Videferre, Oímbra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Videferre
Igrexa de Santa María de Videferre.
ConcelloOímbra[1]
ProvinciaOurense
Coordenadas41°50′59″N 7°35′09″O / 41.849775, -7.5858277777778Coordenadas: 41°50′59″N 7°35′09″O / 41.849775, -7.5858277777778
Área22,2 km²
Poboación251 hab. (2011)
Densidade11,31 hab./km²
Entidades de poboación2[1]
editar datos en Wikidata ]

Santa María de Videferre é unha parroquia do concello de Oímbra, na comarca de Verín, provincia de Ourense. Segundo o IGE en 2011 tiña 251 habitantes, dos cales 124 eran homes e 127 mulleres, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 293 habitantes.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Videferre está situada ao oeste do concello de Oímbra. Fai fronteira con Portugal, na raia seca. Está a 828 msnm, e ten unha área de 22,22 km². Limita ao norte con San Millao (Cualedro) a través do río Búbal, e Azureira, e cos montes das Fragas, Buble e Casa da Moura. Ao sur limita con Soutelinho da Raia, a través dos montes do Penouco, Lama da Veiga e Reboeira. Ao leste limita con Bousés e Espiño, a través dos montes de Cruz da Pedra, Barreiras e Corga da Pega. Ao oeste limita con Vilar de Perdizes e o río Azureira.

Clima[editar | editar a fonte]

Videferre ten un clima de montaña, frío en inverno, con xeadas e nevadas, e suave en verán. Os ventos frescos e húmidos procedentes da serra de Larouco deixan choivas abondosas.

Historia[editar | editar a fonte]

Igrexa parroquial.

A súa orixe estímase cara ao século III ou IV. O topónimo ten orixe romana, vitis ferre[Cómpre referencia]. Da época da romanización consérvase a estrutura orixinal da ponte sobre o Azureira e algúns lagares.

Até 1868 pertenceu a Videferre a parte galega de Souteliño, lugar que era considerado un dos tres pobos promiscuos por estar situado na mesma fronteira, entre Galiza e Portugal. Ese ano, coa entrada en vigor do Tratado de Lisboa de 1864, a parte galega foi anexada a Portugal, á propia freguesía de Soutelinho da Raia.[2][3] Eclesiasticamente seguiu a pertencer á freguesía e por tanto á diocese de Ourense. Porén, coa entrada de Portugal en 1910 nun novo réxime e as crecentes dificultades dos párrocos para cruzar a fronteira, Souteliño acabou sendo incorporado tamén á arquidiocese de Braga o 27 de novembro de 1914.[4]

A actual igrexa parroquial de Santa María ten a súa orixe nos séculos XVI e XVII, sendo modificada a finais do século XIX. Está situada no centro da aldea, e ao leste da mesma situábase antigamente o camposanto. O adro foi restaurado recentemente. A parroquia pertence ao arciprestado de Monterrei.

Economía[editar | editar a fonte]

Até a década de 1960 a parroquia tiña unha economía de subsistencia, baseada na agricultura e gandería. A proximidade a Portugal facilitou o contrabando coas vilas de Soutelinho da Raia ou Vilar de Perdizes, especialmente despois da guerra civil española. A partir de mediados do século XX aumentou a emigración cara a Europa Occidental, o que provocou un descenso da poboación.

Flora e fauna[editar | editar a fonte]

A flora de Videferre é rica e diversa, destacando os soutos de castiñeiros. Outras árbores froiteiras son a maceira, a pereira, a cerdeira e a nogueira. Nas hortas cultívanse leitugas, cebolas, verzas, feixóns, centeo, pataca, millo e nabizas, amais de vide destinada á produción doméstica de viño.

Os pastos son usados para a alimentación do gando, destacando o vacún, cabalar, ovino e caprino.

Nas zonas máis montañosas hai diferentes especies salvaxes: réptiles como lagartos comúns, cóbregas ou salamántigas, e mamíferos como o raposo, o xabarín e mesmo o lobo.

Gastromonía[editar | editar a fonte]

A cociña de Videferre é tradicional de alta montaña, baseada nos produtos típicos da horta e no gando da comarca. Destacan os cocidos e os caldos, acompañados de chourizos e touciño. A uva da Videira dá un viño novo acedo.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Videferre[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Videferre no concello de Oímbra (Ourense)

Espiño | Videferre

Parroquias de Oímbra[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias de Oímbra

Bousés (Santa Baia) | As Chás (Santa María das Neves) | A Granxa (San Xoán) | Oímbra (Santa María) | Rabal (Santo André) | San Cibrao (Santa Cruz) | Videferre (Santa María)

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]