Wikipedia:Artigo destacado/maio 2021

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A India (en hindi: Bharat), oficialmente a República da India (Bharat Ganrajya), é un estado situado en Asia Meridional. É o sétimo país do mundo en superficie, o segundo máis poboado e a democracia máis poboada do mundo con máis de 1,2 miles de millóns de habitantes. Rodeado polo océano Índico ao sur, o mar de Arabia ao suroeste e a baía de Bengala ao sueste, a India conta cunha costa de 7 517 km de extensión. Comparte fronteiras con Paquistán ao oeste; a China, o Nepal e Bután ao nordés; e Myanmar e Bangladesh ao leste. O Goberno da India tamén considera que comparte fronteiras con Afganistán, xa que considera toda Caxemira como parte do seu territorio, porén existe controversia ao respecto e a propia parte da fronteira afgá está controlada polo Estado de Paquistán. No océano Índico, a India atópase nas proximidades de Sri Lanka e as Maldivas, ademais as Illas Andaman e Nicobar comparten fronteira marítima con Tailandia e Indonesia. A súa capital é a cidade de Nova Deli.

Orixe da civilización do Val do Indo e rexión de históricas rutas comerciais e vastos imperios, o subcontinente indio foi sempre identificado pola súa riqueza comercial e cultural ó longo da súa extensa historia. Nos seguintes milenios, comezaron a compoñerse as escrituras máis antigas asociadas ó hinduísmo. A estratificación social, baseada en castas, naceu no primeiro mileino BCE, e desenvolvéronse o budismo e o xainismo. As primeiras consolidacións políticas producíronse baixo os imperios Maurya e Gupta, os posteriores Reinos medios da India influíron culturas tan afastadas como as do Sueste asiático. Catro relixións de carácter global naceron neste territorio: o hinduísmo, o budismo, o xainismo e o sikhismo, ademais no primeiro milenio (EC) chegaron o xudaísmo, o zoroastrismo, o cristianismo e o islam, o que contribuíu á formación da diversa cultura da rexión. Gran parte do norte do país caeu baixo o Sultanato de Deli, e o sur uniuse baixo o Imperio Vijayanagara. A economía expandiuse no século XVII no Imperio mogol. Na metade do século XVIII, o subcontinente caeu baixo o goberno da Compañía Británica das Indias Orientais, e logo, a mediados do século XIX, directamente administrada polo Reino Unido. A finais do século XIX naceu un movemento nacionalista, que posteriormente, con Mahatma Gandhi, fíxose famoso pola súa resistencia non violenta e levou á independencia da India en 1947.