metade dunha película de 16 mm, de maneira que cando acabase de filmar esa metade era necesario darlle a volta para que a cámara puidese filmar na outra metade.

A película viña en rolos de 7,5 metros de longo.

Unha das grandes vantaxes que tiña este formato era que empregaba a mesma maquinaria de revelado que a utilizada para o formato de 16 mm abaratando considerablemente o seu custe e conseguindo un produto moi competitivo.

Nacemento (1965)[editar | editar a fonte]

Nesta etapa xurdiron os tres subformatos máis importantes: o Super 8, o Dobre Super 8 e o Single 8. A aparición de todos estes formatos tiña o obxectivo de lograr unha evolución do formato de 8mm.

Cámara Súper 8.

Super 8[editar | editar a fonte]

No ano 1965, Estman Kodak introduciu no mercado unha nova e mellorada versión do xa coñecido formato de 8 mm chamado "Super 8". A razón de que o chamase "super" foi debido ás vantaxes que ofrecía con respecto ao formato estándar de 8 mm. Grazas á aparición deste novo formato, a compañía de Kodak conseguiría un maior uso de película e un aumento considerable das súas vendas. Este novo formato ofrecía unha maior calidade e diversas melloras:

  • Un aumento considerable da definición.
  • Un cartucho de quita e pon co obxectivo de facilitar a carga da película. Para isto introduciuse a película nun cartucho cunha capacidade de 15 metros.
  • Simplificación da elección de película: estandarizouse o uso de película e liberou ao usuario da elección dos distintos tipos de película que había anteriormente. O mais famoso foi a película de cor Kodachrome II que se converteu no estándar.
  • Incorporación dun filtro Wratten 85A no interior das cámaras.
  • Automatización do diafragma das cámaras cun sistema fotorresistente de Sulfurio de Cadmio.

Dobre Super 8[editar | editar a fonte]

Cámara Dobre Super 8.

Tecnicamente era practicamente idéntica a cámara super 8, a película era de 16 mm de ancho, aínda que coas perforacións de Super 8. A empresa encargada de facer cámaras compatibles para este sistema era a compañía francesa Pathé Frères, competidora de Kodak, pero que co tempo foi comprada por esta. Eran cámaras pensadas para afeccionados que buscaban unha maior calidade de imaxe e preparadas para usar rolos de ata 120 metros de película.

O Single-8[editar | editar a fonte]

Cartucho Single 8 (actualmente desaparecido).

A compañía xaponesa Fuji Photo Film ideou o seu sistema de cartucho para a película de Dobre 8 pero coa característica de ter só 8 mm de ancho.

A principal diferencia entre o Super 8 e o Single 8 estaba na maneira de encartuchar a película. Co tempo o formato do Single-8 desapareceu por completo en substitución do Super 8.

Apoxeo (1970)[editar | editar a fonte]

Durante os anos 60, o Super 8 foise abrindo paso entre os afeccionados e o público en xeral competindo con outros formatos como o Dobre 8 ou o desaparecido formato de 9,5mm.

En 1974, Eastman Kodak mellorou a película Kodachrome II A e foi substituída pola Kodachrome 40 A, tamén se cambiou o proceso de revelado.

Nos anos 70 a expansión do Super 8 foi prodixiosa, apareceron numerosas cámaras e proxectores con numerosas melloras técnicas e foron os anos nos que o formato tivo máis éxito, antes da chegada do vídeo.

En 1975 Eastman Kodak sacou o mercado a película sonora xunto a unha gama de cámaras dotadas de micrófonos e un cabezal de gravación. Ata daquela, a única maneira de recoller o son en directo era mediante un magnetófono no que era necesario sincronizalo coa cámara. As novas cámaras que sacou a compañía fotográfica ao mercado eran quen de recoller o son e gravalo sobre unha pista de son magnetizable que discorría polo lateral da película.

Os cartuchos que dispoñían desta característica eran un pouco maiores que os tradicionais. Este sistema tamén sería imitado posteriormente por Fuji Photo Film sacando cámaras sonoras e películas prepistadas. A primeira cámara sonora foi a Kodak Ektasound 130.

En 1975, a compañía de Kodak tamén logrou outra innovación e creou cartuchos cunha capacidade de 60 metros de película. Foron poucas as compañías que sacaron cámaras para estes novos cartuchos. A compañía de Kodak foi a única que defendeu estes cartuchos e non houbo ningún outro fabricante que apoiase este tipo de cartuchos.

En 1978, a compañía Polaroid quixo levar o seu éxito na fotografía instantánea a cinematografía, o sistema chamouse Polavisión e creouse unha película que tiña a posibilidade de autorrevelarse.

A película metíase nun cartucho especial de tipo cassette que pasaba da cámara ao proxector. Os resultados de venta foron moi pobres e, aínda que permitía visionar o filmado tras cinco minutos de autorrevelado, non tivo éxito. O principal motivo do fracaso do sistema Polavisión foi debido á súa baixa calidade e ao feito de que non aportaba nada relevante con respecto a outros produtos.

Declive das cámaras Super 8 (1980)[editar | editar a fonte]

Coa chegada do vídeo o formato practicamente desapareceu. Deixaron de fabricarse cámaras, a excepción dunha pequena gama de cámaras auto-focus que automatizaban o feito de ter que enfocar os obxectos filmados. A aparición deste tipo de cámaras supuxo un notable esforzo por intentar manter vivo o formato.

Kodachrome 40A Unha das películas con máis éxito dentro do formato de Super 8. Deixou de fabricarse en 2005.

Supervivencia e rexurdimento (1990-actualidade)[editar | editar a fonte]

Nos anos 90 déixase de producir películas para Super 8, numerosos fabricantes secundarios de película cesan a súa produción e en 1994 Eastman Kodak deixa de fabricar a película Moviechrome 40.

En 1997 Kodak deixa de fabricar os cartuchos de tipo sonoro para Super 8. Non obstante Kodak, creadora do formato, non deixou a fabricación de película, apostando en todo momento polo seu formato a pesar do fracaso comercial. No ano 2005 cesou a fabricación da película Kodachrome 40, unha das mellores emulsións do formato. Co obxectivo de rexurdir o formato no ano 2005 apareceu no mercado a Ektachrome 64T, coa idea de que puidese converterse na película de uso común entre os aficionados. Sen embargo no ano 2009 deixou de fabricarse.

Emulsións[editar | editar a fonte]

Ao longo do tempo xurdiron numerosas emulsións dos formatos de Super 8 ao longo da historia. Estas son as máis destacables:

  • Kodachrome II A, 40 ASA, reversible, proceso K12, Super 8 (1965).
  • Kodachrome II A, 25 ASA, reversible, proceso K12, só para Dobre Super 8 (1965).
  • Agfa Agfacolor CK 17, 40 ASA, reversible, Super 8 (1965).
  • Agfa Agfacolor CT13, 16 ASA, reversible, Single 8 (1965).
  • Gaf Moviechrome II, 40 ASA, reversible, Super 8 (1965).
  • Dynachrome 40 A, 40 ASA, reversible, Super 8 (1965).
  • Sakuracolor 40 A, 40 ASA, reversible, Super 8 (1965).
  • Perutz Peruchrome, 40 ASA, reversible, Super 8 (1965).
  • Fujichrome R25, 25 ASA, reversible, Single 8 (1966).
  • Fujichrome RT200, 200 ASA, reversible, Single 8 (1966).
  • Kodak 4-X, 400 ASA, b/n, reversible, Super 8 (1967).
  • Kodak Ektachrome 160 A, 160 ASA, reversible, Super 8 (1971).
  • Eastman Ektachrome Commercial, 25 ASA, reversible, só para Dobre Super 8 (1972).
  • Agfa Agfachrome, 40 ASA, reversible, Super 8 (1974).
  • Kodachrome 40, 25 ASA, reversible, proceso K14, Super 8/Dobre Super 8 (1974-5).
  • Kodachrome 25, 25 ASA, reversible, proceso K14, só para DS8 (1974-5).
  • Kodak Plus-X 7276, 40 ASA, b/n, reversible, Super 8/Dobre Super 8 (1974).
  • Kodak Tri-X 7278, 160 ASA, b/n, reversible, Super 8/Dobre Super 8 (1974).
  • Kodak Ektachrome EF, 125 ASA, reversible, Super 8/Dobre Super 8 (1974).
  • Kodak Ektachrome SM, 160, reversible, Super 8/Dobre Super 8 (1975).
  • Polaroid Polavision 608, 40 ASA, reversible, Sistema Polavisión (1978).
  • Kodak Ektachrome 160 A New, 160 ASA, reversible, Super 8, proceso EM-26 (1982).
  • Eastman Ektachrome VNF , 125 ASA, reversible, Super 8 (1997).
  • Kodak Vision2 200T, 200 ASA, negativa, Super 8 (2004).
  • Kodak Vision2 500T, 500 ASA, negativa, Super 8 (2004).
  • Kodak Ektachrome 64T, 64 ASA, reversible, Super 8 (2006).
  • Kodak Plus-X 7265, 100 ASA, b/n, reversible, Super 8 (2006).
  • Kodak Tri-X 7266, 200 ASA, b/n, reversible, Super 8 (2006).
  • Kodak Vision3 500T, 500 ASA, negativa, Super 8 (2008).
  • Kodak Vision3 200T, 200 ASA, negativa, Super 8 (2010).
  • Kodak Ektachrome 100D, 100 ASA, reversible, Super 8 (2010).

Algunhas cámaras de Super 8 e fabricantes[editar | editar a fonte]

Para o formato de Super 8 fabricáronse miles de cámaras, dende as máis sinxelas ás máis complexas. Os prezos variaban bastante dependendo da cámara. As cámaras fabricadas para Súper 8 eran tecnicamente máis complexas e posuían numerosas características e posibilidades, pero tamén resultaban as máis caras. Tamén existían cámaras pensadas para o afeccionado que posuía menos características pero resultaban moito máis económicas.

Estas son algunhas das cámaras máis famosas:

Pathe BTL/DS8. Unha das primeiras cámaras Super 8 (1965).
Nizo Professional 800 (1976) Unha das mellores cámaras Super 8.
Braun Nizo 2056 (1976). Cámara Super 8 que tiña a característica de rexistrar son.
  • Beaulieu 2008 Automatic (1965).
  • Pathé BTL/DS8 Professional (1965) (Dobre Super 8).
  • Elmo C300 Trifilmatic (1966).
  • Bolex 150 Super (1967).
  • Bauer C Royal serie (1969).
  • Agfa Microflex Sensor (1969).
  • Canon DS8 Zoom (1970) (Dobre Super 8).
  • Leicina Super (1970).
  • VIC SP-1 Cine 8 (1972).
  • Kodak XL 10 (1973).
  • Nalcom FTL 1000 (1973).
  • Nikon R 10 (1973).
  • Zenit Quarz 1x8S 2 ou Kinoflex (1974).
  • Kodak Ektasound 130 (1974).
  • Fujica ZC 1000 (1975).
  • Nizo Professional (800 P) (1976).
  • Nizo 2056 (con son) (1976).
  • Bauer 715 XL Microcomputer (1979).
  • Sankyo ES44 XL VAF (1979).
  • Eumig Nautica (1979).
  • Bell & Howell Modul System 45 (1980).
  • Chinon 200/12 XL Pacific (1981).

Algúns dos Fabricantes máis importantes

  • Agfa Gevaert (Bélxica). Fabricaron todo tipo de material para o formato do Super 8 (películas, cámaras, proxectores...).
  • Eugen Bauer (Alemaña). Dedicouse sobre todo ao pequeno formato.
  • Marcel Beaulieu (Francia). Tamén dedicada ao pequeno formato. Gran calidade de material.
  • Bell & Howell (EE.UU). Creador de grandes innovacións como o primeiro sistema Auto-Focus ou a primeira cámara de Super 8 que incorporaba un magnetófono externo.
  • Bolex (Suíza), Dedicada ao pequeno formato, unha das marcas máis coñecidas e de maior calidade, onde destaca sobre todo dentro do formato Super 8 a cámara Bolex-155.
  • Canon (Xapón). Gran calidade de cámaras. Posiblemente a marca máis coñecida.
  • Chinon Industries (Xapón). Un dos maiores fabricantes de Super 8, fabricou ademais para outras marcas.
  • Cosina (Xapón) Gran calidade de cámaras.
  • Elmo (Xapón) O fabricante xaponés que mellor calidade ofrecía, destacaba sobre todo a cámara Elmo C300.
  • Eumig (Austria) Dedicada ao pequeno formato.
  • Fuji Photo Film (Xapón) Competidora de Kodak, gran calidade.
  • Eastmann Kodak ([Nova York]], (EE.UU) Creadora do formato e de todas as evolucións e innovacións constantes do Super 8.
  • Super8Sound (Cambridge, USA). Foi a primeira empresa en ofrecer película negativa a finais dos 70. Ademais de crear un novo estándar de son sincronizado ao que xa existía.

O fenómeno do Super 8 na actualidade[editar | editar a fonte]

Guy Maddin, director canadense que aposta na maioría da súa filmografía polo formato de Super 8.

O formato de Super 8 estaba condenado a desaparecer. Kodak, o seu creador e máximo propulsor do formato, deixaba de fabricar emulsións para o seu produto incluíndo o famoso Kodachrome 40 que deixou de fabricarse no 2005 e que era un dos máis empregados polos cineastas que apostaban por este formato. Conforme pasaban os anos ían desaparecendo cada vez máis emulsións debido á forte importancia e fama do cine dixital, deixando de lado os formatos analóxicos como o de 8 mm. Porén, o formato nunca desapareceu de todo e continuamente prodúcese unha loita por integrar o formato de diferentes formas para evitar a súa extinción.

Algúns directores de cine aínda empregan este formato na actualidade, como é o caso do canadense Guy Maddin no que destaca dentro da súa filmografía "Cowards Bend the Knee (2003)" ou "Brand Upon The Brain! (2006)" gravadas integramente no formato de Super 8. Tamén destacan outros directores como Gus Van Sant, Jonas Mekas ou Emir Kusturica que apostan por este formato nalgunhas das súas producións.

No 2011 Apple creou unha aplicación para iPhone e Ipod Touch que permite emular unha cámara Super 8. Esta aplicación ofrece todos os efectos propios deste tipo de cámaras, como o movemento da imaxe, efectos de rabuños e sucidade na imaxe, entre outras opcións. Esta aplicación tamén permite compartir os vídeos rexistrados dunha forma sinxela.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]